Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 47

Como podemos manter forte o noso amor polos demais

Como podemos manter forte o noso amor polos demais

“Amémonos úns ós outros, porque o amor vén de Deus” (1 XN. 4:7).

CANCIÓN sjj 109 Amémonos de corazón

AVANCE a

1, 2. a) Por que dixo o apóstolo Paulo que o amor era “a meirande” calidade? b) Que preguntas imos contestar?

 CANDO o apóstolo Paulo falou da fe, da esperanza e do amor dixo que destas tres calidades “a meirande é o amor” (1 Cor. 13:13). Por que dixo isto? No futuro, non necesitaremos ter fe nin esperanza porque as promesas de Deus sobre o novo mundo xa serán unha realidade. Pero sempre necesitaremos ter amor por Xehová e polas demais persoas. De feito, o noso amor por eles seguirá medrando para sempre.

2 Xa que o amor sempre será necesario, imos considerar tres preguntas. Primeira, por que debemos amarnos uns ós outros? Segunda, como demostramos amor polos demais? E terceira, como podemos manter forte este amor?

POR QUE DEBEMOS AMARNOS UNS ÓS OUTROS?

3. Que razóns temos para amarnos uns ós outros?

3 Por que é importante que nos amemos uns ós outros? Unha das razóns é que o amor nos identifica como cristiáns verdadeiros. Xesús díxolles ós seus apóstolos: “Nisto coñecerán todos que sóde-los meus discípulos: se vos tedes amor uns a outros” (Xn. 13:35). Outra razón é que ese amor nos mantén unidos. De feito, Paulo dixo que “é o lazo que todo o une” (Col. 3:14). Pero aínda hai outra razón máis importante pola que deberiamos cultivar esta calidade. O apóstolo Xoán escribiulles ós seus irmáns: “Que quen ama a Deus, ame tamén a seu irmán” (1 Xn. 4:21). Cando amamos os nosos irmáns demostramos tamén que amamos a Deus.

4, 5. Pon un exemplo de como o amor por Xehová está relacionado co amor que lles demostramos ós nosos irmáns.

4 En que sentido está moi relacionado o noso amor por Deus co que sentimos polos nosos irmáns? Para entendelo, pensa na relación que hai entre o corazón e as outras partes do corpo. Cando un médico nos comproba o pulso no pescozo para ver se é forte ou débil, obtén tamén algunha información sobre como está o noso corazón. Que lección aprendemos?

5 Igual que un doutor é capaz de saber o estado de saúde do noso corazón ó comprobarnos o pulso, nós tamén podemos saber como está o noso amor por Xehová ó analizar o amor que lles demostramos ós demais. Se notamos que xa non lles queremos ós irmáns tanto coma antes, isto podería indicar que o noso amor por Xehová tamén se está debilitando. Pero se, pola contra, lles demostramos habitualmente que os queremos, isto é un sinal de que o noso amor por Xehová está forte.

6. Por que deberiamos preocuparnos se o noso amor polos irmáns se está debilitando? (1 Xoán 4:7-9, 11).

6 Se notamos que se debilitou o noso amor polos irmáns, temos un problema. Por que? Porque iso significa que a nosa relación con Xehová está en perigo. O apóstolo Xoán deixouno ben claro cando dixo o seguinte: “Quen non ama a seu irmán a quen está vendo, non pode amar a Deus, a quen nunca viu” (1 Xn. 4:20). Cal é a lección? Xehová só estará contento con nós se nos amamos “uns ós outros” (le 1 Xoán 4:7-9, 11).

COMO DEMOSTRAMOS QUE AMAMOS OS NOSOS IRMÁNS?

7, 8. Cales son algunhas maneiras nas que podemos demostrarlles ós demais que os queremos?

7 A Palabra de Deus recórdanos vez tras vez que nos temos que “amar uns ós outros” (Xn. 15:12, 17; Rm. 13:8; 1 Tes. 4:9; 1 Pe. 1:22; 1 Xn. 4:11). Pero o amor é un sentimento interno, e ningún humano pode coñecer o noso corazón. Entón, como poden sentir os demais que os queremos? Polas nosas palabras e as nosas accións.

8 Hai moitas maneiras de demostrarlles ós nosos irmáns que os amamos. Fíxate nos seguintes exemplos: “Dicide a verdade cada un ó seu próximo” (Zac. 8:16). “Vivide en paz” uns cos outros (Mc. 9:50). “Tomade a iniciativa de honrarvos uns a outros” (Rm. 12:10, TNM). “Acollédevos uns a outros” (Rm. 15:7). “Seguide [...] perdoándovos” (Col. 3:13, TNM). “Levade úns as cargas dos outros” (Gál. 6:2). “Consoládevos uns a outros” (1 Tes. 4:18). “Confortádevos uns a outros” (1 Tes. 5:11). “Rezade uns polos outros” (Sant. 5:16).

