Ir ó contido

Fai falta que haxa sempre unha norma bíblica?

Fai falta que haxa sempre unha norma bíblica?

Fai falta que haxa sempre unha norma bíblica?

CANDO eras pequeno, é probable que os teus pais che puxesen moitas normas. Pero, a medida que fuches crecendo, entendiches que o facían porque querían o mellor para ti. De feito, poida que incluso agora que es adulto e xa non tes que obedecelos sigas guiándote por algúns dos principios que che inculcaron.

O noso Pai celestial, Xehová, tamén nos dá mandatos directos mediante a súa Palabra, a Biblia. Por exemplo, prohibe a idolatría, a fornicación, o adulterio e o roubo (Éxodo 20:1-17; Feitos 15:28, 29). A medida que imos crecendo espiritualmente, comprendemos que Xehová quere o mellor para nós e que os seus mandatos non son demasiado restritivos (Isaías 48:17, 18; 54:13; Efesios 4:15).

Non obstante, hai moitas situacións para as que non existe un mandato específico. Algúns pensan que cando non existe unha lei bíblica clara, poden facer o que queiran. Din que se fose algo realmente importante, Deus daría unha norma concreta ó respecto.

Os que pensan desta maneira adoitan tomar decisións pouco sabias das que despois se arrepinten. Pasan por alto que a Biblia non só contén leis, tamén nos ensina como pensa Deus. Pero, cando estudamos a Biblia e coñecemos o punto de vista de Xehová sobre os asuntos, educamos a nosa conciencia de acordo coa súa Palabra e iso permítenos tomar decisións que se axusten ó seu modo de pensar. Deste xeito, facemos feliz a Xehová e desfrutamos dos beneficios de tomar boas decisións (Efesios 5:1).

Exemplos bíblicos

Na Biblia encontramos relatos de servos de Deus que tiveron en conta o que pensaba Xehová en situacións nas que non había unha norma directa. Pensa no exemplo de Xosé. Cando a muller de Potifar lle fixo proposicións inmorais, non había ningún mandato escrito inspirado por Deus que prohibise o adulterio. Pero, aínda así, Xosé entendeu que o adulterio está mal e que sería “pecar contra Deus” (Xénese 39:9). É evidente que Xosé entendía que o adulterio ía totalmente en contra da vontade de Deus e da forma de pensar que expresou en Edén (Xénese 2:24).

Vexamos outro exemplo. En Feitos 16:3, menciónase que Paulo se encargou de circuncidar a Timoteo antes de que o acompañase nas súas visitas ás congregacións. Pero no versículo 4 lemos que despois Paulo e Timoteo viaxaron polas cidades transmitindo as “decisións tomadas polos apóstolos e responsables en Xerusalén, para que as cumprisen”. E unha desas decisións era que os cristiáns xa non estaban baixo a Lei e, polo tanto, non estaban obrigados a circuncidarse (Feitos 15:5, 6, 28, 29). Entón, por que pensou Paulo que era necesario que Timoteo se circuncidase? “Por mor dos xudeus daquela bisbarra, pois todos sabían que o pai era grego.” Paulo non quería ofender nin causarlles tropezo a outros sen necesidade. Preocupáballe que as persoas non quixesen escoitar as boas noticias porque se sentisen ofendidas polo que facían os cristiáns (1 Corintios 9:19-23; 2 Corintios 4:2).

Esta forma de pensar caracterizou a Paulo e a Timoteo. Relatos coma o de Romanos 14:15, 20, 21 e 1 Corintios 8:9-13; 10:23-33, deixan ver o profundo interese que tiña Paulo no benestar espiritual dos demais, sobre todo dos que poderían tropezar por algo que, no sentido estrito da palabra, non estaba mal. Ademais, Paulo escribiu o seguinte acerca de Timoteo: “Que non teño niguén coma el que mire lealmente polas vosas cousas; que todos andan á súa comenencia, non á de Xesús Cristo. En cambio el, xa sabemos ben cómo é: que se puxo comigo ó servicio do Evanxeo, coma un fillo co seu pai” (Filipenses 2:20-22). Que bo exemplo nos puxeron estes dous cristiáns! En vez de buscar a súa propia comenencia ou preferencia persoal cando non había un mandato específico de Deus, imitaron o amor de Xehová e do seu Fillo ó ter en conta como poderían afectar espiritualmente as súas decisións a outras persoas.

