Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 49

Responderá Xehová as miñas oracións?

Responderá Xehová as miñas oracións?

“Habédesme invocar e viredes onda min; rezarédesme a min, e eu escoitareivos” (XER. 29:12).

CANCIÓN sjj 41 Sinte meu rogo

AVANCE a

1, 2. Por que poderiamos sentir que Xehová non está contestando as nosas oracións?

 “PON as delicias no Señor: El darache o que arela o teu corazón” (Sal. 37:4). Que promesa tan bonita! Pero, podemos esperar que Xehová nos dea inmediatamente todo o que lle pedimos? Por que é posible que nos fagamos esta pregunta? Pensa nas seguintes situacións: Unha irmá solteira ora para que a inviten a asistir ó Curso para Evanxelizadores do Reino. Pero pasaron varios anos e aínda non a invitaron. Un irmán xove pídelle a Xehová que lle axude a recuperarse dunha enfermidade grave para poder facer máis pola congregación. Pero a súa saúde non mellora. Uns pais cristiáns oran para que o seu fillo se manteña na verdade. Pero o rapaz decide deixar de servir a Xehová.

2 Pode que ti tamén lle pedises algo a Xehová pero non o recibises. Quizais por iso chegues á conclusión de que Xehová contesta as oracións dos demais pero non as túas. Ou incluso penses que fixeches algo mal. Unha irmá, á que chamaremos Janice, sentiuse así. b Ela e o seu home expresáronlle a Xehová o seu desexo sincero de servir en Betel. Janice conta: “Estaba convencida de que, en pouco tempo, estariamos alí”. Pero os meses convertéronse en anos e aínda non recibiran a invitación. Ela segue dicindo: “Estaba triste e confundida e preguntábame se fixera algo para decepcionar a Xehová. Pedíralle especificamente que nos permitise servir en Betel. Por que non me contestaba?”.

3. Que imos analizar neste artigo?

3 Ás veces pode que nos preguntemos se Xehová escoita as nosas oracións. Isto tamén lles pasou a algúns servos fieis do pasado (Xob 30:20; Sal. 22:3 [22:2, TNM]; Hab. 1:2). Que te pode convencer de que Xehová che responderá? (Sal. 65:3 [65:2, TNM]) Para contestar esta pregunta, primeiro temos que analizar os seguintes puntos: 1) Que podemos esperar de Xehová? 2) Que espera Xehová de nós? 3) Por que é posible que teñamos que reaxustar o que pedimos nas nosas oracións?

QUE PODEMOS ESPERAR DE XEHOVÁ?

4. Segundo Xeremías 29:12, que promesa nos fai Xehová?

4 Xehová promete que escoitará as nosas oracións (le Xeremías 29:12). O noso Deus ama os seus servos fieis, por iso nunca ignora as súas oracións (Sal. 10:17, TNM; 37:28). Pero iso non significa que nos vaia dar todo o que lle pedimos. Pode que teñamos que esperar ata o novo mundo para recibir algunhas destas cousas.

5. Que ten en conta Xehová cando escoita as nosas oracións? Explica a túa resposta.

5 Xehová ten en conta se as nosas peticións están de acordo co seu propósito (Is. 55:8, 9). Unha parte do seu propósito é encher a Terra de homes e mulleres que vivan felices e unidos baixo o seu goberno. Pero Satanás afirma que ós humanos lles vai mellor se se gobernan a si mesmos (Xén. 3:1-5). Así que Xehová está permitindo a gobernación humana para demostrar que o Demo se equivoca. Como resultado, este tipo de goberno é a causa de moitos dos problemas que temos hoxe en día (Ecl. 8:9). Entendemos que Xehová non vai solucionar todos estes asuntos de momento porque, se o fixese, algúns poderían pensar que a gobernación humana funciona e que é capaz de resolver os problemas das persoas.

