Ir ó contido

TEMA DE PORTADA

Como aproveitar ben o teu tempo

Como aproveitar ben o teu tempo

“Se tivese un pouco máis de tempo!” Quen non dixo isto algunha vez? En certo sentido, o tempo fainos iguais a todos: os ricos non teñen máis cós pobres, e nin uns nin outros poden almacenalo. Unha vez que marchou xa non volve. Por iso é tan importante aproveitar ben o noso tempo. Como? Imos ver catro estratexias que axudaron a moitas persoas.

Estratexia 1. Organízate

Establece as túas prioridades. A Biblia aconsella que nos aseguremos “de que cousas son as máis importantes” (Filipenses 1:10, TNM). Anota nunha lista as cousas que tes que facer e logo divídeas en cousas que son importantes, cousas que son urxentes e cousas que son tanto importantes como urxentes. Cando o fagas, lembra que hai cousas importantes (como ir comprar comida para a cea) que non son necesariamente urxentes, e cousas urxentes (como ver dende o principio o teu programa favorito de televisión) que non son necesariamente importantes. *

Sé previsor. Eclesiastés 10:10 di: “‘Cando o ferro se embota (por non lle afia-lo gume), cómpre facer máis forza’, mais é unha vantaxe empregar ben a habilidade”. Cal é a lección? Igual que tes que afiar un instrumento de corte para sacar o máximo proveito del, tamén terás que facer plans con anticipación para aproveitar o teu tempo do xeito máis eficaz posible. Pospón ou cancela as tarefas que non son importantes e só che quitan tempo e enerxía. E se terminas unha tarefa antes do previsto, por que non adiantas algunha outra da lista? Se es previsor, serás máis produtivo, igual que o home que afía o seu machado antes de empezar a traballar.

Simplifica a túa vida. Aprende a dicir “non” ás cousas que teñen pouca importancia e só che quitan tempo. Programar demasiadas actividades e compromisos producirache tensión innecesaria e roubarache a alegría.

Estratexia 2. Evita as cousas que che rouban tempo

Non pospoñas as cousas nin sexas indeciso. Eclesiastés 11:4 di: “Quen moito olla para o vento, non sementa; quen moito olla para as nubes, non colleita”. Cal é a lección? Procrastinar ou pospoñer algo que temos que facer fainos perder tempo e produtividade. Un agricultor que espera as condicións perfectas pospón unha e outra vez o seu traballo, e iso róuballe tempo e diminúe a súa produtividade porque nunca sementa nin colleita nada. Do mesmo xeito, a indecisión pode levarnos a pospoñer as nosas decisións. Ou poida que creamos que temos que coñecer tódolos detalles antes de tomar unha decisión. É certo que algunhas decisións importantes precisan que dediquemos tempo a reflexionar. Proverbios 14:15 di que “o asisado calcula os seus pasos”. Pero a realidade é que a maioría das decisións implican certo grao de incerteza (Eclesiastés 11:6).

Non sexas perfeccionista. “A sabedoría de arriba [ou de Deus] é [...] razoable” (Santiago 3:17, TNM). Querer facer as cousas ben é moi encomiable. Pero o perfeccionismo pode levarnos á decepción e ó fracaso. Por exemplo, alguén que está a estudar un novo idioma debe recoñecer que cometerá erros e que aprenderá deles. Con todo, a alguén que é perfeccionista dálle pánico dicir algo mal e iso impídelle progresar. É moito mellor ser modesto e ter expectativas razoables. Xa o di Proverbios 11:2: “A Sabedoría vai cos modestos”. As persoas humildes e modestas non se toman demasiado en serio os seus erros, e incluso son capaces de rirse de si mesmas.

