Ir ó contido

ARTIGO DE ESTUDO 27

Preparémonos agora para a persecución

Preparémonos agora para a persecución

“Tódolos que queiran vivir coma bos cristiáns padecerán persecución” (2 TIM. 3:12).

CANCIÓN snnw 154 Seguirei ata o final

AVANCE a

1. Por que precisamos prepararnos para a persecución?

 A NOITE antes de morrer, Xesús dixo que a xente odiaría a tódolos que decidisen ser os seus discípulos (Xn. 17:14). Dende entón, os cristiáns fieis son perseguidos polos que se opoñen á adoración a Xehová (2 Tim. 3:12). Por iso sabemos que a medida que se acerca a fin deste sistema os nosos inimigos se opoñerán máis a nós (Mt. 24:9).

2, 3. a) Por que é perigoso o medo? b) Que imos analizar neste artigo?

2 Como podemos prepararnos agora para a persecución? Non necesitamos pensar en tódalas cousas malas que nos poderían pasar. Se o fixésemos, poderiamos sentirnos angustiados polo medo e a ansiedade. Ese medo podería facer que deixásemos de servir a Xehová, incluso antes de que cheguen as probas reais (Pr. 12:25; 17:22). O medo é unha arma poderosa que usa contra nós o noso “inimigo, o demo” (1 Pe. 5:8, 9). Que podemos facer agora para estar preparados para a persecución?

3 Neste artigo imos analizar como podemos fortalecer a nosa amizade con Xehová e por que é vital que o fagamos xa dende agora. Tamén veremos o que podemos facer para ter máis valor. E por último, examinaremos que podemos facer cando somos vítimas do odio.

QUE FACER PARA ACHEGARNOS MÁIS A XEHOVÁ

4. Segundo Hebreos 13:5, 6, de que debemos convencernos, e por que é importante facelo?

4 Recorda sempre que Xehová te quere e que nunca te vai abandonar (le Hebreos 13:5, 6). Hai moitos anos, unha revista A Atalaia mencionaba: “Quen mellor coñeza a Deus será quen máis confíe nel en tempos de proba”. Que certo é! Para facer fronte á persecución con éxito, temos que amar a Xehová e confiar nel por completo, e nunca dubidar de que nos quere moito (Mt. 22:36-38; Sant. 5:11).

5. Que nos axudará a sentir que Xehová nos quere?

5 Le a Biblia a diario coa meta de achegarte máis a Xehová (Sant. 4:8). Mentres a les, céntrate nas bonitas calidades de Xehová. Fíxate en como se percibe o seu amor e afecto nas cousas que di e fai (Éx. 34:6). A algunhas persoas poderíalles resultar difícil crer que Deus as quere porque nunca recibiron amor. Se ese é o teu caso, intenta facer unha lista cada día das cousas boas que Xehová fixo por ti (Sal. 78:38, 39; Rm. 8:32). É probable que poidas anotar moitas máis cousas se meditas nas túas vivencias e no que les na Biblia. Canto máis aprecies o que fai Xehová, máis forte será a túa amizade con el (Sal. 116:1, 2).

6. Segundo o Salmo 94:17-19, como nos axuda orar de maneira sincera?

6 Ora con frecuencia. Imaxina un neno e o seu pai dándose un abrazo cariñoso. O neno séntese tan seguro que non ten medo de contarlle as cousas boas e malas que lle pasaron ese día. Ti tamén podes desfrutar deste tipo de relación con Xehová se lle oras con sinceridade cada día (le Salmo 94:17-19). Cando o fagas, “verte coma auga” o teu corazón e fálalle sobre tódolos teus medos e preocupacións (Lam. 2:19). Cal será o resultado? Experimentarás o que a Biblia chama “a paz de Deus, que supera toda intelixencia” (Flp. 4:6, 7). Canto máis ores desta maneira, máis preto te sentirás de Xehová (Rm. 8:38, 39).

Obtemos valor cando confiamos en Xehová e no seu Reino

Stanley Jones fortaleceu a súa fe ó convencerse de que o Reino de Deus é real. (ver o parágrafo 7.

7. Por que debemos convencernos de que se cumprirán as promesas de Deus sobre o seu Reino?

7 Convéncete de que as bendicións do Reino de Deus se farán realidade (Num. 23:19). Se a túa fe nestas promesas é débil, será máis fácil para Satanás e os seus facer que teñas medo (Pr. 24:10; Heb. 2:15). Como podes fortalecer a túa fe no Reino de Deus agora? Dedica tempo a estudar as promesas de Deus sobre o seu Reino e os motivos polos que podes estar seguro de que se farán realidade. Como che vai axudar isto? Pensa no exemplo de Stanley Jones, que estivo preso durante sete anos pola súa fe. b Que lle axudou a manterse fiel? El dixo: “A miña fe era forte porque sabía do Reino de Deus e do que este conseguiría. Non o dubidei nin por un momento. Grazas a iso, ninguén conseguiu que deixase a Xehová”. Se tes unha fe forte nas promesas de Deus, achegaraste máis a el e non permitirás que o medo che impida servilo (Pr. 3:25, 26).

