Ir ó contido

Imitemos o exemplo de Xesús

Imitemos o exemplo de Xesús

SEXAMOS COMPASIVOS

Como Xesús era perfecto, non tivo moitos dos problemas e preocupacións que temos os humanos. Aínda así, preocupábanlle moito os sentimentos das persoas e quería axudalas. De feito, non se limitou a facer só o mínimo por elas, senón que foi máis aló. O que o motivou foi a compaixón que sentía polas persoas. Reflexiona nalgúns exemplos que se atopan nos capítulos 32, 37, 57 e 99.

SEXAMOS ACCESIBLES

Persoas de tódalas idades, tanto novos coma vellos, sentíanse coa liberdade de ir onda Xesús. Por que? Porque non era unha persoa distante, que dese a impresión de estar demasiado ocupado nin ser demasiado importante para atendelas. Máis ben, demostraba que de verdade se interesaba polas persoas e iso facía que se sentisen cómodas con el. Fíxate nos exemplos que aparecen nos capítulos 25, 27 e 95.

OREMOS CON FRECUENCIA

Xesús facíalle oracións sinceras ó seu Pai con moita frecuencia, tanto en privado como en compañía doutras persoas que adoraban a Xehová. Non só oraba antes de comer, senón tamén noutras moitas ocasións. Por exemplo, oraba para darlle grazas ó seu Pai, para louvalo e para buscar a súa guía antes de tomar decisións importantes. Podes ver algúns exemplos nos capítulos 24, 34, 91, 122 e 123.

SEXAMOS ALTRUÍSTAS

Nalgunhas ocasións Xesús puido aproveitar para descansar e relaxarse, pero non o fixo porque quería axudar a outros. El non foi unha persoa egoísta. Unha vez máis, nisto tamén nos puxo un moi bo exemplo que queremos seguir con atención. Analiza como demostrou esta calidade nos capítulos 19, 41 e 52.

PERDOEMOS OS DEMAIS

Xesús non se limitou a falarlles a outros da importancia de perdoar. El puxo o exemplo cando tratou cos seus discípulos e con outras persoas. Reflexiona en como o fixo repasando os capítulos 26, 40, 64, 85 e 131.

SIRVAMOS A DEUS DE TODO CORAZÓN

As profecías dicían que a maioría dos xudeus rexeitarían o Mesías e que os seus inimigos o ían matar. Sabendo isto, Xesús puido conformarse con facer o mínimo, pero non o fixo. Máis ben, esforzouse ó máximo por promover a adoración verdadeira. Púxolles ós seus seguidores que se enfrontan á indiferenza ou á oposición un excelente exemplo do que significa servir a Deus de todo corazón. Fíxate nos capítulos 16, 72 e 103.

SEXAMOS HUMILDES

Xesús era superior ós humanos imperfectos en moitísimas cousas, como por exemplo, en coñecemento e sabedoría. Os demais tampouco podían igualar as súas capacidades físicas e mentais. Aínda así, Xesús foi humilde e serviu os demais. Podes aprender sobre a súa humildade nos capítulos 10, 62, 66, 94 e 116.

SEXAMOS PACIENTES

Cando os seus apóstolos e outras persoas non imitaban o exemplo de Xesús ou non poñían en práctica os seus consellos, el sempre foi paciente con eles. Repetiulles unha e outra vez as leccións que precisaban aprender para achegarse máis a Xehová. Pensa no exemplo de paciencia de Xesús repasando os capítulos 74, 98, 118 e 135.