“NON PAGAS AS COUSAS CON DIÑEIRO; PÁGALAS CON TEMPO” (El Arte de Vivir. Sé feliz, nadie te está mirando)

Estratexia 3: Sé realista e equilibrado

Equilibra o traballo e as diversións. “É mellor un puñado de descanso que dous puñados de traballo duro” (Eclesiastés 4:6, TNM). Quen é adicto ó traballo dedícase tanto ó seu emprego que non lle quedan enerxías nin tempo para desfrutar do froito dese traballo. Por outro lado, o lacazán prefire gastar o seu tempo en “dous puñados” de descanso. A Biblia recomenda o equilibrio: anímanos a traballar duro, pero tamén a desfrutar dos beneficios do noso traballo. Iso é un regalo de Deus (Eclesiastés 2:24).

Durme o necesario. “En paz déitome e logo adormezo”, dixo un escritor da Biblia (Salmo 4:9 [4:8, TNM]). A maioría dos adultos precisan durmir oito horas cada noite para recuperarse física, emocional e mentalmente. Falando do beneficio mental, durmir é un excelente investimento de tempo, pois mellora a concentración e a memoria, o cal fomenta a aprendizaxe. A falta de sono causa o efecto contrario: contribúe ós accidentes e erros, e aumenta a irritabilidade.

Ponte metas realistas. “Mellor é ter algo á vista, que deixar vaga-lo anceio” (Eclesiastés 6:9). Cal é o punto? A persoa sabia non se deixa controlar polos desexos, sobre todo se son pouco realistas ou imposibles de alcanzar. Por iso non se deixa seducir pola publicidade sutil ou polas ofertas de crédito fácil. Máis ben, aprende a contentarse co que realmente pode conseguir, o que ten “á vista”.

Estratexia 4: Guíate por bos valores

Examina os teus valores. Os valores permítenche determinar o que é bo, importante e que vale a pena. Se a túa vida fose unha frecha, os valores serían o arco co que apuntas. Os bos valores axudaranche a fixar ben as túas prioridades e a aproveitar o teu tempo do mellor xeito posible. Onde podes atopar bos valores? Moitas persoas búscanos na Biblia, pois recoñecen que é un libro de sabedoría superior (Proverbios 2:6, 7).

Fai que o amor sexa o máis importante na túa vida. O amor é “o lazo que todo o une” (Colosenses 3:14). Sen amor non podemos ser felices nin sentirnos seguros, sobre todo dentro da familia. Quen pasa por alto esta verdade, dándolle prioridade ós cartos ou á súa carreira, en realidade está a investir en infelicidade. Por algo é que a Biblia di que o amor é o valor máis importante, e fala del centos de veces (1 Corintios 13:1-3; 1 Xoán 4:8).

Aparta tempo para satisfacer as túas necesidades espirituais. Un home chamado Geoff tiña unha muller moi riquiña, dous fillos estupendos, bos amigos e un gratificante traballo de paramédico. Con todo, o seu traballo poñíao moitas veces cara a cara co sufrimento e a morte. Preguntábase: “É así como se supón que ten que ser a vida?”. Certo día leu unha publicación bíblica das testemuñas de Xehová e atopou unha resposta satisfactoria.

Geoff explicoulles á súa muller e ós seus fillos o que lera, e eles tamén quixeron saber máis. A familia enteira comezou a estudar a Biblia. Iso enriqueceu as súas vidas e ensinoulles a aproveitar o seu tempo de forma máis sabia. Ademais, deulles a esperanza de vivir para sempre nun mundo libre de sufrimento (Apocalipse 21:3, 4).

A historia de Geoff lémbranos estas palabras de Xesús: “Felices os que recoñecen as súas necesidades espirituais” (Mateo 5:3, TNM). Estarías disposto a dedicar un pouco de tempo a satisfacer esas necesidades espirituais? Podes estar seguro de que ningún outro investimento che dará a sabedoría necesaria para sacar o máximo proveito de cada día e de toda a túa vida.

^ par.5 Atoparás máis información no artigo “Veinte consejos para que el tiempo le rinda”, da revista ¡Despertad! de abril de 2010.