Ir ó contido

Escolles diversións boas para ti?

Escolles diversións boas para ti?

Escolles diversións boas para ti?

“Tendo en conta o que agrada ó Señor” (EF. 5:10).

1, 2. a) Que pasaxes bíblicas mostran que Xehová desexa que desfrutemos da vida? b) Que nos motivará a facer ver o noso tempo libre como un “don de Deus”?

 A BIBLIA mostra en numerosas pasaxes que Xehová non só quere que vivamos, senón que desexa que desfrutemos da vida. Por exemplo, Salmo 104:14, 15 di que Xehová fai que a Terra produza alimento “e viño que alegra o corazón do home; para que co aceite fagan brilla-lo seu rostro e co pan repoñan as forzas”. Así é, Deus fai crecer os cultivos para que teñamos gran, aceite e viño cos que alimentarnos. Pero o viño é un produto que non só nos nutre, senón que ademais alegra a vida (Ecl. 9:7; 10:19). Está claro que Xehová quere que os seres humanos vivamos felices, pois enche “de alegría os [nosos] corazóns” (Feit. 14:16, 17).

2 Por iso, non hai motivo para que nos sintamos culpables se, de vez en cando, dedicamos algún tempo a observar “as aves do ceo” e os “lirios do campo”, ou a outras actividades que nos relaxan ou enriquecen a nosa vida (Mt. 6:26, 28; Sal. 8:4, 5 [8:3, 4, TNM]). Vivir unha vida plena e saudable “é don de Deus” (Ecl. 3:12, 13). Ver o noso tempo libre como parte dese don motivaranos a utilizalo dunha maneira que lle agrade a Xehová. a

Liberdade dentro duns límites

3. Por que é razoable ter en conta a diversidade de gustos no que ten que ver co ocio?

3 Como veremos a continuación, o cristián equilibrado recoñece que cada un ten dereito a escoller os pasatempos que prefira, pero sempre dentro duns límites. Coas diversións pasa o mesmo que coa comida, mentres que nalgúns lugares do mundo lles encantan certos alimentos, noutros considéranse pouco apetecibles. De maneira parecida, os cristiáns de certa parte do mundo talvez escollan actividades que ós doutra parte do mundo non lles resulten interesantes. E isto pode pasar incluso entre os que viven na mesma zona. Hai quen desfruta de ler un bo libro sentado comodamente, pero a outros parécelles moi aburrido. A algúns encántalles andar en bici polo campo, pero outros pensan que cansa moito. Todos debemos aceptar que, igual que coa comida, no ocio existen moitas diversións válidas (Rm. 14:2-4).

4. Por que debemos poñer límites ó entretemento que escollemos? Pon un exemplo.

4 Claro, a liberdade de elección non é unha escusa para participar en actividades prexudiciais. Pensemos outra vez no exemplo da comida. Por moito que nos guste variar, verdade que nunca comeriamos un alimento podre? Facer isto non tería ningún sentido e podería poñer en risco a nosa saúde. Do mesmo xeito, aínda que esteamos abertos a unha gran variedade de entretemento, evitamos todo o que é inmoral, violento ou perigoso, pois vai en contra dos principios bíblicos e ameaza a nosa saúde física e espiritual. Para estar seguros de que estamos dentro duns límites razoables, faremos ben en decidir con antelación se o tipo de entretemento que nos atrae é bo ou non (Ef. 5:10). Como podemos facer isto?

5. Como podemos saber se lle agrada a Xehová o noso entretemento?

5 Para que o entretemento nos beneficie e lle agrade a Xehová, debe cumprir coas normas rexistradas na súa Palabra a Biblia (Sal. 86:11). Para saber se este é o caso do entretemento que nos gusta, podemos consultar unha pequena lista de verificación. Esta lista está composta por tres preguntas: que?, cando? e quen? Analicemos unha por unha.

Que inclúe?

6. Que formas de entretemento rechazamos, e por que?

6 A primeira pregunta que nos debemos facer ó escoller certa forma de entretemento é a seguinte: “Que inclúe a actividade que me gusta?”. Noutras palabras: cales son as súas características? Hai que ter en conta que, para o servo de Deus, hai dúas clases de diversións: primeiro, as que hai que evitar a toda costa, e segundo, as que pode aceptar se llo permite a conciencia. Cales hai que evitar a toda costa? Aquelas nas que se realizan ou se presentan actos que van totalmente en contra dos principios ou leis divinas (1 Xoán 5:19). Aínda que neste mundo malvado triunfa o entretemento que destaca o sadismo, o ocultismo, a homosexualidade, a pornografía, a violencia e outras cousas condenadas nas Escrituras, os cristiáns rechazámolas rotundamente (1 Cor. 6:9, 10, TNM; le Apocalipse 21:8). Sen importar onde esteamos, evitemos calquera contacto con todo o que contén estas prácticas, desta maneira demostrarémoslle a Xehová que somos obedientes a este mandato seu: “Detestade o que é malo” (Rm. 12:9, TNM; 1 Xoán 1:5, 6).

