Preguntas dos lectores
Preguntas dos lectores
Se na Biblia non se di nada sobre brindar, por que non brindan as testemuñas de Xehová?
Brindar cunha copa de viño ou con outra bebida alcohólica é unha práctica moi antiga e moi difundida, aínda que a forma na que se leva a cabo pode variar un pouco dun lugar a outro. Ás veces consiste en chocar as copas. Quen propón o brinde deséxalle a alguén felicidade, saúde, que viva moitos anos ou cousas parecidas. Poida que os demais participantes expresen en voz alta que están de acordo co que dixo ou levanten as copas e beban un pouco. Para moitas persoas brindar só é un costume inofensivo ou un xesto de boa educación, pero as testemuñas de Xehová teñen boas razóns para non participan nos brindes.
Non é que os cristiáns non desexen que os demais sexan felices ou que desfruten de boa saúde. De feito, o consello reitor do primeiro século concluíu unha das cartas dirixidas ás congregacións cunha palabra que pode traducirse como “que teñades boa saúde”, “que esteades ben” ou “que sigades ben” (Feitos 15:29). Outros servos de Deus da antigüidade tamén lles dixeron a reis: “Viva por sempre o [...] meu señor” ou “Que o rei viva por sempre” (1 Reis 1:31; Nehemías 2:3).
Pero, cal é a orixe do costume de brindar? A revista La Atalaya do 1 de marzo de 1968 citou as seguintes palabras da Encyclopædia Britannica (1910), tomo 13, páxina 121: “O costume de beber ‘á saúde’ dos vivos probablemente vén do antigo rito relixioso de brindar polos deuses e polos mortos. Nas comidas, os gregos e os romanos derramaban bebidas en honor dos seus deuses, e nos banquetes das cerimonias brindaban por eles e polos mortos”. A enciclopedia engade que, cando facían estas ofrendas, probablemente tamén bebían viño e lles desexaban saúde ós vivos.
Segue sendo válida esta afirmación? A obra International Handbook on Alcohol and Culture, editada en 1995, comenta: “[O brinde] é probablemente un vestixio das antigas libacións que se ofrecían en sacrificio ós deuses. Nelas usábase un líquido sagrado, sangue ou viño, a cambio dun desexo que consistía nunha oración resumida coas palabras ‘Longa vida!’ ou ‘Á túa saúde!’”.
Con todo, o feito de que un obxecto ou unha práctica teña a súa orixe ou semellanzas con antigos ritos pagáns, non sempre significa que sexa incorrecto para os cristiáns. Pensemos na granada, unha froita que se menciona na Biblia. Unha coñecida enciclopedia bíblica comenta: “Parece que algunhas relixións pagás tamén usaron a granada como símbolo sagrado”. Aínda así, Deus mandou adornar con granadas o borde da vestidura do sumo sacerdote. Tamén se empregaron granadas para decorar as columnas de cobre do templo de Salomón (Éxodo 28:33; 2 Reis 25:17). Outro exemplo son os aneis de voda. No pasado tiveron un significado relixioso. Pero, na actualidade, a maioría das persoas consideran que estes aneis son só un sinal de que alguén está casado.
E que di a Biblia sobre o uso de viño nos actos relixiosos? Por exemplo, menciona a ocasión na que os homes de Xequem, que eran adoradores de Baal, “entraron na casa do seu deus, e comeron e beberon, e renegaron de Abimélec”, o fillo de Guideón (Xuíces 9:22-28). Cres que un fiel servo de Deus se poñería a beber con eles, e a pedirlle a un deus falso que lle fixese dano a Abimélec? O profeta Amós, falando dun período no que moitos israelitas se rebelaron contra Xehová, dixo: “Estran o leito con roupas collidas en prenda a carón dun altar calquera, beben viño cos cartos requisados no templo do seu deus” (Amós 2:8). Xa sexa que o viño se derramase en honor ós deuses ou simplemente se bebese, faría un servo do Deus verdadeiro unha cousa así? (Xeremías 7:18) Pensas que un adorador de Xehová levantaría unha copa de viño para pedirlle a algún deus que actuase en favor de alguén ou o bendicise?
É certo que houbo casos nos que un servo de Deus levantou as mans cara ó ceo para pedir que ocorrese algo bo. Pero estábase dirixindo ó Deus verdadeiro. Por exemplo, lemos que: “Salomón, en pé, diante do altar do Señor [...] ergueu as mans cara ó ceo e dixo: ‘Señor, Deus de Israel, non hai un deus coma ti [...]. Escoita desde a túa morada, desde o ceo. Escoita e perdoa’” (1 Reis 8:22, 23, 30). Dun xeito parecido, “Esdras bendiciu ó Señor, o gran Deus, e todo o pobo respondeu: ‘Amén, amén’, levantando as mans. Despois inclináronse e prosternáronse diante do Señor, rostro en terra” (Nehemías 8:6; 1 Timoteo 2:8). É evidente que estes servos fieis non alzaron as mans ó ceo para pedir a bendición dalgún outro deus.
Na actualidade, moitas persoas participan nos brindes. Seguramente non pensen que lle estean pedindo a algún deus que as bendiga, pero poida que tampouco saiban explicar de onde vén o costume de levantar a súa copa cara ó ceo. Non obstante, o feito de que estas persoas non se paren a pensar no que significa este xesto, non é escusa para que os cristiáns as imitemos.
Seguro que coñeces outros costumes populares que as testemuñas de Xehová non practican. Por exemplo, moitas persoas saúdan a bandeira ou fan outro tipo de xestos patrióticos. A maioría non se dá conta de que, en realidade, estes son actos de adoración. Os cristiáns verdadeiros non participan nestes actos, pero non lles impiden a outros que o fagan. Se saben que se van encontrar nunha situación na que se van levar a cabo estas prácticas, tratan de non estar presentes para non ofender a outros. En todo caso, están decididos a non participar en ningún tipo de saúdo ou xesto patriótico que vaia en contra dos principios bíblicos (Éxodo 20:4, 5; 1 Xoán 5:21). Hoxe en día a maioría das persoas pensa que os brindes non teñen nada que ver coa relixión. Pero os cristiáns temos boas razóns para non brindar. É unha práctica de orixe relixiosa que, incluso na actualidade, pode ser considerada como unha petición de favor ós ceos, como se se estivese pedindo axuda a algunha forza sobrenatural (Éxodo 23:2).