8. Explica o que revela a nosa actitude cara ás reunións.

8 Non faltes ás reunións. As reunións axúdannos a acercarnos máis a Xehová. A nosa actitude cara ás reunións é un bo indicador de como nos irá cando teñamos que enfrontarnos á persecución (Heb. 10:24, 25). Por que? Se deixamos que pequenos obstáculos nos impidan asistir ás reunións agora, que faremos no futuro se é perigoso asistir a unha delas? Por outro lado, se estamos decididos a asistir ás reunións pase o que pase, non deixaremos que ninguén nolo impida. Por iso, agora é o momento de cultivar aprecio polas reunións. Deste xeito, nin a oposición nin a prohibición dos gobernos poderán impedir que obedezamos a Deus máis ben que ós homes (Feit. 5:29).

Memorizar textos bíblicos e cancións do Reino agora pode axudarnos a estar preparados para a persecución (ver o parágrafo 9). e

9. Por que memorizar textos da Biblia é unha boa forma de prepararnos para a persecución?

9 Memoriza os teus textos bíblicos favoritos (Mt. 13:52). Poida que a túa memoria non sexa perfecta, pero Xehová pode utilizar o seu espírito santo para axudarche a recordar eses textos (Xn. 14:26). Un irmán que estivo prisioneiro nunha cela de illamento en Alemaña do Leste dixo: “Antes de ir ó cárcere, memorizara centos de textos. Grazas a iso, incluso cando estaba só, podía ter a mente ocupada en diferentes temas da Biblia”. Estes textos axudaron ó noso irmán a permanecer cerca de Xehová e a aguantar con lealdade.

(ver o parágrafo 10) f

10. Por que debemos aprender de memoria as cancións de louvanza a Xehová?

10 Memoriza e canta cancións de louvanza a Xehová. Cando estaban prisioneiros en Filipos, Paulo e Silas cantaban cancións espirituais que sabían de memoria (Feit. 16:25). O mesmo fixeron os nosos irmáns da antiga Unión Soviética cando foron deportados a Siberia. A irmá Mariya Fedun recorda: “Cantabamos tódalas cancións que recordabamos do cancioneiro”. Ela dixo que esas cancións os animaban e lles axudaban a sentirse máis cerca de Xehová. Anímate cantar as túas cancións espirituais favoritas? Se é así, memoriza esas cancións xa agora (mira o recadro “ Axúdame a ter valor”).

QUE FACER PARA QUE O NOSO VALOR MEDRE

11, 12. a) De acordo con 1 Samuel 17:37, 45-47, por que foi David tan valente? b) Que importante lección aprendemos do exemplo de David?

11 Para facer fronte á persecución necesitas valor. Que podes facer se sentes que non es unha persoa valente? Recorda que o teu verdadeiro valor non depende do teu tamaño, forza ou habilidade. Pensa no exemplo de David cando se enfrontou a Goliat. Naquel momento David era moi novo e comparado con aquel xigante era máis pequeno e máis débil. Ademais, apenas tiña armas, nin sequera contaba cunha espada! Aínda así, correu cheo de valor para loitar contra o arrogante Goliat.

12 Por que foi David tan valente? Porque tiña a seguridade de que Xehová estaba con el (le 1 Samuel 17:37, 45-47). David non se centrou no grande que era Goliat comparado con el. Máis ben, centrouse no pequeno que era Goliat comparado con Xehová. Que aprendemos deste relato? Que nós tamén podemos ser valentes se confiamos en que o Deus Todopoderoso está ó noso lado e que os nosos inimigos son diminutos en comparación con el (2 Cró. 20:15; Sal. 16:8). Que podemos facer antes de que veña a persecución para que o noso valor medre?

13. Que podemos facer para que o noso valor medre? Explica a túa resposta.

13 Se lles predicamos a outros as boas noticias do Reino de Deus agora, poderemos chegar a ser máis valentes. Por que? Porque cando predicamos aprendemos a confiar en Xehová e a non terlles medo ás persoas (Pr. 29:25). Igual que os nosos músculos se fan máis fortes cando os exercitamos, o noso valor medra cando predicamos de casa en casa, en lugares públicos, informalmente e en territorios de negocios. Se demostramos valor para predicar agora, estaremos mellor preparados para seguir predicando incluso se se prohibe a nosa obra (1 Tes. 2:1, 2).

Nancy Yuen negouse a deixar de predicar as boas noticias do Reino. (ver o parágrafo 14)

14, 15. Que aprendemos de Nancy Yuen e Valentina Garnovskaya?

14 Podemos aprender moito do exemplo de dúas irmás fieis que demostraron un valor extraordinario. Aínda que Nancy Yuen non medía máis de metro e medio, non se deixaba intimidar facilmente. c Ela negouse a deixar de predicar as boas noticias do Reino e, como consecuencia, estivo presa por máis de vinte anos na China comunista. Os oficiais que a interrogaron dixeron que era a persoa máis teimuda de todo o país.

