Ir ó contido

Ir ó índice

BIOGRAFÍA

Confiar en Xehová faime sentir seguro

Confiar en Xehová faime sentir seguro

CANDO alguén me pregunta sobre como foi a miña vida servindo a Xehová, normalmente contéstolle: “Son coma unha maleta que Xehová leva a onde el quere”. O que intento dar a entender con esta resposta é que, igual que un leva o seu equipaxe ó lugar que quere, o meu desexo é que Xehová e a súa organización me digan a onde teño que ir e cando debo facelo. Aceptei asignacións nas que pasei por dificultades e, ás veces, perigos. Pero aprendín que a clave para sentir verdadeira seguridade é confiar en Xehová.

COMO CHEGUEI A COÑECER A XEHOVÁ E CONFIAR NEL

Nacín en 1948 nunha pequena vila do suroeste de Nixeria. Naquela época, meu tío Moustapha, que era o irmán máis novo de meu pai, e despois Wahabi, que era o meu irmán maior, bautizáronse como testemuñas de Xehová. Cando eu tiña 9 anos, meu pai morreu. Iso partiume o corazón. Pero Wahabi díxome que podería velo de novo na resurrección, e aquela idea tan animadora impulsoume a estudar a Biblia. Bauticeime en 1963 e, pouco despois, tamén se bautizaron os meus outros tres irmáns.

En 1965 fun onda meu irmán Wilson, que vivía en Lagos, e desfrutei moito de estar cuns pioneiros da congregación de Igbobi. O seu entusiasmo e alegría animáronme tanto que, en xaneiro de 1968, eu tamén empecei a servir como pioneiro.

Albert Olugbebi, un irmán que servía en Betel, organizou unha reunión con tódolos irmáns novos para falarnos da necesidade de pioneiros especiais que había no norte de Nixeria. Aínda recordo o irmán Olugbebi dicindo de maneira moi entusiasta: “Sodes novos e podedes usar o voso tempo e enerxías para servir a Xehová. Hai moito traballo para vós alí!”. Eu quería ser coma Isaías e ir onde Xehová me mandase, así que enchín unha solicitude para servir como pioneiro especial (Is. 6:8).

En maio de 1968 enviáronme como pioneiro especial á cidade de Kano, no norte de Nixeria. Iso foi durante a Guerra de Biafra (1967-1970), que devastou aquela zona antes de que o conflito se trasladase ó leste de Nixeria. Un irmán con boas intencións intentou convencerme para que non fose, pero eu díxenlle: “Agradézoche a túa preocupación. Pero se Xehová quere que o sirva nesta asignación, non teño ningunha dúbida de que el me vai axudar”.

CONFÍO EN XEHOVÁ NUNHA ZONA DESTRUÍDA POLA GUERRA

A situación en Kano era moi triste. A guerra civil destruíra esta gran cidade. Mentres predicabamos, ás veces encontrabamos cadáveres de persoas que foran asasinadas durante o conflito. No pasado houbera varias congregacións en Kano, pero a maioría dos irmáns fuxiran. Tan só quedaban 15 publicadores e estaban asustados e desanimados. Aqueles irmáns alegráronse moitísimo cando chegamos seis pioneiros especiais. Tódolos publicadores responderon moi ben ó ánimo que lles demos. Axudámoslles a organizar de novo as reunións e a predicación, e tamén a volver enviar os informes de predicación e os pedidos de publicacións á sucursal.

Os pioneiros especiais empezamos a aprender a lingua hausa. Como lles predicabamos a mensaxe do Reino no seu propio idioma, moitas persoas escoitábannos. Pero a moitos membros da relixión dominante daquela zona non lles gustaba o noso labor e por iso tiñamos que ter moito coidado. Nunha ocasión, un home cun coitelo na man perseguiunos a min e ó meu compañeiro. Menos mal que, como nós corriamos máis rápido, puidemos escapar. A pesar dos perigos, Xehová coidou de nós e o número de publicadores empezou a aumentar (Sal. 4:9 [4:8, TNM]). Na actualidade, en Kano hai 11 congregacións e mais de 500 publicadores.

