A Biblia cambioulles a vida
A Biblia cambioulles a vida
QUE fixo que un rastafari cortase as súas rastas e superase o seu prexuízo contra as persoas brancas? E por que decidiu un rapaz violento que traballaba para uns traficantes de droga cambiar o seu estilo de vida? Deixemos que eles mesmos nolo coten.
“Conseguín superar os meus prexuízos” (HAFENI NGHAMA)
IDADE: 34
PAÍS DE ORIXE: ZAMBIA
OUTROS DATOS: FOI RASTAFARI
O MEU PASADO: Nacín nun campo de refuxiados en Zambia. Miña nai fuxira de Namibia durante a guerra e unírase á Organización do Pobo de África do Suroeste (SWAPO, polas súas siglas en inglés). Esta organización loitaba contra o réxime surafricano que gobernaba en Namibia por aquel entón.
Durante os primeiros 15 anos da miña vida, vivín en diferentes campos de refuxiados da SWAPO. Este grupo, que era o líder do movemento de liberación en Namibia, conseguía máis seguidores adoutrinando os rapaces en cuestións políticas e ensinándolles a odiar a xente branca.
Cando tiña 11 anos, quería facer a miña confirmación como cristián nunha igrexa do campo á que ían católicos, luteranos, anglicanos e outros. Así que falei co pastor, pero el non quixo que o fixese. Desanimoume tanto que me volvín ateo. Aínda así, cando tiña 15 anos, uninme ó movemento político e relixioso dos rastafaris. Fíxeno en parte porque me gustaba a música reggae, pero tamén para combater a explotación da raza negra en África. Fíxenme rastas, empecei a fumar marihuana, fíxenme vexetariano e convertinme nun firme defensor do movemento da liberación do pobo de raza negra. Aínda así, seguín sendo un malfalado e non deixei o meu estilo de vida inmoral nin de ver películas violentas.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: En 1995, cando tiña uns 20 anos, pensei seriamente en que ía facer coa miña vida. Levaba un tempo estudando tódalas publicacións rastafaris que atopaba e, aínda que algunhas citaban da Biblia, non me convencían as súas explicacións. Así que decidín estudar a Biblia por min mesmo.
Despois dun tempo, un amigo rastafari deume un manual de estudo da Biblia publicado polas Testemuñas de Xehová e analiceino eu só, comprobándoo todo coa Biblia. Despois coñecín as testemuñas de Xehová e continuei o meu estudo da Biblia con eles.
Custoume moitísimo deixar de fumar e de emborracharme (2 Corintios 7:1). Mellorei o meu aspecto físico, cortei as rastas, deixei de ver pornografía, películas violentas e tamén cambiei a miña forma de falar (Efesios 5:3, 4). Co tempo, ata conseguín superar o meu prexuízo contra as persoas brancas (Feitos 10:34, 35). Para conseguir facer estes cambios tiven que deixar de escoitar música racista e cortar toda relación cos meus antigos amigos, porque senón ían intentar facer presión para que volvese a ese estilo de vida.
Despois de facer todos eses cambios, busquei un Salón do Reino das Testemuñas de Xehová e pedín unirme a súa relixión. Empecei un curso da Biblia e decidín bautizarme. Isto non lle gustou nada á miña familia, de feito, miña nai díxome que escollese calquera relixión cristiá menos as Testemuñas de Xehová. E un dos seus familiares, que era un funcionario de alto rango do goberno, criticábame constantemente.
A pesar da oposición e burla dos meus familiares, puiden resistir porque puxen en práctica o que aprendín do exemplo e das ensinanzas de Xesús. Ademais, estaba convencido de que as Testemuñas de Xehová eran a relixión verdadeira porque o que ensinaban coincidía co que di a Biblia. Por exemplo, eles seguen o mandamento de predicar a outros (Mateo 28:19, 20; Feitos 15:14, TNM). E tampouco se meten en política (Salmo 146:3, 4; Xoán 15:17, 18).
OS BENEFICIOS: Seguir as normas da Biblia beneficioume moito. Para empezar, xa non fumo marihuana, un vicio no que gastaba centos de dólares ó mes. Xa non sufro alucinacións e a miña saúde mental e física mellorou.
