As boas noticias segundo Marcos 3:1-35

  • Xesús cura un home que ten unha man paralizada (1-6)

  • Unha gran multitude vai ver a Xesús á beira do mar (7-12)

  • Os 12 apóstolos (13-19)

  • Blasfemia contra o espírito santo (20-30)

  • A nai e os irmáns de Xesús (31-35)

3  Xesús volveu a entrar nunha sinagoga, e alí había un home que tiña unha man paralizada*​. 2  Os fariseos estaban moi atentos ó que facía Xesús. Querían ver se curaba aquel home en sábado para así poder acusalo. 3  Entón Xesús díxolle ó home que tiña a man paralizada: “Levántate e ponte aquí no medio”. 4  Despois, Xesús preguntoulles ós que estaban mirando: “Que está permitido facer en sábado? O que está ben ou o que está mal? Salvar unha vida ou quitala?”. Pero eles quedaron calados. 5  El mirou indignado a tódolos que estaban ó seu arredor e púxose moi triste porque tiñan o corazón duro. Despois díxolle ó home: “Estira o brazo”. E cando o estirou, a man quedou curada. 6  Entón os fariseos saíron de alí e inmediatamente empezaron a conspirar cos membros do partido de Herodes para matar a Xesús. 7  Pero Xesús marchou cara ó mar cos seus discípulos, e seguiuno unha gran multitude de Galilea e de Xudea. 8  Incluso veu moita xente de Xerusalén, de Idumea, do outro lado do Xordán e dos arredores de Tiro e Sidón, porque oíran falar de todo o que el facía. 9  Así que, pediulles ós seus discípulos que tivesen preparada unha barca pequena para que a multitude non se lle pegase demasiado e o esmagase. 10  Porque, como curara tantas persoas, tódolos que tiñan enfermidades graves botábanselle enriba para tocalo. 11  Incluso os demos, cando o vían, botábanse ó chan diante del e berraban: “Ti es o Fillo de Deus!”. 12  Pero Xesús mandáballes seriamente moitas veces que non lle dixesen a ninguén quen era el. 13  Despois, Xesús subiu a unha montaña e mandou chamar os que escollera, e eles reuníronse con el. 14  Entón formou* un grupo de 12, e chamoulles apóstolos*​. Eles irían con el, e el enviaríaos a predicar 15  e daríalles autoridade para botar demos fóra. 16  No grupo dos 12 que formou* estaban Simón (a quen tamén chamou Pedro), 17  Santiago, que era fillo de Zebedeo, e o seu irmán Xoán (ós que tamén chamou Boanerxes, que significa “fillos do trono”), 18  Andrés, Felipe, Bartolomé, Mateo, Tomás, Santiago, que era fillo de Alfeo, Tadeo, Simón o Cananita* 19  e Xudas Iscariote (o que máis tarde traizoou a Xesús). Despois Xesús entrou nunha casa, 20  e volveuse a xuntar tanta xente que nin sequera podían comer. 21  Cando os seus familiares oíron o que estaba pasando, dixeron: “Volveuse tolo!”. E fórono buscar para levalo con eles. 22  Ademais, os escribas que baixaran de Xerusalén dicían: “Está posuído por Belcebú*​, e bota fóra os demos co poder do gobernante dos demos!”. 23  Pero el pediulles que se acercasen e púxolles algunhas comparacións: “Como vai Satanás botar fóra a Satanás? 24  Se un reino está dividido internamente, non pode manterse en pé. 25  E se unha familia* está dividida internamente, tampouco poderá manterse en pé. 26  Da mesma maneira, se Satanás loita contra si mesmo e está dividido, non pode manterse en pé e ese será o seu final. 27  De feito, se alguén entra na casa dun home forte para roubarlle as cousas, primeiro ten que atar o home. Só así poderá levarlle todo canto ten na casa. 28  Asegúrovos que ós homes se lles perdoarán tódalas cousas, sen importar os pecados que cometan nin as blasfemias que digan. 29  Pero quen blasfeme* contra o espírito santo nunca vai ser perdoado. Será culpable de pecado eterno”. 30  Xesús dixo isto porque dicían: “Está posuído por un demo”. 31  Entón chegaron a nai e os irmáns de Xesús, pero quedaron fóra e mandaron que alguén o chamase. 32  Había moita xente sentada arredor del, e dixéronlle: “Mira! Túa nai e teus irmáns están fóra preguntando por ti”. 33  Pero el contestoulles: “Quen son miña nai e meus irmáns?”. 34  E mirando para os que estaban sentados ó seu arredor, dixo: “Estes son miña nai e meus irmáns! 35  Todo o que fai a vontade de* Deus é meu irmán, miña irmá e miña nai”.

Notas ó pé

Lit. “seca”.
Ou “nomeou”.
Ou “nomeou”.
Ou “o Entusiasta”.
Un nome aplicado a Satanás. Ver glosario Belcebú.
Lit. “casa”.
Ou “Todo o que obedece a”.