SECCIÓN 6
Xob mantén a súa integridade
Satanás cuestiona ante Deus a integridade de Xob, pero el mantense fiel a Xehová.
PODE un ser humano manterse fiel a Deus se a súa vida está en perigo e parece que obedecer non lle vai beneficiar en nada? Un home chamado Xob tivo que enfrontarse a esta cuestión. Vexamos cal foi o resultado.
Xob era un parente de Abraham que residía no que hoxe é Arabia durante o período no que os israelitas vivían en Exipto. Un día, este servo de Deus volveuse o centro de atención dunha asemblea que Xehová convocara no ceo cos anxos. Nesa asemblea tamén estaba Satanás. Diante de todos, Xehová expresou a súa confianza na lealdade de Xob. Dixo que non había ningún ser humano tan íntegro coma el. Pero Satanás acusou a Xob de servir a Deus só porque o protexía e o bendicía. Asegurou que se Xob o perdía todo, se volvería en contra de Xehová.
Deus permitiu que o Demo lle quitase a Xob as súas posesións, os seus fillos e, por último, a súa saúde. Como Xob non sabía que Satanás estaba detrás de todas aquelas desgrazas, non podía entender por que Deus as permitía. Aínda así, nunca se volveu contra Xehová.
Entón viñeron visitalo tres supostos amigos seus. Nunha serie de discursos que ocupan gran parte do libro de Xob, intentaron convencelo de que Deus o estaba castigando por pecados ocultos. Que equivocados estaban! Ata chegaron a afirmar que a Deus no lle importan os seus servos e que tampouco confía neles. Pero Xob negouse a aceptar esa forma de pensar equivocada e aseguroulles que sería fiel a Deus ata a morte!
Non obstante, Xob cometeu un erro: preocupouse demasiado por defenderse a si mesmo. Elihú, un mozo que estivera escoitando todo o debate, corrixiu a Xob por darlle máis importancia á súa propia reputación que ó nome e á autoridade de Xehová. Ademais, reprendeu con dureza os falsos amigos de Xob.
Finalmente, o mesmo Xehová corrixiu a Xob. Fíxoo reflexionar nas marabillas da creación para ensinarlle o insignificante que é o home en comparación coa grandeza de Deus. Xob foi humilde e aceptou a corrección. E Xehová, que “é compasivo e misericordioso” devolveulle a saúde e bendiciuno co dobre das riquezas que tivera e con dez fillos máis (Santiago 5:11). Coa súa integridade, Xob puido dar resposta á falsa acusación de Satanás e demostrou que os seres humanos poden ser fieis a Deus incluso cando están sometidos a proba.
Baseado no libro de Xob.