Ir ó contido

“Cadaquén ten que leva-lo seu fardel”

“Cadaquén ten que leva-lo seu fardel”

“Cadaquén ten que leva-lo seu fardel”

Cada un de nós dará conta de si a Deus (ROMANOS 14:12).

1. Que responsabilidade asumiron os tres rapaces hebreos?

 TRES rapaces hebreos que viven en Babilonia enfróntanse a unha decisión de vida ou morte. Deberían inclinarse diante dunha xigantesca estatua como di a lei do país? Ou deberían negarse a adorala, aínda que iso implique que os boten nun forno ardendo? Xadrac, Mixac e Abednegó non teñen tempo de consultar con ninguén. Pero tampouco fai falta, teñen moi claro o que deben facer. Sen dubidar respóndenlle ó rei: “Que che conste que nós non servirémo-los teus deuses, nin adorarémo-la estatua de ouro que erixiches” (Daniel 3:1-18). Os tres hebreos asumiron a súa responsabilidade.

2. En realidade, quen decidiu por Pilato sobre a vida de Xesucristo? Liberou iso de culpa o gobernador romano?

2 Uns seiscentos anos máis tarde, un gobernador tivo que escoitar os cargos que se presentaron contra un home. Despois de examinar o caso queda convencido de que o acusado é inocente. Pero a xente pide a gritos a súa morte. Aínda que o gobernador se resiste por un tempo, termina por ceder á presión da xente. Lavando as mans dilles: “Eu non son responsable deste sangue” e dálles permiso para executalo. En lugar de ter o valor de tomar a súa propia decisión sobre a vida de Xesús, Poncio Pilato deixa que outros decidan por el. Pero, nin toda a auga do mundo podería libralo da responsabilidade do que lle pasou a Xesús (Mateo 27:11-26; Lucas 23:13-25).

3. Por que non deberiamos deixar que outros decidan por nós?

3 E ti? Que fas cando tes que tomar unha decisión? Decides por ti mesmo como fixeron os tres hebreos ou deixas que outros decidan por ti? Tomar decisións non é fácil. De feito, para tomar boas decisións necesitamos ser persoas maduras. Por iso, moitas veces, os pais teñen que decidir polos fillos menores. E claro, canto máis complexa é unha situación, máis difícil será tomar unha decisión, porque hai que ter en conta moitos factores. Aínda que os anciáns e os servos ministeriais poden axudarnos a levar algunhas “cargas”, non poden decidir por nós. Esa non é a súa responsabilidade (Gálatas 6:1, 2). Máis ben, son cargas polas que “cada un de nós dará conta de si a Deus” (Romanos 14:12). “Cadaquén ten que leva-lo seu fardel”, di a Biblia (Gálatas 6:5). Entón, que podemos facer para tomar boas decisións? Antes de nada, temos que recoñecer que temos limitacións e despois aprender a compensalas.

Un requisito básico

4. Que importante lección sobre tomar decisións aprendemos da desobediencia da primeira parella humana?

4 Ó principio da historia, a primeira parella humana tomou unha decisión que tivo consecuencias tráxicas. Decidiron comer do froito da árbore do coñecemento do ben e do mal (Xénese 2:16, 17). En que basearon a súa decisión? A Biblia di: “A muller reparou que o froito da árbore era saboroso, atraente, e bo para adquirir entendemento. E coa mesma colleu do froito e comeu; logo deulle ó seu home, e tamén el comeu” (Xénese 3:6). Como vemos, Eva tomou esa decisión porque só pensou en si mesma, e máis tarde Adam decidiu facer o mesmo. Como consecuencia, tódolos humanos herdamos o pecado e a morte (Romanos 5:12). A desobediencia de Adam e Eva ensínanos unha importante lección sobre as limitacións que temos os humanos: cando non seguimos a guía de Deus, tendemos a tomar malas decisións.

5. Que guía nos deixou Xehová, e que temos que facer para beneficiarnos dela?

5 Que contentos estamos de que Xehová non nos deixase sen guía! A Biblia di: “Os teus oídos escoitarán unha palabra: ‘Este é o vieiro, camiñade por el’, cando vos desviedes para a dereita e cando vos desviedes para a esquerda” (Isaías 30:21). Xehová fálanos a través da súa Palabra inspirada, a Biblia. Por iso, para tomar boas decisións, temos que estudala e coñecela a fondo. E tamén temos que aplicar o que aprendemos nela. Dese xeito poderemos adestrar a nosa capacidade de pensar para saber distinguir o que está ben do que está mal. A Biblia explícao así: “A mantenza sólida é para xente grande, que ten o sentido xa afeito polo costume e é capaz de distingui-lo bo do malo” (Hebreos 5:14).

