Ir ó contido

Xehová, un Deus que paga a pena coñecer

Xehová, un Deus que paga a pena coñecer

Xehová, un Deus que paga a pena coñecer

PODE ser que á túa vida lle falte algo importante? Se sabes pouco sobre Deus, é moi probable que sexa así. Por que? Porque, como descubriron millóns de persoas, coñecer o Deus da Biblia trae importantes beneficios para a túa vida, xa agora e tamén no futuro.

Xehová, o autor da Biblia, quere que o coñezamos. O salmista escribiu: “Que aprendan que só ti, Señor, e-lo Altísimo en toda a terra”. Deus sabe que coñecelo é o mellor para nós: “Eu son o Señor, o teu Deus, o que te ensina para que saques proveito, quen te fai camiñar polo camiño por onde debes ir”. Como nos beneficia coñecer a Xehová, o Altísimo? (Salmo 83:19 [83:18, TNM]; Isaías 48:17).

Un beneficio real é que recibimos guía para facer fronte ós problemas do día a día, unha esperanza firme para o futuro e paz interior. Ademais, coñecelo ben impúlsanos a desenvolver unha actitude diferente con respecto ás cuestións máis importantes que a xente afronta na actualidade por todo o mundo. De que cuestións falamos?

Ten sentido a vida?

Malia o impresionante progreso tecnolóxico, hoxe as persoas seguen a facer as mesmas preguntas fundamentais: Por que estamos aquí? Onde imos? Que propósito ten a vida? Se alguén non atopa respostas satisfactorias, a súa vida non terá verdadeiro sentido. Pásalle isto a moitas persoas? Nunha enquisa realizada en Alemaña a finais dos anos noventa, a metade dos entrevistados dixeron que, con maior ou menor frecuencia, pensaban que a vida non tiña sentido. Poida que esta tamén sexa unha opinión común onde ti vives.

Sen un propósito na vida, unha persoa non ten bos cimentos sobre os que construír obxectivos persoais. Moitos tentan compensar esta deficiencia indo tralo éxito profesional ou as riquezas. Pero mesmo neses casos a sensación de baleiro pode provocar nelas inquedanza. Non ter un propósito na vida atormenta tanto a algunhas persoas, que xa non desexan seguir vivindo. Este foi o caso dunha muller nova e moi guapa que, segundo o xornal International Herald Tribune, se criou “no medio dunha riqueza asombrosa e de privilexios ilimitados”. Malia vivir rodeada de luxos, sentíase soa e non lle atopaba sentido á súa vida, de modo que se suicidou tomando unha sobredose de barbitúricos. Poida que ti tamén coñeceses persoas que se sentían soas e que decidiron terminar coa súa vida.

Escoitaches algunha vez que a ciencia pode explicarnos todo sobre a vida? O semanario alemán Die Woche sinala: “Por moi precisa que sexa a ciencia, é débil no aspecto espiritual. A evolución parece un pouco rudimentaria, e ata a física cuántica, con tódalas súas variacións imprevisibles, ofrece de todo menos consolo e seguridade”. Grazas ós descubrimentos científicos logrouse describir as diversas formas de vida e explicar moitos dos ciclos e procesos naturais. Con todo, a ciencia non pode explicar a razón da nosa existencia nin cara a onde imos. Se dependésemos exclusivamente da ciencia, as nosas preguntas sobre o sentido da vida quedarían sen resposta. En consecuencia, como di o xornal Süddeutsche Zeitung, existe “a necesidade xeral de recibir orientación”.

Quen pode proporcionar esa orientación mellor có Creador? Dado que puxo os seres humanos na Terra, ten que saber por que estamos aquí. A Biblia explica que Xehová os creou para que poboasen e coidasen deste planeta. Os humanos debían reflectir en todo o que facían as calidades de Deus, como a xustiza, a sabedoría e o amor. Cando comprendemos por que nos creou Xehová, entendemos a razón da nosa existencia (Xénese 1:26-28).

