Ir ó contido

Como nos chegou a Biblia

Como nos chegou a Biblia

Como nos chegou a Biblia

O feito de que a Biblia chegase ata nós conservando a súa pureza orixinal é un verdadeiro milagre. Terminouse de escribir hai máis de mil novecentos anos, escribiuse en materiais perecedoiros (papiro, obtido do talo desta planta; e pergamiño, feito a partir de pel animal) e en idiomas que hoxe contan con poucos falantes. Ademais, homes poderosos, dende emperadores ata líderes relixiosos, intentaron desesperadamente erradicala por completo.

COMO puido esta formidable obra resistir a proba do tempo ata converterse no libro máis popular da historia? A continuación, imos analizar só dous factores.

Múltiples copias preservan o texto

Os israelitas, que tiñan baixo custodia o texto bíblico primitivo, conservaron coidadosamente os rolos orixinais e produciron numerosas copias. Por exemplo, ós reis mandóuselles que escribisen “nun libro unha copia desta Lei, conforme ó orixinal que está no poder dos sacerdotes levitas” (Deuteronomio 17:18).

A moitos israelitas gustáballes ler as Escrituras, e considerábanas a Palabra de Deus. Por iso, os que copiaban o texto eran escribas moi instruídos que o facían con especial esmero. Esdras, escriba temeroso de Deus, era considerado un “escriba experto na Lei de Moisés, dada polo Señor, Deus de Israel” (Esdras 7:6). Os masoretas, que se ocuparon de copiar as Escrituras Hebreas, ou Antigo Testamento, entre os séculos VI e X, incluso contaban as letras para evitar erros. A súa minuciosidade contribuíu en gran medida a asegurar a fidelidade do texto e a que a Biblia escapase dos desesperados e obstinados intentos dos seus inimigos de destruíla.

Por exemplo, no ano 168 antes da nosa era, o rei sirio Antíoco IV intentou destruír tódalas copias das Escrituras Hebreas que había en Palestina. Unha historia xudía comenta: “Romperon e queimaron tódolos rolos da lei que atoparon”. The Jewish Encyclopedia relata: “Os oficiais encargados de executar esta orde fixérono cun rigor implacable [...]. Posuír un libro sagrado [...] castigábase coa morte”. A pesar destas medidas, sobreviviron copias das Escrituras entre os xudeus de Palestina e entre os que vivían noutras partes do mundo.

Pouco tempo despois de que as Escrituras Gregas Cristiás, ou Novo Testamento, quedasen terminadas, xa proliferaban copias das súas cartas, profecías e narracións históricas inspiradas. Por exemplo, o apóstolo Xoán redactou o seu Evanxeo en Éfeso ou cerca de alí. Pero a centenares de quilómetros, en Exipto, atopouse un fragmento dunha copia que, segundo os expertos, foi feita menos de cincuenta anos despois de que el elaborase o seu relato. Este descubrimento indicou que os cristiáns de países distantes posuían copias de textos que foran inspirados había pouco.

A ampla difusión da Palabra de Deus tamén contribuíu a que seguise viva séculos despois de Cristo. Por exemplo, dise que ó amencer do día 23 de febreiro do 303, o emperador romano Diocleciano observaba mentres os seus soldados derribaban as portas dunha igrexa e queimaban as copias das Escrituras. Convencido de que podía eliminar o cristianismo destruíndo os seus libros sagrados, decretou ó día seguinte a queima pública de biblias por todo o seu imperio. Pero, algunhas salváronse e destas fixéronse reproducións. De feito, chegaron ata nós extensas seccións de dúas biblias en grego realizadas probablemente pouco despois da persecución de Diocleciano. Unha consérvase en Roma e a outra na British Library de Londres.

Inda que é verdade que por agora non se atoparon os manuscritos orixinais, existen miles de copias do texto completo ou parcial, algunhas das cales son moi antigas. Cambiou a mensaxe contida nos orixinais durante o proceso de copiado? Respecto das Escrituras Hebreas, o erudito W. H. Green sostivo: “Pódese dicir sen medo a equivocarse que ningunha outra obra da antigüidade se transmitiu con tanta exactitude”. En canto ás Escrituras Gregas, Sir Frederic Kenyon, unha eminencia en manuscritos bíblicos, escribiu: “O intervalo entre as datas da composición orixinal e as dos primeiros testemuños existentes é tan curto que non merece sequera considerarse, e foi removida a última base de calquera dúbida de que as Escrituras chegaron ata nós substancialmente como foron escritas. Tanto a autenticidade como a integridade xeral dos libros do Novo Testamento pódense dar finalmente por establecidas”. E engadiu: “Non sobra recalcar que, en substancia, o texto da Biblia é fiable. [...] Non é posible dicir o mesmo de ningún outro libro antigo do mundo”.

Tradución

O segundo factor decisivo para que a Biblia chegase a ser o libro máis coñecido de todos é a súa existencia en innumerables idiomas. Isto concorda co propósito de Deus de que tódalas nacións e linguas o coñezan e o adoren “en espírito e verdade” (Xoán 4:23, 24; Miqueas 4:2).

A primeira tradución coñecida da Biblia hebrea foi a versión grega dos Setenta, ou Septuaxinta. Foi realizada por xudeus de lingua grega que vivían fóra de Palestina e quedou terminada uns dous séculos antes do ministerio de Xesús na Terra. A Biblia enteira, en especial as Escrituras Gregas Cristiás, verteuse a moitos idiomas poucos séculos despois de ser completada. Pero máis tarde xurdiron reis e ata sacerdotes que, en lugar de cumprir co seu deber e facer todo o que estaba no seu poder para poñela ó alcance da xente, fixeron xusto o contrario: procuraron manter os seus rabaños sumidos na escuridade espiritual impedindo a tradución da Palabra de Deus ás linguas comúns da xente.

