Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 22

“Que se faga a vontade de Xehová”

“Que se faga a vontade de Xehová”

Decidido a facer a vontade de Deus, Paulo vai a Xerusalén.

Baseado en Feitos 21:1-17

1-4. Por que vai Paulo a Xerusalén, e que lle espera alí?

 A DESPEDIDA en Mileto foi un momento moi triste. Que difícil debeu ser para Paulo e Lucas separarse dos anciáns de Éfeso ós que tanto querían! Os dous misioneiros están de pé na cuberta do barco. Teñen a súa equipaxe con eles e nela levan todo o necesario para a viaxe. Tamén levan consigo os cartos que lles deron para os irmáns necesitados de Xudea. Seguro que están desexando chegar para darlles este regalo.

2 Unha brisa suave enche as velas e o barco vai deixando atrás pouco a pouco o barullo do porto. Paulo, Lucas e os sete homes que viaxan con eles miran para a costa, onde os irmáns ven con tristeza como o barco se vai perdendo no horizonte (Feit. 20:4, 14, 15). Os viaxeiros seguen despedíndose dos seus amigos ata que están tan lonxe que xa non os poden ver.

3 Durante uns tres anos, Paulo estivo traballando ombro a ombro cos anciáns de Éfeso. Pero agora, guiado polo espírito santo, vai camiño de Xerusalén. O apóstolo ten unha idea do que lle espera alí. Pouco tempo antes díxolles ós anciáns: “Guiado polo espírito santo, vou para Xerusalén, aínda que non sei o que me vai pasar alí. Só sei que en cada cidade o espírito santo non deixa de avisarme de que me van meter no cárcere e que vou pasar por dificultades” (Feit. 20:22, 23). A pesar do perigo, Paulo sente que debe seguir a guía do espírito santo, e ademais quere facelo. Aínda que valora moito a súa vida e non quere sufrir, para el o máis importante é facer a vontade de Deus.

4 Sentes ti o mesmo que Paulo? Cando lle dedicamos a nosa vida a Xehová prometémoslle que, a partir dese momento, facer a súa vontade sería o máis importante para nós. Neste capítulo veremos como pode axudarnos o exemplo de fe de Paulo a cumprir con esta promesa.

“Vimos ó lonxe a illa de Chipre” (Feitos 21:1-3)

5. Que ruta seguiron Paulo e os seus compañeiros para viaxar a Tiro?

5 O barco que colleron Paulo e os seus compañeiros navegou directo a Cos. Como tiñan o vento a favor, non tiveron que virar en ningún momento e puideron chegar no mesmo día (Feit. 21:1). Parece ser que o barco pasou unha noite naquel porto antes de seguir a súa viaxe para Rodas e Pátara. No porto de Pátara, que está situado na costa sur de Asia Menor, encontraron un barco cargueiro que os levaba directamente a Tiro, en Fenicia. De camiño pasaron cerca da illa de Chipre (Feit. 21:3). Por que mencionou Lucas este detalle?

6. a) Por que é probable que se animase Paulo ó ver a illa de Chipre? b) Que efecto terá en nós meditar en como Xehová nos bendiciu e nos axudou no pasado?

6 É posible que Paulo sinalase a illa de Chipre e lles contase ós seus compañeiros todo o que viviu alí. O apóstolo estivera nesta illa uns nove anos antes, durante a súa primeira viaxe misional. Alí tivo que enfrontarse xunto con Bernabé e Xoán Marcos a Elimas, un bruxo que se opoñía á súa predicación (Feit. 13:4-12). Ver a illa e recordar o que pasou nela probablemente animou e fortaleceu a Paulo para o que lle esperaba. Do mesmo xeito, a nós tamén nos pode animar pensar en como Xehová nos axudou no pasado a superar as probas. Se o facemos podemos sentirnos identificados co que escribiu David: “Moitos son os males dos xustos, pero de todos os libra o Señor” (Sal. 34:20 [34:19, TNM]).