Pensemos agora en Xesucristo, o noso principal modelo de conduta. No Sermón do Monte explicou que temos que facer máis que só obedecer as leis de Xehová. Tamén temos que ver máis alá e tratar de comprender a razón pola que Deus nos deu esas leis (Mateo 5:21, 22, 27, 28). Nin Xesús, Paulo, Timoteo ou Xosé, pensaron que podían facer o que quixesen nos asuntos onde non hai unha lei divina concreta. Máis ben axustáronse á forma de pensar de Deus, guiándose por aqueles mandamentos que Xesús identificou como os máis importantes: amar a Deus e o próximo (Mateo 22:36-40).

Os cristiáns da actualidade

Está claro que non debemos ver a Biblia coma se se tratase dun documento xurídico, esperando que nela se detallen con claridade tódalas nosas obrigas. A Xehová gústalle moito cando facemos o que a el lle agrada, aínda que non haxa unha norma específica ó respecto. En lugar de dicirnos sempre o que temos que facer, quere que poidamos “comprender cal é a vontade do Señor” (Efesios 5:17, cursiva nosa; Romanos 12:2). Por que fai isto feliz a Xehová? Porque así demostramos que para nós é máis importante agradarlle a el que defender os nosos dereitos ou preferencias persoais. Dese xeito tamén demostramos que estamos tan agradecidos polo seu amor que queremos imitar esta calidade mostrándolles amor a outras persoas (Proverbios 23:15; 27:11). Tampouco hai que esquecer que as accións baseadas no que di a Biblia contribúen á nosa saúde espiritual e moitas veces tamén á nosa saúde física.

Vexamos agora algúns exemplos que nos axudarán a tomar boas decisións.

Decisións sobre o entretemento

Imaxina un rapaz que está pensando en escoitar as cancións de certo artista. Gústalle ese estilo de música, pero sabe que as letras das cancións son inmorais e conteñen linguaxe obscena. Tamén sabe que gran parte da música dese artista é agresiva e incita á violencia. Como este rapaz quere a Xehová, impórtalle o Seu modo de pensar e de sentir. Pero, como pode percibir cal é a vontade de Deus ó respecto?

Na súa carta ós Gálatas, o apóstolo Paulo fala das obras da carne e do froito do espírito de Deus. Seguro que sabes cales son as calidades que forman parte dese froito: amor, felicidade, paz, paciencia, amabilidade, bondade, fe, apracibilidade e autocontrol. Pero recordas cales son as obras da carne? Paulo escribe: “As obras dos baixos instintos tédelas ben á vista: fornicación, adulterio, libertinaxe, idolatría, bruxerías, xenreiras, liortas, cobiza, retesías, discordias, faccións, envexas, bebedelas, enchentas e cousas polo estilo. Xa vos avisei ben avisados de que non herdarán o Reino de Deus os que tal fagan” (Gálatas 5:19-23).

Fíxate na última expresión da lista: “cousas polo estilo”. Paulo non deu unha enumeración completa de todo o que se podía considerar unha obra da carne. Non se trata de dicir: “As Escrituras permítenme participar en calquera actividade que non estea incluída na lista de obras da carne que menciona Paulo”. En vez diso, queda claro que os lectores temos que usar as nosas facultades perceptivas para identificar aquelas cousas que, aínda que non están na lista, son “cousas polo estilo”. Os que non se arrepinten de participar en prácticas que non se mencionan aquí pero que son “cousas polo estilo”, non herdarán as bendicións do Reino de Deus.