PERSÉGUENNOS EN NÍXER

Servindo como pioneiro especial en Niamey, Níxer

En agosto de 1968, despois de estar uns meses en Kano, enviáronme a Niamey, a capital da República de Níxer, xunto con outros dous pioneiros especiais. Démonos conta rápido de que Níxer, no oeste de África, é unha das rexións máis cálidas da Terra. Ademais de aprender a soportar a calor, tamén tivemos que aprender o idioma oficial deste país: o francés. A pesar dos desafíos, confiamos en Xehová e empezamos a predicar na capital xunto cuns cantos publicadores que vivían alí. En pouco tempo, case tódolos habitantes de Niamey que sabían ler recibiran un exemplar do libro La verdad que lleva a vida eterna. As persoas incluso nos buscaban para que lles désemos un.

Pronto descubrimos que ás autoridades non lles gustaban as testemuñas de Xehová. En xullo de 1969, reunímonos para celebrar o primeiro congreso de circuíto do país, cunha asistencia dunhas 20 persoas. Estabamos desexando que chegase o bautismo de dous novos publicadores. Pero o primeiro día de congreso veu a policía e parou o programa. Leváronnos ó cuartel, tanto ós pioneiros especiais como ó superintendente de circuíto. Despois de interrogarnos, ordenáronnos que volvésemos o día seguinte. Como sospeitabamos que nos podían poñer problemas, organizamos o discurso de bautismo nunha casa privada e bautizamos os candidatos discretamente nun río.

Unhas semanas máis tarde, o goberno do país expulsounos a min e mais a outros cinco pioneiros especiais. Déronnos tan só 48 horas para saír e tiñamos que facelo polos nosos propios medios. Así que obedecemos e marchamos directamente para a sucursal de Nixeria, onde nos deron novas asignacións.

A min enviáronme á vila de Orisunbare, en Nixeria, onde desfrutei de predicar e dirixir cursos da Biblia xunto cun pequeno grupo de publicadores que vivían alí. Pero despois de seis meses, a sucursal invitoume a servir outra vez en Níxer. Ó principio sorprendinme moito e púxenme bastante nervioso, pero tiña moitas ganas de volver estar cos irmáns de alí.

Volvín a Niamey. O día seguinte de chegar, un empresario de Nixeria deuse conta de que eu era testemuña de Xehová e empezou a facerme preguntas sobre a Biblia. Estudamos xuntos e, cando deixou de fumar e de beber alcohol en exceso, bautizouse. Eu estaba encantado de predicar cos irmáns en diferentes zonas do país e de ver como, pouco a pouco, máis persoas aceptaban a verdade. Cando cheguei por primeira vez a Níxer había 31 Testemuñas no país, pero cando marchei xa había 69.

“NON SABEMOS MOITO SOBRE COMO LLES VAI ÓS IRMÁNS EN GUINEA”

En decembro de 1977 volvín a Nixeria para recibir capacitación. Ó final das tres semanas que durou o curso, o coordinador do Comité de Sucursal, Malcolm Vigo, leume unha carta da sucursal de Serra Leoa. Estaban buscando un pioneiro solteiro, con boa saúde, que soubese falar inglés e francés e que puidese servir como superintendente de circuíto en Guinea. O irmán Vigo díxome que me estaban preparando para esa tarefa. Pero tamén me deixou moi claro que non sería unha asignación fácil. Aconselloume: “Pénsao ben antes de aceptar”. Pero eu respondín inmediatamente: “Como é Xehová o que me envía, irei”.

Marchei para Serra Leoa e reuninme cos irmán na sucursal. Un membro do Comité de Sucursal díxome: “Non sabemos moito sobre como lles vai ós irmáns en Guinea”. Aínda que a sucursal era responsable de dirixir a predicación no país veciño de Guinea, a situación política era moi tensa e resultaba imposible comunicarse cos publicadores de alí. A pesar de que xa fixeran varios intentos, a sucursal aínda non conseguira mandar un representante a ese país. Así que me pediron que viaxase á capital de Guinea, Conakry, para intentar conseguir un permiso de residencia.

