Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 18

“Que a xente [...] busque [a Deus] e o encontre”

“Que a xente [...] busque [a Deus] e o encontre”

Paulo busca un terreo en común e adáptase á xente.

Baseado en Feitos 17:16-34

1-3. a) Por que se enfada tanto Paulo ó chegar a Atenas? b) Que podemos aprender ó analizar o exemplo de Paulo?

 PAULO está moi indignado. Está en Atenas, unha cidade grega moi coñecida pola súa cultura na que ensinaron filósofos importantes como Sócrates, Platón ou Aristóteles. Esta é unha cidade moi relixiosa. Segundo vai camiñando, ve que está chea de ídolos por todas partes. Están nos templos, nas prazas públicas e nas rúas. O apóstolo sabe que Xehová, o Deus verdadeiro, odia a idolatría, e el tamén a detesta con tódalas súas forzas! (Éx. 20:4, 5).

2 O que Paulo ve cando entra na ágora, ou praza do mercado, é especialmente perturbador. Alí, na esquina noroeste, cerca da entrada principal, ve un gran número de estatuas obscenas do deus Hermes. Ademais, ve que esta praza está chea de templos. Como fará o apóstolo para predicarlle a xente que adora tantos deuses diferentes? Será capaz de controlar as súas emocións e encontrar un terreo en común? Poderá axudar a alguén a coñecer o Deus verdadeiro e adoralo?

3 En Feitos 17:22-31 podemos ler o discurso que presentou Paulo diante dos intelectuais de Atenas. Este discurso é un bo exemplo de como falar de forma convincente, con tacto e discernimento. Ó analizar o exemplo de Paulo podemos aprender moito sobre como razoar coas persoas buscando un terreo en común.

Ensinaba “na praza do mercado” (Feitos 17:16-21)

4, 5. En que lugares de Atenas predicou Paulo, e que clase de persoas atopou alí?

4 Paulo visitou Atenas na súa segunda viaxe misional, arredor do ano 50. a Mentres esperaba a que Silas e Timoteo chegasen de Berea, “foi á sinagoga e púxose a razoar cos xudeus” como era o seu costume. Ademais, tamén foi predicar á “praza do mercado” para poder falar cos atenienses que non eran xudeus (Feit. 17:17). Esta praza estaba situada ó noroeste da acrópole e ocupaba arredor de 5 hectáreas. Alí a xente facía moito máis que comprar e vender cousas. Era o punto de encontro máis importante da cidade. Unha obra de consulta explica que esta praza era “o corazón económico, político e cultural da cidade”. b Ós atenienses encantáballes reunirse alí e participar en debates intelectuais.

5 Para Paulo non ía ser fácil razoar coa xente que estaba na praza do mercado. Entre os seus oíntes había epicúreos e estoicos, dúas escolas filosóficas con ideas moi diferentes. c Os epicúreos crían que a vida empezou por accidente. A súa forma de ver a vida resumíase da seguinte maneira: “Non hai motivo para temer a Deus. Non se sente nada na morte. O ben é alcanzable e o mal é soportable”. Os estoicos defendían a razón e a lóxica e non crían que Deus fose unha persoa. Nin os epicúreos nin os estoicos crían na resurrección tal e como a ensinaban os discípulos de Cristo. Está claro que os puntos de vista filosóficos destes dous grupos eran incompatibles coa mensaxe pura da verdade que Paulo predicaba.

6, 7. Como reaccionaron algúns intelectuais gregos ás ensinanzas de Paulo, e que reacción parecida vemos hoxe en día?

6 Como reaccionaron aqueles intelectuais ás ensinanzas de Paulo? Algúns chamáronlle “charlatán”, unha palabra que en grego tamén significa “recolledor de sementes” (ver a nota de estudo en Feitos 17:18, nwtsty-S). Facendo referencia a este termo, un experto di: “A palabra usábase orixinalmente para referirse ós paxaros que ían recollendo gran. Despois usouse para referirse ás persoas que recollían os desperdicios da comida e as cousas que a xente tiraba na praza do mercado. E tempo máis tarde empezouse a usar de forma figurativa para referirse a calquera persoa que collía ideas soltas e especialmente para aquelas que eran incapaces de entendelas correctamente”. d Polo tanto, estes intelectuais estaban dicindo que Paulo era un ignorante que só repetía o que xa escoitara doutros. Aínda así Paulo non se deixou intimidar por ese nome tan ofensivo.

