BIOGRAFÍA
Recordar o amor que tiña ó principio axudoume a aguantar
CORRÍA o verán do ano 1970. Eu tiña 20 anos. Estaba nunha cama no Hospital Xeral Valley Forge de Phoenixville, en Pensilvania (Os Estados Unidos). Naquel tempo era soldado e estaba moi grave por culpa dunha enfermidade infecciosa. Cada media hora, un enfermeiro tomábame a presión, que non deixaba de baixar. O mozo era uns poucos anos maior ca min e víase asustado. “Nunca viches morrer a ninguén, verdade?”, pregunteille. Púxose branco como a parede e respondeume: “Non, nunca”.
A cousa non pintaba nada ben. Como acabei a piques de morrer naquel hospital? Vóuvolo contar.
A GUERRA DÁME A BENVIDA
Enfermei na guerra de Vietnam, mentres traballaba como asistente de quirófano. Gustábame moito axudar os feridos e os enfermos. Quería ser cirurxián. Cheguei a Vietnam en xullo de 1969. Como acababa de chegar, déronme unha semana para que me puidese adaptar ó cambio de hora e á asfixiante calor.
Despois, presenteime para traballar nun hospital cirúrxico en Dong Tam, no delta do río Mekong. Ó pouco, comezou a chegar un helicóptero tras doutro, todos cargados de soldados feridos e mortos. Eu era moi patriota e gustábame traballar, así que axiña me puxen ó choio. Preparabamos os feridos e metiámolos a todo correr nuns contedores con aire acondicionado que funcionaban como quirófanos. O espazo era moi reducido, de modo que o cirurxián, o anestesista e os dous enfermeiros apenas se podían mover. Pero todos facían todo o que podían por salvar a cantos fose posible. Vin que nos helicópteros había unhas bolsas grandes e negras que ninguén baixaba. Dixéronme que contiñan os restos dos soldados que morreran polas bombas no campo de batalla. Esa foi a benvida que me deu a guerra.
COMEZO A BUSCAR A DEUS
Uns anos antes de ir á guerra tiven o meu primeiro contacto coas testemuñas de Xehová. A miña querida nai estudara a Biblia con elas por un tempo, pero non chegara a bautizarse. Encantábame sentarme a escoitar o que lle dicían. Nunha ocasión, pasei diante dun Salón do Reino co meu padrastro e pregunteille: “Que é iso?”. El respondeume: “Nin se che ocorra achegarte a esa xente!”. Como lle quería moito e confiaba nel, fíxenlle caso, polo que perdín o contacto coas testemuñas de Xehová.
Despois de volver de Vietnam, sentín a necesidade de buscar a Deus. Quedara con terribles cicatrices emocionais. Parecía coma se ninguén entendese realmente o que estaba a suceder naquel país. Corrían rumores de que os soldados estadounidenses estaban a matar nenos inocentes e recordo que había manifestacións nas que a xente os acusaba de ser asasinos de bebés.
Para intentar aliviar a miña sede espiritual, comecei a ir a distintas igrexas. Sempre sentín amor por Deus, pero non me gustou o que vin nelas. Ó final, acabei nun Salón do Reino das testemuñas de Xehová que estaba en Delray Beach (Florida). Recordo que foi un domingo de febreiro de 1971.
Cando cheguei, estaba a piques de terminar o discurso público, así que quedei para o estudo de A Atalaia. Non lembro de que se falou, pero nunca esquecerei os nenos que estaban a buscar os versículos nas súas Biblias. Quedei moi impresionado. Non facía máis que escoitar e observar. Cando xa estaba saíndo do Salón do Reino, un irmán duns 80 anos achegouse a min. Chamábase Jim Gardner e levaba na man o libro La verdad que lleva a vida eterna. Díxome: “Aceptarías este libro?”. Alí mesmo quedamos en vernos o seguinte xoves pola mañá para estudalo.
Ese domingo tiña que traballar pola noite. Naquela época traballaba no servizo de urxencias dunha clínica de Boca Ratón (Florida). Comezaba ás once da noite e remataba ás sete da mañá. Como non había moito traballo, púxenme a ler o libro que me deran. Unha enfermeira achegóuseme, quitoume o libro das mans, mirou a cuberta e berroume: “Non te irás facer desa relixión, verdade?”. Quiteille o libro e díxenlle: “Pois só lin a metade, pero ten pinta de que si”. A muller marchou, e eu rematei de ler o libro esa mesma noite.
