Ir ó contido

Encántame pasar tempo cos rapaces da congregación

A BIBLIA CAMBIOULLES A VIDA

O que máis me gustaba no mundo era o béisbol

O que máis me gustaba no mundo era o béisbol
  • ANO DE NACEMENTO: 1928

  • PAÍS DE ORIXE: COSTA RICA

  • OUTROS DATOS: OBSESIONADO CO DEPORTE E COAS APOSTAS

O MEU PASADO

Crieime na cidade de Porto Limón, situada na costa leste de Costa Rica. Era o sétimo de oito irmáns. Meu pai morreu cando eu tiña oito anos, así que miña nai tivo que criarnos soa.

Gústanme os deportes dende neno e o béisbol sempre foi parte da miña vida. De adolescente, entrei nun equipo dunha liga non profesional. Cando tiña uns 20 anos, un cazatalentos invitoume a xogar nun equipo profesional de Nicaragua. Pero tiven que rechazar a oferta porque nese tempo miña nai non estaba moi ben de saúde e eu era quen a coidaba. Co tempo, outro cazatalentos invitoume a xogar na selección nacional de béisbol de Costa Rica, composta por xogadores de equipos non profesionais. Esta vez si aceptei. Estiven na selección dende 1949 ata 1952, e xoguei series de partidos en Cuba, México e Nicaragua. Xogaba como segunda ou terceira base e era moi bo. Fixen 17 partidos seguidos sen ter ningún erro. Encantábame escoitar o público cantar a coro o meu nome.

Lamentablemente, empecei a levar unha vida inmoral. Aínda que tiña moza, sempre andaba con outras mulleres. Tamén bebía moito. Un día emborracheime tanto que, cando espertei ó día seguinte na miña cama, non tiña nin idea de como chegara á miña casa. Ademais, compraba lotería e apostaba cartos xogando ó dominó.

Foi nesa época cando miña nai se fixo testemuña de Xehová. Ela intentaba falarme da Biblia pero eu non lle facía caso. O único que me importaba era o deporte. Cando estaba adestrando estaba tan concentrado que ata me esquecía de comer. O que máis me gustaba no mundo era o béisbol.

Pero, cando tiña 29 anos, sufrín unha lesión grave intentando coller unha bóla nun partido. Recupereime, pero tiven que retirarme do deporte profesional. De todas formas, seguín no mundo do béisbol adestrando un equipo non profesional cerca da miña casa.

O EFECTO DA BIBLIA NA MIÑA VIDA

En 1957, aceptei asistir a un congreso que as testemuñas de Xehová celebraban nun estadio onde eu xogara ó béisbol. Mentres estaba alí sentado, impactoume ver o contraste entre a conduta respectuosa das testemuñas de Xehová e o descontrol que se vivía nos partidos de béisbol. O que vin naquel congreso motivoume a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová e asistir ás súas reunións.

Impresionáronme as moitas cousas que aprendía na Biblia. Por exemplo, Xesús predixo que nos últimos días os seus discípulos predicarían as boas noticias do Reino de Deus por todo o mundo (Mateo 24:14). Tamén aprendín que os cristiáns verdadeiros predican a outras persoas sen obter ningún beneficio económico. Como dixo Xesús: “Xa que de balde recibistes, dade de balde tamén” (Mateo 10:8).

Mentres estudaba a Biblia, comparaba o que lía nela co que vía entre as testemuñas de Xehová. Admiraba o moito que se esforzaban por levar as boas noticias do Reino de Deus por todo o mundo. Deime conta de que tiñan o espírito xeneroso que Xesús lles mandara ter ós seus seguidores. Así que cando lin en Marcos 10:21 a invitación de Xesús, “ven e sígueme”, quixen facerme testemuña de Xehová.

Claro, non foi fácil tomar algunhas decisións. Por exemplo, estiven moitos anos apostando cada semana ó meu “número da sorte” na lotería nacional. Pero na Biblia aprendín que Deus non aproba os cobizosos, nin tampouco a quen adora o deus da Sorte (Isaías 65:11, nota; Colosenses 3:5). Así que decidín deixar de apostar. Xusto o primeiro domingo despois de deixar de comprar lotería, o meu “número da sorte” saíu premiado! A xente burlábase de min porque non xogara esa semana e insistíame moitísimo para que volvese xogar. Pero non o fixen. Nunca máis volvín apostar.

A miña nova personalidade cristiá foi probada outra vez xusto o día no que me bauticei nun congreso das testemuñas de Xehová (Efesios 4:24). Á noitiña, cando volvía ó hotel, encontrei a miña ex-moza esperándome na porta da miña habitación. Díxome: “Ven Sammy, imos pasalo ben”. Pero ó instante contesteille: “Non!”. Recordeille que agora vivía de acordo coas normas morais da Biblia (1 Corintios 6:18). Ela dixo: “Que?!”. Empezou a quitarlle importancia ó que di a Biblia sobre a inmoralidade sexual e insistiu en que volvésemos saír. Pero eu simplemente entrei na miña habitación e pechei a porta con chave. Hoxe, estou contento de poder dicir que, dende que me fixen testemuña de Xehová en 1958 sempre fun fiel a Deus.

OS BENEFICIOS

Se tivese que contar tódolos beneficios que recibín por seguir a guía da Biblia, daríame para escribir un libro! Agora teño auténticos amigos, a miña vida ten sentido e son feliz de verdade.

Aínda me gusta xogar ó béisbol, pero xa non é o máis importante na miña vida. Co deporte obtiven prestixio e cartos, pero esas cousas non duran moito. O que si durará para sempre é a miña relación con Deus e cos irmáns. A Biblia di: “O mundo pasa e as súas cobizas tamén, pero quen cumpre coa vontade de Deus, permanece para sempre” (1 Xoán 2:17). Agora o que máis me gusta no mundo é servir a Xehová e estar cos meus irmáns.