As boas noticias segundo Marcos 9:1-50

  • A transfiguración de Xesús (1-13)

  • Xesús cura un rapaz que estaba posuído por un demo (14-29)

    • “Todo é posible para quen ten fe” (23)

  • Xesús volve a predicir a súa morte (30-32)

  • Os discípulos discuten sobre quen é o maior (33-37)

  • “Quen non está na nosa contra está ó noso favor” (38-41)

  • Cousas que fan tropezar (42-48)

  • “Tede sal dentro de vós” (49, 50)

9  Ademais díxolles: “Asegúrovos que algúns dos que están aquí non morrerán sen antes ver o Reino de Deus xa establecido con poder”. 2  Seis días despois, Xesús levou a Pedro, a Santiago e a Xoán a unha montaña alta, e estiveron alí sós. E Xesús transfigurouse* diante deles. 3  A súa roupa empezou a brillar e volveuse máis branca do que ningún lavandeiro na terra podería deixala. 4  Ademais, aparecéronselles Elías e Moisés, e estaban falando con Xesús. 5  Entón, Pedro díxolle a Xesús: “Rabí*​, que ben que esteamos aquí! Montemos tres tendas: unha para ti, unha para Moisés e outra para Elías”. 6  En realidade, Pedro non sabía como reaccionar porque estaban moi asustados. 7  Entón formouse unha nube que os cubriu, e oíuse unha voz que viña da nube e dicía: “Este é o meu querido Fillo. Escoitádeo”. 8  E de repente, cando miraron ó seu arredor, viron que xa non había ninguén con eles. Só estaba Xesús. 9  Mentres baixaban da montaña, Xesús mandoulles seriamente que non lle contasen a ninguén o que viran ata que o Fillo do Home resucitase* de entre os mortos. 10  Eles fixeron o que lles dixo*​, pero falaban entre eles sobre que significaría iso de que ía resucitar* de entre os mortos. 11  E preguntáronlle a Xesús: “Por que din os escribas que Elías ten que vir antes que o Cristo?”. 12  El respondeulles: “É certo que primeiro vén Elías e restablece tódalas cousas. Pero entón, por que está escrito que o Fillo do Home ten que pasar por moitos sufrimentos e que o van desprezar? 13  Pois eu dígovos que en realidade Elías xa veu e fixeron con el o que quixeron, xusto como se escribiu que pasaría”. 14  Cando Xesús e os tres discípulos chegaron onde estaban os demais, víronos rodeados por unha gran multitude, e había uns escribas que estaban discutindo con eles. 15  En canto a multitude viu a Xesús, a xente sorprendeuse moitísimo e foron correndo a saudalo. 16  E el preguntoulles: “Sobre que estades discutindo?”. 17  Entón un home dos que estaban entre a xente contestoulle: “Mestre, trouxen aquí o meu fillo porque ten dentro un demo que o deixou mudo*​. 18  Cada vez que o demo o controla, tírao ó chan e o rapaz bota espuma pola boca, aperta os dentes e queda sen forzas. Pedinlles ós teus discípulos que botasen fóra o demo, pero non foron capaces”. 19  Xesús respondeulles: “Esta xeración non ten fe ningunha! Canto tempo máis vou ter que estar con vós? Ata cando terei que soportarvos? Traédemo”. 20  Entón trouxéronlle o rapaz. Pero en canto o demo viu a Xesús, fixo que o rapaz tivese convulsións e, despois de caer, rodou polo chan botando espuma pola boca. 21  E Xesús preguntoulle ó pai: “Desde cando lle pasa isto?”. El contestoulle: “Desde que era pequeno. 22  Moitas veces, o demo bótao no lume ou na auga para matalo. Así que, se podes facer algo, ten compaixón de nós e axúdanos”. 23  Xesús díxolle: “Por que dis ‘Se podes facer algo’? Todo é posible para quen ten fe”. 24  Inmediatamente, o pai do rapaz berrou: “Teño fe! Pero axúdame a ter máis fe!”. 