Tomemos decisións que honren a Deus
Tomemos decisións que honren a Deus
“O asisado calcula os seus pasos.” (PR. 14:15)
1, 2. a) Á hora de tomar decisións, cal debería ser o noso principal interese? b) Que preguntas responderemos?
É MOI probable que as tomemos moitas veces ó día. Algunhas non teñen maior transcendencia. Outras, en cambio, poden ter un profundo impacto nas nosas vidas. De que estamos a falar? Das decisións. O noso interese principal é honrar a Deus en tódalas decisións que tomamos, sexan grandes ou pequenas (le 1 Corintios 10:31).
2 Resúltache fácil tomar decisións, ou é un reto para ti? Se queremos ser cristiáns maduros, temos que aprender a distinguir entre o que está ben e o que está mal. Deste xeito, poderemos tomar decisións baseadas nas nosas propias conviccións, e non nas dos demais (Rm. 12:1, 2; Heb. 5:14). Pero, que máis razóns temos para tomar boas decisións? Por que é tan difícil decidir ás veces? E que podemos facer para asegurarnos de que as nosas decisións honren a Deus?
Por que hai que tomar decisións?
3. Que factores non deberían influír nas nosas decisións?
3 Se somos indecisos á hora de tomar decisións nas que están envoltos os principios bíblicos, os nosos compañeiros de estudos ou de traballo poden pensar que non estamos moi convencidos das nosas crenzas e que somos fáciles de manipular. Poida que eles mintan, fagan trampas ou rouben e despois nos pidan que nos unamos a eles ou que, polo menos, os encubramos. Pero iso sería deixarse “ir coa maioría” (Éx. 23:2). O cristián que sabe tomar decisións que honran a Deus non permite que o medo ou o desexo de ser aceptado fagan que se comporte dun xeito que estea en conflito coa súa conciencia educada pola Biblia (Rm. 13:5).
4. Por que poderían os demais tratar de impoñernos a súa opinión?
4 Non tódolos que queren impoñernos a súa opinión teñen malas intencións. Poida que os nosos amigos insistan en que sigamos os seus consellos porque queren axudarnos. E os nosos familiares quizais estean preocupados por nós e queiran intervir nas decisións importantes que teñamos que tomar, incluso se xa non vivimos con eles. Pensemos, por exemplo, nos tratamentos médicos. A Biblia condena claramente o mal uso do sangue (Feit. 15:28, 29). Pero outros asuntos que teñen que ver co coidado da saúde non están tan definidos, e requiren que cada un de nós tome a súa propia decisión en canto a que tratamentos vai aceptar ou rechazar. Nestes casos, poida que os nosos seres queridos teñan opinións moi firmes. Non obstante, á hora de decidir sobre estes asuntos, cada cristián dedicado e bautizado ten que levar o seu “fardel”, e dicir, ser responsable das súas decisións (Gál. 6:4, 5). A nosa prioridade debe ser manter unha boa conciencia ante Deus, non ante os homes (1 Tim. 1:5).
5. Como podemos evitar que a nosa fe naufrague?
5 A indecisión é moi perigosa. O discípulo Santiago escribiu que o indeciso é “un inconstante en tódolos seus camiños” (Sant. 1:8). Igual que un barco sen timón é arrastrado dun lado a outro por unha tormenta, a persoa indecisa déixase levar pola cambiante opinión popular. Que fácil podería ser para esta persoa sufrir un naufraxio espiritual e mesmo culpar a outros da súa lamentable situación! (1 Tim. 1:19) Como podemos evitar que nos pase isto? Esforzándonos por manter unha fe forte (le Colosenses 2:6, 7). Para conseguilo, temos que aprender a tomar decisións que demostren que confiamos na Palabra inspirada de Deus (2 Tim. 3:14-17). Con todo, hai factores que poden afectar a nosa capacidade de decidir. Cales son?
Por que pode ser difícil tomar decisións
6. Como podería afectarnos o medo?
6 O medo a equivocarnos, a fracasar ou a quedar en ridículo pode chegar a paralizarnos. Isto é comprensible porque, ó fin e ó cabo, ninguén quere tomar decisións que lle causen problemas ou lle fagan pasar vergonza. Non obstante, o amor a Deus e á súa Palabra pode axudarnos a vencer os nosos temores. Este amor motivaranos a consultar a súa Palabra e as publicacións bíblicas antes de tomar decisións importantes. Así será menos probable que cometamos erros. Por que? Porque a Biblia pode “dar ó inexperto habilidade e ó rapaz novo, ciencia e discernimento” (Pr. 1:4).
7. Que aprendemos do exemplo do rei David?
7 Significa isto que sempre tomaremos a decisión correcta? Non, porque todos cometemos erros (Rm. 3:23). Por exemplo, o rei David foi un home fiel e sabio pero tomou algunhas malas decisións que lle causaron sufrimento tanto a el como a outras persoas (2 Sam. 12:9-12). Pero David non pensou que, como cometera erros no pasado, xa nunca podería tomar decisións que lle agradasen a Deus (1 Re. 15:4, 5). Nós tampouco permitiremos que nos paralicen os erros do pasado se, coma David, recordamos que Xehová pode pasar por alto as nosas equivocacións e perdoar os nosos pecados. El sempre vai apoiar os que o aman e o obedecen (Sal. 51:3-6, 9-12 [51:1-4, 7-10, TNM]).
