Ir ó contido

Por que debe a muller respectar o principio de autoridade?

Por que debe a muller respectar o principio de autoridade?

Por que debe a muller respectar o principio de autoridade?

“A cabeza da muller é o home” (1 COR. 11:3).

1, 2. a) Que escribiu o apóstolo Paulo sobre o principio de autoridade que estableceu Xehová? b) Que preguntas imos analizar neste artigo?

 O APÓSTOLO Paulo falaba do principio de autoridade que Xehová estableceu cando dixo que “a cabeza de todo home é Cristo” e que “a cabeza de Cristo é Deus” (1 Cor. 11:3). No artigo anterior aprendemos que para Xesús foi un privilexio someterse á súa Cabeza, Xehová. Tamén vimos que o home ten que someterse a Cristo. Xesús tratou as persoas con cariño, amabilidade, compaixón e xenerosidade. E os homes da congregación tamén teñen que tratar igual os demais, sobre todo ás súas mulleres.

2 Pero no caso das mulleres, quen é a súa cabeza? Paulo escribiu que “a cabeza da muller é o home”. Como deberían ver as mulleres estas palabras? Teñen que aplicar este principio incluso se o seu home non serve a Xehová? Significa isto que a muller non pode expresar a súa opinión ou dicir como se sente cando hai que tomar decisións? Como pode unha muller gañarse o respecto do seu home?

“Vou facer para el unha axuda”

3, 4. Como lles axuda ós matrimonios o principio de autoridade?

3 Está claro que foi Deus quen creou o principio de autoridade. Despois de crear a Adam, Xehová dixo: “Non está ben o home só. Vou facer para el unha axuda ó seu xeito”. Entón creou a Eva. Adam estaba tan contento de ter unha compañeira que lle axudase, que comentou: “Esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne” (Xén. 2:18-24). Adam e Eva tiñan a oportunidade de ser pais duns nenos perfectos que poderían vivir para sempre na Terra feita un paraíso.

4 Non obstante, cando se rebelaron perderon a oportunidade de vivir para sempre (le Romanos 5:12). Aínda así, o principio de autoridade non deixou de existir. De feito, se o seguimos correctamente, este principio beneficiaranos moito e fará que teñamos un matrimonio feliz. Sentiremos o mesmo ca Xesús cando vivía no ceo baixo a autoridade do seu Pai. A Biblia di que antes de vir á Terra sempre estaba “feliz diante del [de Xehová]” (Pr. 8:30, TNM). Por culpa da imperfección, nin os homes son capaces de cumprir perfectamente coa súa responsabilidade como cabezas nin as mulleres poden seguir a súa guía á perfección. Pero se o home e a muller se esforzan por seguir este principio o mellor posible, poderán ser felices xuntos aínda que sexan imperfectos.

5. Por que deberían os matrimonios esforzarse por aplicar o consello de Romanos 12:10?

5 Para que un matrimonio sexa feliz, os dous necesitan aplicar este consello das Escrituras que se escribiu para tódolos cristiáns: “Sede cariñosos uns cos outros, coma irmáns; competide na estima mutua” (Rm. 12:10, cursivas nosas). Ademais, tanto o home como a muller deben esforzase por aplicar as seguintes palabras: “Sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente” (Ef. 4:32).

Cando o home non serve a Xehová

6, 7. Que podería pasar se unha muller cristiá respecta a autoridade do seu home aínda que el non sirva a Xehová?

6 Moitas veces unha cristiá está casada cun home que non é testemuña de Xehová. Que pasa neses casos? Como debería tratar a muller ó seu home? A Biblia di: “No tocante ás mulleres, que se sometan ós seus homes; deste xeito, se algúns non cren na Palabra, sen necesidade de palabra ningunha poderanos gañar polo bo xeito de vida por respecto ó Señor” (1 Pe. 3:1, 2).

7 A Biblia anima a muller a respectar a autoridade do seu home, aínda que el non sirva a Xehová. A súa boa conduta pode facer que el sinta curiosidade. Grazas a iso, pode chegar a interesarse polas súas crenzas e co tempo, aceptar a verdade.

8, 9. Que pode facer a muller cristiá se o seu home non acepta a verdade?

8 Pero que pasa se o home nunca chega a aceptar a verdade? A Biblia anima a muller a demostrar sempre calidades cristiás, aínda que non sexa fácil. Por exemplo, 1 Corintios 13:4 (TNM) di: “O amor é paciente”. Por iso, a muller cristiá debería mostrarlle amor ó seu home e seguir comportándose “con total humildade, sinxeleza e paciencia” (Ef. 4:2). Coa axuda do espírito santo, a forza activa de Deus, poderá seguir demostrando calidades cristiás ata en situacións difíciles.