6. Que fai falta para que a conciencia funcione ben?

6 Para tomar boas decisións precisamos a nosa conciencia. A conciencia permítenos xulgarnos a nós mesmos e pode acusarnos ou defendernos (Romanos 2:14, 15). Con todo, para que funcione como ten que funcionar, ten que guiarse pola Palabra de Deus e nós temos que aplicar o que aprendemos. Se non o facemos, podería verse influída polos costumes locais e pola opinión da xente, e podería levarnos a tomar malas decisións. Por outro lado, se ignoramos a nosa conciencia unha e outra vez e pasamos por alto as normas divinas, co tempo quedará “cauterizada”, é dicir, acabará por volverse insensible coma a cicatriz que se forma ó queimar a pel cun ferro de marcar (1 Timoteo 4:2). En cambio, unha conciencia educada pola Palabra de Deus é unha guía de fiar.

7. Cal é un requisito básico para tomar boas decisións?

7 Polo tanto, se queremos tomar decisións sabias, temos que coñecer ben a Biblia e saber como aplicar o que aprendemos nela. En lugar de tomar decisións precipitadas, debemos parar, buscar os principios bíblicos envoltos e meditar con tranquilidade neles. E que pasa se nalgún momento temos que tomar unha decisión rápida, como lles pasou a Xadrac, Mixac e Abednegó? Estaremos preparados para facelo se coñecemos ben a Biblia e temos a conciencia educada por ela. Imos ver algúns exemplos.

Quen son os nosos amigos?

8, 9. a) Que principios mostran a necesidade de evitar as malas compañías? b) Implica ter malas compañías só ter trato directo con persoas que levan unha vida inmoral? Explica a túa resposta.

8 O apóstolo Paulo escribiu: “Non vos deixedes enganar, ‘malas compañías estragan bos costumes’” (1 Corintios 15:33). E Xesucristo díxolles ós seus discípulos: “Se fosedes do mundo, o mundo amaríavos coma cousa propia; pero, como eu vos escollín do mundo, por iso o mundo aborrécevos” (Xoán 15:19). Destes principios aprendemos que non debemos ter amizade con ninguén que sexa fornicador, adúltero, ladrón ou borracho, entre outras cousas (1 Corintios 6:9, 10, TNM). Pero, cando coñecemos mellor a verdade da Biblia, dámonos conta de que sería igual de malo pasar tempo con esa clase de persoas véndoas en películas, na televisión, no ordenador ou lendo sobre elas en libros. E o mesmo pode dicirse de conversar en Internet cos que “esconden o que son” (Salmo 26:4, TNM).

9 Pero, que pasa coas persoas que son limpas en sentido moral pero que non cren en Xehová? Deberiamos ter amigos así? A Biblia di que “o mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xoán 5:19). Noutras palabras, non só as persoas que levan unha vida inmoral ou son permisivas son malas compañías. Por iso, é mellor ter unha amizade estreita só con persoas que amen a Xehová.

10. Que nos axuda a tomar boas decisións sobre o contacto que imos ter con persoas que non serven a Xehová?

10 É imposible que nos illemos por completo do mundo, e tampouco é necesario (Xoán 17:15). Cando predicamos, imos ó colexio ou traballamos, estamos en contacto con persoas que non adoran a Xehová. E os cristiáns que están casados con non crentes é probable que teñan que relacionarse co mundo aínda máis. Con todo, se usamos a nosa capacidade de pensar, entenderemos que non é o mesmo ter contacto limitado con persoas que non serven a Xehová que ter unha amizade estreita con elas (Santiago 4:4). Dese xeito, poderemos tomar boas decisións sobre participar ou non en actividades extraescolares, como bailes ou competicións deportivas, ou sobre asistir a festas, comidas ou outras actividades programadas para os empregados.

Que traballo imos escoller?

11. Que é o primeiro no que debemos pensar ó decidir se aceptar un traballo?

11 A Biblia pode axudarnos a tomar boas decisións sobre como cumprir co mandato bíblico de coidar da familia e darlle o necesario (1 Timoteo 5:8). En primeiro lugar, temos que pensar na actividade que imos realizar. Escoller un traballo que promove o que a Biblia condena está mal. Por iso, os cristiáns verdadeiros non aceptamos ningún emprego que teña que ver coa idolatría, o roubo, o uso indebido do sangue ou calquera outra práctica contraria ás Escrituras. Tampouco mentimos nin enganamos, aínda que o noso xefe nolo pida (Feitos 15:29; Apocalipse 21:8).

12, 13. Que outros factores deberiamos ter en conta á hora de decidir se imos aceptar un traballo?

12 E se o traballo non vai claramente en contra do que di a Biblia? A medida que imos coñecendo mellor a Biblia, comprendemos que hai outros factores que debemos ter en conta. Por exemplo, estaría ben traballar de telefonista nun local onde a xente xoga por diñeiro? Tamén é importante pensar en quen nos vai pagar e onde teremos que traballar. Por exemplo, aceptaría un cristián que traballa por conta propia un contrato que implicase pintar unha igrexa? (2 Corintios 6:14-16).

13 Pero, que pasaría se ti es un empregado e o teu xefe che di que tes que pintar unha igrexa? Neste caso terías que pensar en que consistiría exactamente o traballo e en se te poderías negar a facelo. E se se trata de prestar un servizo lexítimo, como repartir o correo nunha zona onde hai lugares nos que se promoven prácticas incorrectas? O principio que se atopa en Mateo 5:45 podería axudarche a tomar unha boa decisión. Ademais, non esquezas pensar no efecto que podería ter na túa conciencia facer certo traballo día tras día (Hebreos 13:18). Polo tanto, para tomar boas decisións sobre o traballo é importante que teñamos a nosa conciencia ben adestrada.