6. Por que necesitamos estar convencidos de que Xehová sempre vai actuar con amor e xustiza?

6 Xehová pode responder a mesma petición de formas diferentes. Por exemplo, cando o rei Ezequías estaba moi enfermo, suplicoulle a Deus que lle axudase a recuperarse. Xehová contestou esa oración curándoo (2 Re. 20:1-6). Pola contra, cando o apóstolo Paulo lle pediu a Deus que lle quitase “un aguillón na carne”, que posiblemente era un problema de saúde, El non o fixo (2 Cor. 12:7-9). Outro exemplo é o que lles pasou ós apóstolos Santiago e Pedro. O rei Herodes quería matalos ós dous. Así que a congregación orou por Pedro e seguramente tamén por Santiago. Aínda así, Santiago morreu pero Xehová fixo un milagre para salvar a Pedro (Feit. 12:1-11). Pode que nos preguntemos: “Por que salvou a Pedro e non a Santiago?”. A Biblia non o di. c Pero do que podemos estar seguros é de que Xehová sempre actúa con xustiza (Dt. 32:4). E tamén sabemos que tanto Pedro coma Santiago tiñan a súa aprobación (Ap. 21:14). Poida que ás veces Xehová non conteste as nosas oracións da forma que esperabamos. Pero como temos a confianza de que sempre é xusto e amoroso, non cuestionamos a súa maneira de respondernos (Xob 33:13).

7. Que temos que evitar, e por que?

7 Temos que evitar comparar a nosa situación coa doutros. Poida que lle pidamos a Xehová que nos axude dunha maneira moi específica e el non o faga. Pero, máis tarde, quizais saibamos de alguén que lle pediu algo similar e parece que Deus llo concedeu. Isto foi o que lle pasou a unha irmá que se chama Anna. Ela pediulle a Xehová que o seu home, Matthew, se recuperase dun cáncer. Ó mesmo tempo, había outras dúas irmás maiores que tamén estaban loitando contra esta enfermidade. Aínda que Anna orou intensamente tanto por Matthew como polas irmás, elas recuperáronse pero o seu home morreu. Isto fixo que Anna se preguntase se fora Xehová quen curara as irmás maiores. E se era así, por que non fixera o mesmo co seu home? Claro, non podemos saber con seguridade por que estas irmás superaron a súa enfermidade. Pero, o que si sabemos é que Xehová vai solucionar de maneira definitiva tódolos nosos problemas no futuro e que ten moitas ganas de resucitar os seus amigos que xa morreron (Xob 14:15).

8. a) Segundo Isaías 43:2, como nos axuda Xehová? b) Como nos axuda a oración cando pasamos por probas difíciles? (Mira o vídeo A oración axúdanos a aguantar).

8 Xehová sempre nos vai axudar. Como é o noso cariñoso Pai, non quere vernos sufrir (Is. 63:9, TNM). Aínda así, non nos vai librar de tódolos nosos problemas, que ás veces poden ser coma ríos ou chamas (le Isaías 43:2). Pero o que si nos promete é que nos axudará a pasar “a través” deles. Tampouco permitirá que estes problemas nos causen dano permanente. Ademais, vainos dar o seu poderoso espírito para que poidamos soportalos (Lc. 11:13; Flp. 4:13). Así que podemos estar seguros de que sempre teremos xusto o que necesitamos para seguir aguantando e serlle fieis a Xehová. d

QUE ESPERA XEHOVÁ DE NÓS?

9. De acordo con Santiago 1:6, 7, por que temos que confiar en que Xehová nos axudará?

9 Xehová espera que confiemos nel (Heb. 11:6). Ás veces pode parecernos que non imos ser capaces de superar certas probas. E quizais comecemos a dubidar de se Xehová nos vai axudar. Pero a Biblia asegúranos que co poder de Deus poderemos “saltar murallas” (Sal. 18:30 [18:29, TNM]). Así que en vez de permitir que esas dúbidas crezan, deberiamos orarlle a Xehová con moita fe e confiar en que el nos vai responder (le Santiago 1:6, 7).

