Ir ó contido

Ir ó índice

ARTIGO DE ESTUDO 46

Xehová dános a garantía de que fará da Terra un paraíso

Xehová dános a garantía de que fará da Terra un paraíso

O que queira ser bendito coa felicidade na terra, ha de ser bendito polo Deus Amén” (IS. 65:16).

CANCIÓN snnw 152 A nosa forza, a nosa esperanza, a nosa confianza

AVANCE a

1. Que mensaxe lle deu o profeta Isaías ó pobo de Israel?

 O PROFETA Isaías describiu a Xehová como o “Deus Amén”. A palabra “amén” ás veces tradúcese como “verdade” (Is. 65:16). “Amén” significa “así sexa” ou “de seguro”. Na Biblia, cando se usa esta palabra para referirse a Xehová ou Xesús é unha garantía de que algo é verdadeiro. Así que a mensaxe de Isaías ó pobo de Israel era clara: sempre que Xehová predí algo, faise realidade. De feito, Xehová demostrou isto cumprindo sempre tódalas súas promesas.

2. Por que podemos confiar nas promesas de Deus para o futuro, e que preguntas imos contestar?

2 E nós, podemos ter a mesma confianza que tivo Isaías nas promesas que fixo Xehová para o futuro? Uns 800 anos despois do tempo de Isaías, o apóstolo Paulo explicou por que as promesas de Deus sempre son fiables. Referíndose a Xehová, el dixo: “É imposible que minta” (Heb. 6:18). Igual que unha fonte non pode botar auga doce e salgada ó mesmo tempo, Xehová é a Fonte da verdade e non pode mentir. Por iso podemos confiar por completo en todo o que el di, incluídas as súas promesas para o futuro. Neste artigo contestaremos as seguintes preguntas: Que prometeu Xehová que nos daría no futuro? E como nos asegura que a súa promesa se fará realidade?

QUE PROMETEU XEHOVÁ?

3. a) Que promesa valoramos moito os servos de Deus? (Apocalipse 21:3, 4) b) Como responden algúns cando compartimos esta promesa con eles?

3 A continuación imos analizar unha promesa que tódolos servos de Xehová valoramos moito (le Apocalipse 21:3, 4). A Biblia di que chegará o día no que “a morte xa non existirá máis. Nin haberá máis loito nin pranto nin dor”. Moitos de nós utilizamos estas animadoras palabras sobre como será a vida no Paraíso cando lles predicamos a outros. Pero, como responden algunhas persoas cando as escoitan? Algúns quizais digan: “Isto é demasiado bonito para ser certo”.

4. a) Que sabía Xehová que ía pasar nos nosos días cando fixo esta promesa? b) Á parte de facernos esta promesa, que máis fixo Xehová?

4 Por suposto, cando Deus inspirou o apóstolo Xoán para que escribise esta promesa sobre o Paraíso, el xa sabía que os cristiáns da actualidade compartiriamos esta esperanza con outras persoas cando predicásemos a mensaxe do Reino. E Xehová tamén predixo que a moitos lles custaría crer todos estes cambios para o futuro (Is. 42:9; 60:2; 2 Cor. 4:3, 4). Entón, como lles podemos asegurar a outros, e a nós mesmos, que as bendicións que se describen en Apocalipse 21:3, 4 se farán realidade? Xehová non só nos fixo esta marabillosa promesa para o futuro, senón que tamén nos deu razóns de peso para crer nela. Cales son?

XEHOVÁ DÁNOS GARANTÍAS

5. Onde podemos encontrar razóns para confiar na promesa de Deus sobre o Paraíso, e cales son?

5 Nos seguintes versículos encontramos algunhas razóns para confiar na promesa de Xehová sobre o Paraíso. Alí lemos: “O que estaba sentado no trono dixo: ‘Vede que volvo novas tódalas cousas’. E mandóuseme: ‘Escribe, porque estas palabras merecen fe e din a verdade’. E seguiu dicindo: ‘Xa están renovadas: eu son o Alfa e o Omega, o Principio e a Fin’” (Ap. 21:5, 6a).