8. Que nos ensinan os comentarios de Paulo acerca do matrimonio?
8 Podemos reducir a ansiedade que produce tomar decisións se comprendemos que ás veces hai máis dunha opción correcta. Analicemos o razoamento que utilizou Paulo ó falar do matrimonio. El escribiu baixo inspiración: “Pero, se alguén pensa que se está comportando impropiamente ó permanecer solteiro e se xa pasou a flor da xuventude, isto é o que debe facer: que faga o que queira, non peca. Que casen. Pero, se alguén está decidido de corazón e non ten necesidade, senón que ten control sobre a súa vontade e tomou a decisión no seu corazón de permanecer solteiro, fará ben” (1 Cor. 7:36-38, TNM). Como vemos, Paulo recomendoulles ós cristiáns que permanecesen solteiros, pero non dixo que fose a única opción correcta.
9. Debería preocuparnos o que pensan os demais? Explica.
9 Debería preocuparnos o que pensan os demais das decisións que tomamos? Ata certo punto. Vexamos o que aconsellou Paulo sobre comer alimentos que posiblemente foran sacrificados a ídolos. Recoñeceu que había decisións que, aínda que non fosen en si incorrectas, poderían molestar a alguén que tivese unha conciencia débil. Que determinación tomou Paulo? El escribiu: “Se unha comida escandaliza a un irmán meu, endexamais non probarei a carne, para non escandalizar a meu irmán” (1 Cor. 8:4-13). Nós tamén debemos ter en conta como lles afectarán ós demais as nosas decisións. Pero sen esquecer que o máis importante para nós é o efecto que causarán as nosas eleccións na amizade que temos con Xehová (le Romanos 14:1-4). Que principios bíblicos nos van axudar a tomar decisións que honren a Deus?
Seis pasos para tomar boas decisións
10, 11. a) Que nos axudará a non tomar decisións na familia que non nos corresponden? b) Que teñen que ter en conta os anciáns ó tomar decisións que lle afectan á congregación?
10 Non tomes decisións que non che corresponden. O primeiro que tes que preguntarte é: “Seguro que me corresponde a min tomar esa decisión?”. O rei Salomón escribiu: “Detrás da fachenda chega a vergonza, pero a Sabedoría vai cos modestos” (Pr. 11:2).
11 Por exemplo, poida que os pais queiran darlles ós seus fillos a oportunidade de tomar algunhas decisións. Pero, iso non lles dá dereito a facer o que queiran (Col. 3:20). As mulleres casadas e as nais tamén teñen certo grao de autoridade, pero fan ben en recoñecer que o home é o cabeza de familia (Pr. 1:8; 31:10-18; Ef. 5:23). Do mesmo xeito, os homes deben recordar que a súa autoridade é limitada, xa que están baixo a autoridade de Cristo (1 Cor. 11:3). Na congregación, os anciáns toman decisións que lles afectan ós irmáns. Por iso, se aseguran de non ir “máis alá do que está escrito” na Palabra de Deus (1 Cor. 4:6). E tamén seguen atentamente as instrucións do criado fiel (Mt. 24:45-47). Podemos aforrarnos moita angustia e sufrimento a nós mesmos e a outros se somos modestos e tomamos só as decisións que nos corresponden.
12. a) Por que é necesario investigar? b) Que debe incluír a investigación?
12 Investiga. Salomón escribiu: “Os planos do dilixente dan boa renda, pero quen anda ás présas anda ás perdas” (Pr. 21:5). Por exemplo, estás pensando en montar un negocio? Non te deixes levar polas emocións. Antes de tomar unha decisión reúne toda a información necesaria, pídelle consello a alguén que teña experiencia no tema e analiza os principios bíblicos que apliquen nesta situación (Pr. 20:18). Despois, fai unha lista cos pros e os contras. E, antes de tomar unha decisión, párate a “pensar no presuposto” (Lc. 14:28). Pensa no impacto que pode ter esta decisión non só na túa economía senón tamén na túa saúde espiritual. Facer toda esta investigación require tempo e esforzo, pero impedirá que tomes decisións precipitadas e aforrarache moitas dores de cabeza innecesarias.
13. a) Que garantía nos dá Santiago 1:5? b) Como nos pode axudar pedirlle sabedoría a Deus?
13 Pídelle sabedoría a Xehová. Para que as nosas decisións honren a Deus temos que pedirlle a súa axuda. O discípulo Santiago escribiu: “Se algún de vós está necesitado de sabedoría, que lla pida a Deus, que llela dá a todos abondosamente e sen roñar” (Sant. 1:5). Non nos debe dar vergonza recoñecer que necesitamos a sabedoría de Deus para tomar decisións (Pr. 3:5, 6). De feito, é moi fácil cometer erros se nos fiamos soamente do noso criterio. Se lle pedimos a Xehová que nos dea sabedoría e buscamos a guía dos principios bíblicos, o espírito santo axudaranos a darnos conta das verdadeiras razóns polas que preferimos unha determinada opción (Heb. 4:12; le Santiago 1:22-25).