7 Hoxe en día pasa algo parecido. Moitas persoas insúltannos por ser testemuñas de Xehová e búrlanse das nosas crenzas. Por exemplo, algúns mestres ensinan que a evolución é un feito demostrado, insisten en que as persoas intelixentes teñen que aceptala e tachan de ignorantes os que se negan a crer nela. Queren que outros pensen que nós tamén somos como “recolledores de sementes” cando falamos do que di a Biblia e das probas que demostran que na natureza hai un deseño. Pero non nos deixamos intimidar. Todo o contrario, falamos con confianza cando defendemos que a vida na Terra é obra dun deseñador intelixente, Xehová (Apoc. 4:11).

8. a) Como reaccionaron algúns dos que escoitaron a Paulo? b) Que podería significar que levasen a Paulo ó Areópago? (Mira a nota na páxina 142).

8 Outros dos que estaban escoitando o discurso de Paulo na praza do mercado reaccionaron de maneira moi diferente. Dixeron: “Parece que é un predicador de deuses estranxeiros” (Feit. 17:18). Pero, de verdade estaba falando Paulo de deuses que eran novos para os atenienses? Este era un asunto moi serio. Séculos antes acusaran a Sócrates de facer algo similar e ese foi un dos motivos polo que o condenaron á morte. Por iso non nos sorprende que levasen a Paulo ó Areópago e lle pedisen que explicase as ensinanzas que lles parecían estrañas ós atenienses. e Como podería Paulo defenderse e predicarlles a persoas que non sabían nada das Escrituras?

“Homes de Atenas, vexo que [...]” (Feitos 17:22, 23)

9-11. a) Como se esforzou Paulo por establecer un terreo en común cos seus oíntes? b) Como podemos imitar a Paulo ó predicar?

9 Recorda canto se indignou Paulo cando viu toda aquela idolatría en Atenas. Aínda así, en vez de deixarse levar polos seus sentimentos e condenar a adoración de ídolos, mantivo a calma. Con moito tacto, esforzouse por chegarlles ó corazón ós seus oíntes buscando un terreo en común. Díxolles: “Homes de Atenas, vexo que en tódalas cousas parece que lles tedes máis devoción ós deuses que outras persoas” (Feit. 17:22). Noutras palabras, é coma se lles estivese dicindo: “Vexo que sodes moi relixiosos”. Sabiamente, felicitounos por ter inclinacións relixiosas. Recoñeceu que algúns que estaban cegados por ensinanzas falsas tamén podían ter corazóns dispostos a aprender. Despois de todo, Paulo sabía que no pasado el mesmo actuara “por ignorancia, sen ter aínda fe” (1 Tim. 1:13).

10 Despois, Paulo mencionou algo que demostraba que os atenienses eran moi relixiosos. Dixo que vira “un altar que tiña a seguinte inscrición: ‘A un Deus Descoñecido’. Unha obra de consulta explica que “era común que tanto os gregos coma outros pobos fixesen altares para deuses descoñecidos. Tiñan medo de esquecerse dalgún deus e que este se sentise ofendido”. f Con este altar, os atenienses recoñecían que existía un Deus que non coñecían, e Paulo usouno para empezar a falar das boas noticias. Díxolles: “Pois eu estouvos falando dese Deus ó que adorades sen coñecelo” (Feit. 17:23). Aínda que falou con tacto, o seu razoamento tiña moita forza. El non lles estaba falando dun deus descoñecido, como dicían algúns. Estáballes falando daquel Deus que era descoñecido para eles: o Deus verdadeiro.

11 Como podemos imitar a Paulo ó predicar? Se somos observadores quizais poidamos ver sinais de que unha persoa é relixiosa. Pode que leve algún obxecto relixioso ou que o teña na súa casa ou xardín. Poderiamos dicirlle: “Vexo que es unha persoa relixiosa. Estaba desexando conversar con unha”. Se temos en conta as súas crenzas, será máis fácil establecer un terreo en común sobre o que conversar. Recorda que non é a nosa función xulgar as persoas polo que cren. No pasado, moitos dos nosos irmáns crían sinceramente nas ensinanzas da relixión falsa.