Houbo homes valentes que, desafiando a Igrexa e o Estado, arriscaron a súa vida para traducir a Biblia na lingua do pobo. Por exemplo, William Tyndale, un inglés formado en Oxford, produciu en 1530 unha edición do Pentateuco (os cinco primeiros libros das Escrituras Hebreas). Malia a enorme oposición dos seus adversarios, foi o primeiro en verter a Biblia do hebreo directamente ó inglés e o primeiro tradutor inglés en usar o nome de Deus, Xehová. O erudito español Casiodoro de Reina tamén viviu constantemente ameazado de morte polos seus perseguidores católicos mentres preparaba unha das primeiras Biblias en castelán. Para levar a cabo a súa obra, tivo que viaxar a Inglaterra, Alemaña, Francia, Holanda e Suíza. *

A Biblia segue traducíndose a cada vez máis idiomas, e inda se imprimen millóns de exemplares. O feito de que sobrevivise ata converterse no libro de maior circulación do mundo demostra o certas que son estas palabras inspiradas do apóstolo Pedro: “Secou a herba e caeu a flor. En troques, a palabra do Señor permanece para sempre” (1 Pedro 1:24, 25).

[Nota]

^ par.14 A versión de Reina viu a luz en 1569 e foi revisada por Cipriano de Valera en 1602.

[Recadro/​Imaxes]

QUE TRADUCIÓN DEBERÍA LER?

Moitos idiomas contan con infinidade de versións da Biblia. Algunhas empregan unha linguaxe arcaica e difícil de entender; outras son traducións libres, ou paráfrases, nas que a lectura fácil predomina sobre a exactitude; e outras son moi literais, xa que reproducen o texto practicamente palabra por palabra.

A edición inglesa da Tradución do Novo Mundo das Santas Escrituras, editada polas testemuñas de Xehová, foi preparada por un comité anónimo a partir das linguas orixinais. Esta serviu á súa vez de texto principal para a súa tradución a outros sesenta idiomas. Con todo, os tradutores consultaron amplamente os textos nos idiomas orixinais. Esta tradución procura manter a máxima literalidade sempre e cando non se oculte o sentido. O seu obxectivo primordial é que o lector moderno entenda a Biblia coa mesma facilidade coa que a entenderon os lectores dos primeiros tempos.

Algúns lingüístas déronse á tarefa de examinar traducións modernas, entre elas a Tradución do Novo Mundo en inglés, buscando exemplos de inexactitudes e prexuízos. Un deles, Jason David BeDuhn, profesor adxunto da cátedra de Estudos Relixiosos da Northern Arizona University (Os Estados Unidos) publicou en 2003 un estudo de duascentas páxinas sobre nove das “biblias máis utilizadas no mundo anglosaxón”. * O seu estudo analizou varias pasaxes polémicas, pois é aí “onde hai máis probabilidades de que o prexuízo interfira coa tradución”. A fin de detectar onde se intentou alterar o sentido, BeDuhn confrontou o texto grego co de cada versión inglesa. A que conclusión chegou?

BeDuhn sinala que o público en xeral e non poucos expertos na Biblia cren que as diferenzas que presenta a Tradución do Novo Mundo obedecen ó prexuízo relixioso dos seus tradutores. Pero el opina: “A maioría das diferenzas débense a que é moito máis fiel como tradución conservadora e literal”. Inda que discrepa da maneira como a Tradución do Novo Mundo verte certas pasaxes, di que “sobresae por ser a máis exacta das traducións comparadas” e cualifícaa de extraordinariamente boa.

O doutor Benjamin Kedar, hebraísta de Israel, fixo un comentario parecido en 1989, cando dixo respecto da Tradución do Novo Mundo: “Esta obra reflicte un esforzo sincero por entender o texto coa maior exactitude posible. [...] Nunca atopei nela un intento intencionado de ler algo que non estea no texto”.

Pregúntate: “Cal é o meu obxectivo ó ler a Biblia? Busco unha que sexa fácil de ler inda que non sexa tan exacta? Ou quero ler unha que reproduza o texto orixinal inspirado o máis fielmente posible?” (2 Pedro 1:20, 21). O teu obxectivo será o que determinará a tradución que escollas. *

[Notas]

^ par.22 Aparte da versión inglesa da Tradución do Novo Mundo, as outras Biblias foron The Amplified New Testament, The Living Bible, The New American Bible With Revised New Testament, New American Standard Bible, The Holy BibleNew International Version, The New Revised Standard Version, The Bible in Today’s English Version, e a King James Version.

^ par.25 A Tradución do Novo Mundo das Santas Escrituras inda non está dispoñible en galego.

[Imaxe]

A Tradución do Novo Mundo das Santas Escrituras está dispoñible en moitos idiomas

[Imaxe]

Manuscritos masoréticos

[Imaxe]

Un fragmento que contén Lucas 12:7: “Non teñades medo, que vós valedes máis ca tódolos pardais xuntos”

[Créditos das imaxes]

Páxina en primeiro plano: National Library of Russia, St. Petersburg; segunda e terceira: Bibelmuseum, Münster; fondo: © The Trustees of the Chester Beatty Library, Dublin