Como podemos axudar a un irmán que estea sufrindo? (Ver os parágrafos 7 a 9).

9. Por que consolar a outros é unha maneira de demostrarlles que os queremos? (Ver tamén a imaxe).

9 Analicemos unha das formas de demostrar o noso amor que se mencionou no parágrafo anterior. Paulo dixo: “Consoládevos uns a outros”. Por que consolar os nosos irmáns é unha maneira moi importante de expresarlles que os queremos? Unha obra de consulta bíblica menciona que a palabra que utilizou Paulo para “consolar” significa “estar de pé ó lado dunha persoa para animala cando se enfronta a probas difíciles”. Así que, cando consolamos un irmán que está sufrindo é coma se o axudásemos a levantarse para seguir andando polo camiño da vida. Cada vez que lle ofrecemos o noso ombro para chorar, pode ver o moito que o queremos (2 Cor. 7:6, 7, 13).

10. Que relación hai entre a compaixón e dar consolo?

10 Sentir compaixón e dar consolo son cousas que están moi relacionadas. En que sentido? Unha persoa compasiva séntese motivada a dar consolo a outros e a tratar de aliviar o seu sufrimento. Así que primeiro sentimos compaixón, e despois damos consolo. Isto é o que Xehová fai con nós. Paulo dixo que Xehová é un “Pai de tenras misericordias e o Deus de todo consolo” (2 Cor. 1:3, TNM). Tal e como explica a nota de estudo deste versículo na Tradución do Novo Mundo en inglés, Paulo usa a expresión “tenras misericordias” para describir un sentimento de compaixón por outros. Así que, como explica a nota, “chámaselle a Deus Pai, ou Fonte, de tenras misericordias porque a compaixón provén del”. Este sentimento é o que o move a consolarnos cando pasamos por “calquera clase de proba” (2 Cor. 1:4, TNM). Igual cá auga pura que sae dunha fonte refresca os que teñen sede, Xehová alivia e consola os que están sufrindo. Como podemos imitar a Xehová? Unha forma de facelo é cultivando calidades que nos axuden a sentir compaixón por outros e a consolalos. Cales son algunhas delas?

11. Segundo Colosenses 3:12 e 1 Pedro 3:8, que outras calidades nos axudarán a amar os demais e consolalos?

11 Que nos axudará a manter o amor que necesitamos para seguir consolándonos uns ós outros día tras día? Temos que cultivar calidades como a empatía, o cariño fraternal e a bondade (le Colosenses 3:12; 1 Pedro 3:8). Cando os sentimentos de compaixón e as calidades que acabamos de mencionar chegan a ser parte da nosa personalidade, o desexo de consolar os que sofren naceranos de forma natural. Como dixo Xesús: “Do que reborda o corazón fala a boca. O home bo saca boas cousas do tesouro da súa bondade” (Mt. 12:34, 35). Consolar os nosos irmáns cando o necesitan é unha forma moi importante de demostrarlles que os queremos.

COMO PODEMOS MANTER FORTE O NOSO AMOR POLOS DEMAIS?

12. a) Por que temos que manternos alerta? b) Que pregunta imos contestar agora?

12 Todos nós queremos seguir amándonos uns ós outros (1 Xn. 4:7). Pero é importante que recordemos esta advertencia que fixo Xesús: “Arrufiarase o amor da maioría” (Mt. 24:12). Xesús non estaba dicindo que a maioría dos seus discípulos fosen deixar de mostrarse amor uns ós outros. Pero temos que permanecer alerta para que non nos inflúa a falta de amor do mundo que nos rodea. Tendo isto en mente, imos contestar a seguinte pregunta: Que nos axudará a saber se o amor polos nosos irmáns é forte?

13. Que pode poñer a proba o noso amor?

13 Unha forma de saber se o noso amor está forte é analizando como reaccionamos ante certas situacións da nosa vida (2 Cor. 8:8). O apóstolo Pedro mencionou unha desas situacións cando dixo: “Ante todo, sentide amor intenso uns polos outros, porque o amor cobre unha multitude de pecados” (1 Pe. 4:8, TNM). Así que as debilidades e imperfeccións doutros poden poñer a proba o noso amor.

