Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 20

“Estendendo e collendo forza” a pesar da oposición

“Estendendo e collendo forza” a pesar da oposición

Apolos e Paulo axudan a máis persoas a escoitar as boas noticias.

Baseado en Feitos 18:23–19:41

1, 2. a) A que perigo se enfrontaron Paulo e os seus compañeiros en Éfeso? b) Que veremos neste capítulo?

 NAS rúas de Éfeso hai moito barullo. Hai xente correndo e berrando pola cidade. Unha multitude moi enfadada empeza a protestar. Collen a dous dos compañeiros de Paulo e arrástranos pola forza. Cando pasan pola rúa principal, que está chea de tendas, todo o mundo se une a eles. A continuación diríxense cara ó enorme anfiteatro da cidade, no que poden coller ata 25.000 persoas. A maioría non sabe que foi o que provocou a revolta, pero sospeita que están en perigo o templo e a súa querida deusa Artemisa. Entón empezan a berrar unha e outra vez: “Viva a grande Artemisa dos efesios!” (Feit. 19:34).

2 Unha vez máis podemos ver como Satanás usa ataques violentos para evitar que as persoas escoiten as boas noticias do Reino de Deus. Pero está claro que a violencia é só unha das súas tácticas. Neste capítulo veremos diferentes métodos que Satanás utilizou para intentar deter a predicación e debilitar a unidade dos cristiáns do primeiro século. E o máis importante, veremos que tódalas súas tácticas fallaron e “a palabra de Xehová seguiuse estendendo e collendo forza” (Feit. 19:20). Por que conseguiron tan bos resultados estes cristiáns? Porque contaban coa axuda de Xehová, igual que nós na actualidade. Aínda así, todos temos que poñer da nosa parte. Grazas ó espírito santo podemos adquirir cualidades que nos axudarán a continuar co noso ministerio. Imos analizar o exemplo de Apolos.

“Coñecía moi ben as Escrituras” (Feitos 18:24-28)

3, 4. De que se deron conta Áquila e Priscila sobre Apolos, e como lle axudaron?

3 Mentres Paulo estaba de camiño a Éfeso durante a súa terceira viaxe misional, chegou á cidade un xudeu chamado Apolos. Este home era de Alexandría, unha cidade moi famosa de Exipto. Apolos tiña moi boas cualidades. Era moi bo orador e “coñecía moi ben as Escrituras”. Ademais, estaba cheo de espírito santo e grazas a iso puido falar con moito valor e entusiasmo diante dos xudeus na sinagoga (Feit. 18:24, 25).

4 Cando Áquila e Priscila escoitaron falar a Apolos, seguro que se emocionaron moito ó ver que “ensinaba con exactitude acerca de Xesús”. Pero, aínda que o que dicía sobre el era correcto, este matrimonio cristián deuse conta de que Apolos “só coñecía o bautismo de Xoán” e faltáballe aprender algo moi importante. Esta humilde parella que se dedicaba a facer tendas de campaña non se deixou intimidar pola elocuencia nin pola preparación académica que tiña Apolos. En vez diso, “explicáronlle en privado o camiño de Deus con máis exactitude” (Feit. 18:25, 26). Como reaccionou este home tan culto? O que Apolos fixo a continuación demostrou moita humildade, unha das cualidades máis importantes que necesita un cristián.

5, 6. Que lle axudou a Apolos a ser máis útil para Xehová, e que podemos aprender do seu exemplo?

5 Apolos chegou a ser máis útil para Xehová grazas a que aceptou os consellos de Áquila e Priscila. Despois viaxou a Acaia, onde axudou moito ós cristiáns. Coa súa predicación tamén contrarrestou as ideas que tiñan os xudeus de que Xesús non era o Mesías do que falaban as profecías. Lucas explica que “lles demostrou coas Escrituras que Xesús é o Cristo. Así probou en público e con moito entusiasmo que os xudeus estaban equivocados” (Feit. 18:27, 28). Canto axudou Apolos á congregación cristiá! Grazas a el moitas persoas escoitaron “a palabra de Xehová”. Que podemos aprender do seu exemplo?

6 A humildade é unha cualidade esencial que tódolos cristiáns temos que cultivar. Todos somos bos en algo. Quizais destaquemos por algunha habilidade natural ou pola nosa experiencia ou coñecemento. Aínda así, a nosa humildade ten que estar por riba de todo. Se non temos coidado, as nosas habilidades poderían chegar a ser un problema e facer que nos volvamos persoas arrogantes (1 Cor. 4:7; Sant. 4:6). Se de verdade somos humildes, esforzarémonos por pensar que os demais son superiores a nós (Filip. 2:3). Estaremos dispostos a que outros nos ensinen e non nos ofenderemos cando nos corrixan. Non insistiremos con orgullo en que as nosas ideas son as correctas cando xa non encaixan coa dirección que está dando agora o espírito santo. Se seguimos sendo humildes seremos útiles para Xehová e o seu Fillo (Luc. 1:51, 52).

