Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 48

Podes manter a confianza en momentos de inseguridade

Podes manter a confianza en momentos de inseguridade

“‘¡Ánimo! [...] Eu estou convosco —é o Señor dos Exércitos quen fala—’” (AX. 2:4).

CANCIÓN sjj 118 Auméntanos a fe

AVANCE a

1, 2. a) En que se parece a nosa situación á que viviron os xudeus que regresaron a Xerusalén? b) Menciona varios desafíos ós que se enfrontaron os xudeus (mira o recadro “ Nos días de Axeo, Zacarías e Esdras”).

 PREOCÚPACHE ás veces o futuro? Quizais perdiches o traballo e non estás seguro de se vas poder conseguir o necesario para coidar da túa familia. Ou poida que a inestabilidade política, a persecución ou a oposición na predicación che cause inquietude. Estás pasando por algunha destas situacións? Se é así, animarate moito analizar como Xehová axudou ós israelitas no pasado cando se enfrontaron a problemas parecidos.

2 Os xudeus que viviran en Babilonia toda a súa vida necesitaron fe para deixar atrás unha vida cómoda e viaxar a un país do que a maioría sabía moi pouco. Cando chegaron, non tardaron en sufrir problemas económicos e políticos, ademais de oposición. Isto fixo que a algúns lles custase concentrarse na reconstrución do templo de Xehová. Por iso, arredor do 520 a. n. e., Xehová enviou os profetas Axeo e Zacarías para que o pobo recuperase o entusiasmo (Ax. 1:1; Zac. 1:1). Como veremos, o ánimo que lle deron estes profetas tivo bos resultados. Pero uns 50 anos máis tarde, os xudeus retornados chegaron a un punto no que volveron necesitar ánimo. Entón Esdras, un hábil copista da Lei, foi dende Babilonia a Xerusalén para axudarlles a poñer a adoración a Xehová en primeiro lugar nas súas vidas (Esd. 7:1, 6).

3. Que preguntas imos contestar neste artigo? (Proverbios 22:19).

3 Do mesmo xeito que as profecías de Axeo e Zacarías axudaron ó pobo de Deus no pasado a seguir confiando nel durante a oposición, tamén nos poden axudar a nós a confiar en Xehová cando pasamos por situacións que nos causan inseguridade (le Proverbios 22:19). Mentres analizamos a mensaxe que lles deu Xehová a Axeo e Zacarías, e tamén o exemplo de Esdras, contestaremos as seguintes preguntas: Como lles afectaron as preocupacións da vida ós xudeus que regresaron do exilio? Como podemos seguir centrados en facer a vontade de Xehová cando pasamos por situacións de inseguridade? Como podemos fortalecer a nosa confianza en Xehová en tempos de crise?

COMO LLES AFECTARON AS PREOCUPACIÓNS DA VIDA ÓS XUDEUS

4, 5. Que puido facer que os xudeus perdesen o entusiasmo pola reconstrución do templo?

4 Cando os xudeus chegaron a Xerusalén, había moito que facer. Rapidamente reconstruíron o altar de Xehová e puxeron os fundamentos do templo (Esd. 3:1-3, 10). Pero o seu entusiasmo inicial pronto decaeu. Por que? Á parte dos traballos do templo, tamén tiñan que construír as súas propias casas, plantar as súas leiras e alimentar as súas familias (Esd. 2:68, 70). Ademais, tiñan que enfrontarse á oposición dos seus inimigos, que intentaban parar as obras de reconstrución do templo (Esd. 4:1-5).

5 Os xudeus retornados tamén se viron afectados pola inestabilidade económica e política. Agora formaban parte do Imperio Persa. Despois da morte do rei persa Ciro no 530 a. n. e., o seu sucesor, Cambises, comezou unha campaña militar para conquistar Exipto. É probable que, de camiño a Exipto, os seus soldados lles esixisen comida, auga e refuxio ós israelitas, complicándolles aínda máis a vida. O reinado do sucesor de Cambises, Darío I, caracterizouse pola gran cantidade de revoltas e a inestabilidade política. Sen dúbida, estas circunstancias aumentaron a preocupación que tiñan os xudeus por como ían manter as súas familias. Todo isto fixo que algúns deles sentisen que non era o momento de poñerse a reconstruír o templo de Xehová (Ax. 1:2).