7, 8. Como podemos saber se a Xehová lle parece ben a actividade que temos pensado realizar? Pon un exemplo.

7 Falemos agora da segunda categoría: as diversións que non teñen relación directa con prácticas condenadas expresamente nas Escrituras. Neses casos, como podemos saber se a Xehová lle parece ben a actividade que temos pensado realizar? Examinándoa á luz dos principios bíblicos (Pr. 4:10, 11). Así poderemos tomar unha decisión persoal que nos deixe coa conciencia tranquila (Gál. 6:5; 1 Tim. 1:19). Que nos axudará a facer unha boa elección? Volvamos ó exemplo da comida. Antes de probar un prato novo, normalmente preguntamos cales son os seus ingredientes. Da mesma maneira, antes de escoller certo tipo de entretemento, temos que investigar cal é o seu contido (Ef. 5:17).

8 Por exemplo, a algúns encántanlles os deportes. E é normal, os deportes poden ser divertidos e emocionantes. Pero, podería ser que tamén nos sintamos atraídos por outros “ingredientes”, como unha competitividade agresiva, o risco, as lesións, as celebracións desenfreadas ou o nacionalismo? Fagamos un autoexame. Talvez descubramos que a nosa actitude non encaixa co criterio de Xehová nin coa mensaxe de paz e amor que predicamos e decidamos renunciar a esa actividade (Is. 61:1; Gál. 5:19-21). Pero se chegamos á conclusión de que os “ingredientes” de certa diversión son compatibles coas normas bíblicas, realizala pode ser beneficioso para nós (Gál. 5:22, 23; le Filipenses 4:8, TNM).

Cando a realizarei?

9. Menciona que descubrimos ó facernos a pregunta: “Cando realizarei a actividade?”.

9 A segunda pregunta que nos deberiamos facer é: “Cando realizarei a actividade?”. Temos que analizar tanto o momento no que a imos levar a cabo como o tempo que lle imos dedicar. Mentres que a pregunta do que mostra cales son as nosas preferencias e que nos parece aceptable ou non, a do cando revela as nosas verdadeiras prioridades, que nos parece importante de verdade. Entón, como podemos saber se o nivel de importancia que lle damos ó entretemento na nosa vida é adecuado?

10, 11. Como nos axuda Mateo 6:33 a decidir canto tempo lle debemos dedicar ó entretemento?

10 Recordemos que Xesucristo dixo: “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con tódalas túas forzas” (Mc. 12:30). Como demostramos que o noso principal interese na vida é amar a Xehová? Obedecendo este consello de Xesús: “Procurade primeiro o Reino de Deus e maila súa xustiza, e todas esas cousas hánsevos dar de máis a máis.” (Mt. 6:33). Como veremos, estas palabras axúdannos a decidir o tempo e a importancia que lle debemos dar ó entretemento.

11 Xesús non nos pide que busquemos “ o Reino”. O que nos manda é buscar “primeiro o Reino”. El sabe que debemos dedicar tempo e enerxías a moitas actividades, pois necesitamos un fogar, comida, roupa, educación, traballo e entretemento, entre outras cousas. Pero os intereses do Reino sempre deben ir primeiro (1 Cor. 7:29-31). Se nos guiamos por este principio fundamental, non permitiremos que nada interfira na nosa actividade máis importante: o servicio a Xehová. Ó aplicar este principio ó entretemento, manterémolo dentro duns límites e conseguiremos que nos beneficie.

12. Que aplicación teñen as palabras de Lucas 14:28 no campo do entretemento?

12 Cantas horas lle dedicaremos ó entretemento? Para decidilo, témonos que sentar a “pensar no presuposto” (Lc. 14:28). Debemos analizar a inversión de tempo que require certa actividade e pensar en se vale a pena. Se vemos que imos descoidar cousas importantes como o estudo persoal, a adoración en familia, as reunións ou a predicación, entón o prezo non compensa (Mc. 8:36). Pero se chegamos á conclusión de que se trata dunha diversión ocasional que vai renovar as nosas enerxías e que nos permitirá seguir buscando primeiro o Reino, será unha boa “inversión”.

Quen me vai acompañar?