7. Que bo exemplo de humildade nos deixaron Paulo e Apolos?

7 A humildade tamén nos axuda a non competir cos demais. Imaxina canto desexaba Satanás crear divisións entre os cristiáns do primeiro século. Que contento se sentiría se Apolos e Paulo —irmáns con moitas habilidades e moi bos mestres— empezasen a sentir celos o un do outro e a competir por ser o máis importante na congregación. E non sería difícil que pasase iso. En Corinto algúns cristiáns empezaron a dicir: “Eu son de Paulo”, mentres que outros dicían: “Eu de Apolo”. Querían Paulo e Apolos que os irmáns escollesen entre eles? Non. Paulo recoñeceu humildemente o bo traballo que facía Apolos e incluso lle deu máis responsabilidades. E Apolos, pola súa parte, seguiu as instrucións de Paulo (1 Cor. 1:10-12; 3:6, 9; Tito 3:12, 13). Que bo exemplo de humildade e traballo en equipo nos deixaron Paulo e Apolos!

“Razoamentos convincentes sobre o Reino” (Feitos 18:23; 19:1-10)

8. Que ruta escolleu Paulo para volver a Éfeso, e por que?

8 Paulo prometera volver a Éfeso, e cumpriu coa súa palabra (Feit. 18:20, 21). a Pero fíxate na ruta que escolleu. Paulo empezou a súa viaxe en Antioquía de Siria, e para chegar a Éfeso podería facer unha pequena viaxe a Seleucia, coller un barco e ir directamente ó seu destino. En cambio, viaxou “polas rexións do interior”. É posible que para facer a viaxe que se describe en Feitos 18:2319:1 Paulo percorrese uns 1600 quilómetros. Por que escolleu Paulo unha ruta tan longa e difícil? Porque quería fortalecer “a tódolos discípulos” (Feit. 18:23). Aínda que esta terceira viaxe misional ía ser moi difícil, igual que o foran as outras dúas, el consideraba que valía a pena o esforzo. Os superintendentes de circuíto da actualidade e as súas mulleres mostran este mesmo espírito de sacrificio. Canto agradecemos o seu amor desinteresado!

9. Por que tiñan que volver a bautizarse un grupo de discípulos de Xoán, e que aprendemos do seu exemplo?

9 Cando chegou a Éfeso, Paulo encontrou un grupo de doce homes que eran discípulos de Xoán o Bautista. Estes homes recibiran o bautismo de Xoán, que xa non era válido, e parece que sabían pouco ou nada sobre o espírito santo. Cando Paulo os puxo ó día, demostraron que eran humildes e que tiñan interese por aprender, igual que Apolos. Despois de bautizarse no nome de Xesús, recibiron espírito santo e algúns dons milagrosos. Queda claro que Xehová bendice os que están dispostos a seguir as novas instrucións da súa organización (Feit. 19:1-7).

10. Por que se trasladou Paulo da sinagoga ó auditorio, e que aprendemos do seu exemplo?

10 Vexamos que pasou pouco despois. Paulo predicou con valor na sinagoga durante tres meses. Aínda que usaba “razoamentos convincentes sobre o Reino de Deus”, algúns non quixeron escoitalo e opuxéronse a el. En vez de perder o tempo cos que “empezaron a falar mal do Camiño”, Paulo fixo plans para dar discursos tódolos días no auditorio dunha escola (Feit. 19:8, 9). Polo tanto, os que querían seguir aprendendo sobre o Reino en lugar de ir á sinagoga tiñan que ir a aquel auditorio. Igual que Paulo, nós tamén deberiamos terminar unha conversación cando nos damos conta de que unha persoa non quere escoitar ou só quere discutir. Dediquemos o noso tempo ás persoas sinceras que queren escoitar a mensaxe.

11, 12. a) Como demostrou Paulo que era traballador e adaptable? b) Como demostran as testemuñas de Xehová que se esforzan por ser traballadoras e adaptables cando predican?

11 É posible que Paulo ensinase tódolos días neste auditorio máis ou menos dende as once da mañá ata as catro da tarde (mira a nota de estudo en Feitos 19:9, nwtsty-S). Esas eran probablemente as horas máis tranquilas do día, pero tamén as máis calorosas, cando moitos paraban de traballar para comer e descansar. Se Paulo seguiu este horario durante dous anos completos, significaría que dedicou máis de 3000 horas a ensinar. b Esta é outra razón pola que a palabra de Xehová seguiu crecendo e estendéndose. Paulo foi moi traballador e estivo disposto a adaptar o seu horario ás necesidades da xente da zona. Cal foi o resultado? “Tódolos que vivían na provincia de Asia, tanto xudeus coma gregos, escoitaron a palabra do Señor” (Feit. 19:10). Está claro que Paulo deu un testemuño completo!