Intenta encontrar un terreo en común sobre o que construír.

Deus “non está moi lonxe de cada un de nós” (Feitos 17:24-28)

12. Como adaptou Paulo os seus métodos de predicación ós seus oíntes?

12 Paulo foi capaz de establecer un terreo en común cos atenienses. Pero, sería capaz de mantelo mentres lles daba testemuño? El sabía que os seus oíntes foran educados na filosofía grega e que non estaban familiarizados coas Escrituras. Por iso adaptou os seus métodos de predicación de diferentes formas. En primeiro lugar, faloulles das ensinanzas da Biblia sen citar directamente das Escrituras. En segundo lugar, usou a palabra “nós” incluíndose a si mesmo para que se sentisen comprendidos. E en terceiro lugar, citou da literatura grega para demostrarlles que algunhas das cousas que el ensinaba tamén estaban nos seus escritos. A continuación imos analizar este excelente discurso e as verdades que contén sobre aquel Deus que era descoñecido para os atenienses.

13. Que explicou Paulo sobre a orixe do Universo, e que quería dicir?

13 Deus creou o Universo. Paulo dixo: “O Deus que fixo o mundo e tódalas cousas que hai nel é Señor do ceo e da terra, e non vive en templos feitos por homes” (Feit. 17:24). g O Universo non chegou a existir por accidente. Foi o Deus verdadeiro quen creou tódalas cousas (Sal. 146:6). A diferenza de Atenea e doutros deuses que dependen de templos e altares para recibir gloria, non hai templo construído por homes que poida conter o Señor Soberano do ceo e da terra (1 Reis 8:27). O que quería dicir Paulo estaba claro: o Deus verdadeiro é moito máis poderoso que calquera ídolo feito por homes que estea nun templo feito por homes (Is. 40:18-26).

14. Como demostrou Paulo que Deus non depende dos humanos?

14 Deus non depende dos humanos. As persoas que adoraban ídolos tiñan o costume de vestir as súas imaxes con roupas luxosas e levarlles regalos caros, comida e bebida, como se os ídolos necesitasen esas cousas. Por outro lado, pode que algúns dos filósofos que estaban escoitando a Paulo cresen que Deus non necesita nada dos humanos. Se foi así, estarían de acordo en que Deus “non necesita que as mans das persoas o sirvan”. De feito, non hai nada material que os humanos lle poidamos dar ó Creador. Máis ben é el quen nos dá todo o que necesitamos: “vida, alento e tódalas cousas”, o que inclúe o sol, a choiva e a terra fértil (Feit. 17:25; Xén. 2:7). Así que Deus, quen nos dá todo, non necesita nada de nós, que somos os que recibimos.

15. Como corrixiu Paulo a forma de pensar dos atenienses, e que podemos aprender nós do seu exemplo?

15 Deus creou o home. Os atenienses críanse superiores ós demais polo feito de ser gregos. Pero o orgullo racial ou nacionalista vai en contra do que ensina a Biblia (Deut. 10:17). Paulo tratou este asunto tan delicado con moito tacto e habilidade. Díxolles que Deus “creou tódalas nacións a partir dun só home”. É probable que estas palabras lles desen moito no que pensar (Feit. 17:26). El estábase referindo ó relato da Xénese onde se explica que Adán é o antepasado de tódalas razas humanas (Xén. 1:26-28). Tendo en conta que tódolos humanos vimos do mesmo home, non ten sentido que ningunha raza se sinta superior a outra. Que razoamento tan bo! Que podemos aprender do seu exemplo? Aínda que queremos ser razoables e falar con tacto cando predicamos, non queremos diluír a mensaxe da Biblia para que as persoas a acepten.