6. Con que outras dificultades se encontraron os xudeus, e que lles asegurou Zacarías? (Zacarías 4:6, 7).

6 Le Zacarías 4:6, 7. Ademais de soportar dificultades económicas e inestabilidade política, os xudeus tamén se tiveron que enfrontar a persecución. No 522 a. n. e., os seus inimigos convenceron o goberno persa para que detivese a reconstrución do templo de Xehová. Pero, o profeta Zacarías aseguroulles ós xudeus que Deus utilizaría o seu poderoso espírito para eliminar calquera obstáculo que se encontrasen. E, no 520 a. n. e., o rei Darío anulou aquela prohibición, deulles máis cartos e encargouse de que tivesen o apoio dos gobernadores da zona (Esd. 6:1, 6-10).

7. Que bendicións recibiron os xudeus retornados cando puxeron en primeiro lugar a vontade de Deus?

 7 Por medio de Axeo e Zacarías, Xehová prometeulles ós seus servos que os apoiaría se poñían en primeiro lugar a reconstrución do templo (Ax. 1:8, 13, 14; Zac. 1:3, 16). Grazas ó animo que recibiron dos profetas, os xudeus retornados volveron ó traballo no ano 520 a. n. e., e rematárono en menos de 5 anos. A pesar das dificultades, os xudeus déronlle prioridade a facer a vontade de Xehová, por iso el lles axudou, tanto en sentido material como espiritual. Como resultado, foron moi felices adorando a Xehová (Esd. 6:14-16, 22).

SIGAMOS CENTRADOS EN FACER A VONTADE DE DEUS

8. Como poden axudarnos as palabras de Axeo 2:4 a poñer en primeiro lugar a vontade de Deus? (Ver tamén a nota).

8 A medida que se acerca a gran tribulación, é máis urxente ca nunca obedecer o mandato de predicar (Mc. 13:10). Pero, se estamos pasando por un problema económico ou sufrindo oposición na predicación, poida que se nos faga difícil estar enfocados neste labor. Entón, que pode axudarnos a poñer en primeiro lugar o Reino? Debemos manter a confianza en que Xehová, o “Señor dos Exércitos”, está do noso lado. b Se lle damos prioridade ó Reino na nosa vida, contaremos coa súa axuda e non teremos nada que temer (le Axeo 2:4).

9, 10. Como comprobou un matrimonio o certas que son as palabras de Xesús rexistradas en Mateo 6:33?

9 Fíxate no exemplo de Oleg e Irina, un matrimonio de pioneiros. c Despois de mudarse para axudar nunha congregación doutra zona, perderon a súa fonte de ingresos como consecuencia da mala situación económica do seu país. Aínda que estiveron case un ano sen encontrar un traballo estable, vez tras vez sentían a cariñosa man de Xehová. E, en máis dunha ocasión, tamén recibiron axuda dos seus irmáns. Como foron capaces de soportar unha situación tan inestable? Oleg, que ó principio estaba deprimido, despois dixo: “Manternos ocupados na predicación axudounos a estar centrados no máis importante”. Mentres el e a súa muller seguían buscando traballo, pasaban todo o tempo que podían predicando.

10 Un día, cando chegaron da predicación, déronse conta de que un bo amigo viaxara 160 km para traerlles dúas bolsas de comida. Oleg conta: “Ese día sentimos unha vez máis o moito que nos coida Xehová e a congregación. Estamos convencidos de que Xehová nunca se esquecerá dos seus servos, aínda que pareza que a situación non ten saída” (Mt. 6:33).

11. Que podemos esperar se nos centramos en facer a vontade de Deus?

11 Xehová quere que nos concentremos en participar no labor de predicar porque salva vidas. Como se mencionou no  parágrafo 7, Axeo instou os xudeus a que retomasen o seu servizo sagrado, coma se estivesen poñendo outra vez os fundamentos do templo. Se o facían, Xehová prometeulles que os bendiciría (Ax. 2:18, 19). Nós tamén podemos estar seguros de que Deus bendicirá tódolos nosos esforzos se lle damos prioridade á tarefa que el nos asignou.

