Por que orar no nome de Xesús?
A ORACIÓN foi un tema frecuente na ensinanza de Xesús. Naquel tempo, ós líderes relixiosos xudeus gustáballes rezar “nos recantos das rúas”. Por que? Porque querían que a xente os vise. É obvio que buscaban ser admirados pola súa piedade. Moitos facían oracións longas e repetitivas, coma se “polo moito falar” Deus os fose a escoitar mellor (Mateo 6:5-8). Xesús ensinou claramente que esas prácticas eran inútiles, e así axudou ás persoas sinceras a saber que cousas evitar cando oraban. Pero Xesús fixo máis ca explicar como non orar.
Xesús ensinounos que as nosas oracións deben expresar o noso desexo de que o nome de Deus sexa santificado, de que veña o seu Reino e de que se faga a súa vontade. Tamén nos ensinou que está ben pedir axuda a Deus en asuntos persoais (Mateo 6:9-13; Lucas 11:2-4). Ademais, utilizou parábolas para indicarnos que se necesita persistencia, fe e humildade se queremos que Xehová nos escoite (Lucas 11:5-13; 18:1-14). E reforzou estas ideas co seu propio exemplo (Mateo 14:23; Marcos 1:35).
Sen dúbida, estas instrucións axudaron ós discípulos de Xesús a mellorar a calidade das súas oracións. Con todo, Xesús esperou ata a última noite da súa vida na Terra para ensinarlles a lección máis importante sobre a oración.
“Un cambio transcendental na historia da oración”
Xesús estivo practicamente toda aquela noite animando os seus apóstolos fieis. Ese era o momento perfecto para revelarlles algo novo. Díxolles: “Eu son o camiño, a verdade e a vida: ninguén chega onda o Pai máis ca por min”. Xusto despois fíxolles esta promesa: “O que pidades no meu nome, heino facer, para que o Pai sexa glorificado no Fillo. Se algo me pedides no meu nome, eu fareino”. E cara ó final da conversa díxolles: “Ata agora non pedistes nada no meu nome. Pedide e recibiredes, de xeito que a vosa alegría sexa plena” (Xoán 14:6, 13, 14; 16:24).
Esas palabras foron impresionantes! Un dicionario bíblico sinala que aquilo supuxo “un cambio transcendental na historia da oración”. Por suposto, Xesús non quixo dicir que a partir dese momento deberían dirixirse as oracións a el en vez de a Deus. Máis ben, estaba abrindo un novo camiño para achegarse a Xehová.
Claro, Deus sempre escoitou as oracións dos seus servos fieis (1 Samuel 1:9-19; Salmo 65:3 [65:2, TNM]). Aínda así, dende que estableceu o seu pacto con Israel, todo aquel que quixese que as súas oracións fosen escoitadas tiña que recoñecer que Israel era a nación que Xehová escollera. Máis tarde, a partir da época de Salomón, había que recoñecer que o templo era o lugar escollido por Deus para que se ofrecesen sacrificios (Deuteronomio 9:29; 2 Crónicas 6:32, 33). Pero este sistema de adoración era só temporal. Tal como escribiu o apóstolo Paulo, a Lei que se deu a Israel e os sacrificios que se ofrecían no templo eran “soamente unha sombra dos bens futuros e non a imaxe mesma destas realidades” (Hebreos 10:1, 2). A sombra tiña que dar paso á realidade (Colosenses 2:17). Por iso, dende o ano 33 da nosa era, ter unha relación persoal con Xehová xa non depende de observar a Lei mosaica. Máis ben, hai que obedecer a Xesucristo, aquel a quen a Lei sinalaba (Xoán 15:14-16; Gálatas 3:24, 25).
“Un título que está por riba de calquera título”
Xesús estableceu unha base superior para acercarse a Xehová. Por así dicilo, comparouse a un amigo poderoso que abre o camiño para que Deus escoite e responda as nosas oracións. Por que pode Xesús facer iso por nós?