16. Cal é o propósito de Deus para os humanos?

16 Deus quere que os humanos se acerquen a el. Aínda que os filósofos que estaban escoitando a Paulo levaban moito tempo debatendo sobre o propósito da existencia humana, nunca conseguiron dar unha explicación razoable. Paulo, en cambio, deixou claro cal é o propósito do Creador para os humanos ó dicir que el “quere que a xente o busque e o encontre, aínda que sexa ás apalpadas. De feito, el non está moi lonxe de cada un de nós” (Feit. 17:27). Polo tanto, é posible coñecer o Deus que os atenienses non coñecían. De feito, non está lonxe dos que de verdade o buscan e queren aprender del (Sal. 145:18). Fíxate en que Paulo usou o pronome “nós” para incluírse entre os que necesitan buscar e encontrar a Deus.

17, 18. Por que deberían os humanos querer coñecer a Deus, e que podemos aprender de como Paulo lles chegou ó corazón ós seus oíntes?

17 Os humanos deberían querer coñecer a Deus. Paulo dixo que grazas a el “temos vida, movémonos e existimos”. Algúns expertos din que o apóstolo estábase referindo ás palabras de Epiménides, un poeta cretense do século VI a. n. e. que era “unha figura moi respectada na tradición relixiosa ateniense”. h Ademais, Paulo deu outra razón pola que deberiamos coñecer a Deus: “Como dixeron algúns dos vosos poetas, ‘Nós tamén somos fillos seus’” (Feit. 17:28). Os humanos deberiamos sentir que somos parte da familia de Xehová porque el é o Pai do primeiro home, do que descendemos todos. Con moita habilidade, Paulo intentou chegarlles ó corazón citando directamente de escritos gregos que os seus oíntes probablemente respectaban. i Igual que Paulo, quizais nós tamén usemos ás veces citas de libros de historia, enciclopedias ou outras obras de consulta respectadas. Por exemplo, unha cita ben escollida dunha fonte confiable podería axudar a unha persoa que non é testemuña de Xehová a entender a orixe de certas prácticas relixiosas falsas ou tradicións.

18 Ata este punto do discurso, Paulo falou de verdades moi importantes sobre Deus escollendo con moita habilidade as súas palabras. Con que intención lles deu esta valiosa información ós atenienses? Sen perder un minuto, aclaróullelo co que dixo a continuación.

“Estalles dicindo a tódalas persoas en todas partes que se arrepintan” (Feitos 17:29-31)

19, 20. a) Como demostrou Paulo con tacto o absurdo que é adorar ídolos? b) Que tiñan que facer os atenienses?

19 Paulo estaba preparado para motivar os seus oíntes a actuar. Facendo outra vez referencia ós escritos gregos dixo: “Así que, xa que somos fillos de Deus, non debemos pensar que Deus é coma o ouro, a prata ou a pedra, nin coma as esculturas que as persoas fan grazas á súa imaxinación e arte” (Feit. 17:29). Que razoamento tan bo! Se os humanos foron creados por Deus, como podería el ter a forma dun ídolo creado por un home? Con tacto, Paulo axudoulles a entender o absurdo que é adorar ídolos feitos por homes (Sal. 115:4-8; Is. 44:9-20). Ó dicir “non debemos” e incluírse a si mesmo no consello, é posible que Paulo lles axudase a aceptalo mellor.

20 O apóstolo deixoulles claro que tiñan que actuar: “Deus non tivo en conta eses tempos nos que a xente non o coñecía, pero agora estalles dicindo a tódalas persoas en todas partes que se arrepintan” (Feit. 17:30). A xente imaxinaba que a Deus lle podía agradar que os humanos adorasen ídolos e por iso lles impactou escoitar que se tiñan que arrepentir. Pero o seu convincente discurso deixou claro que a vida deles pertencíalle a Deus e que eran responsables ante el pola forma na que a usaban. Necesitaban buscar a Deus, aprender a verdade sobre el e vivir da forma que el quere. Para os atenienses isto significaba recoñecer que a idolatría é un pecado, arrepentirse e deixar de practicala.

21, 22. Con que contundentes palabras terminou Paulo o seu discurso, e que teñen que ver con nós?