O primeiro que lle preguntei ó irmán Gardner cando chegou o xoves foi: “Que imos estudar?”. El respondeume: “Pois o libro que che dei”. “É que xa o lin”, contesteille. Entón el díxome: “Ben, pero ímoslle botar un ollo ó primeiro capítulo”. Quedei sorprendido por todo o que non vira. Pediume que buscase moitos textos na miña propia Biblia, que era a Versión do Rei Xacobe. Por fin estaba aprendendo quen era o Deus verdadeiro, Xehová. Esa mañá estudamos tres capítulos do libro. De feito, estudabamos tres capítulos tódolos xoves. Canto desfrutaba! E que privilexio foi ter como mestre a un cristián unxido que coñecera o irmán Russell!
Tan só unhas semanas despois xa estaba predicando coa congregación. Jim axudoume moito ó principio, porque me poñía moi nervioso, sobre todo cando iamos de casa en casa (Feit. 20:20). Pero seguín saíndo con el e terminei desfrutando moito da predicación. Ata o día de hoxe, penso que é o maior privilexio que teño. Non hai nada como ser colaborador de Deus! (1 Cor. 3:9).
O MEU PRIMEIRO AMOR POR XEHOVÁ
Agora vouche falar de algo moi persoal: o meu primeiro amor por Xehová (Ap. 2:4). Ese amor axudoume a superar as terribles secuelas da guerra e moitas outras dificultades (Is. 65:17).
O meu amor por Xehová axudoume a superar as terribles secuelas da guerra e moitas outras dificultades
Lembro con especial cariño un día da primavera de 1971. O meu padrastro acababa de botarme do edificio no que me deixaba vivir. Non estaba disposto a permitir que unha testemuña de Xehová vivise na súa propiedade. Eu apenas tiña cartos. No meu traballo pagábanme cada dúas semanas e acababa de gastar case todo o que gañara en roupa para predicar. Quería representar a Xehová de maneira digna. Aínda que tiña algúns aforros, estaban depositados nun banco do estado de Míchigan, ó norte do país, onde me criei. Non me quedou outra que vivir uns días no coche. Afeitábame e aseábame nos baños das gasolineiras.
Un deses días cheguei ó Salón do Reino un par de horas antes de que os demais chegasen para saír predicar. Viña do traballo. Aparquei detrás do Salón, onde ninguén me puidese ver. Alí comezaron a invadirme recordos de Vietnam: o cheiro da carne humana queimada, as imaxes do sangue ó meu arredor... Podía oír e ver con total claridade os soldados que me preguntaban desesperados: “Vouno conseguir? Vou sobrevivir?”. Eu sabía que ían morrer, pero trataba de tranquilizalos como podía e loitaba para que non se me notase na mirada. Lembrando todo aquilo derrubeime por completo.
Fixen todo o posible por non perder o meu primeiro amor por Xehová, sobre todo no medio das probas e as dificultades
Cheo de bágoas comecei a orarlle a Xehová (Sal. 56:9 [56:8, TNM]). E empecei a meditar na resurrección. De súpeto comprendín o que fará Xehová: usará a resurrección para borrar as atrocidades que vin e curar a dor emocional que tantas persoas sufrimos. Deus devolveralles a vida a todos aqueles mozos e daralles a oportunidade de coñecelo (Feit. 24:15). Sentín que me desbordaba o amor por Xehová. O sentimento chegoume ata o máis profundo da alma. Ese día lévoo moi gardado no corazón. Dende entón fixen todo o posible por non perder o meu primeiro amor por Xehová, sobre todo no medio das probas e as dificultades.
XEHOVÁ FOI MOI BO COMIGO
En tempos de guerra, a xente fai cousas terribles e eu non fun unha excepción. Algo que me axudou a soportar a culpa é meditar en dous dos meus textos favoritos. O primeiro é Apocalipse 12:10, 11, que di que o Demo non só foi vencido grazas ó noso testemuño, senón tamén grazas ó sangue do Año. O segundo é Gálatas 2:20. Ese texto ensinoume que Xesucristo morreu “por min”. Xehová mírame a través do sangue do seu Fillo e perdooume o que fixen. Comprender iso axudoume a ter unha conciencia limpa e motivoume a dar o máximo de min para axudar á xente a coñecer o noso compasivo Deus, Xehová (Heb. 9:14).
Cando penso no meu pasado, doume conta de que Xehová sempre me coidou. Por exemplo, o mesmo día no que Jim se decatou de que estaba a vivir no meu coche, púxome en contacto cunha irmá que alugaba habitacións. Estou convencido de que Xehová usou a Jim e a aquela querida irmá para darme un lugar cómodo onde quedarme. Que bo é Xehová e que ben coida dos seus!