Que podes facer?

Se no pasado non atopaches respostas satisfactorias ás preguntas de por que estamos aquí, onde imos e que propósito ten a vida, a Biblia aconséllache que coñezas ben a Xehová. De feito, Xesús dixo: “E nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo”. Ademais sería bo que cultivases as calidades que ten Deus, como o amor, e que teñas o obxectivo persoal de vivir baixo o vindeiro Reino Mesiánico de Deus. Así conseguirás un propósito na vida e unha esperanza marabillosa e segura. E tamén obterás resposta ás preguntas fundamentais que che preocupan (Xoán 17:3; Eclesiastés 12:13).

Como che pode afectar coñecer esas respostas? Hans é un home que debe de sabelo. * Aínda que anos atrás tiña un vago concepto de Deus, as súas crenzas non influían na súa vida. O seu mundo eran as drogas, as mulleres, os delitos menores e as motos. “Pero a miña vida estaba baleira, non me satisfacía”, admite. Cando tiña uns 25 anos de idade, Hans decidiu coñecer mellor a Deus lendo a Biblia con atención. Ó establecer unha íntima relación con Xehová e comprender o propósito da vida, decidiu cambiar a súa maneira de vivir e bautizouse coma testemuña de Xehová. Leva dedicado os últimos dez anos ó servizo a tempo completo. Di con franqueza: “Servir a Xehová é o mellor modo de vivir. Non ten comparación. Coñecer a Xehová deulle sentido á miña vida”.

Naturalmente, o propósito da vida non é a única cuestión que preocupa a moita xente. A medida que se deterioran as condicións mundiais, cada vez máis persoas andan agoniadas por outra cuestión fundamental.

Por que tivo que pasar?

Cando sobrevén unha desgraza, a mente da vítima adoita centrarse nunha pregunta: Por que tivo que pasar? A capacidade emocional para afrontala depende en boa medida de que se obteña unha resposta axeitada a esa pregunta. Se non se responde satisfactoriamente, o sufrimento persiste e a vítima podería amargarse. Por exemplo, imos ver o caso de Bruni.

“Hai uns anos morreu Susanne, a miña pequena. Como eu cría en Deus, acudín ó sacerdote en busca de consolo. Díxome que Deus a levara ó ceo para vivir coma un anxo. A morte da miña filla non só fixo que o meu mundo se viñese abaixo, senón tamén que odiase a Deus por ma levar”. A dor e o sufrimento de Bruni duraron varios anos. Pero engade: “Logo, unha testemuña de Xehová mostroume coa Biblia que non había motivo para odiar a Deus. Xehová non levara a Susanne ó ceo, nin a convertera nun anxo. A súa enfermidade foi o resultado da imperfección humana. A miña filla está a durmir na morte, esperando a que Xehová a resucite. Tamén aprendín que el fixo os seres humanos para que vivisen eternamente na Terra feita un paraíso, cousa que se fará realidade dentro de pouco. Cando empecei a entender a clase de persoa que é Xehová de verdade, sentinme máis preto del e a dor empezou a remitir” (Salmo 37:29; Feitos 24:15; Romanos 5:12).

Millóns de persoas sofren desgrazas dunha forma ou doutra: traxedias persoais, guerras, fame e desastres naturais. Bruni sentiu alivio cando viu na Biblia que Xehová non ten a culpa das calamidades, que el nunca se propuxo que as persoas sufrisen e que pronto acabará coa maldade. O feito en si de que a maldade vaia en aumento é sinal de que actualmente estamos a vivir nos “días derradeiros” deste mundo. O drástico cambio para mellor que todos arelamos está a piques de chegar (2 Timoteo 3:1-5; Mateo 24:7, 8).