21 Paulo terminou o seu discurso con estas contundentes palabras: “[Deus] marcou un día no que se propón xulgar a terra con xustiza mediante un home ó que nomeou. El resucitou este home, e así deulles a todos unha garantía de que ese día vai vir” (Feit. 17:31). Saber que o Día do Xuízo estaba cerca era unha boa razón para buscar e encontrar o Deus verdadeiro. Paulo non dixo quen ía ser o Xuíz, pero si que dixo algo sorprendente sobre el: que vivira coma un home, morrera e despois Deus o resucitara da morte.

22 Esta emocionante conclusión tamén ten moito que ver con nós. Sabemos que o Xuíz que nomeou Deus é Xesucristo resucitado (Xoán 5:22). Tamén sabemos que o Día do Xuízo durará mil anos e que está cada vez máis cerca (Apoc. 20:4, 6). Non tememos ese Día do Xuízo porque temos claro que vai traer moitas bendicións para as persoas que se manteñan leais. A esperanza que temos dun futuro marabilloso está asegurada polo milagre máis importante da historia: a resurrección de Xesucristo.

“Algúns [...] fixéronse crentes” (Feitos 17:32-34)

23. Como reaccionou a xente ó discurso de Paulo?

23 As persoas que escoitaron o discurso de Paulo reaccionaron de formas moi diferentes. “Algúns empezaron a burlarse” cando escoitaron falar da resurrección. Outros foron máis educados pero non se decidiron e simplemente lle dixeron: “Noutro momento, vólvesnos falar deste tema” (Feit. 17:32). Pero uns poucos responderon de forma máis positiva. O relato di: “Algúns uníronse a el e fixéronse crentes. Entre eles estaban Dionisio, que era xuíz do tribunal do Areópago, e unha muller que se chamaba Dámaris, ademais doutros” (Feit. 17:34). Na actualidade, a xente responde de formas parecidas cando lle predicamos. Algúns rinse de nós e outros responden de forma educada pero con indiferenza. Pero, canto nos emociona ver que algúns aceptan a mensaxe do Reino e chegan a ser testemuñas de Xehová!

24. Que podemos aprender do discurso que Paulo deu no Areópago?

24 Ó meditar no discurso de Paulo, podemos aprender moito sobre como adaptarnos ós nosos oíntes e, ó mesmo tempo, explicarlles a mensaxe de forma lóxica e convincente. Ademais, tamén aprendemos o necesario que é demostrar tacto e paciencia coas persoas que están cegadas polas crenzas da relixión falsa. Outra lección importante é que nunca deberiamos diluír a verdade da Biblia para non enfadar as persoas que nos escoitan. Sen dúbida, imitar o exemplo de Paulo axudaranos a todos a ser mellores mestres na predicación. E, no caso dos anciáns, tamén lles permitirá mellorar a súa ensinanza na congregación. Facer todo isto vainos preparar para axudar ás persoas a buscar a Deus e encontralo (Feit. 17:27).

b The Book of Acts in Its Graeco-Roman Setting, editado por David Gill e Conrad Gempf.

c Mira o recadro “ Os epicúreos e os estoicos”.

d A Handbook on the Acts of the Apostles, editado por Barclay Newman e Eugene Nida.

e O Areópago era o monte onde normalmente se reunía o consello ou tribunal de Atenas e estaba situado no noroeste da Acrópole. O termo “Areópago” podía referirse tanto ó monte coma ó tribunal. Por iso, os expertos non saben realmente se levaron a Paulo a este monte ou se o levaron a algún outro lugar onde os xuíces estaban reunidos, como por exemplo a praza do mercado.

f A Handbook on the Acts of the Apostles, editado por Barclay Newman e Eugene Nida.

g A palabra grega que se traduce “mundo” é kosmos, que no idioma orixinal se aplicaba ó Universo físico. Posiblemente Paulo usase este termo neste sentido para manter o terreo común cos gregos que o estaban escoitando.

h A Handbook on the Acts of the Apostles, editado por Barclay Newman e Eugene Nida.

i Paulo citou dun poema sobre astronomía chamado Fenómenos, do poeta estoico Aratos. Atopáronse palabras parecidas noutros escritos gregos como por exemplo no Himno a Zeus, do escritor estoico Cleantes.