Debido a que todos nacemos no pecado, nada do que fagamos nin ningún sacrificio que ofrezamos pode borrar esa mancha nin darnos o dereito a ter unha relación con Xehová, o Deus santo (Romanos 3:20, 24; Hebreos 1:3, 4). Pero Xesús entregou a súa vida humana perfecta e así expiou os pecados da humanidade redimible (Romanos 5:12, 18, 19). Grazas a iso, todo aquel que queira pode desfrutar dunha condición limpa ante Xehová e falar libremente con el, sempre que exerza fe no sacrificio de Xesús e ore no seu nome (Efesios 3:11, 12).
Cando oramos no nome de Xesús, demostramos fe en polo menos tres aspectos do seu papel na realización do propósito divino: 1) É “o Año de Deus”, así que o seu sacrificio senta as bases para o perdón de pecados. 2) Foi resucitado por Xehová e agora actúa como “Sumo Sacerdote” administrando os beneficios do rescate. 3) Só el é “o camiño” que nos permite acercarnos a Xehová en oración (Xoán 1:29; 14:6; Hebreos 4:14, 15).
Cando oramos no nome de Xesús, honrámolo tamén a el. Esta honra é apropiada, pois a vontade de Xehová é que “ante o título de Xesús se dobre todo xeonllo [...] para que toda lingua proclame para gloria de Deus Pai que Xesús Cristo é o Señor” (Filipenses 2:10, 11). Pero máis importante aínda é que orar no nome de Xesús glorifica a Xehová, pois foi el quen ofreceu o seu Fillo para o noso beneficio (Xoán 3:16).
Debemos orar “de todo corazón”, non de maneira mecánica
Para que vexamos a importancia do posto que Xesús ocupa, a Biblia utiliza varios títulos e nomes para describilo. Todos eles axúdannos a darnos conta das moitas bendicións que recibimos grazas ó que Xesús fixo, está facendo e fará por nós (mira o recadro “ O papel fundamental de Xesús”). A Xesús déuselle “un título que está por riba de calquera título”, * é dicir, recibiu toda autoridade “no ceo e mais na terra” (Filipenses 2:9; Mateo 28:18).
Máis ca un costume
Como vimos, se queremos que Xehová escoite as nosas oracións temos que facelas no nome de Xesús (Xoán 14:13, 14). Pero de ningunha maneira queremos que a expresión “no nome de Xesús” se converta nunha mera repetición automática. Por que non?
Pensa no seguinte exemplo. Cando recibes unha carta comercial, seguramente conclúe co formalismo “saúdalle atentamente”. Pero paréceche que esas palabras son unha expresión sincera dos sentimentos do comerciante, ou son unha simple expresión de cortesía? O certo é que o uso do nome de Xesús nas nosas oracións debe ser máis significativo que as palabras de cortesía dunha carta comercial. Aínda que temos que orar “constantemente”, espérase que o fagamos “de todo corazón”, non de maneira mecánica (1 Tesalonicenses 5:17; Salmo 119:145).
Como podes evitar que as palabras “no nome de Xesús” acaben converténdose nunha expresión mecánica? Por que non meditas na impresionante personalidade de Xesús? Pensa en todo o que fixo e está disposto a facer por ti. Usemos as nosas oracións para darlle grazas e honra a Xehová pola maneira na que utilizou o seu Fillo. Se o facemos, aumentará a nosa confianza na promesa de Xesús: “O que lle pidades ó Pai no meu nome, El hávolo dar” (Xoán 16:23).
^ par.14 Segundo o Diccionario expositivo de palabras del Antiguo y del Nuevo Testamento exhaustivo de W. E. Vine, a palabra grega que se traduce “título” pode referirse a todo o que implica un título ou nome, é dicir, “autoridade, carácter, rango, maxestade, poder, excelencia etc.”.