10. Pon un exemplo de como podemos actuar de acordo co que pedimos nas nosas oracións.

10 Xehová espera que actuemos de acordo co que lle pedimos. Por exemplo, poida que un irmán lle pida a Xehová que lle axude a conseguir o tempo libre necesario no traballo para poder ir ó congreso rexional. De que formas lle podería responder Xehová? Quizais lle dea ó irmán o valor que necesita para falar co xefe. Pero, aínda así, o irmán terá que tomar a iniciativa e facelo, ó mellor incluso máis dunha vez. Tamén pode ser que teña que cambiar o horario con algún compañeiro ou ata pedir que lle desconten ese tempo do seu salario.

11. Por que deberiamos orar con insistencia?

11 Xehová espera que lle oremos con insistencia sobre as cousas que son importantes para nós (1 Tes. 5:17). Xesús deu a entender que non sempre iamos recibir a resposta ás nosas oracións de forma inmediata (Lc. 11:9). Así que non nos deamos por vencidos! Oremos de corazón e con insistencia (Lc. 18:1-7). Cando seguimos orando por un asunto, demostrámoslle a Xehová que o que lle pedimos non é só un capricho pasaxeiro. Tamén lle demostrará que temos fe en que el pode axudarnos.

POR QUE É POSIBLE QUE TEÑAMOS QUE REAXUSTAR O QUE PEDIMOS?

12. a) Cal é unha das preguntas que nos deberiamos facer sobre as nosas oracións, e por que? b) Como podemos asegurarnos de que as nosas oracións demostran respecto por Xehová? (Mira o recadro “ Demostran as miñas oracións que respecto a Xehová?”).

12 Se non recibimos o que pedimos en oración, é posible que teñamos que facernos tres preguntas. A primeira é: “É apropiado o que estou pedindo?”. Moitas veces cremos que sabemos o que é mellor para nós. Pero pode que o que esteamos pedindo non nos beneficie a longo prazo. Se estamos orando para que Xehová nos axude cun problema, quizais haxa unha solución moito mellor que a que nós pensamos. Incluso pode que algunhas cousas das que pedimos non estean de acordo coa vontade de Xehová (1 Xn. 5:14). Vexamos, por exemplo, o caso dos pais que mencionamos ó principio deste artigo. Eles rogáranlle a Xehová que o seu fillo permanecese na verdade. Esta petición parece ser apropiada. Pero Xehová non obriga a ninguén a servilo. El quere que todos, incluídos os nosos fillos, escollamos adoralo (Dt. 10:12, 13; 30:19, 20). Así que, o que estes pais lle poderían pedir a Xehová é que lles axude a tocar o corazón do seu fillo para que este chegue a amalo e se faga amigo Seu (Pr. 22:6; Ef. 6:4).

13. Segundo Hebreos 4:16, cando nos contestará Xehová? Explica a túa resposta.

13 A segunda pregunta é: “Considera Xehová que é o momento de darme o que lle pido?”. Dende o noso punto de vista, quizais pensemos que Xehová ten que respondernos xa. Pero o certo é que el sabe cando é o mellor momento para facelo (le Hebreos 4:16). Se Xehová non nos contesta de maneira inmediata, quizais cheguemos á conclusión de que a súa resposta é “non”. Pero en realidade podería ser “aínda non”. Por exemplo, volve pensar no irmán xove que lle pide a Xehová que o cure da súa enfermidade. Se Deus fixese ese milagre, Satanás podería argumentar que o irmán só segue servindo a Xehová porque o curou (Xob 1:9-11; 2:4). Ademais, o noso Pai xa ten un tempo fixado para acabar con tódalas enfermidades (Is. 33:24; Ap. 21:3, 4). Ata entón, non podemos esperar curacións milagrosas. Así que, o que este mozo lle podería pedir a Xehová é que lle dea as forzas e a paz mental necesarias para aguantar a súa enfermidade e seguir servíndoo fielmente (Sal. 29:11).