6. Por que fortalece a nosa fe na promesa de Deus a garantía que aparece en Apocalipse 21:5, 6?

6 Como fortalece esta pasaxe da Biblia a nosa confianza na promesa de Deus? O libro Apocalipsis... ¡se acerca su magnífica culminación! di o seguinte sobre estes versículos: “É coma se Xehová mesmo estivese firmando para a humanidade fiel unha garantía, ou un título de propiedade, en canto a estas bendicións futuras”. b Esta promesa de Deus encóntrase en Apocalipse 21:3, 4. Pero nos versículos 5 e 6 está, por así dicilo, a firma de Xehová que nos asegura a veracidade desta promesa. Analicemos máis de cerca as palabras que usa Xehová para darnos esta garantía.

7. Por que é especial a introdución destes versículos, e que garantía nos dá?

7 A garantía de Deus comeza xa na introdución, cando di: “O que estaba sentado no trono dixo” (Ap. 21:5a). Estas palabras son especiais porque indican que é Xehová mesmo quen revela a visión. Isto só ocorre tres veces no libro da Apocalipse. Así que non é nin un anxo poderoso, nin sequera Xesús o que dá a garantía, senón o propio Xehová! Isto demostra que podemos confiar completamente no que dirá a continuación. Por que? Porque Deus “non mente” (Tit. 1:2). Por iso estamos seguros de que as palabras que lemos en Apocalipse 21:5, 6 se farán realidade.

“VEDE QUE VOLVO NOVAS TÓDALAS COUSAS”

8. Como destaca Xehová que as súas promesas se cumprirán? (Isaías 46:10).

8 Analicemos agora a expresión “Vede” (Ap. 21:5). Este termo grego, que ás veces tamén se traduce como “Mira”, úsase en repetidas ocasións no libro da Apocalipse. Unha obra de consulta afirma que esta expresión se utiliza como “unha forma de chamar a atención do lector para o que se vai dicir despois”. E, que vén a continuación? Deus asegura: “Volvo novas tódalas cousas”. É certo que Xehová está falando sobre cambios que vai realizar no futuro, pero para el son tan reais que fala deles coma se xa estivesen ocorrendo (le Isaías 46:10).

9. a) A que dúas accións de Xehová fai referencia a expresión “volvo novas tódalas cousas”? b) Que pasará cos ceos e coa terra actuais?

9 Analicemos agora a seguinte frase que se encontra en Apocalipse 21:5: “Volvo novas tódalas cousas”. Neste capítulo, esta expresión fai referencia a dúas cousas que pode facer Xehová: substituír e restaurar. En primeiro lugar, que substituirá Xehová? En Apocalipse 21:1 lemos que “o primeiro ceo e a primeira terra xa pasaran”. “O primeiro ceo” refírese ós gobernos políticos influenciados por Satanás e os seus demos (Mt. 4:8, 9; 1 Xn. 5:19). Moitas veces, a Biblia usa a palabra “terra” cando fala dos seus habitantes (Xén. 11:1; Sal. 96:1). Así que, “a primeira terra” é a sociedade humana malvada que existe na actualidade. Xehová non se limitará a reparar o “ceo” e a “terra” actuais, senón que os substituirá por completo. No seu lugar establecerá “un ceo novo e unha terra nova”, é dicir, un goberno e unha sociedade humana completamente novos.

10. Que vai volver novo Xehová?

10 En Apocalipse 21:5 tamén lemos o que Xehová di sobre as cousas que volverá novas, ou restaurará. Notemos que el non dixo que ía facer tódalas cousas de novo. O que dixo é que volve novas tódalas cousas. Deus fará que a Terra e os humanos se volvan novos levándoos á perfección. Tal e como predixo Isaías, toda a Terra se converterá nun fermoso xardín, como era o de Edén. Nós tamén nos volveremos novos cando Xehová alivie por completo todo o noso sufrimento. Curará os coxos, os cegos e os xordos e incluso resucitará as persoas que morreron (Is. 25:8; 35:1-7).

