Ir ó contido

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

“Xa non sinto que teño que cambiar o mundo”

“Xa non sinto que teño que cambiar o mundo”
  • ANO DE NACEMENTO: 1966

  • PAÍS DE ORIXE: FINLANDIA

  • OUTROS DATOS: FOI ACTIVISTA

O MEU PASADO

Encántame a natureza dende pequeno. A miña familia adoitaba ir pasear polos fermosos bosques e lagos que hai arredor da nosa cidade, Jyväskylä, na rexión de Finlandia Central. Tamén me encantan os animais. De neno quería abrazar a canto can e gato vía! A medida que fun medrando doíame moito ver como a xente maltrata os animais. Así que decidín facerme socio dunha organización que defendía os dereitos dos animais. Alí coñecín xente que pensaba coma min.

Faciamos moitas campañas para defender os dereitos dos animais. Distribuïamos información e organizabamos protestas e manifestacións contra as tendas que venden peles e os laboratorios que experimentan con animais. Mesmo chegamos a crear unha nova organización para protexer os animais. Os nosos métodos eran moi radicais e por iso sempre andabamos metidos en leas coas autoridades. Prendéronme e procesáronme varias veces.

A maiores da miña preocupación polos animais, tamén me preocupaban outros problemas. Por iso tamén me unín a organizacións coma Amnistía Internacional e Greenpeace. Dediqueime en corpo e alma a apoialos. Ademais loitaba polos dereitos dos máis desfavorecidos coma os pobres ou os famentos.

Mais, co tempo decateime de que non ía ser quen de cambiar o mundo. Malia que estas organizacións si que conseguían arranxar algúns problemas pequenos, os grandes problemas parecía que o único que facían era ir a máis. Era como se as forzas do mal dominasen o mundo e a ninguén lle preocupase. Sentíame impotente.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

Estaba frustrado porque me sentía inútil, así que comecei a pensar en Deus e na Biblia. Xa estudara a Biblia coas Testemuñas de Xehová. Inda que lles agradecía que fosen amables e se interesasen por min, non estaba preparado para cambiar o meu estilo de vida. Pero agora a cousa era distinta.

Collín a Biblia e púxenme a lela. O que lin deume moito acougo. Descubrín que moitas pasaxes da Biblia din que debemos tratar ben os animais. Por exemplo, Proverbios 12:10 di que a xente boa coida dos seus animais. Tamén entendín que Deus non é o que provoca os problemas do mundo. Máis ben os nosos problemas foron a peor porque a meirande parte da xente non segue os seus consellos. Conmoveume moito aprender que Xehová é agarimoso e moi paciente (Salmo 103:8-14).

Máis ou menos nese tempo atopei un cupón para pedir o libro Que ensina realmente a Biblia? e mandeino. Ó pouco visitáronme dúas testemuñas de Xehová e aceptei o curso da Biblia que me ofreceron. Tamén comecei a ir ás reunións que facían no Salón do Reino. Pouco e pouco as ensinanzas da Biblia arraigaron no meu corazón.

Grazas á Biblia puiden facer moitos cambios. Deixei de fumar e de beber de mais. Mellorei o meu aspecto e o meu xeito de falar. Tamén cambiei a miña forma de ver e tratar as autoridades (Romanos 13:1). Ademais cambiei a miña actitude en canto á moralidade, un campo no que fora moi liberal.

O que máis me custou foi ter un punto de vista axeitado sobre as organizacións polos dereitos humanos e dos animais. Non foi algo que conseguise da noite para a mañá. Ó primeiro sentía que as estaba traizoando se as deixaba. Pero decateime de que o único que lle pode traer unha esperanza real ó mundo é o Reino de Deus. Así que decidín dedicarme en corpo e alma a apoialo e a ensinarlles a outros sobre el (Mateo 6:33).

OS BENEFICIOS

Cando era activista adoitaba dividir a xente en dous grupos: bos e malos. E non dubidaba en ir contra os malos. Pero grazas á Biblia xa non sinto ese odio tan intenso. Máis ben, esfórzome por demostrarlles amor cristián a todos (Mateo 5:44). Por exemplo, fágoo cando predico as boas novas do Reino de Deus. Encántame ver que esta obra promove a paz e a felicidade e dálles ás persoas unha esperanza real.

Deixar as cousas nas mans de Xehová deume paz interior. Estou seguro de que, como é o Creador, non vai permitir que os humanos e os animais sexan maltratados para sempre nin tampouco vai deixar que se destrúa o noso fermoso planeta. Ó contrario, por medio do seu Reino vai reparar todo o mal que se leva feito (Isaías 11:1-9). Faime moi feliz coñecer estas ensinanzas da Biblia e axudarlles a outros a confiar nelas. Agora xa non sinto que teño que cambiar o mundo.