A sabedoría eterna da Biblia
IMAXINA que estás nun museo cheo de obras de arte antigas. Moitas delas teñen buracos ou están gastadas. E a algunhas mesmo lles faltan cachos grandes. Pero, sorprendentemente, unha está intacta e vense tódolos detalles do seu complexo deseño. Así que lle preguntas ó guía: “É máis nova cas outras?”. El respóndeche: “Non, é máis vella cá maioría e nunca foi restaurada”. Entón pregúntaslle: “Estivo sempre gardada?”. E diche: “Non, estivo exposta ó peor da chuvia e do vento e moitos delincuentes intentaron estragala”. Poida que te preguntes abraiado: “De que estará feita?”.
Dalgún xeito, a Biblia é coma esa sorprendente obra de arte. É un libro moi antigo, máis que a maioría dos que coñecemos. É certo que hai outros libros antigos. Pero igual que as obras de arte do museo, os máis deles sufriron o paso do tempo. Por exemplo, o que din sobre ciencia contradise con moitos dos descubrimentos científicos probados que coñecemos na actualidade. Hoxe sabemos que moitos dos seus consellos sobre medicina fan máis mal ca ben. E a maioría dos escritos que quedan son só fragmentos, xa que moitas partes perdéronse ou están estragadas.
En cambio, a Biblia é diferente. Malia que se empezou a escribir hai máis de tres mil cincocentos anos, inda está intacta. Ó longo dos séculos sufriu moitos ataques, foi desprezada, prohibida e ata queimada. Mais os seus ensinos sobreviviron a todo iso. Lonxe de quedar obsoleta polos novos descubrimentos, a Biblia fai afirmacións que demostran que se adiantou moito á súa época (ver o recadro “¿Anticuada, o adelantada para su tiempo?”).
VALORES QUE PRECISAMOS HOXE
Poida que te preguntes: “De verdade son prácticos os ensinos da Biblia na actualidade?”. Para saber a resposta pensa nos problemas máis graves da humanidade. Cales son os máis preocupantes? Se cadra pensas na guerra, na contaminación, na violencia ou na corrupción. Imos ver algunhas das ensinanzas básicas da Biblia. Namentres o facemos pregúntate: “Sería o mundo un lugar mellor se a xente vivise segundo estes valores?”.
AMAR A PAZ
“Ditosos os que traballan pola paz porque eles serán chamados fillos de Deus” (Mateo 5:9). “No posible, en canto dependa de vós, mantede a paz con tódolos homes” (Romanos 12:18).
A MISERICORDIA E O PERDÓN
“Ditosos os misericordiosos, porque eles acadarán a misericordia” (Mateo 5:7). “Aturádevos uns ós outros e perdoádevos, cando un teña queixa doutro; coma o Señor vos perdoou, perdoádevos tamén vós” (Colosenses 3:13).
A UNIDADE RACIAL
Deus, “dun só home quitou a raza humana, para que habitasen toda a terra” (Feitos 17:26). “Deus non fai distinción de persoas, senón que acepta ó que lle é fiel e practica a xustiza, sexa da nación que sexa” (Feitos 10:34, 35).
O RESPECTO POLO PLANETA
“O Señor Deus estableceu o home no xardín de Edén, para que o traballase e o coidase” (Xénese 2:15). Deus vai “esnaquiza-los que destrúen o mundo” (Apocalipse 11:18).
ABORRECER A COBIZA E A INMORALIDADE SEXUAL
“Gardádevos da cobiza, que por moito que un teña non por iso a súa vida depende dos seus bens” (Lucas 12:15). “De inmoralidades ou de cobizas que nin sequera se fale entre vós, como corresponde a cristiáns” (Efesios 5:3).
SER HONRADO E TRABALLADOR
“Queremos portarnos decentemente en todo” (Hebreos 13:18). “O que antes roubaba, que non roube máis e que se esforce en traballar honradamente” (Efesios 4:28).
AXUDAR OS QUE O PRECISAN
“Que lles deades azos ós abatidos, que coidedes dos febles e que teñades paciencia con todos” (1 Tesalonicenses 5:14). “Mirar polos orfos e polas viúvas nas súas coitas” (Santiago 1:27).
A Biblia non só enumera estes valores senón que nos ensina a aprecialos e a levalos á práctica no día a día. Se máis xente os aplicase, os problemas da humanidade mellorarían, non si? En realidade, os seus consellos son máis útiles e actuais ca nunca antes. Pero, que pode facer a Biblia por cada un de nós?
COMO TE PODE AXUDAR A BIBLIA
O home máis sabio que existiu dixo unha vez: “A sabedoría quedou acreditada polas súas obras” (Mateo 11:19). Ten lóxica, verdade? O mellor xeito de saber se un consello é bo é levándoo á práctica e vendo os resultados. Por iso poida que penses: “Se a Biblia fose útil de verdade, entón tería que mellorar a miña vida. Pero, como pode axudarme cos problemas que teño agora?”. Imos ver un exemplo.
Iria, * tiña una vida completa e feliz. Pero de súpeto véuselle todo abaixo e sufriu unha serie de desgrazas. Morreulle a filla adolescente, o seu matrimonio botouse a perder e comezou a ter problemas económicos. Ela lembra: “Chegou un momento no que xa non sabía nin quen era; quedei sen filla, sen home, sen casa. Sentíame baleira e perdida, a miña vida xa non tiña sentido”.
Iria nunca vira tan claro coma agora o certas que son estas palabras: “A nosa vida é de setenta anos, de oitenta a dos máis fortes; e os máis deles son de traballos e miserias: esvaecen de présa, e nós voamos” (Salmo 90:10).
Neses momentos tan difíciles, Iria buscou axuda na Biblia. E o resultado foi incrible. Nos seguintes tres artigos imos ver o exemplo de moitas persoas que viron o bo que é seguir os consellos da Biblia para afrontar os problemas. Para eles a Biblia foi coma a obra de arte da que falamos ó principio. Pero, por que é tan distinta dos moitos libros que co paso do tempo ficaron anticuados? Terá algo que outros libros non teñen? Será a Palabra de Deus e non a dos homes? (1 Tesalonicenses 2:13).
Se cadra ti tamén te decataches de que a vida é curta e está chea de problemas. Cando sentes que estes te superan, onde acodes en busca de axuda, consolo e consello?
Imos ver tres xeitos nos que a Biblia te pode axudar na túa vida. Cales son?
Evitar os problemas sempre que sexa posible.
Solucionar os problemas cando aparecen.
Levar mellor as situacións que non se poden cambiar.
Os seguintes artigos falarán disto.
^ par.24 Neste artigo e nos tres seguintes cambiáronse algúns nomes.