Esforzámonos por falar coas persoas en calquera sitio onde estean.

12 As testemuñas de Xehová da actualidade tamén demostramos ser persoas moi traballadoras e adaptables. Esforzámonos por predicar onde e cando hai máis xente. Damos testemuño nas rúas, nos mercados e noutros lugares públicos. Tamén contactamos coas persoas por teléfono ou por carta. Ademais, predicamos de casa en casa cando é máis probable que as persoas estean nos seus fogares.

“Seguiuse estendendo e collendo forza” a pesar dos malos espíritos (Feitos 19:11-22)

13, 14. a) Que puido facer Paulo grazas a Xehová? b) Que erro cometeron os fillos de Esceva, e como fan o mesmo moitos que din ser cristiáns?

13 A continuación, Lucas fala dun período incrible no que Xehová lle deu poder a Paulo para facer “milagres extraordinarios”. Incluso os panos e a roupa que usara o apóstolo servían para curar enfermos e expulsar espíritos malvados (Feit. 19:11, 12). c Á maioría da xente impresionáballe moito que se expulsase ós demos, pero non a todos lles gustaba.

14 Naquel tempo había “xudeus que ían dun sitio para outro botando fóra os demos” e intentando imitar os milagres de Paulo. Algúns deles incluso trataron de expulsar os demos no nome de Xesús e do apóstolo. Este foi o caso dos sete fillos dun sacerdote principal chamado Esceva. Un demo díxolles: “Coñezo a Xesús e sei quen é Paulo. Pero, vós quen sodes?”. Entón o home que estaba posuído atacou a aqueles impostores botándose enriba deles coma unha besta salvaxe ata que saíron correndo espidos e feridos (Feit. 19:13-16). Este caso deixou claro que Xehová lle daba poder a Paulo, pero non ós homes que practicaban unha relixión falsa. Na actualidade hai millóns de persoas que cren erroneamente que para agradarlle a Deus chega con usar o nome de Xesús ou dicir ser cristián. Pero Xesús mesmo ensinou que só os que fan a vontade do seu Pai poden ter unha esperanza real para o futuro (Mat. 7:21-23).

15. Como podemos seguir o exemplo dos efesios en temas relacionados co ocultismo?

15 A cidade de Éfeso estaba chea de xente que cría na maxia. Eran moi comúns os feitizos, os amuletos e os conxuros, que normalmente estaban escritos. Pero cando quedou claro que os fillos de Esceva non tiñan poder, moitas persoas fixéronse cristiás e abandonaron o ocultismo. Os que tiñan fe en Deus colleron os seus libros de maxia e queimáronos diante de todos, aínda que custaban moitísimos cartos. d O relato de Lucas continúa: “A palabra de Xehová seguiuse estendendo e collendo forza” (Feit. 19:17-20). Que gran vitoria contra a relixión falsa e as prácticas demoníacas! E que bo exemplo para os cristiáns da actualidade! Nós tamén vivimos nun mundo cheo de ocultismo. Se nos damos conta de que temos algún obxecto relacionado co ocultismo deberiamos imitar os efesios e desfacernos del de inmediato. Manteñámonos o máis lonxe posible destas prácticas repugnantes custe o que custe.

“Armouse un rebumbio moi grande” (Feitos 19:23-41)

“Compañeiros, sabedes ben que os cartos que ganamos dependen deste negocio.” (Feitos 19:25)

16, 17. a) Explica como empezou Demetrio o rebumbio en Éfeso. b) Como demostraron os efesios que eran uns fanáticos?

16 Como vimos ó principio do capítulo, Satanás utilizou unha multitude enfurecida para intentar deter a predicación. Lucas di: “Armouse un rebumbio moi grande debido ó Camiño”. Lucas non estaba esaxerando, tratábase dunha situación moi perigosa (Feit. 19:23). e Todo empezou cando Demetrio, un artesán que traballaba a prata, xuntou os seus compañeiros e recordoulles que para facer cartos tiñan que vender ídolos. Tamén deu a entender que a mensaxe que Paulo predicaba era prexudicial para os seus negocios porque os cristiáns non adoraban ídolos. Por último, como sabía que os efesios estaban orgullosos da súa cidade e da súa nación, apelou a ese orgullo para advertilos de que a súa deusa Artemisa e o seu famoso templo estaban en perigo de perder todo o seu valor (Feit. 19:24-27).