“Alí buscamos os discípulos” (Feitos 21:4-9)

7. Que fixeron os viaxeiros en canto chegaron a Tiro?

7 Paulo sabía que era moi importante estar cos irmáns e facía todo o posible por pasar tempo con eles. Por iso en canto chegaron a Tiro puxéronse a buscalos ata que os encontraron (Feit. 21:4). Incluso é posible que quedasen a durmir nas súas casas. Unha das cousas máis bonitas de pertencer ó pobo de Xehová é que, vaiamos onde vaiamos, atoparemos irmáns que estarán encantados de recibirnos. Está claro que os que aman e adoran a Xehová teñen amigos por todo o mundo.

8. Que significan as palabras de Feitos 21:4?

8 Ó describir os sete días que pasaron en Tiro, Lucas explica algo que probablemente os sorprendeu: “Polo que sabían grazas ó espírito santo, [os irmáns de Tiro] dicíanlle seguido a Paulo que non puxese un pé en Xerusalén” (Feit. 21:4). Significa iso que Xehová cambiara de idea? Significa que xa non quería que Paulo fose a Xerusalén? Non. O espírito indicáralle a Paulo que ía ser maltratado naquela cidade, pero en ningún momento lle dixera que tivese que evitala. Entón, por que lle dixeron iso os irmáns de Tiro? Parece que, guiados polo espírito santo, concluíron que Paulo ía ter problemas en Xerusalén. E preocupados polo que lle puidese pasar, insistíronlle en que non fose. Aínda así, Paulo estaba decidido a facer a vontade de Xehová e por iso continuou co seu plan de ir a Xerusalén (Feit. 21:12).

9, 10. a) Que é probable que recordase Paulo ó escoitar a preocupación dos irmáns? b) Que forma de pensar é habitual na actualidade, e como contrasta co que dixo Xesús?

9 Ó escoitar a preocupación dos irmáns é posible que Paulo recordase algo parecido que lle pasou a Xesús. Cando lles explicou ós seus discípulos que iría a Xerusalén e alí o farían sufrir e incluso o matarían, Pedro deixouse levar polas súas emocións e díxolle: “Señor, non sexas tan duro contigo mesmo!”. Pero Xesús respondeulle: “Ponte detrás de min, Satanás! Es un estorbo no meu camiño, porque non estás pensando igual que Deus senón igual que os homes” (Mat. 16:21-23). Xesús estaba decidido a facer a vontade de Deus e a ofrecer a súa vida como sacrificio. Igual que o apóstolo Pedro, os irmáns de Tiro tiñan boas intencións, pero non entendían por completo cal era a vontade de Deus para Paulo.

Imitar a Xesús require espírito de sacrificio.

10 Na actualidade, moitas persoas seguen a lei do mínimo esforzo e evitan todo aquilo que lles resulta difícil. En xeral, queren unha relixión cómoda que lles esixa o mínimo. Pero Xesús animounos a ter unha actitude mental totalmente diferente. De feito, díxolles ós seus discípulos: “Se alguén quere chegar a ser o meu discípulo, que renuncie a si mesmo, que colla o seu madeiro de tortura e que me siga constantemente” (Mat. 16:24). Seguir a Xesús non é o máis fácil, pero é o proceder correcto e o máis sabio.

11. Como demostraron os irmáns de Tiro que querían moito a Paulo e que o apoiaban?

11 Chega un momento no que Paulo, Lucas e os seus compañeiros teñen que continuar coa súa viaxe. A despedida é moi emocionante. Está claro que os irmáns de Tiro queren moito a Paulo e apoian o labor que fai. Homes, mulleres e nenos acompáñanos ata a praia. Todos se poñen de xeonllos e oran xuntos ata que é o momento de dicir adeus. Despois diso, Paulo, Lucas e os demais collen un barco ata Tolemaida, onde tamén se xuntan cos irmáns e quedan un día con eles (Feit. 21:5-7).

