As boas noticias segundo Marcos 7:1-37

  • Xesús pon ó descuberto tradicións humanas (1-13)

  • As cousas que contaminan saen do corazón (14-23)

  • A fe dunha muller sirofenicia (24-30)

  • Xesús cura un xordo (31-37)

7  Entón, os fariseos e algúns escribas que viñeran de Xerusalén xuntáronse arredor de Xesús 2  e viron que algúns dos discípulos de Xesús estaban comendo coas mans contaminadas, é dicir, sen lavalas antes*​. 3  (Os fariseos e tódolos demais xudeus non comen sen antes lavar as mans ata o cóbado porque se apegan á tradición dos seus antepasados. 4  E cando volven do mercado non comen sen lavarse antes. Tamén se apegan a moitas outras tradicións do pasado, como meter na auga* as copas, as xerras e os recipientes de cobre.) 5  Por iso, estes fariseos e escribas preguntáronlle: “Por que os teus discípulos comen coas mans contaminadas en vez de seguir a tradición dos nosos antepasados?”. 6  El díxolles: “Hipócritas, con razón Isaías profetizou sobre vós o que está escrito: ‘Este pobo hónrame cos labios pero o seu corazón está moi lonxe de min. 7  Non vale de nada que me estean adorando, porque o que ensinan baséase en mandamentos de homes’. 8  Vós deixades de lado os mandamentos de Deus e apegádesvos ás tradicións dos homes”. 9  Ademais díxolles: “Que ben se vos dá deixar de lado os mandamentos de Deus para manter as vosas tradicións! 10  Por exemplo, Moisés dixo ‘Honra a teu pai e a túa nai’, e tamén ‘Quen fale con desprezo do seu pai ou da súa nai* terá que morrer’. 11  Pero vós dicides: ‘Alguén pode dicirlle a seu pai ou a súa nai: “Todo o que teño e que podería usar para axudarche é korbán”’ (é dicir, un regalo dedicado a Deus). 12  E así xa non lle permitides facer nadiña polo seu pai ou pola súa nai. 13  Desta maneira, coas tradicións que lles transmitides a outros, estades anulando a palabra de Deus. E facedes moitas outras cousas coma esta”. 14  Entón pediulle outra vez á multitude que se acercase e díxolles: “Escoitádeme todos. Entendede o significado do que vos digo. 15  Non hai nada que estea fóra dunha persoa que poida contaminala ó entrar nela. As cousas que contaminan unha persoa son as que saen dela”. 16  —* 17  Cando Xesús deixou a xente, entrou nunha casa e os discípulos empezaron a preguntarlle sobre a comparación. 18  E el respondeulles: “E logo vós tampouco sodes capaces de entendelo? Non vos dades conta de que non hai nada que estea fóra dunha persoa que poida contaminala ó entrar nela? 19  Porque non entra no corazón, senón no estómago, e acaba saíndo do corpo”. Así, Xesús declarou puros tódolos alimentos. 20  E tamén dixo: “O que sae dunha persoa é o que a contamina. 21  Porque de dentro do corazón saen razoamentos malos: inmoralidade sexual*​, roubos, asasinatos, 22  adulterios, cobiza*​, actos de maldade, engano, conduta descarada*​, envexa*​, blasfemia, arrogancia e insensatez. 23  Todas estas cousas malas saen de dentro e contaminan a persoa”. 24  Despois marchou e foi á rexión de Tiro e Sidón. Alí entrou nunha casa porque non quería que ninguén soubese que estaba alí, pero non o puido evitar. 25  Tan pronto como chegou, unha muller que tiña unha nena pequena que estaba posuída por un demo escoitou falar de Xesús. Entón ela veu e botouse ó chan diante del. 26  A muller (que era grega, de nacionalidade sirofenicia*​), pediulle unha e outra vez que botase o demo fóra da súa filla. 27  Pero Xesús respondeulle: “Primeiro deixa que coman os fillos ata que non teñan máis fame, porque non está ben quitarlles o pan ós fillos para botárllelo ós canciños”. 28  E ela díxolle: “É certo, señor, pero ata os canciños que están debaixo da mesa comen das miguiñas que lles caen ós nenos”. 29  Entón el contestoulle: “Vaite tranquila. Por dicir iso, o demo saíu da túa filla”. 30  Así que ela volveu á súa casa e, cando chegou, viu que a nena estaba deitada na cama e que o demo xa marchara. 31  Cando Xesús volveu da rexión de Tiro, foi ó mar de Galilea pasando por Sidón e pola rexión da Decápole*​. 32  Entón trouxéronlle un xordo que ademais non era capaz de falar ben, e suplicáronlle que puxese as mans sobre el. 33  Xesús levouno a un lado, lonxe da xente. Puxo os seus dedos nos oídos do home e, despois de cuspir, tocoulle a lingua. 34  Entón, suspirou profundamente mirando para o ceo, xirouse cara ó home e díxolle “Éfaza”, que quere dicir “Ábrete”. 35  Inmediatamente, abríronselle os oídos, o seu problema na fala desapareceu e empezou a falar ben. 36  Despois, Xesús mandoulle á xente que non llo contasen a ninguén. Pero canto máis llelo dicía, máis o contaban. 37  De feito, estaban totalmente impresionados e dicían: “Faino todo ben. Ata fai que os xordos oian e os mudos falen!”.

Notas ó pé

Refírese á limpeza cerimonial das mans.
Lit. “bautizar”. Ver glosario bautismo; bautizar.
Ou “Quen maldiga a seu pai ou a súa nai”, “Quen inxurie a seu pai ou a súa nai”.
Este versículo non aparece en varios dos manuscritos gregos antigos importantes e parece ser que non forma parte das Escrituras inspiradas.
Aquí a palabra grega porneia aparece en plural. Ver glosario inmoralidade sexual.
É dicir, desexo moi forte de ter máis.
Ou “conduta desvergonzada”. En grego, asélgueia. Ver glosario conduta descarada.
Ou “un ollo cheo de envexa”.
Ou “sirofenicia de nacemento”.