14. Por que non debemos pospoñer as decisións?
14 Non pospoñas a decisión. É certo que non hai que apresurase; primeiro hai que investigar e pedirlle sabedoría a Xehová. A Biblia di que o “asisado calcula os seus pasos” (Pr. 14:15). Pero tampouco é bo pospoñer as cousas. Unha persoa indecisa podería inventar escusas absurdas para non actuar (Pr. 22:13). Pero non se dá conta de que facendo iso xa está tomando unha decisión: deixar que outros controlen a súa vida.
15, 16. Que se necesita para levar a cabo unha decisión?
15 Ponte mans á obra. O esforzo que esixe tomar unha boa decisión pode se inútil se non actuamos con determinación. Salomón escribiu: “Canto estea na túa mán facer, ¡faino!” (Ecl. 9:10). Ademais, debemos facer todo o que poidamos para levar a cabo a nosa decisión. Poñamos o caso dun publicador que decide facerse pioneiro. Como pode conseguir que a súa decisión dea bos resultados? Soamente se se asegura de que o seu traballo e o entretemento non lle rouben as enerxías e o tempo que implica cumprir con este labor.
16 Polo xeral, as mellores decisións son as máis difíciles de levar a cabo. Isto débese a que “o mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1 Xn. 5:19). Así que temos unha “loita contra [...] os que dominan neste mundo tenebroso, contra os espíritos do mal, que andan polo aire” (Ef. 6:12). Como indicaron o apóstolo Paulo e Xudas, tódolos que están decididos a honrar a Deus teñen que enfrontarse a esta loita (1 Tim. 6:12; Xds. 3).
17. Que espera Xehová que fagamos despois de tomar decisións?
17 Avalía os resultados e fai os cambios necesarios. As cousas non sempre resultan como se planearon pois “a todos lles chega algún mal momento e algún suceso imprevisto” (Ecl. 9:11, TNM). Aínda así, no caso dalgunhas decisións, Xehová espera que as manteñamos a pesar das probas. Por exemplo, os votos que facemos ó casar ou ó dedicarnos a Xehová non son negociables. El quere que os cumpramos (le Salmo 15:1, 2, 4). Claro, hai outras decisións que non son tan transcendentais. Un cristián sabio avalía periodicamente as súas decisións e non deixa que o orgullo ou a obstinación lle impidan facer axustes ou mesmo recuar se é necesario (Pr. 16:18). O que máis lle importa é estar seguro de que honra a Deus coas súas decisións.
Ensinémoslles a outros a tomar decisións que honren a Deus
18. Como poden os pais ensinarlles ós seus fillos a tomar boas decisións?
18 Os pais poden facer moito para axudar ós seus fillos a tomar boas decisións. A mellor maneira é poñéndolles un bo exemplo (Lc. 6:40). Poden explicarlle ó seu fillo que pasos deron antes de tomar algunha decisión. Tamén poden deixarlle decidir a el sobre algúns asuntos e despois felicitalo cando obteña bos resultados. Pero, que pasa se se equivoca? A primeira reacción dun pai podería ser a de protexelo das consecuencias, pero actuar así non sempre vai ser o mellor para un fillo. Poñamos o caso dun pai que deixa que o seu fillo saque o carné de conducir. Cando o consegue, o rapaz comete unha infracción e recibe unha multa. O pai podería pagala. Pero é máis probable que o rapaz aprenda a ser responsable das súas accións se ten que traballar para pagar a multa (Rm. 13:4).
19. Que debemos ensinarlles ós nosos estudantes da Biblia, e cal é a mellor forma de facelo?
19 Xesús dixo que tódolos seus discípulos temos o deber de ensinar á xente (Mt. 28:20). E unha das cousas máis importantes que lles podemos ensinar ós nosos estudantes é a tomar boas decisións. Para lograr este obxectivo, temos que resistir o impulso de dicirlles o que teñen que facer en cada situación. É moito mellor axudarlles a razoar e a tomar a súas propias decisións baseándose nos principios bíblicos. Ó fin e ó cabo, “cada un de nós dará conta de si a Deus” (Rm. 14:12). Polo tanto, todos temos moi boas razóns para esforzarnos por tomar decisións que honren a Xehová.
Que responderías?
• Por que debemos aprender a tomar decisións?
• Como pode afectarnos o medo, e como podemos superalo?
• Que seis pasos debemos dar para que as nosas decisións honren a Deus?
[Preguntas de estudo]
[Recadro/Imaxe]
Pasos para tomar boas decisións
1 Non tomes decisións que non che corresponden
2 Investiga
3 Pídelle sabedoría a Xehová
4 Non pospoñas a decisión
5 Ponte mans á obra
6 Avalía os resultados e fai os cambios necesarios
[Imaxe]
O indeciso é coma un barco sen timón no medio dunha tormenta