Ir ó contido

PARTE 5

A verdade sobre a maxia e a bruxería

A verdade sobre a maxia e a bruxería

1. Ata que punto é habitual que a xente crea na maxia e na bruxería?

 “EN África non ten moito sentido empezar unha conversa preguntando se as bruxas existen ou non”, explica o libro African Traditional Religion (A relixión tradicional africana). E engade: “Para os africanos de calquera clase social, a bruxería é unha realidade que ten moita importancia”. Tanto persoas que non saben ler como outras que teñen moitos estudos cren na maxia e na bruxería. Tamén cren nisto algúns guías relixiosos do islam e da cristiandade.

2. Segundo a crenza popular, de onde veñen os poderes máxicos?

2 A crenza popular africana é que existe unha forza ou un poder oculto e espiritual, sobre o que Deus ten o control. Cren que ese poder é o que usan os espíritos dos mortos. Tamén pensan que algúns humanos saben como aproveitalo e usalo, xa sexa para facer o ben (maxia branca) ou para facer o mal (maxia negra).

3. Que é a maxia negra, e que cre a xente que pode provocar?

3 A maxia negra, ou feiticería, vai dirixida ós inimigos. Moita xente cre que os que a usan poden enviar morcegos, paxaros, moscas e outros animais para que ataquen a persoas. Moitos tamén pensan que se pode usar para provocar pelexas, esterilidade, enfermidades e incluso a morte.

4. Que pensan moitos sobre as bruxas, e que confesaron algunhas persoas que practicaron a bruxería?

4 A bruxería está moi relacionada coa maxia negra. Dise que pola noite as bruxas deixan o seu corpo e marchan voando para atoparse con outras bruxas ou para acabar coa vida das súas vítimas. Como os corpos das bruxas seguen durmindo na súa cama, estas historias baséanse no testemuño de persoas que deixaron de practicar a bruxería. Por exemplo, unha revista africana cita os comentarios de mulleres—a maioría adolescentes—que foron bruxas. Unha delas explica: “Matei 150 persoas causando accidentes automobilísticos”. Outra comenta: “Acabei coa vida de cinco nenos chupándolles todo o seu sangue”. E outra máis di: “Matei tres mozos meus por deixarme plantada”.

5. Que é a maxia branca, e como a practica a xente?

5 A maxia branca é unha práctica que, supostamente, protexe do mal. Os que a practican levan pulseiras ou aneis máxicos, toman certas beberaxes medicinais ou aplícanas sobre o seu corpo. Tamén agochan na súa casa ou no chan obxectos que supostamente teñen poderes protectores ou levan amuletos con textos do Corán ou da Biblia.

Mentiras e enganos

6. Que fixeron no pasado Satanás e os seus demos, e como debemos considerar o seu poder?

6 É certo que Satanás e os demos son inimigos perigosos para os seres humanos. Teñen o poder de influír na mente e na vida da xente e, no pasado, incluso entraron no corpo de homes e animais para controlalos (Mateo 12:43-45). Pero, aínda que Satanás e os demos son poderosos, iso non significa que poidan facer todo o que queiran.

7. Que quere facernos crer Satanás, e a que podemos comparar o que fai?

7 Satanás é un mestre do engano e quere facernos crer que ten máis poder do que en realidade ten. Para ilustralo, é como o que pasou nun conflito recente nun país africano. Os soldados usaron un equipo de son para asustar os seus inimigos. Antes de atacar, puxeron a todo volume gravacións de artillería pesada e disparos para que os inimigos pensasen que os estaban atacando con moitas armas. Do mesmo xeito, Satanás quere que a xente pense que o seu poder é ilimitado. O seu obxectivo é asustar as persoas para que fagan a súa vontade e non a de Xehová. Vexamos tres mentiras que Satanás quere que creamos.

8. Cal é unha das mentiras que promove Satanás?

8 Unha das mentiras que promove Satanás é que se pasa algo malo nunca é por casualidade. Tódalas cousas malas son causadas por alguén, xa sexa directamente ou mediante poderes máxicos. Por exemplo, supoñamos que un neno morre de malaria. Aínda que a súa nai saiba que é unha enfermidade que transmiten os mosquitos, é probable que pense que alguén usou un meigallo para que un mosquito picase o neno.