14. Segundo 1 Pedro 4:8 (TNM), que tipo de amor necesitamos? Pon un exemplo.

14 Pensemos por un momento nas palabras de Pedro. A primeira parte do versículo 8 describe o tipo de amor que temos que ter, e di que é un “amor intenso”. A palabra que utilizou Pedro para “intenso” significa literalmente que “se estende”. A segunda parte do versículo describe o que faremos se sentimos este tipo de amor. Aí di que cobre os erros dos nosos irmáns. Podemos ilustralo da seguinte maneira: é coma se o noso amor fose unha peza de tea que suxeitamos coas dúas mans e que imos estendendo máis e máis ata que cobre, non un, nin dous, senón “unha multitude de pecados”. A expresión “cubrir” é unha forma moi descritiva de referirse ó perdón. Igual que unha tea pode cubrir unha mancha, o amor pode cubrir as debilidades e as imperfeccións dos demais.

15. Que seremos capaces de facer se o noso amor polos demais é moi forte? (Colosenses 3:13, TNM).

15 O noso amor debería ser tan forte que fósemos capaces de perdoar as imperfeccións dos nosos irmáns, aínda cando nos resulte moi difícil (le Colosenses 3:13, TNM). Cando perdoamos a outros estamos demostrando que o noso amor é forte e que queremos facer feliz a Xehová. Que máis nos pode axudar a pasar por alto os erros e as cousas que nos molestan dos demais?

Igual que nos quedamos coas mellores fotos e borramos o resto, tamén gardamos na memoria os bos recordos dos nosos irmáns e borramos os malos (ver os parágrafos 16 e 17).

16, 17. Que máis nos vai axudar a pasar por alto os pequenos erros dos demais? Pon un exemplo. (Ver tamén a imaxe).

16 Centrémonos nas cousas boas dos demais e non nos seus defectos. Pensa no seguinte exemplo. Imaxina que o estás pasando ben cun grupiño de irmáns e antes de marchar decides sacar unha foto de grupo. De feito, sacas dúas fotos máis por se acaso a primeira non queda ben. Así que tes tres fotos. Pero, dáste conta de que nunha delas un dos irmáns sae moi serio. Que fas con ela? Seguramente a borres porque tes outras dúas fotos máis nas que todo o grupo, incluído este irmán, sae sorrindo.

17 Podemos comparar as fotografías que gardamos cos nosos recordos. Normalmente temos bos recordos dos momentos que pasamos cos irmáns. Pero imaxínate que nunha desas ocasións un deles di ou fai algo que nos molesta. Que deberiamos facer con este recordo? Por que non intentamos borralo igual que fariamos cunha fotografía que non nos gusta? (Pr. 19:11; Ef. 4:32) Podemos borrar os recordos nos que algún dos nosos irmáns cometeu unha pequena falta porque temos outros moitos nos que desfrutamos de estar con el. Eses son os bos momentos que queremos gardar na nosa memoria.

POR QUE O AMOR É MÁIS NECESARIO CA NUNCA

18. Que ideas importantes sobre o amor analizamos neste artigo?

18 Por que queremos manter forte o noso amor? Como vimos, cando demostramos que queremos os nosos irmáns e irmás tamén demostramos que amamos a Xehová. E como podemos expresarlles ese amor? Unha maneira é dándolles consolo. Algo que nos vai axudar a non deixar de facelo é sentir compaixón por eles. E manteremos forte o noso amor se facemos todo o posible por perdoar os erros dos demais.

19. Por que é especialmente importante hoxe en día que demostremos amor uns polos outros?

19 Por que é especialmente importante hoxe en día que demostremos amor uns polos outros? Fíxate na razón que deu Pedro cando dixo: “O fin de tódalas cousas acercouse. Polo tanto, [...] sentide amor intenso uns polos outros” (1 Pe. 4:7, 8, TNM). Que podemos esperar a medida que se acerca o fin deste sistema malvado? Falando do que lles pasaría ós seus discípulos, Xesús predixo o seguinte: “Odiaranvos tódolos pobos por causa miña” (Mt. 24:9). Para aguantar, necesitamos estar unidos. Se o facemos, os esforzos de Satanás por dividirnos non darán resultado porque o amor, “o lazo que todo o une”, manteranos ó lado dos nosos irmáns (Col. 3:14; Flp. 2:1, 2).

CANCIÓN sjj 130 Perdoemos os demais

a Agora máis ca nunca é importante para nós demostrar amor polos nosos irmáns e irmás. Por que dicimos isto e como podemos facelo?