“ESTAS PALABRAS MERECEN FE E DIN A VERDADE. [...] XA ESTÁN RENOVADAS”

11. Que mandato e que razón lle deu Xehová a Xoán?

11 Que máis dixo Xehová para que poidamos confiar nel? El díxolle a Xoán: “Escribe, porque estas palabras merecen fe e din a verdade” (Ap. 21:5). Así que, non só deu o mandato de que se escribisen, senón que tamén deu a razón pola que se debía facer cando dixo que “estas palabras merecen fe e din a verdade”. Isto significa que son exactas e fiables. Estamos moi agradecidos de que Xoán obedecese este mandato. Grazas a iso, podemos ler a fermosa promesa que Deus nos fixo sobre o Paraíso e meditar nas marabillosas bendicións que nos esperan no futuro.

12. Por que pode Xehová usar a expresión “xa están renovadas”?

12 Que segue dicindo Xehová? Di que “xa están renovadas” (Ap. 21:6). Xehová fala coma se tódalas cousas mencionadas sobre o Paraíso xa se cumprisen e xa fosen realidade. E por que se expresa así? Porque nada pode impedir que el cumpra o seu propósito. Pero, Xehová dános aínda máis seguridade na seguinte parte da súa garantía. Que máis engadiu?

“EU SON O ALFA E O OMEGA”

13. Por que di Xehová de si mesmo “eu son o Alfa e o Omega”?

13 Uns parágrafos atrás vimos que, nas visións que se lle revelaron a Xoán, Xehová mesmo falou tres veces (Ap. 1:8; 21:5, 6; 22:13). E en cada unha destas ocasións fixo a mesma declaración: “Eu son o Alfa e o Omega”. O alfabeto grego comeza coa letra alfa e conclúe coa letra omega. Ó usar esta expresión, Xehová indica que cando empeza algo, lévao a cabo ata que o remata con éxito.

Cando Xehová empeza algo, lévao a cabo ata que o remata con éxito (ver os parágrafos 14 e 17).

14. a) Pon un exemplo de cando Xehová dixo “Alfa” e cando dirá “Omega”. b) Que garantía atopamos en Xénese 2:1-3?

14 Despois de que Xehová crease a Adam e Eva, el explicoulles cal era o seu propósito para a humanidade e para a Terra. A Biblia di que Xehová “bendiciunos así: ‘Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea’” (Xén. 1:28). Nese momento, Xehová dixo “Alfa” porque deixou claro cal era o seu propósito. El quería que a Terra estivese chea de descendentes perfectos e obedientes de Adam e Eva e que a transformasen nun paraíso. No momento no que se cumpra por completo o seu propósito, será coma se dixese “Omega”. Despois de completar a creación do ceo e da Terra, Xehová mencionou algo que demostra que o seu propósito se cumprirá sen falta. Podemos atopalo en Xénese 2:1-3 (leo). Nesta pasaxe lemos que o sétimo día é sagrado para Xehová, o que significa que o separou co obxectivo de cumprir o seu propósito para a humanidade e para a Terra. Iso dános a garantía de que cando acabe o sétimo día, o seu propósito xa estará cumprido por completo.

15. Por que podería parecer que Satanás truncou o propósito de Xehová para a humanidade?

15 Despois de que Adam e Eva se rebelasen contra Xehová, convertéronse en pecadores e pasáronlles o pecado e a morte a tódolos seus descendentes (Rm. 5:12). Por iso, podería parecer que Satanás truncou o propósito de Xehová de encher a Terra de persoas perfectas e obedientes. Pero, pode Satanás impedir que Xehová cumpra a súa promesa e que diga “Omega”? Quizais o Demo cría que a Deus xa non lle quedaban moitas máis opcións. Ó mellor pensou que Xehová ía eliminar a Adam e Eva e crear outra parella perfecta que cumprise o seu propósito. Pero se Deus fixese iso, Satanás podería acusalo de mentireiro. Por que? Porque como vimos en Xénese 1:28, Xehová díxolles a Adam e Eva que sería a súa descendencia a que enchería a Terra.