Moitas veces as cousas malas simplemente pasan porque si

9. Como mostra a Biblia que Satanás non é o causante de tódolos problemas que hai?

9 Aínda que Satanás pode causarnos algúns problemas, é un erro pensar que ten o poder de provocarnos tódolos problemas que temos. A Biblia di: “Os veloces non sempre gañan a carreira, nin os poderosos gañan sempre a batalla, nin os sabios teñen sempre alimento, nin os intelixentes teñen sempre riquezas, nin sempre lles vai ben ós que teñen coñecemento, xa que a todos lles chega algún mal momento e algún suceso imprevisto” (Eclesiastés 9:11, TNM). Un corredor pode ser máis rápido que os demais e, aínda así, non gañar a carreira. Pode perder por culpa dalgún “suceso imprevisto”. Quizais tropece, se sinta mal de repente ou lle dea un tirón nun músculo. Son cousas que poden pasarlle a calquera e non necesariamente porque Satanás as cause ou por culpa dun meigallo. Simplemente son cousas que pasan.

10. Que din algúns sobre as bruxas, e como sabemos que iso é unha mentira?

10 A segunda mentira que promove Satanás é que as bruxas deixan o seu corpo pola noite e viaxan para atoparse con outras bruxas ou para acabar coa vida das súas vítimas. Pero, pregúntate: “Se fose certo que as bruxas poden facer iso, que é o que sairía do seu corpo?”. Como vimos, a alma é a persoa mesma, non algo que poida saír dela. Ademais, o espírito é a forza de vida que fai funcionar o organismo e non pode facer nada sen o corpo.

As bruxas non poden deixar o seu corpo

11. Como sabemos que as bruxas non poden saír do seu corpo? Cres ti niso?

11 Nin a alma nin o espírito poden saír do corpo para facer cousa ningunha, nin boa nin mala, polo que unha bruxa non pode saír do seu corpo. Así que cando afirman que fixeron certas cousas ou pensan que as fixeron en realidade non é certo.

12. Como logra Satanás que moitas persoas pensen que fixeron cousas que en realidade non fixeron?

12 Entón, como se explica o que afirman que viviron persoas que antes practicaban a bruxería? Satanás pode facerlles crer que viviron cousas que en realidade non pasaron. Mediante visións pode facer que imaxinen que viron, oíron ou fixeron cousas que non sucederon. Desa maneira, intenta apartar as persoas de Xehová e facerlles pensar que o que di a Biblia non é certo.

13. a) É boa a maxia branca? b) Que din as Escrituras sobre a maxia negra?

13 A terceira mentira é que a maxia branca—que supostamente anula a maxia negra—é boa. Pero a Biblia non fai diferenza entre maxia negra e maxia branca. De feito, condena todo tipo de maxia. Fíxate nas leis que Xehová lle deu á nación de Israel respecto á maxia e ós que a practican:

  •   “Non [...] faredes adiviñacións” (Levítico 19:26).

  •   “O home ou a muller que exerza como adiviño ou como bruxo, terá que ser morto sen remedio” (Levítico 20:27).

  •   “Non se atopará en ti [...] quen faga encantamentos, quen lea as sortes nos astros, quen se dea á bruxería, encantadores de feitizos, quen faga preguntas ó espírito dos mortos” (Deuteronomio 18:10-14).

14. Por que Xehová fixo leis en contra da maxia?

14 Estas leis deixan claro que Deus non quere que os seus servos practiquen a maxia. De feito, deulle ó seu pobo estas leis porque os amaba e non quería velos escravizados polo medo e a superstición, nin que vivisen controlados polos demos.

15. Como mostra a Biblia que Xehová é máis poderoso que Satanás?

15 Aínda que a Biblia non dá detalles respecto ó que poden facer ou non os demos, deixa claro que Xehová é moito máis poderoso que Satanás e os demos. De feito, Xehová botou a Satanás do ceo (Apocalipse 12:9). Ademais, cando Satanás puxo a proba a Xob, primeiro pediulle permiso a Deus para facelo e despois obedeceu a advertencia que El lle dera de non acabar coa vida de Xob (Xob 2:4-6).

16. A quen debemos acudir en busca de protección?

16 Proverbios 18:10 di: “O nome do Señor é forte torreón: acóllese nel o xusto, e acouga seguro”. Así que deberiamos acudir a Xehová para que nos protexa. Os servos de Deus non acudimos a amuletos ou a beberaxes para protexernos das cousas malas que fan Satanás e os demos. Tampouco lles temos medo ós feitizos dos meigos ou bruxos. Máis ben, cremos no que di a Biblia: “O Señor repasa a terra enteira cos seus ollos para fortalecer ós que lle son leais de corazón” (2 Crónicas 16:9).

17. Que garantía dá Santiago 4:7, pero que debes facer ti?

17 Se serves a Xehová, ti tamén podes ter esta mesma confianza. Santiago 4:7 di: “Sédelle, logo, ben mandados a Deus; facédelle fronte a Satán e arredará de vós”. Se serves o Deus verdadeiro e o obedeces, podes estar seguro de que el te vai protexer.