9 Paulo escribiu: “Teño forzas para todo gracias a quen me fai forte” (Flp. 4:13). O espírito santo pode axudarlle á muller cristiá a facer cousas que doutra forma poderían parecer imposibles. Por exemplo, se o seu home a trata mal, pode que ela se sinta tentada a tratalo da mesma maneira. Pero a Biblia dille ós cristiáns: “Non volvades mal por mal a ninguén [...] pois está escrito: miña é a vinganza, eu darei o merecido, di o Señor” (Rm. 12:17-19). Ademais, 1 Tesalonicenses 5:15 aconséllanos algo parecido: “Mirade que ninguén lle devolva a ninguén mal por mal; polo contrario, procurádevos sempre o ben uns ós outros, e a todos”. O que é imposible para nós convértese en algo posible grazas á axuda do espírito santo de Xehová. Por iso é importante que lle pidamos a Deus o seu espírito para que nos axude.

10. Como reaccionou Xesús cando outros o trataron mal?

10 Xesús púxonos un excelente exemplo de como actuar cando a xente nos fale ou nos trate mal. 1 Pedro 2:23 di o seguinte: “Cando o aldraxaban, non devolvía aldraxes; mentres sufría, non ameazaba, senón que se puña nas mans do que xulga con xustiza”. Temos que esforzarnos por seguir o seu exemplo e non deixar que o mal comportamento doutros nos provoque. Tódolos cristiáns deberiamos esforzarnos por cumprir as seguintes palabras: “Tede un corazón compasivo e un xeito humilde; non vos volvades mal por mal, nin insulto por insulto” (1 Pe. 3:8, 9).

Pode unha muller dar a súa opinión?

11. Que gran privilexio terán algunhas mulleres cristiás?

11 Significa o principio de autoridade que unha muller non lle pode dicir ó seu home o que pensan sobre asuntos familiares e outros temas? Claro que non. Xehová deulles moitos privilexios tanto ós homes como ás mulleres. De feito, algunhas mulleres teñen o grande honor de formar parte dos 144.000 reis e sacerdotes que estarán con Cristo cando el goberne a terra (Gál. 3:26-29). Está claro que Xehová lles deu un papel moi importante na súa organización.

12, 13. Pon un exemplo que demostre que no pasado algunhas mulleres profetizaban.

12 Por exemplo, en tempos bíblicos algunhas mulleres profetizaban. Xoel 3:1, 2 [2:28, 29, TNM] predixo: “Verterei o meu Espírito sobre toda carne, e os vosos fillos e mailas vosas fillas converteranse en profetas. [...] Tamén sobre os servos e mailas servas verterei naqueles días o meu Espírito”.

13 No Pentecostés do ano 33 da nosa era, uns 120 discípulos de Xesús estaban reunidos nunha casa de Xerusalén. Alí había tanto mulleres coma homes, e Xehová derramou o seu espírito santo sobre todos eles. Pedro aplicou as palabras de Xoel a este grupo: “Isto é o que dixera o profeta Xoel: Acontecerá, nos derradeiros días, di o Señor, que espallarei o meu Espírito sobre toda carne: os vosos fillos e as vosas fillas profetizarán [...]. Neses días espallarei o meu Espírito sobre os meus servidores e servidoras e profetizarán” (Feit. 2:16-18).

14. Como axudaron a difundir o cristianismo as mulleres no primeiro século?

14 No primeiro século as mulleres tiveron un papel moi importante na difusión do cristianismo. Esforzáronse moito por predicar as boas noticias e por axudarlles a outros de maneiras prácticas (Lc. 8:1-3). Por exemplo, o apóstolo Paulo dixo que Febe era “unha ministra da congregación que está en Céncreas” (Rm. 16:1, TNM). Ademais, ó enviar saúdos a outros cristiáns, Paulo mencionou moitas mulleres fieis. Nunha ocasión dixo: “Saúdos a Trifene e Trifosa, que traballan polo Señor. Saúdos á querida Pérside, que tanto traballou polo Señor” (Rm. 16:12).

15. Cal é o papel das mulleres na predicación hoxe en día?

15 Nos nosos días, unha gran parte dos máis de sete millóns de persoas que predican as boas noticias por todo o mundo son mulleres de tódalas idades (Mt. 24:14). Moitas delas son pioneiras, misioneiras ou serven en Betel. O salmista David cantou: “Xehová dá a orde; as mulleres que proclaman as boas noticias son un exército grande” (Sal. 68:11, TNM). Que gran verdade! Xehová valora moito tódolos esforzos que fan estas mulleres por predicar as boas noticias e por cumprir a súa vontade. Está claro que o principio de autoridade non implica que as mulleres non poidan dar a súa opinión.

Dúas mulleres que deron a súa opinión

16, 17. Como demostra o exemplo de Sara que as mulleres poden dar a súa opinión no matrimonio?

16 Se Xehová valora tanto o que fan as mulleres, non deberían os seus homes facer o mesmo e pedirlles a súa opinión antes de tomar decisións importantes? Claro que si, iso sería moi sabio. A Biblia menciona varias mulleres que falaron ou actuaron sen que os seus homes llo pediran. Vexamos dous destes exemplos.

17 Sara, a muller de Abraham, insistiulle ó seu home para que botase a súa segunda muller e o seu fillo porque non eran respectuosos. A Biblia di: “A cousa doeulle a Abraham, pois tratábase de seu fillo. Pero Deus díxolle: ‘Non teñas dó do neno nin da escrava. Fai o que Sara che di’” (Xén. 21:8-12). Abraham obedeceu a Xehová, escoitou a Sara e fixo o que lle pedira.