Valentina Garnovskaya estaba convencida de que Xehová estaba ó seu lado. (ver o parágrafo 15)

15 De maneira parecida, Valentina Garnovskaya estivo no cárcere na antiga Unión Soviética en tres ocasións distintas. En total, pasou na prisión vinte e un anos. d Por que? Estaba tan decidida a continuar predicando que foi condenada como unha delincuente especialmente perigosa. Que lles axudou a ser tan valentes a estas dúas irmás? Estaban convencidas de que Xehová estaba ó seu lado.

16. Cal é a clave do verdadeiro valor?

16 Como xa vimos, para ter valor non debemos confiar nas nosas forzas ou habilidades. Máis ben, temos que estar convencidos de que Xehová está ó noso lado e loita por nós (Dt. 1:29, 30; Zac. 4:6). Esa é a clave do verdadeiro valor.

QUE FACER CANDO SOMOS VÍTIMAS DO ODIO

17, 18. Segundo Xoán 15:18-21, que dixo Xesús que nos pasaría, e por que?

17 A todos nos gusta que nos respecten, pero non debemos caer no erro de pensar que a nosa valía depende do que os demais opinen de nós. Xesús dixo: “Ditosos vós, cando vos aborrezan os homes, vos expulsen e vos aldraxen, cando poñan nas listas negras o voso nome por causa do Fillo do Home” (Lc. 6:22). Que quixo dicir Xesús con isto?

18 Xesús non quixo dicir que ós cristiáns nos gustaría que nos odiasen. Máis ben, estaba advertíndonos do que nos podería pasar. El sabía que a xente nos ía odiar por non ser parte deste mundo, seguir as súas ensinanzas e predicar a súa mensaxe (le Xoán 15:18-21). Queremos agradarlle a Xehová. Se queren odiarnos porque amamos o noso Pai, é problema deles.

19. Como podemos imitar o exemplo dos apóstolos?

19 Nunca debemos permitir que o que digan simples humanos nos faga sentir vergonza de ser testemuñas de Xehová (Miq. 4:5). Podemos aprender a dominar o medo se recordamos o exemplo que nos deixaron os apóstolos en Xerusalén despois da morte de Xesús. Eles sabían canto os odiaban os líderes relixiosos xudeus (Feit. 5:17, 18, 27, 28). Aínda así, tódolos días continuaban indo ó templo e identificándose publicamente como discípulos de Xesús (Feit. 5:42). Non permitiron que o medo os parase. Nós tamén podemos vencer o noso medo se tratamos de identificarnos publicamente como testemuñas de Xehová en tódolos aspectos da nosa vida: no traballo, no colexio ou cos veciños (Feit. 4:29; Rm. 1:16).

20. Por que estaban felices os apóstolos a pesar de ser vítimas do odio?

20 Por que estaban felices os apóstolos? Porque sabían o motivo polo que os odiaban e consideraban un honor ser maltratados por facer a vontade de Xehová (Lc. 6:23; Feit. 5:41). Tempo despois, o apóstolo Pedro escribiu: “Aínda supoñendo que tivesedes que sufrir por serdes xustos, benaventurados vós” (1 Pe. 2:19-21; 3:14). Se comprendemos que nos odian por facer o correcto, nunca permitiremos que o medo ó home nos paralice.

BENEFICIOS DE PREPARARNOS AGORA

21, 22. a) Que decidiches facer para prepararte para a persecución? b) Que analizaremos no seguinte artigo?

21 Non sabemos cando se nos perseguirá ou se prohibirá a nosa obra. O que si sabemos é que podemos prepararnos fortalecendo a nosa relación con Xehová, aumentando o noso valor e aprendendo a dominar o medo ó home. Se nos preparamos agora poderemos manternos firmes no futuro.

22 E que facemos se prohiben a nosa obra? No seguinte artigo veremos principios bíblicos que poden axudarnos a continuar servindo a Xehová incluso cando a nosa obra está prohibida.

CANCIÓN sjj 118 “Auméntanos a fe”

a A ninguén lle gusta que o odien, pero antes ou despois todos nós teremos que enfrontarnos a persecución. Este artigo axudaranos a afrontar a persecución con valor.

b Mira a revista La Atalaya do 15 de febreiro de 1966, páxinas 116-126.

c Mira a revista La Atalaya do 1 de decembro de 1979, páxinas 4-7 e o vídeo El nombre de Jehová se dará a conocer, dispoñibles en español en jw.org®.

e DESCRICIÓN DA IMAXE: Durante a adoración en familia, uns pais usan fichas para axudar ós seus fillos a memorizar textos bíblicos.

f DESCRICIÓN DA IMAXE: Unha familia practica cancións do cancioneiro mentres vai no coche de camiño á reunión.