“Teno en conta en tódolos teus camiños”

14. Que deberiamos ter en conta antes de tomar calquera decisión?

14 E que pasa coas decisións que debemos tomar sobre outros asuntos, como o tipo de educación que cursaremos ou se aceptaremos ou non certos tratamentos médicos? Cando temos que tomar decisións dese tipo, primeiro debemos pensar no que di a Biblia sobre o tema e despois meditar con calma en como aplicar eses principios. O sabio rei Salomón do antigo Israel dixo: “Confía no Señor con todo o teu ser e non te apoies na propia intuición; teno en conta en tódolos teus camiños e El achanzará os teus vieiros” (Proverbios 3:5, 6).

15. Que aprendemos dos cristiáns do primeiro século sobre tomar decisións?

15 Outra cousa que temos que ter en conta é como afectarán as nosas decisións a outros. Por exemplo, os cristiáns do primeiro século xa non tiñan que seguir a maioría das leis relacionadas coa comida que Deus lles dera ós israelitas. Agora podían comer certos alimentos que antes non tiñan permitidos. Con todo, o apóstolo Paulo escribiu o seguinte sobre a carne dun animal que se ofrecera ós ídolos: “Se unha comida escandaliza a un irmán meu, endexamais non probarei a carne, para non escandalizar a meu irmán” (1 Corintios 8:11-13). Paulo animou os primeiros cristiáns a pensar en como afectarían as súas decisións ós demais. Do mesmo xeito, nós tamén debemos ter coidado para que as nosas decisións non sexan causa de “tropezo” para outros (1 Corintios 10:29, 32).

Busca a sabedoría de Deus

16. Como nos axuda a oración cando temos que tomar decisións?

16 Unha axuda moi grande para tomar boas decisións é a oración. O discípulo Santiago dixo: “Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar” (Santiago 1:5). Podemos estar seguros de que Xehová escoitará as nosas oracións e nos dará a sabedoría que necesitamos para tomar boas decisións. Se lle contamos o que nos preocupa e lle pedimos axuda, el pode facer que o espírito santo nos faga entender mellor un texto da Biblia ou nos faga recordar outros que non lembrabamos.

17. Como poden axudarnos outros cando temos que tomar decisións?

17 Poden outras persoas axudarnos a tomar decisións? Si. Xehová fixo que nas congregacións contemos con irmáns e irmás maduros (Efesios 4:11, 12). Podes pedirlles axuda, sobre todo se tes que tomar unha decisión importante. Eses irmáns teñen experiencia na vida e coñecen ben a Biblia, así que che poden axudar a asegurarte “de que cousas son as máis importantes” (Filipenses 1:9, 10, TNM). Aínda así, temos que ter moi presente unha cousa: non debemos deixar que os demais decidan por nós. Somos nós os que temos que levar esa carga de responsabilidade.

Teñen sempre bos resultados as decisións baseadas na Biblia?

18. Que pode dicirse sobre os resultados dunha boa decisión?

18 Teñen sempre bos resultados as decisións que se basean nos principios bíblicos? A longo prazo, si. Aínda que ás veces os efectos a curto prazo poidan parecer malos. Por exemplo, Xadrac, Mixac e Abednegó sabían que a decisión de non adorar a imaxe podería custarlles a vida (Daniel 3:16-19). Do mesmo xeito, cando os apóstolos lle dixeron ó Sanedrín xudeu que tiñan que “obedecer a Deus antes cós homes”, este tribunal ordenou que os azoutasen antes de deixalos ir (Feitos 5:27-29, 40). Ademais, “a todos lles chega algún mal momento e algún suceso imprevisto” que pode afectar o resultado dunha decisión (Eclesiastés 9:11, TNM). Pero, se despois de tomar a decisión correcta sufrimos dalgunha maneira, podemos estar seguros de que Xehová nos axudará a aguantar e, ó final, bendiciranos (2 Corintios 4:7).

19. Como podemos tomar as nosas propias decisións con valor?

19 Como vimos, cando teñamos que tomar unha decisión, debemos buscar os principios bíblicos relacionados, meditar neles e aplicalos. Canto agradecemos a axuda que Xehová nos dá mediante o seu espírito santo e mediante os irmáns maduros! Grazas a esa axuda, podemos ter valor e asumir con confianza a responsabilidade de tomar as nosas propias decisións.

Que aprendiches?

• Cal é un requisito básico para tomar boas decisións?

• Como inflúe a nosa madurez espiritual nas decisións que tomamos sobre as compañías?

• Que debemos ter en conta ó tomar unha decisión sobre o traballo?

• Que axudas temos para tomar boas decisións?

[Preguntas de estudo]

[Imaxe]

A desobediencia de Adam e Eva ensínanos unha lección moi importante.

[Imaxe]

Antes de tomar unha decisión importante, busca os principios bíblicos implicados.