TIVEN QUE APRENDER A TER MÁIS TACTO
En maio de 1971 tiven que atender uns asuntos en Míchigan. Antes de deixar a congregación de Delray Beach, enchín o maleteiro do coche con libros e revistas. Marchei de Florida e fun cara ó norte pola estrada interestatal 75. Aínda non fixera nin a metade da viaxe e xa tiña o maleteiro baleiro. En calquera sitio onde podía, parábame a falar do Reino con entusiasmo. Prediquei en varios cárceres e ata lles deixei folliñas ós homes que atopaba nos baños das áreas de descanso. Ás veces pregúntome se algunha desas sementes daría froito (1 Cor. 3:6, 7).
Con todo, teño que recoñecer que cando aprendín a verdade non tiña demasiado tacto, sobre todo ó falar coa miña familia. O meu primeiro amor por Xehová ardía con tanta intensidade dentro de min que lles prediquei con valor, pero teño que recoñecer que fun demasiado directo. Como lles quero tanto ós meus irmáns, John e Ron, intentaba convencelos á forza. Ó final tiven que desculparme pola miña falta de tacto. Pero non deixo de pedir en oración que algún día acepten a verdade. Dende entón, Xehová educoume e aprendín a ser máis coidadoso ó predicar e ensinar á xente (Col. 4:6).
OS OUTROS AMORES DA MIÑA VIDA
En todo momento teño presente o meu amor por Xehová, pero tampouco esquezo os outros amores da miña vida. O meu segundo amor é a miña querida muller, Susan. Sempre quixen unha compañeira que me axudase a servir a Deus e Susan é unha muller forte e espiritual. Nunca esquecerei un día no que fun a vela cando aínda eramos mozos. Atopeina sentada diante da casa dos seus pais, que vivían en Cranston (Rhode Island). Estaba lendo A Atalaia e tiña a súa Biblia a man. O que me impresionou foi que estaba a ler un artigo secundario e buscaba tódolos textos na Biblia. Pensei: “Esta si que é unha rapariga espiritual!”. Casamos en decembro de 1971 e dende entón sempre estivo ó meu carón, apoiándome. Iso é algo que agradezo moitísimo. O que máis me gusta dela é que me quere moito, pero que aínda quere máis a Xehová.
Susan mais eu tivemos dous fillos, Jesse e Paul. Xehová sempre estivo con eles (1 Sam. 3:19). E como chegaron a amar a verdade, fixéronnos parecer excelentes pais. Ata o día de hoxe serven fielmente a Xehová grazas a que non esqueceron o primeiro amor que sentiron por el. Os dous levan máis de vinte anos no servizo a tempo completo. Ademais, teño dúas encantadoras noras, Stephanie e Racquel, que son como fillas para min. Jesse e Paul escolleron mulleres espirituais que aman a Xehová con todo o corazón (Ef. 6:6).
Despois de bautizarme servín no estado de Rhode Island durante dezaseis anos. Alí fixen excelentes amigos. Teño moi bos recordos dos anciáns cos que traballei. Ademais, estoulles moi agradecido ós superintendentes viaxantes que nos visitaron, porque influíron en min de maneira moi positiva. Foi un verdadeiro privilexio traballar con homes que manteñen vivo o seu primeiro amor por Xehová. No ano 1987 mudámonos ó estado de Carolina do Norte para apoiar os irmáns na predicación e alí tamén fixemos amizades moi boas. *
En agosto de 2002, Susan e mais eu fomos invitados a formar parte da familia Betel de Patterson (Os Estados Unidos). Eu traballei no Departamento de Servizo e Susan na lavandería. Encantáballe traballar alí. Logo, en agosto de 2005, recibín a honra de ser nomeado membro do Consello Reitor. Sentinme moi pouca cousa ante tal responsabilidade. E a miña muller tamén se preocupou ó pensar na responsabilidade, o traballo e as viaxes que iso implicaría. Nunca lle gustou voar, pero agora non nos baixamos do avión. Susan di que os cariñosos comentarios das mulleres doutros membros do Consello Reitor lle axudaron moito. Podo dicir que sempre me apoiou en todo e iso faime querela aínda máis.
Teño a miña oficina chea de fotos que significan moito para min. Lémbranme o incrible que foi a miña vida. De feito, xa recibín moitísimas bendicións por sempre recordar o meu primeiro amor por Xehová.
^ par.31 Se queres saber máis detalles sobre o servizo a tempo completo do irmán Morris, podes consultar a páxina 26 de La Atalaya, 15 de marzo de 2006.