12, 13. a) Que historial de fiel servizo a Xehová tiña Felipe? b) Por que é un bo exemplo Felipe para os pais cristiáns da actualidade?

12 Despois, Paulo e os seus compañeiros marchan para Cesarea. Unha vez alí, Lucas di: “Fomos á casa de Felipe o evanxelizador” (Feit. 21:8). a Seguro que se alegran moito de ver este fiel irmán. Uns vinte anos antes, en Xerusalén, foi nomeado polos apóstolos para axudar a distribuír a comida entre os irmáns da congregación cristiá que se acababa de formar. Ademais foi un predicador moi entusiasta durante moito tempo. Cando os cristiáns tiveron que deixar Xerusalén por culpa da persecución, Felipe foi a Samaria e empezou a predicar alí. Despois tamén lle predicou ó eunuco etíope e bautizouno (Feit. 6:2-6; 8:4-13, 26-38). Que historial tan bo de fiel servizo a Xehová!

13 Felipe non perdera o entusiasmo na predicación. Naquel momento vivía en Cesarea e seguía tan activo na obra de predicar que Lucas lle chamou “o evanxelizador”. Tamén explicou que tiña catro fillas que profetizaban, o que dá a entender que seguían o exemplo do seu pai (Feit. 21:9). b Está claro que Felipe se esforzou moito por axudar á súa familia a amar e servir a Xehová. Os pais cristiáns da actualidade fan ben en seguir o seu exemplo tomando a iniciativa na predicación e axudando ós seus fillos a valorar esta obra.

14. Que é probable que pasase cando Paulo visitaba os irmáns, e que oportunidades parecidas temos na actualidade?

14 Nun sitio tras outro, Paulo buscaba os seus queridos irmáns e pasaba tempo con eles. E seguro que os irmáns destes lugares estaban desexando mostrarlles hospitalidade ó apóstolo e ós que viaxaban con el. Está claro que estas visitas conseguían que tanto uns coma outros saísen animados (Rom. 1:11, 12). Hoxe en día podemos desfrutar de oportunidades parecidas. Podemos saír moi beneficiados se invitamos o superintendente de circuíto e a súa muller á nosa casa, sen importar o humilde que sexa (Rom. 12:13).

“Estou listo [...] para morrer” (Feitos 21:10-14)

15, 16. Que mensaxe levou Ágabo, e como reaccionaron os que a escoitaron?

15 Mentres Paulo estaba na casa de Felipe chegou Ágabo, un profeta moi respectado. El fora quen predixera a gran fame que houbo durante o reinado de Claudio (Feit. 11:27, 28). É probable que os que estaban alí se preguntasen: “Que mensaxe traerá Ágabo esta vez?”. Mentres todos o miraban con atención colleu o cinto de Paulo, unha longa peza de tea que se poñía arredor da cintura e na que se podían levar cartos e outras cousas. Despois atou con el os seus pés e mans e proclamou a seguinte mensaxe: “Isto é o que di o espírito santo: ‘Así é como os xudeus van atar o dono deste cinto en Xerusalén, e entregarano nas mans de xente das nacións’” (Feit. 21:11).

16 A profecía confirmou que Paulo iría a Xerusalén. Tamén indicaba que os xudeus de alí o entregarían “nas mans de xente das nacións”. Escoitar aquela profecía deixou moi preocupados a tódolos presentes. Lucas escribiu: “Cando escoitamos isto, tanto nós coma os demais que estaban alí puxémonos a suplicarlle a Paulo que non subise a Xerusalén. Pero el contestou: ‘Por que chorades e intentades desanimarme? Podedes estar seguros de que non só estou listo para que me aten, senón tamén para morrer en Xerusalén polo nome do Señor Xesús’” (Feit. 21:12, 13).

