Ir ó contido

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

Preguntas dos lectores

En vista dos mandamentos bíblicos sobre o uso do sangue, que opinan as testemuñas de Xehová dos procedementos médicos que utilizan o propio sangue da persoa?

En vez de decidir baseándose en preferencias persoais ou nalgunha recomendación médica, cada cristián debe analizar seriamente o que di a Biblia. É un asunto entre el e Xehová.

Xehová, o noso Creador, dixo que non debiamos consumir sangue (Xénese 9:3, 4). Na Lei que lle deu a Israel explicou que o sangue representa a vida e limitou o uso que se lle podía dar. El dixo: “A vida do corpo está no sangue, e eu dóuvolo para expiar con el sobre o altar polas vosas vidas”. E, que debían facer os israelitas cos animais que mataban para comer? Deus dixo que tiñan que verter o sangue e tapalo con terra (Levítico 17:11, 13). a Xehová repetiu este mandamento en varias ocasións (Deuteronomio 12:16, 24; 15:23). A obra xudía The Soncino Chumash di: “O sangue non debe almacenarse, senón derramarse no chan para que non poida ser consumido”. Ningún israelita debía coller, almacenar nin usar o sangue doutra criatura, pois a vida desta pertencía a Deus.

A obriga de gardar a Lei mosaica rematou cando morreu o Mesías. Non obstante, Deus segue considerando sagrado o sangue. Impulsados polo espírito santo de Deus, os apóstolos mandáronlles ós cristiáns “absterse [...] do sangue”. Este mandato non debía tomarse á lixeira. Era tan importante como o de absterse da fornicación ou da idolatría (Feitos 15:28, 29; 21:25). Cando no século XX se popularizaron as doazóns e as transfusións de sangue, as testemuñas de Xehová entenderon que esa práctica ía en contra da Palabra de Deus. b

Ás veces, o médico recomenda a extracción de parte do sangue do paciente semanas antes da operación para transfundirlla despois en caso de que sexa necesario (doazón autóloga preoperatoria, ou DAP). Con todo, extraer, almacenar e transfundir sangue vai directamente en contra do que se di en Levítico e en Deuteronomio. Non debemos almacenar o sangue, senón derramalo. Así é coma se llo devolvésemos a Deus. É certo que a Lei mosaica non está vixente na actualidade. Pero as testemuñas de Xehová respectamos os principios que Deus incluíu nela e estamos decididos a absternos de sangue. Por iso, non o doamos nin tampouco almacenamos o noso propio sangue para transfundírnolo posteriormente. Esta práctica está en conflito coa lei de Deus.

Existen outros procedementos nos que se utiliza o sangue da persoa que non van tan claramente en contra dos principios de Deus. Por exemplo, moitos cristiáns permiten que lles fagan análises de sangue porque despois esta se tira. Tamén os médicos poderían recomendar procedementos máis complexos que implican o uso do sangue da persoa.

Por exemplo, nalgunhas intervencións cirúrxicas utilízase a hemodilución. Esta técnica consiste en desviar fóra do corpo do paciente parte do seu sangue e diluír o sangue que queda dentro do corpo con outro líquido. Despois, reintrodúcese no paciente o sangue que se desviara. Desta maneira elévase o reconto sanguíneo a un nivel próximo ó normal. Outra técnica similar é a recuperación de sangue. Esta consiste en recuperar o sangue que se perde durante a cirurxía, limpalo e reintroducilo no paciente para minimizar a perda de glóbulos vermellos. Outros procedementos consisten en dirixir o sangue do paciente a unha máquina que realiza temporalmente a función dun determinado órgano, como por exemplo o corazón, os pulmóns ou os riles. A continuación, reintrodúceselle ó paciente o sangue que está na máquina. Existen outros procedementos nos que se desvía o sangue a un separador, ou centrifugador, para eliminar os compoñentes nocivos ou defectuosos. Este procedemento tamén se utiliza para illar un compoñente sanguíneo e aplicalo noutra parte do corpo. Por outro lado, tamén hai técnicas nas que se retira certa cantidade de sangue do paciente para mesturalo cun medicamento e despois retornarllo ó paciente.

Os detalles poden variar, e seguramente aparecerán novos procedementos, tratamentos e probas. Non nos toca a nós dicirlles a outros o que teñen que facer en cada caso. Cada cristián debe decidir por si mesmo o que se vai facer co seu sangue durante unha intervención cirúrxica, proba médica ou terapia. Para iso, debe preguntarlle ó persoal sanitario con suficiente antelación que se vai facer co seu sangue durante ese procedemento. Despois, debe decidir segundo a súa propia conciencia (ver o recadro).

Os cristiáns deben ter presente a súa dedicación a Deus e o mandato que aparece en Lucas 10:27: “Amara-lo Señor teu Deus con todo o teu corazón, con toda a túa alma, toda a túa forza e con todo o teu entendemento”. A diferenza da maioría das persoas, as testemuñas de Xehová valoran moito a súa boa relación con Deus. O noso Creador anímanos a ter fe no sangue derramado de Xesús. Na Súa Palabra, falando de Xesús, di: “Por medio del conseguimos a liberación por rescate mediante o seu sangue, si, o perdón das nosas ofensas” (Efesios 1:7, TNM).

[Notas]

a O teólogo Frank H. Gorman escribiu: “Derramar o sangue interpretábase como un acto de reverencia que mostraba respecto á vida do animal e, por extensión, respecto a Deus, quen creara esa vida e seguía coidando dela”.

b La Atalaya do 1 de novembro de 1951 deu resposta a algunhas preguntas importantes sobre este tema e mostrou por que non son apropiadas as transfusións de sangue.

[Recadro/Imaxes]

PREGÚNTATE:

Que pasa se parte do meu sangue se desvía fóra do meu corpo e a circulación sanguínea quizais se interrompe por un tempo? Permitiríame a miña conciencia considerar que ese sangue aínda forma parte de min e que non teño que derramalo “no chan”?

Que pasa se durante un procedemento médico se extrae parte do meu sangue, se trata e despois se reintroduce no meu corpo ou se aplica sobre el como tratamento? Molestaríame a miña conciencia educada pola Biblia ou permitiríame aceptar ese procedemento?