18. Como tomou a iniciativa Abigail?

18 Outro exemplo é o de Abigail, a muller de Nabal. Cando David escapaba do orgulloso rei Xaúl, acampou cerca dos rabaños de Nabal. David e os seus homes protexeron as terras dese home rico e non lle sacaron nada. Pero Nabal “era áspero” e facía cousas malas, así que tratou mal os homes de David. A Biblia di que era “un parvo” e un insensato. Cando os homes de David lle pediron que lles dese algunhas provisións, Nabal negouse. Que fixo Abigail cando soubo o que pasara? Sen dicirlle nada a Nabal, “a toda présa, colleu douscentos pans, dous pelexos de viño, cinco cordeiros cocidos, cinco tegas de gran torrado, cen acios de uvas pasas e duascentas tortas de figos” e levoullo todo a David e ós seus homes. Fixo o correcto? O que pasou máis tarde demostra que si. A Biblia di que Xehová “feriu a Nabal e este morreu”. Despois, David casou con Abigail (1 Sam. 25:3, 14-19, 23-25, 38-42).

“A muller que [...] merece ser louvada”

19, 20. Que fai que unha muller mereza ser louvada?

19 A Biblia felicita as mulleres que fan as cousas como quere Xehová. O libro de Proverbios destaca as boas calidades da “muller xeitosa” ó dicir: “O seu valer supera o das perlas. O seu marido pon nela a confianza e non lle han faltar ganancias; procúralle felicidade, e non desgracia, tódolos días da súa vida”. Ademais, engade: “Cando abre a boca é con sabedoría, e na súa lingua hai unha instrucción piadosa. Está pendente do ir e vir dos da casa, e non xanta un pan ocioso. Érguense os seus fillos e bendícena, e o marido fai a súa louvanza” (Pr. 31:10-12, 26-28).

20 Que fai que unha muller mereza ser louvada? Proverbios 31:30 di: “A gracia engana e a fermosura esvaece: só a muller que teme ó Señor merece ser louvada”. Unha muller que teme a Xehová comprende que é importante someterse de boa gana ó principio de autoridade. Este principio di que “a cabeza da muller é o home”, que “a cabeza de todo home é Cristo” e que “a cabeza de Cristo é Deus” (1 Cor. 11:3).

Agradezamos o regalo de Deus

21, 22. a) Que razóns teñen os casados para agradecerlle a Deus o regalo do matrimonio? b) Por que deberiamos respectar o principio de autoridade que Xehová estableceu? (Ver o recadro da páxina 17).

21 Os matrimonios cristiáns teñen moitas razóns polas que darlle grazas a Deus. Unha delas é que poden desfrutar da vida xuntos. Pero o que máis agradecen é que Xehová lles dese a oportunidade de servilo xuntos (Rut 1:9; Miq. 6:8). Xehová, que creou o matrimonio, sabe exactamente o que necesitan o home e a muller para ser felices. Se facemos as cousas como Xehová nos pide, aínda que vivamos nun mundo cheo de problemas, veremos como se cumpre o que di Nehemías 8:10: “O gozo do Señor é a vosa forza”.

22 Un home cristián que ama a súa muller coma a si mesmo cumprirá coa súa responsabilidade como cabeza con cariño e consideración. E a muller que ama a Xehová demostraralle que o apoia e o respecta. Pero o máis importante de todo é que ó facer isto o seu matrimonio honrará a Xehová.

Recórdalo?

• En que consiste o principio de autoridade que estableceu Xehová?

• Por que deben o home e a muller respectarse o un ó outro?

• Como debe tratar unha muller o seu home se el non serve a Xehová?

• Por que deberían os homes ter en conta a opinión das súas mulleres antes de tomar decisións importantes?

[Preguntas de estudo]

[Recadro]

Por que debemos respectar o principio de autoridade?

Xehová decidiu quen debería ter autoridade e como debería usala. Este principio de autoridade aféctalles ós anxos e tamén ós humanos, e dálles a oportunidade de usar a súa liberdade de elección para servir a Deus unidos e en paz (Sal. 133:1).

Os cristiáns unxidos recoñecen que o seu cabeza é Xesucristo e respectan a súa autoridade (Ef. 1:22, 23). Xesús tamén respecta a autoridade do seu Pai. Por iso a Biblia di que, no seu debido momento, “se someterá a quen lle someteu a El todo: para que Deus sexa todo en todo” (1 Cor. 15:27, 28). Que importante é que os humanos que servimos a Xehová tamén nos esforcemos por obedecer o principio de autoridade na congregación e na familia! (1 Cor. 11:3; Heb. 13:17) Se o facemos, Xehová bendiciranos e daranos a súa aprobación (Is. 48:17).

[Imaxe]

A oración pode axudar ás mulleres a demostrar calidades cristiás.

[Imaxe]

Xehová valora moito os esforzos que fan as mulleres a favor do Reino.