COMO TER MÁIS CONFIANZA EN XEHOVÁ

12. Por que necesitaron Esdras e os seus compañeiros de viaxe unha fe forte?

12 No ano 468 a. n. e., Esdras viaxou cun segundo grupo de xudeus dende Babilonia a Xerusalén. Tanto el coma os seus compañeiros de viaxe necesitaron unha fe forte para facelo. Por que? Porque viaxarían por camiños perigosos levando unha gran cantidade de ouro e prata que se doara para o templo. Iso converteríaos nun obxectivo fácil para os ladróns (Esd. 7:12-16; 8:31). Ademais, rápido se deron conta de que a cidade de Xerusalén non era nada segura porque estaba pouco poboada e as súas murallas e portas necesitaban reparacións. Que podemos aprender do libro de Esdras sobre confiar en Xehová?

13. Como fortaleceu Esdras a súa confianza en Xehová? (Ver tamén a nota).

13 Esdras vira como Xehová apoiara o seu pobo durante as dificultades. É probable que Esdras vivise en Babilonia cando, no 484 a. n. e., o rei Axuero emitiu un decreto para exterminar os xudeus en todo o Imperio Persa (Est. 3:7, 13-15). A súa vida corría perigo! Cando souberon da ameaza, os xudeus de “cada provincia” angustiáronse tanto que non comían e choraban mentres lle pedían a Xehová a súa axuda en oración (Est. 4:3). Imaxina como se tiveron que sentir este profeta e os demais xudeus cando a situación deu un xiro radical e agora eran os seus inimigos os que estaban sendo perseguidos! (Est. 9:1, 2) Pode que o que Esdras viviu durante estes momentos difíciles o preparase para probas futuras. Seguramente isto tamén fortaleceu a súa confianza en que Xehová pode protexer o seu pobo. d

14. Que lección aprendeu unha irmá ó recibir o coidado de Xehová en momentos de inseguridade?

14 Cando pasamos por momentos de inseguridade e percibimos a axuda de Xehová, a nosa confianza nel fortalécese. Fíxate no exemplo de Anastasia, que vive na Europa do leste. Esta irmá deixou o seu traballo para poder manter a neutralidade en asuntos políticos. Ela conta: “Foi a primeira vez na miña vida que quedei sen cartos”. Entón engade: “Deixei o asunto nas mans de Xehová e vin como coidou de min con cariño. Se volvo quedar sen traballo, non terei medo. Se o meu Pai celestial me coida hoxe, como non vai coidar de min mañá?”.

15. Que lle axudou a Esdras a seguir confiando en Xehová? (Esdras 7:27, 28).

15 Esdras viu a man de Xehová na súa vida. Sen dúbida, reflexionar en como Xehová o socorreu, axudoulle a manter a súa confianza nel. Fíxate na seguinte expresión: “A man do Señor meu Deus estaba sobre min” (le Esdras 7:27, 28). Esdras exprésase de forma parecida varias veces no libro que leva o seu nome (Esd. 7:6, 9; 8:18, 22, 31).

En que situacións podemos ver máis claramente a man de Xehová na nosa vida? (Ver o parágrafo 16). e

16. En que situacións poida que vexamos a man de Xehová máis claramente na nosa vida? (Ver tamén a imaxe).

16 Xehová pode axudarnos cando estamos pasando por probas. Por exemplo, cando pedimos o tempo libre que necesitamos para asistir a un congreso ou solicitamos un cambio no horario de traballo para estar en tódalas reunións de congregación, creamos unha oportunidade para ver a man de Xehová na nosa vida. E pode que nos sorprendamos do ben que saen as cousas. Como resultado, a nosa confianza en Deus farase máis forte.

Esdras chorando mentres ora no templo, angustiado polos pecados do pobo. O resto da xente tamén chora. Entón, Xecanías anima a Esdras asegurándolle o seguinte: “Isto aínda pode ter remedio para Israel [...]; nós estamos ó teu lado” (Esd. 10:​2, 4) (ver o parágrafo 17).

17. Como demostrou Esdras humildade en tempos difíciles? (Ver tamén a imaxe da portada da revista).

17 Esdras buscou humildemente a axuda de Xehová por medio da oración. Cada vez que se sentía desbordado polas responsabilidades que tiña que atender, Esdras oráballe a Xehová con humildade (Esd. 8:21-23; 9:3-5). A súa actitude motivou os que o rodeaban a apoialo e a imitar a súa fe (Esd. 10:1-4). Cando nos sintamos preocupados polas nosas necesidades materiais ou pola seguridade da nosa familia, dirixámonos con total confianza a Xehová en oración.