“Como é Xehová o que me envía, irei”

Cando cheguei a Conakry fun á embaixada de Nixeria e reuninme co embaixador. Díxenlle que o meu desexo era predicar en Guinea. El insistiume para que non quedase, porque me poderían arrestar ou incluso facer dano. Díxome: “Volve a Nixeria e predica alí”. Pero eu respondín: “Estou decidido a quedar”. Así que o embaixador escribiulle unha carta ó Ministro de Interior de Guinea para que me axudase, e este recibiume cordialmente.

Pouco despois volvín á sucursal de Serra Leoa e informei os irmáns da decisión que tomara o ministro. Entón, puxéronse contentísimos cando escoitaron como Xehová bendicira a miña viaxe, xa que me concederan o permiso de residencia en Guinea.

Na obra de circuíto en Serra Leoa

De 1978 a 1989 servín como superintendente de circuíto en Guinea e Serra Leoa, e como substituto en Liberia. Ó principio enfermaba moi a miúdo, e pasoume varias veces en zonas moi illadas. Pero os irmáns facían todo o que podían para levarme a un hospital.

Nunha ocasión púxenme moi maliño porque enfermei de malaria e tamén tiña lombrigas, un parasito intestinal. Cando finalmente me recuperei, descubrín que os irmáns pensaran que ía morrer. De feito, xa falaran de onde enterrarme. A pesar destas dificultades que puxeron en risco a miña vida, nunca deixei as miñas asignacións. Seguía convencido de que só Deus podía ofrecerme verdadeira seguridade porque, incluso se morría, el podería devolverme a vida.

A MIÑA MULLER E MAIS EU CONFIAMOS EN XEHOVÁ

O día que casamos, en 1988

En 1988 coñecín a Dorcas, unha pioneira moi humilde e espiritual. Cando casamos acompañoume na obra de circuíto. Dorcas traballou moi duro xunta min nesta asignación e estivo disposta a facer moitos sacrificios por Xehová. Temos camiñado máis de 25 km cargando co noso equipaxe dunha congregación a outra. Para chegar ás congregacións máis distantes usabamos calquera medio de transporte que podiamos encontrar para viaxar por aqueles camiños cheos de barro e buratos.

Dorcas é moi valente. Por exemplo, ás veces tiñamos que cruzar por augas cheas de crocodilos. Durante unha viaxe de cinco días, encontramos rotas as pontes de madeira que atravesaban un río e tivemos que cruzar en canoa. Cando Dorcas se puxo de pé para saír da canoa, caeu na auga nunha zona onde había bastante profundidade. Ningún de nós sabía nadar e había crocodilos naquel río. Menos mal que uns rapaces novos se somerxeron e a rescataron. Tivemos pesadelos con aquilo durante algún tempo, pero seguimos adiante coa nosa asignación.

Os nosos fillos, Jahgift e Eric, son regalos de Xehová.

A principios do ano 1992 levamos unha gran sorpresa cando soubemos que Dorcas estaba embarazada. Preguntabámonos se este sería o fin do noso servizo a tempo completo. Razoamos: “Xehová deunos un regalo!”. Por iso, decidimos chamar a nosa nena Jahgift (que en inglés significa “regalo de Xah”). Catro anos máis tarde naceu seu irmán Eric. Os nosos dous rapaces chegaron a ser un verdadeiro regalo espiritual para nós. Jahgift serviu durante un tempo na oficina remota de tradución en Conakry e Eric foi nomeado servo ministerial.

Co tempo, Dorcas tivo que deixar de ser pioneira especial, pero seguiu sendo pioneira regular mentres criaba os nosos fillos. Eu seguín servindo como pioneiro especial, grazas a axuda de Xehová. Cando os rapaces medraron, Dorcas puido volver ser pioneira especial. E agora os dous servimos como misioneiros en Conakry.

XEHOVÁ DÁ VERDADEIRA SEGURIDADE

Sempre fun por onde Xehová me quixo levar e, a miúdo, a miña muller e mais eu sentimos como nos protexía e bendicía. Grazas a que confiamos nel en vez de nas cousas materiais, evitamos moitos problemas e preocupacións. Dorcas e eu vimos por nós mesmos que a Fonte da verdadeira seguridade é Xehová, o “Deus da nosa salvación” (1 Cró. 16:35, TNM). Estou seguro de que a vida de tódolos que confían nel “está gardada no acio dos que viven co Señor” (1 Sam. 25:29).