Polo tanto, temos que percibir ou distinguir o que non lle agrada a Xehová. É moi complicado? Imaxina que o teu médico che recomenda comer máis froitas e verduras, pero evitar os pasteis, xeados e cousas polo estilo. Faríaseche moi difícil decidir en que grupo entran os biscoitos? Volvendo ó froito do espírito de Deus e ás obras da carne, en que lista entrarían as cancións que mencionamos antes? Dende logo non reflicten as calidades que forman o froito do espírito como o amor, a bondade e o autodominio. Non faría falta unha lei expresa para darse conta de que esta clase de música non está de acordo coa forma de pensar de Deus. Os mesmos principios aplican á lectura, ás películas, ós programas de televisión, ós videoxogos, ás páxinas de Internet etc.

Decisións sobre a aparencia persoal

A Biblia tamén contén principios relacionados coa vestimenta e coa aparencia persoal. Estes principios poden axudar ós cristiáns a manter unha aparencia axeitada. A persoa que ama a Xehová ve este asunto como unha oportunidade para alegrar o seu Pai celestial, e non para facer o que a ela lle apeteza. Como xa vimos, o feito de que Xehová non dea mandatos específicos sobre un tema en concreto non significa que non sexa importante para el. Os estilos varían dun lugar a outro e as modas cambian cada certo tempo. Non obstante, Deus prové principios básicos que guían o seu pobo en todo momento e en todo lugar.

Por exemplo, en 1 Timoteo 2:9, 10 di: “Do mesmo xeito tamén as mulleres, con vestido decente, con reverencia e modestia, que se adornen non con rizos, nin con ouro, nin margaridas, nin vestidos luxosos, senón coas boas obras, como cómpre a mulleres que profesan unha piedade verdadeira”. Polo tanto as cristiás, e tamén os cristiáns, deben pensar en cal é a aparencia que espera a xente da súa localidade dos que “profesan unha piedade verdadeira”. Isto é moi importante porque a nosa forma de vestir pode influír no que a xente pense da mensaxe bíblica que levamos (2 Corintios 6:3). Un cristián exemplar nunca escollería para vestir algo que lle guste pero que poida ofender ou distraer os demais (Mateo 18:6; Filipenses 1:10).

Se un cristián se dá conta de que a súa aparencia ofende ou é un tropezo para outros, fará ben en imitar o apóstolo Paulo e antepoñer o benestar espiritual dos demais ás súas preferencias persoais. Paulo dixo: “Procurade imitarme a min, como eu imito a Cristo” (1 Corintios 11:1). E con respecto a Xesús, escribiu: “Pois tampouco Cristo non se compraceu a si mesmo”. A aplicación para os cristiáns é clara: “Nós, os que estamos seguros, temos que atura-las feblezas dos inseguros, e non compracernos a nós mesmos. Cada un de nós compraza ó seu próximo para o ben, con miras á edificación” (Romanos 15:1-3).

Aprendamos a tomar boas decisións

Como podemos aprender a percibir o que lle agrada a Xehová cando non deu normas específicas sobre un asunto? Se lemos a súa Palabra tódolos días, intentamos comprendela e nos paramos a pensar no que di, irémolo coñecendo cada vez máis e tomaremos mellores decisións. Claro, isto non é algo inmediato. Igual que un neno vai medrando pouco a pouco, o crecemento espiritual é gradual e non se percibe dun día para outro. Require paciencia. Por outro lado, o simple paso do tempo non fai que as nosas facultades perceptivas se agudicen por si soas. Máis ben, debemos dedicar ese tempo a estudar a Palabra de Deus e facer todo o posible por agradarlle (Hebreos 5:14).

Pode afirmarse que, mentres as leis de Deus poñen a proba a nosa obediencia, os seus principios poñen a proba a profundidade da nosa espiritualidade e o noso desexo de agradarlle. Ó ir crecendo espiritualmente, darémoslle máis importancia a imitar a Xehová e ó seu Fillo, e quereremos basear as nosas decisións no que Deus nos ensina nas Escrituras. Ó alegrar o noso Pai celestial en todo o que facemos, veremos que nós tamén somos máis felices.

[Imaxe]

Aínda que os estilos varían dun lugar a outro, debemos guiarnos polos principios bíblicos ó decidir como imos vestir.