18. Que pode axudarnos a confiar máis en Xehová?

18 Se buscamos con humildade a axuda de Xehová e aceptamos o apoio dos irmáns, a nosa confianza en Deus medrará. Erika, que é nai de tres fillos, mantivo a súa confianza en Xehová cando se enfrontou a varias traxedias. En pouco tempo, perdeu a súa filliña que aínda non nacera e o seu querido marido. Pensando en todo o que pasou, ela conta: “Non podes saber de antemán como che vai axudar Xehová. Pode facelo de maneiras sorprendentes. Deime conta de que Xehová usou os meus amigos para contestar a moitas das miñas oracións con algo que me dixeron ou que fixeron por min. Se lles conto ós meus amigos o que me pasa, seralles máis fácil axudarme”.

SIGUE CONFIANDO EN XEHOVÁ ATA O FINAL

19, 20. Que aprendemos dos xudeus que non puideron volver a Xerusalén?

19 Tamén podemos aprender unha valiosa lección dos xudeus que non puideron volver a Xerusalén. É probable que algúns se visen limitados pola idade avanzada, enfermidades graves ou obrigacións familiares. Aínda así, apoiaron de boa gana os que volvían a Xerusalén dándolles moitas das cousas que necesitarían para o templo (Esd. 1:5, 6). E parece ser que, uns 19 anos despois de que chegase o primeiro grupo de retornados a Xerusalén, os xudeus que quedaran en Babilonia aínda mandaban cousas de forma voluntaria a Xerusalén (Zac. 6:10).

20 Aínda que non poidamos facer todo o que nos gustaría no servizo a Xehová, podemos estar seguros de que el valora os esforzos sinceros que facemos por agradarlle. Como o sabemos? Nos días de Zacarías, Xehová pediulle ó profeta que fixese unha coroa co ouro e a prata que enviaran os exiliados que estaban en Babilonia (Zac. 6:11). Esta impresionante coroa serviría de “memorial”, ou recordo, das súas xenerosas contribucións (Zac. 6:14). Así que podemos estar seguros de que o noso Pai celestial nunca se esquecerá dos esforzos que facemos por servilo en tempos de inseguridade (Heb. 6:10).

21. Que nos axudará a seguir confiando en Xehová sen importar as dificultades ás que nos enfrontemos no futuro?

21 Non hai dúbida de que, nestes últimos días, seguiremos pasando por momentos de inestabilidade, e as condicións incluso poden empeorar no futuro (2 Tim. 3:1, 13). Pero, non debemos preocuparnos en exceso. Recordemos as animadoras palabras que lle dixo Xehová ó seu pobo nos días de Axeo: “Eu estou convosco. [...] Non teñades medo” (Ax. 2:4, 5). Mentres fagamos todo o posible por cumprir a vontade de Deus, podemos ter a seguridade de que el estará con nós. Se aplicamos na nosa vida as leccións que aprendemos do exemplo de Esdras e das profecías de Axeo e Zacarías, manteremos a nosa confianza en Xehová sen importar as situacións de inseguridade polas que poidamos pasar no futuro.

CANCIÓN sn 32 Manteñámonos firmes e inabalables!

a Este artigo está pensado para axudarnos a fortalecer a nosa confianza en Xehová cando nos enfrontamos a dificultades económicas, inestabilidade política e social ou oposición na predicación.

b A expresión “Señor dos Exércitos” aparece 14 veces no texto orixinal do libro de Axeo. Isto recordáballes ós xudeus, e tamén a nós, que o poder de Xehová é ilimitado e que ten baixo o seu control enormes exércitos de criaturas espirituais (Sal. 103:20, 21).

c Cambiáronse algúns nomes.

d Como hábil copista da Lei de Deus, Esdras tamén cultivara unha gran confianza nas profecías de Xehová incluso antes de viaxar a Xerusalén (2 Cró. 36:22, 23; Esd. 7:6, 9, 10; Xer. 29:14).

e DESCRICIÓN DA IMAXE: Un irmán pedíndolle ó seu xefe que lle dea o tempo que necesita para ir a un congreso. Pero este dille que non. O irmán ora pedindo axuda mentres se prepara para volver falar co seu xefe. O irmán ensínalle a invitación para o congreso ó seu xefe e explícalle o bo que é aprender da Biblia. O xefe queda impresionado e cambia de opinión.