13. Por que debemos pensar con coidado con quen nos relacionamos cando nos divertimos?

13 A terceira pregunta que todos nos deberiamos facer é: “Quen me vai acompañar na actividade?”. É moi importante saber con quen nos imos relacionar, pois as nosas diversións só serán edificantes se tamén o son as nosas amizades. Igual que unha comida é moito máis agradable cando se está en boa compañía, o entretemento desfrútase moito máis cando se comparte con bos amigos. Por iso é perfectamente comprensible que á maioría de nós, e sobre todo ós que son máis novos, nos guste divertirnos en grupo. A clave do éxito está en seleccionar amizades beneficiosas e evitar as compañías prexudiciais (2 Cró. 19:2; le Proverbios 13:20; Sant. 4:4).

14, 15. a) Que bo exemplo nos puxo Xesús á hora de escoller os nosos amigos? b) Que preguntas nos deberiamos facer para escoller os nosos amigos?

14 Pódenos axudar moito seguir o exemplo de Xesús á hora de escoller as nosas compañías. Dende o comezo da creación, el sempre amou os seres humanos (Pr. 8:31, TNM). E cando estivo na Terra, tratou con bondade e consideración a tódalas persoas (Mt. 15:29-37). Aínda así, Xesús tiña moi clara na súa mente a liña entre a simple amabilidade e a amizade verdadeira. Levábase ben coas persoas en xeral, pero só era amigo de verdade dos que cumprían unha condición. Cal? A mesma que lles ensinou ós seus once apóstolos fieis: “Vós sodes amigos meus, se facedes canto eu vos mando” (Xoán 15:14; ver tamén Xoán 13:27, 30). Está claro que Xesús só aceptaba como amigos os que eran discípulos seus e servos de Xehová.

15 Esa é a mesma actitude que debemos ter nós. Para decidir se alguén merece ser o noso amigo, preguntémonos: “Demostra coas súas palabras e accións que obedece os mandatos de Xehová e de Xesús? Comparte as miñas crenzas e os meus valores baseados na Biblia? Será unha influencia positiva que me axude a manterme fiel a Xehová e a buscar primeiro o Reino?”. Se respondemos cun si a estas preguntas, podemos estar seguros de que esa persoa será unha boa compañía nos nosos momentos de ocio (le Salmo 119:63; 2 Cor. 6:14; 2 Tim. 2:22).

O noso entretemento pasa a proba?

16. A que proba debemos someter o noso entretemento?

16 En resumo, analizamos tres aspectos relacionados co noso tempo libre: que diversións escollemos, cando as realizamos e con quen. E vimos que para que o noso entretemento nos beneficie, ten que cumprir cos principios bíblicos en cada un deses tres puntos. Antes de escoller calquera actividade, sometámola á seguinte proba: Que inclúe? Témonos que asegurar de que non contén nada impropio para un cristián (Pr. 4:20-27). Cando a realizaremos? Non podemos permitir que nos quite demasiado tempo (1 Tim. 4:8). Quen nos vai acompañar? Debemos evitar as malas influencias (Ecl. 9:18, TNM; 1 Cor. 15:33).

17, 18. a) Como podemos saber se o noso entretemento cumpre as normas bíblicas? b) Que estás decidido a facer á hora de escoller o teu entretemento?

17 Se vemos que certa actividade non cumpre as condicións bíblicas do que, cando e quen, entón non pasa a proba. Pero se chegamos á conclusión de que si as cumpre, podemos ter a tranquilidade de que esa diversión nos vai beneficiar e de que lle dará honra a Xehová (Sal. 119:33-35).

18 En definitiva, no que ten que ver co entretemento, asegurémonos de facer o correcto, no momento correcto e coas persoas correctas. Esforcémonos de corazón por seguir en todo momento este consello bíblico: “Tanto que comades, como que bebades, coma calquera cousa que fagades, facédeo todo para gloria de Deus” (1 Cor. 10:31).

[Nota]

a Neste artigo usaremos indistintamente termos como entretemento, diversións, ocio e pasatempos para referirnos en xeral ás actividades recreativas que realizamos no noso tempo libre.

Saberías explicalo?

Como podemos aplicar os seguintes principios bíblicos ó entretemento?

Filipenses 4:8, TNM

Mateo 6:33

Proverbios 13:20

[Preguntas de estudo]

[Táboa da páxina 9]

 

Que

[Táboa da páxina 10]

 

Cando

[Táboa da páxina 12]

 

Quen

[Imaxe da páxina 10]

Como nos axuda o exemplo de Xesús a escoller ben os nosos amigos e diversións?