14. Que che ensina a experiencia de Janice?

14 Pensa na experiencia de Janice, quen lle pedía a Xehová poder servir en Betel. Pasaron cinco anos ata que entendeu como respondera Xehová a súa oración. Ela conta: “Xehová usou ese tempo para ensinarme e axudarme a mellorar. Agora confío moito máis nel. Necesitaba mellorar os meus hábitos de estudo e aprender que a felicidade non depende das miñas circunstancias”. Tempo despois, invitárona a ela e ó seu marido a servir na obra de circuíto. Janice di: “Xehová contestou as miñas oracións, aínda que non da forma que eu esperaba. Necesitei o meu tempo para darme conta de que a súa resposta foi un regalo. Estoulle moi agradecida de que me dese esta oportunidade de sentir o seu cariño e a súa bondade”.

Se sentes que Xehová non respondeu a túa petición, pensa en pedirlle outras cousas (ver o parágrafo 15). f

15. Por que é necesario que ás veces oremos cunha perspectiva máis ampla? (Ver tamén as imaxes).

15 A terceira pregunta é: “Debería orar cunha perspectiva máis ampla?”. Aínda que é bo ser específico nas nosas oracións, é posible que nos sexa máis fácil ver o que Xehová quere para nós se oramos cunha perspectiva máis aberta. Pensemos no exemplo da irmá solteira que ora porque quere asistir ó Curso para Evanxelizadores do Reino. A súa intención é ir ó curso e así poder predicar nun sitio de maior necesidade. Así que, mentres segue orando para que a inviten a asistir, tamén podería pedirlle a Xehová que lle axude a identificar outras maneiras de ampliar o seu servizo (Feit. 16:9, 10). A continuación, podería actuar en harmonía coa súa petición preguntándolle ó superintendente de circuíto se algunha congregación da zona necesita máis pioneiros. Ou podería escribirlle á sucursal preguntando sobre onde hai máis necesidade de publicadores. e

16. De que podemos estar convencidos?

16 Neste artigo vimos que podemos estar convencidos de que Xehová responderá as nosas peticións dunha maneira amorosa e xusta (Sal. 4:4 [4:3, TNM]; Is. 30:18). Ás veces pode que a resposta non sexa a que esperamos, pero Xehová nunca ignorará as nosas oracións. El quérenos moitísimo e nunca nos abandonará (Sal. 9:11 [9:10, TNM]). Así que, “afiúnza [ou confía] sempre nel”, abríndolle o teu corazón cando lle oras (Sal. 62:9 [62:8, TNM]).

CANCIÓN sn 13 Oración de grazas

a Neste artigo explicarase por que podemos ter a confianza de que Xehová sempre vai responder as nosas oracións dunha forma xusta e amorosa.

b Cambiáronse algúns nomes.

c Mira o artigo “¿Confiamos en la manera en la que Jehová hace las cosas?” da revista La Atalaya de febreiro de 2022 parágrafos 3 a 6 (dispoñible en español).

d Para saber máis sobre como Xehová nos axuda a aguantar probas difíciles, mira o vídeo A oración axúdanos a aguantar en jw.org.

e Se queres saber como facerte dispoñible para servir no territorio que atende outra sucursal, mira o libro Organizados para hacer la voluntad de Jehová, capítulo 10 parágrafos 6 a 9 (dispoñible en español).

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Dúas irmás orando antes de encher cada unha a súa solicitude do Curso para Evanxelizadores do Reino. Máis tarde, invitan a unha delas e a outra non. Pero en vez de decepcionarse, a irmá que non invitaron óralle a Xehová para que lle axude a ver outras oportunidades de ampliar o seu servizo. Despois escríbelle unha carta á sucursal ofrecéndose para servir onde haxa máis necesidade.