17 Demetrio consegue o que esperaba co seu discurso e os prateiros empezan a berrar: “Viva a grande Artemisa dos efesios!”. A cidade énchese de confusión e a xente empeza a protestar. f Como Paulo é unha persoa moi sacrificada, quere ir ó anfiteatro a falar coa xente, pero os discípulos insístenlle en que se manteña fóra de perigo. Entón un xudeu chamado Alexandre ponse de pé diante da multitude para intentar explicar as diferenzas que hai entre os xudeus e os cristiáns. Pero a xente non o quere escoitar. Cando se dan conta de que é xudeu, fano calar e póñense a berrar durante dúas horas seguidas: “Viva a grande Artemisa dos efesios!”. Na actualidade tamén hai fanáticos relixiosos, e as persoas que se deixan levar por ese fanatismo poden chegar a ser moi irrazoables (Feit. 19:28-34).

18, 19. a) Que fixo o administrador da cidade de Éfeso para calmar a multitude? b) Como protexeron algunhas autoridades o pobo de Xehová, e como pode a nosa boa conduta contribuír a esa protección?

18 Ó final o administrador da cidade calma a multitude. Este oficial é unha persoa razoable. Primeiro dille á multitude enfadada que os cristiáns non poden danar nin o templo nin a súa deusa. Continúa dicindo que Paulo e os seus compañeiros non cometeron ningún crime contra o templo de Artemisa. E tamén lles di que se queren presentar este tipo de acusacións deben facelo ante as autoridades. Pero ante todo recórdalles que están en perigo de sufrir a ira de Roma por facer unha revolta ilegal. Despois disto disolve a multitude. Grazas ás palabras deste oficial a xente cálmase tan rápido como se enfadou (Feit. 19:35-41).

19 Esta non foi a primeira vez que un oficial sensato con certa autoridade actuou para protexer os seguidores de Xesús, e tampouco sería a última. De feito, o apóstolo Xoán tivo unha visión na que vía que durante os últimos días os elementos estables deste mundo —representados pola terra— tragaban un río, é dicir, a persecución de Satanás contra os cristiáns (Apoc. 12:15, 16). Isto xa pasou moitas veces. Por exemplo, houbo xuíces razoables que protexeron os dereitos das testemuñas de Xehová de reunirse para adoralo e de predicar as boas noticias. Está claro que a nosa boa conduta xogou un papel importante nesas vitorias. É posible que Paulo se ganase o respecto dalgúns oficiais gobernamentais de Éfeso polo seu bo comportamento e por iso querían que se mantivese seguro (Feit. 19:31). Se somos respectuosos e honrados poida que os nosos coñecidos teñan unha boa opinión sobre nós. Nunca saberemos o bo efecto que pode chegar a ter a nosa boa conduta.

20. a) Como te sentes ó ver que a palabra de Xehová se estendeu e colleu forza no primeiro século e tamén na actualidade? b) Que estás decidido a facer ti?

20 Que emocionante é ver como a palabra de Xehová se seguiu “estendendo e collendo forza” no primeiro século! E tamén é moi emocionante ver como Xehová está detrás de vitorias similares no noso tempo. Gustaríache aportar algo a estas vitorias, por pouquiño que sexa? Entón aprende dos exemplos que xa analizamos neste capítulo. Sé humilde, mantente ó día coa organización de Xehová, traballa duro, rechaza o ocultismo e esfórzate ó máximo por dar un bo testemuño de forma honrada e respectuosa.

a Mira o recadro “ Éfeso, a capital de Asia”.

b Mentres estivo en Éfeso, Paulo tamén escribiu a súa primeira carta ós Corintios.

c Poida que Paulo levase estes panos arredor da súa fronte para evitar que a suor lle caese nos ollos. Tamén usaba roupa de traballo, incluídos mandís, o que probablemente significaba que cando non estaba predicando facía tendas de campaña, quizais moi cedo polas mañás (Feit. 20:34, 35).

d Lucas especificou que estes libros tiñan un valor dunhas 50.000 moedas de prata. Se se refería a denarios, unha persoa necesitaría traballar uns 50.000 días para ganar todos eses cartos. Iso equivale a uns 137 anos traballando os sete días da semana.

e Algúns din que cando Paulo lles dixo ós corintios que perdera a esperanza de saír con vida estábase referindo a este incidente (2 Cor. 1:8). Pero tamén pode ser que tivese en mente unha situación máis perigosa, como cando loitou “coas feras en Éfeso”. O apóstolo podía referirse a unha loita literal con animais salvaxes nun anfiteatro ou á persecución á que se enfrontou (1 Cor. 15:32, SEPT2021). As dúas interpretacións son posibles.

f Estes gremios, ou grupos de artesáns, podían chegar a ser moi poderosos. Por exemplo, uns cen anos despois, un grupo de panadeiros provocou unha revolta parecida en Éfeso.