25  Cando Xesús se deu conta de que unha multitude viña correndo cara a eles, reprendeu o demo e díxolle: “Espírito mudo e xordo, mándoche que saias del e que non volvas entrar máis!”. 26  Despois de berrar e de facer que o rapaz tivese moitas convulsións, o demo saíu e o rapaz quedou coma se estivese morto. De feito, case todos dicían: “Está morto!”. 27  Pero Xesús colleuno pola man e levantouno, e o rapaz púxose de pé. 28  Despois, Xesús e os seus discípulos entraron nunha casa, e eles preguntáronlle en privado: “Por que nós non puidemos botar fóra ese demo?”. 29  El respondeulles: “Este tipo de espírito só pode saír con oración”. 30  Entón saíron de alí e cruzaron Galilea, pero el non quería que ninguén o soubese 31  porque estaba ensinándolles ós seus discípulos. Dicíalles: “O Fillo do Home vai ser traizoado e entregado nas mans dos seus inimigos, e eles matarano. Pero, aínda que o van matar, resucitará* tres días despois”. 32  Eles non entenderon o que quixo dicir, pero dáballes medo preguntarlle. 33  Cando chegaron a Capernaúm e entraron na casa, Xesús preguntoulles: “Sobre que viñades discutindo polo camiño?”. 34  Eles quedaron calados porque viñeran discutindo sobre quen era o maior. 35  Entón Xesús sentouse, chamou os Doce e díxolles: “Se alguén quere ser o primeiro, ten que ser o último de todos e servir a* todos”. 36  Despois puxo un neno no medio deles, rodeouno cos brazos e díxolles: 37  “Quen recibe a un neno coma este por causa do meu nome tamén me recibe a min. E quen me recibe a min non só me recibe a min, senón tamén a quen me enviou”. 38  Xoán díxolle: “Mestre, vimos que alguén botaba demos fóra usando o teu nome, pero intentamos impedirllo porque non era un dos que andan con nós”. 39  Pero Xesús contestou: “Non intentedes impedirllo, porque ninguén pode facer un milagre usando o meu nome e xusto despois poñerse a falar mal de min. 40  Porque quen non está na nosa contra está ó noso favor. 41  E asegúrovos que quen vos dea un vaso de auga porque sodes discípulos de Cristo, de ningunha maneira quedará sen a súa recompensa. 42  Pero se alguén fai tropezar* a unha desas persoas que son coma nenos* e que teñen fe, seríalle moito mellor que lle puxesen no pescozo unha desas pedras de muíño que os burros fan xirar e que o tirasen ó mar. 43  ”Se algunha vez a túa man te fai tropezar*​, córtaa. É mellor que consigas a vida aínda que sexa manco, e non que acabes coas dúas mans na Guehena*​, no lume que non se pode apagar. 44  —* 45  E se o teu pé te fai tropezar, córtao. É mellor que consigas a vida aínda que sexa coxo, e non que te boten cos dous pés na Guehena. 46  —* 47  E se o teu ollo te fai tropezar, tírao lonxe. É mellor que entres no Reino de Deus cun só ollo, e non que te boten cos dous ollos na Guehena, 48  onde os vermes non morren e o lume non se apaga. 49  ”Porque todos teñen que ser salgados con lume. 50  O sal é bo. Pero se deixa de ser salgado, que faredes para que recupere o seu sabor? Tede sal dentro de vós e mantede a paz uns cos outros”.

Notas ó pé

Ou “cambiou de aspecto”.
Ou “Mestre”, “Rabino”.
Lit. “fose levantado”.
Ou quizais “Eles gardaron o asunto para si”.
Lit. “sería levantado”.
Lit. “un espírito mudo”.
Lit. “será levantado”.
Ou “ser ministro de”.
Lit. “un destes pequenos”.
Ou “pecar”.
Este versículo non aparece en varios dos manuscritos gregos antigos importantes e parece ser que non forma parte das Escrituras inspiradas.
Este versículo non aparece en varios dos manuscritos gregos antigos importantes e parece ser que non forma parte das Escrituras inspiradas.