Como coñecer a Deus

Hans e Bruni non tiñan unha idea moi clara sobre Deus. Crían, pero non sabían moito del. Cando dedicaron tempo a coñecer mellor a Xehová, os seus esforzos víronse recompensados. Obtiveron respostas satisfactorias ás preguntas máis importantes do noso tempo. Isto deulles paz interior e unha esperanza segura para o futuro. Millóns de servos de Xehová pasaron por unha experiencia semellante.

Para coñecer a Xehová, primeiro hai que examinar a Biblia con atención, pois este libro fálanos del e dinos o que pide de nós. Iso fixeron algunhas persoas no primeiro século. O historiador e médico Lucas relata que os que formaban parte da congregación xudía de Berea (Grecia) “recibiron [de Paulo e Silas] a palabra con todo interese, investigando tódolos días as Escrituras, para veren se aquilo era así” (Feitos 17:10, 11).

Ademais, os cristiáns do século primeiro tamén se reunían en congregacións (Feitos 2:41, 42, 46; 1 Corintios 1:1, 2; Gálatas 1:1, 2; 2 Tesalonicenses 1:1). O mesmo sucede na actualidade. As testemuñas de Xehová xúntanse en reunións que están especialmente pensadas para axudarlle á xente a achegarse a Xehová e a ser felices servíndoo. Relacionarte coas testemuñas de Xehová da túa localidade ten outro beneficio. Posto que os seres humanos temos a tendencia a parecernos cada vez máis ó Deus a quen adoramos, as testemuñas de Xehová demostran, inda que sexa a un grao limitado, calidades que Deus mesmo ten. De modo que reunirnos con eles axúdanos a chegar a coñecer a Xehová aínda mellor (Hebreos 10:24, 25).

Paréceche demasiado esforzo só para coñecer a unha Persoa? Sen dúbida, fai falta esforzo. Pero, non sucede o mesmo con moitas cousas que tratamos de lograr na vida? Non hai máis que pensar no empeño que poñen os atletas de elite nos seus adestramentos. Por exemplo, o francés Jean-Claude Killy, medalla de ouro olímpico en esquí, di o que se necesita para gañar unha competición deportiva internacional: “Hai que empezar dez anos antes e planealo durante anos e anos pensando niso tódolos días. [...] É unha tarefa mental e física de 365 días ó ano”. Todo ese tempo e esforzo para unha carreira que quizais non dure máis de dez minutos! Pensemos que hai moito máis en xogo en coñecer a Xehová e que os beneficios son perdurables.

Unha relación cada vez máis estreita

Quen quere que á súa vida lle falte algo importante? Ninguén. Polo tanto, se cres que a túa vida non ten verdadeiro sentido, se arelas unha explicación de por que azoutan as desgrazas, resólvete a coñecer a Xehová, o Deus da Biblia. Aprender del cambiará a túa existencia para mellor e para sempre.

Deixaremos de aprender de Xehová algún día? Os que levan décadas servíndoo aínda se marabillan do que aprenderon e aínda seguen aprendendo sobre el. A medida que o vaiamos coñecendo, seremos cada vez máis felices e achegarémonos cada vez máis ó Creador. Fagámonos eco dos pensamentos do apóstolo Paulo, quen escribiu: “¡Que fondos son a riqueza, a sabedoría e o coñecemento de Deus! ¡Que inescrutables son os seus xuízos e inexplorables os seus camiños! Pois ¿quen coñeceu a mente do Señor? Ou ¿quen foi o seu conselleiro?” (Romanos 11:33, 34).

[Nota]

^ par.12 Cambiáronse os nomes.

[Frase destacada]

O home segue facéndose as mesmas preguntas fundamentais: Por que estamos aquí? Onde imos? Que propósito ten a vida?

[Frase destacada]

“Cando empecei a entender a clase de persoa que é Xehová de verdade, sentinme máis preto del”

[Frase destacada]

“Servir a Xehová é o mellor modo de vivir. Non ten comparación. Coñecer a Xehová deulle sentido á miña vida”