Dende pequeno tiña o desexo de darlle sentido á miña vida, e por fin o conseguín. Pero o máis importante de todo é que agora me sinto máis cerca de Deus (Santiago 4:8).
“Aprendín a controlar o mal xenio” (MARTINO PEDRETTI)
IDADE: 43
PAÍS DE ORIXE: AUSTRALIA
OUTROS DATOS: VENDÍA DROGA
O MEU PASADO: Cando era neno, a miña familia mudábase moito. Vivimos en varias aldeas pequenas, nunha cidade grande e durante algún tempo nunha aldea misional aborixe no interior do país. Teño moi bos recordos daqueles días xunto os meus primos e tíos. Pescabamos, cazabamos e faciamos búmerangs, entre outras cousas.
Sempre fun violento porque meu pai, que era boxeador, ensinárame a pelexar dende neno. Ó chegar a adolescencia, empecei a pasar moito tempo bebendo nos bares. Ós meus amigos e a min gustábanos buscar con quen pelexar. Iamos armados con navallas e bates de béisbol para pelexar contra 20 persoas ou máis.
Para gañar cartos, vendía droga e mercancía que roubaban os traballadores do porto. Tamén traballaba para os traficantes de drogas cobrando os cartos que lles debían os clientes e ameazándoos con escopetas e pistolas. Quería converterme nun asasino e o meu lema era: “Matar ou morrer”.
O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA: Recordo escoitar falar das testemuñas de Xehová de pequeno, pero non me interesei por eles ata que tiña uns 20 anos, cando lle preguntei a miña nai se sabía dalgún. Dous días despois, chamou á porta unha testemuña que se chamaba Dixon. Tivemos unha conversación bastante longa e despois invitoume a unha das súas reunións. Esa foi a primeira á que fun, e dende entón, levo 20 anos asistindo. Gustábame que cada pregunta que lles facía respondíanma coa Biblia.
Ensináronme que lle importamos a Xehová, incluso se non respectamos as súas normas (2 Pedro 3:9). Tamén descubrín que el era un pai amoroso que coidaría de min, incluso cando os demais non o fixesen. Deume moita tranquilidade saber que el ía perdoar os meus pecados se eu cambiaba. Impactáronme moito as palabras de Efesios 4:22-24 (TNM). Eses versículos animáronme a quitar a “vella personalidade” e a “poñer a nova personalidade que foi creada segundo a vontade de Deus”.
Custoume moito cambiar o meu estilo de vida. Conseguía pasar varios días sen probar as drogas, pero cando chegaba a fin de semana e ía cos meus amigos, volvía a caer. Deime conta de que non ía conseguir limpar a miña vida se seguía con eles, así que decidín cortar con aquelas amizades e mudarme a outro estado. Algúns ofrecéronse a acompañarme na viaxe, pero no camiño empezaron a fumar marihuana e ofrecéronme. Díxenlles que quería deixar as drogas e, ó chegar ó límite do estado, separámonos. Máis tarde, escoitei que atracaran un banco cunha escopeta recortada.
OS BENEFICIOS: Unha vez cortei con aquelas amizades, foime moito máis fácil facer os cambios que necesitaba na miña vida. En 1989, bauticeime como testemuña de Xehová. Despois tamén o fixeron miña irmá, miña nai e meu pai.
Levo 17 anos casado e teño tres nenos preciosos. Conseguín dominar o meu mal xenio, incluso cando me provocan. Tamén aprendín a amar a xente de tódalas “nacións, tribos, pobos e linguas” (Apocalipse 7:9). Creo que estas palabras de Xesús demostraron ser certas no meu caso: “Se permanecedes na miña palabra, seredes de verdade discípulos meus; e coñeceréde-la verdade e a verdade faravos libres” (Xoán 8:31, 32).
[Frase destacada]
Para conseguir facer estes cambios tiven que deixar de escoitar música racista
[Frase destacada]
Ós meus amigos e a min gustábanos buscar con quen pelexar . Iamos armados con navallas e bates de béisbol para pelexar con 20 persoas ou máis