17, 18. Como demostrou Paulo que estaba decidido a facer a vontade de Deus, e como reaccionaron os irmáns?

17 Imaxina a escena. Tódolos irmáns, incluído Lucas, pídenlle a Paulo que non vaia a Xerusalén. Algúns incluso están chorando. Pero el está decidido. Co corazón roto, pídelles con cariño que por favor non intenten desanimalo. Igual que non permitiu que os irmáns de Tiro o desanimasen, tampouco ía permitir que as lágrimas ou a pena dos irmáns de Cesarea lle impedisen ir a Xerusalén. Así que explicoulles por que tiña que ir alí. Canta valentía e determinación demostrou! Sen dubidalo un instante, Paulo seguiu o exemplo de Xesús e subiu a Xerusalén (Heb. 12:2). Non é que quixese ser un mártir, pero se así fose, consideraría un honor morrer por ser discípulo de Cristo.

18 Como reaccionaron os irmáns? Respectaron a decisión de Paulo. Lucas di: “Como non puidemos convencelo, deixamos de insistir e dixemos: ‘Que se faga a vontade de Xehová’” (Feit. 21:14). Os que intentaban convencer a Paulo de que non fose a Xerusalén non insistiron en saírse coa súa. Escoitaron a Paulo e aceptaron o que el dixo. Tamén se deron conta de que tiñan que aceptar a vontade de Xehová, aínda que non lles gustase. Paulo iniciara un camiño que co tempo o levaría á morte. E sería moito máis fácil para el se aqueles que o querían deixaban de intentar disuadilo.

19. Que importante lección aprendemos do que lle pasou a Paulo?

19 Podemos aprender unha lección moi importante do que lle pasou a Paulo. Cando outros deciden facer sacrificios para servir máis a Xehová, non debemos intentar disuadilos. Isto pode aplicar a calquera situación, non só ás que son cuestión de vida ou morte. Por exemplo, a moitos pais cristiáns resúltalles difícil ver como os seus fillos marchan da casa para ir a servir a Xehová en lugares distantes. Aínda así, están decididos a non desanimalos. Ese foi o caso de Phyllis, que vive en Inglaterra. Ela conta como se sentiu cando a súa única filla marchou a servir de misioneira a África: “Foi unha época moi difícil para min. Estaba moi triste porque ela estaba lonxe, pero ó mesmo tempo sentíame moi orgullosa. Oreille moito a Xehová. Sabía que era a súa decisión e nunca intentei convencela de que volvese. Despois de todo, sempre lle ensinara a poñer a Xehová en primeiro lugar. Agora xa leva trinta anos servindo no estranxeiro e doulle grazas a Xehová cada día porque segue sendo fiel”. Que bo é que animemos os irmáns a facer sacrificios por Xehová!

Animemos os irmáns que fan sacrificios.

“Os irmáns recibíronnos con alegría” (Feitos 21:15-17)

20, 21. Como sabemos que a Paulo lle gustaba estar cos irmáns, e por que quería pasar tempo con eles?

20 Despois de prepararse, Paulo continuou coa súa viaxe. Ían con el algúns irmáns de Cesarea que o apoiaran e demostraran ser amigos leais. Durante cada etapa da viaxe, Paulo e os seus compañeiros buscaron oportunidades para estar cos irmáns. En Tiro pasaron con eles sete días, en Tolemaida un e en Cesarea estiveron varios días na casa de Felipe. Despois algúns dos irmáns de Cesarea acompañáronos a Xerusalén, onde se hospedaron na casa de Nasón, un dos primeiros discípulos. Cando chegaron a Xerusalén, os irmáns recibíronos con alegría (Feit. 21:17).

21 Está claro que Paulo quería estar cos seus irmáns. Animábao moito pasar tempo con eles, igual que nos pasa a nós hoxe. E, sen dúbida, ese ánimo fortaleceu o apóstolo para enfrontarse ós opositores que intentarían matalo.