16. Por que podería pensar Satanás que Xehová ía fracasar?

16 En que outra opción poida que pensase Satanás? Quizais lle parecía que Xehová lles ía permitir a Adam e Eva ter fillos, pero que estes nunca chegarían a ser perfectos (Ecl. 7:20; Rm. 3:23). Nese caso, o Demo acusaría a Xehová de fracasar. Por que dicimos isto? Porque esta opción non cumpriría o propósito de Deus de facer da Terra un paraíso no que vivisen descendentes perfectos e obedientes de Adam e Eva.

17. Como resolveu Xehová a rebelión de Satanás e da primeira parella humana, e cal será o resultado final? (Ver tamén a imaxe).

17 A forma na que Xehová resolveu esta rebelión seguro que deixou moi sorprendido a Satanás (Sal. 92:6 [92:5, TNM]). Deus permitiu que Adam e Eva tivesen fillos. Así demostrou que dixera a verdade e que non é un mentireiro. Tamén deixou claro que cando di que fará algo, ninguén pode impedir que así sexa. Xehová asegurouse de que o seu propósito se cumprise ó proporcionar unha descendencia que salvaría os fillos obedientes de Adam e Eva (Xén. 3:15; 22:18). Esta descendencia daría a súa vida como rescate para salvar a humanidade. Satanás debeu quedar asombrado con esta solución. Por que? Porque esta maneira de actuar de Xehová está baseada no amor desinteresado e esta calidade non existe na personalidade egoísta de Satanás (Mt. 20:28; Xn. 3:16). Entón, que pasará grazas ó rescate? Ó final do Milenio, os descendentes perfectos e obedientes de Adam e Eva vivirán nun paraíso na Terra, tal e como o noso Creador se propuxo orixinalmente. Nese momento será coma se Xehová dixese “Omega”.

COMO FORTALECER A NOSA CONFIANZA NA PROMESA DE XEHOVÁ DO PARAÍSO

18. Que tres motivos temos para confiar na promesa de Xehová? (Mira tamén o recadro “ Tres razóns para confiar na promesa de Xehová”).

18 Neste artigo analizamos diferentes razóns polas que podemos estar seguros de que a Terra será un paraíso. Que podemos explicarlles a outros para que tamén poñan fe nesta promesa? Primeiro, que Xehová mesmo é quen o promete. O libro da Apocalipse di: “O que estaba sentado no trono dixo: ‘Vede que volvo novas tódalas cousas’”. El ten a sabedoría, o poder e o desexo de cumprir estas palabras. Segundo, que o cumprimento desta promesa é tan seguro que, dende o punto de vista de Xehová, xa é unha realidade. Con razón el di: “Estas palabras merecen fe e din a verdade. [...] Xa están renovadas”. E terceiro, que cando Xehová empeza algo, lévao a cabo ata que o finaliza con éxito, tal e como confirma a expresión: “Eu son o Alfa e o Omega”. Non hai dúbida de que Xehová demostrará que Satanás é un mentireiro e que os seus plans non teñen éxito.

19. Que poderías dicirlles ós que dubidan da promesa de Xehová sobre o Paraíso?

19 Recorda que cada vez que compartes estas palabras de Xehová con outros tamén fortaleces a túa confianza nas súas promesas. Entón, que podes facer a próxima vez que leas as animadoras palabras sobre o Paraíso que aparecen en Apocalipse 21:4 e alguén che diga que son demasiado bonitas para ser certas? Por que non lle les e explicas tamén os versículos 5 e 6? Móstralle que é Xehová mesmo o que asegura que cumprirá a súa promesa ó firmar persoalmente unha garantía (Is. 65:16).

CANCIÓN sn 19 Deus prometeu un paraíso

a Neste artigo analizaremos como Xehová nos asegura que a súa promesa do Paraíso se fará realidade. Cada vez que compartimos con outros esta garantía que el nos dá, fortalécese a nosa confianza nas súas promesas.