Ir ó contido

Aceptei o punto de vista de Deus sobre o sangue

Aceptei o punto de vista de Deus sobre o sangue

UN MÉDICO CONTA A SÚA HISTORIA

ESTABA no auditorio do hospital expoñendo ante un grupo de médicos os resultados da autopsia practicada a un home que tiña un tumor maligno. Entón dixen: “Podemos concluír que a causa directa da morte foi a hemólise [é dicir, a destrución de glóbulos vermellos] e unha insuficiencia renal aguda, ocasionadas por unha transfusión masiva de sangue”.

Un dos médicos púxose en pé e dixo en voz alta, enfadado: “Estás dicindo que lle transfundimos o tipo de sangue equivocado?”. Eu respondín: “Non, non é iso o que estou dicindo”. Entón mostreilles unhas diapositivas de pequenas seccións do ril do paciente e engadín: “Pódese ver lise [ou destrución] múltiple de glóbulos vermellos no ril, polo que podemos deducir que esta foi a causa da insuficiencia renal aguda”. a Notábase a tensión no ambiente, e secóuseme a boca. Eu aínda era un médico novo e el un profesor. Pero sentín que non podía retirar os meus argumentos.

Cando tivo lugar este incidente eu non era testemuña de Xehová. Nacín en 1943 en Sendai, unha cidade do norte do Xapón. Meu pai fora patólogo e psiquiatra, así que decidín estudar medicina. En 1970, cando estaba no segundo ano de universidade, casei cunha rapaza chamada Másuko.

Especialízome en patoloxía

Másuko traballaba para manternos ós dous mentres eu remataba os meus estudos. O campo da medicina fascinábame! Impresionábame o ben feito que está o corpo humano. Pero, aínda así, nunca pensara na existencia dun Creador. Estaba convencido de que sería a investigación médica a que lle daría sentido á miña vida. Así que, despois de graduarme, decidín especializarme no campo da patoloxía, rama que estuda as características, causas e efectos das enfermidades.

Empecei a dubidar da eficacia das transfusións de sangue ó practicar a autopsia das persoas que morreran de cáncer. Un paciente de cáncer avanzado pode estar anémico a consecuencia das hemorraxias, e esta situación pode complicarse ó recibir quimioterapia. Para contrarrestar a anemia, os médicos adoitan prescribir transfusións de sangue. Pero eu sospeitaba que as transfusións en realidade facían que o cáncer se expandise. De feito, na actualidade sábese que as transfusións de sangue causan inmunosupresión, un factor que pode aumentar a probabilidade de reaparición do tumor e que reduce as probabilidades de supervivencia dos pacientes de cáncer. b

En 1975 encontreime co caso mencionado ó principio. O profesor que estaba a cargo era especialista en hematoloxía. Así que non me sorprendeu que se puxese furioso cando me escoitou dicir que fora unha transfusión a que lle causara a morte ó paciente. Aínda así, eu continuei coa miña exposición e el foise calmando pouco a pouco.

Nin enfermidade nin morte

Por aquela época Másuko recibiu a visita dunha muller maior que era testemuña de Xehová. Na conversa utilizou a palabra “Xehová” e Másuko preguntoulle que significaba. A muller contestou: “Xehová é o nome do Deus verdadeiro”. Másuko lía a Biblia dende pequena, pero a versión que tiña substituíra o nome de Deus por “SEÑOR”. Acababa de descubrir que Deus tiña un nome!

Másuko aceptou de inmediato estudar a Biblia coa testemuña de Xehová que a visitara. Cando volvín do hospital, sobre a unha da mañá, díxome moi ilusionada: “A Biblia di que as enfermidades e a morte van desaparecer!”. Eu contesteille: “Iso sería marabilloso!”. E ela respondeu: “Como o novo mundo vai vir dentro de pouco, non quero que perdas o tempo”. Eu enfadeime porque pensei que quería que abandonase a medicina. A partir de aí a nosa relación volveuse bastante tensa.

Pero ela non deixou de falarme da Biblia. Pedíalle a Deus que lle axudase a encontrar textos bíblicos apropiados e despois ensinábamos. As palabras de Eclesiastés 2:22, 23 (TNM) tocáronme o corazón dun xeito especial. Alí di: “Que gaña en realidade o home con todo o seu duro traballo e coa ambición que o empuxa a traballar duro baixo o sol? Durante tódolos seus días, o seu traballo tráelle dor e frustración, e nin sequera polas noites descansa o seu corazón. Iso tamén é inútil”. Isto era xusto o que eu estaba facendo: dedicarme á medicina día e noite sen atopar verdadeira satisfacción.

En xullo de 1975, un domingo pola mañá, a miña muller xa saíra para o Salón do Reino das testemuñas de Xehová cando, de repente, decidín que eu tamén quería ir. Ela sorprendeuse moito ó verme alí, e todos me deron unha cálida benvida. A partir dese momento comecei a ir ás reunións tódolos domingos e un mes máis tarde aceptei un curso da Biblia. A miña muller bautizouse tres meses despois de que as testemuñas de Xehová a visitasen por primeira vez.

Aceptei o punto de vista de Deus sobre o sangue

Axiña aprendín que a Biblia lles di ós cristiáns que se absteñan “do sangue” (Feitos 15:28, 29; Xénese 9:4). Como eu xa tiña as miñas dúbidas sobre a eficacia das transfusións sanguíneas, non me custou aceptar o punto de vista de Deus sobre o sangue. c Pensei: “Se existe un Creador, e iso é o que el di, entón debe ser o correcto”.

Tamén aprendín que a causa das enfermidades e da morte é o pecado que herdamos de Adam (Romanos 5:12). Naquela época, estaba levando a cabo unha investigación sobre a arteriosclerose. A medida que nos imos facendo maiores, as nosas arterias endurécense e estréitanse, o que pode provocar problemas de saúde como enfermidades cardíacas, cerebrovasculares ou renais. Que a causa sexa a imperfección herdada, pareceume lóxico. A partir dese momento, o meu entusiasmo pola medicina foi a menos, pois só Xehová pode eliminar as enfermidades e a morte.

En marzo de 1976, sete meses despois de comezar o meu curso da Biblia, deixei os meus estudos no hospital universitario. Tiña medo de non volver traballar como médico nunca máis, pero contratáronme noutro hospital. Bauticeime en maio de 1976 e decidín que o mellor que podía facer coa miña vida era comezar o servizo de evanxelizador a tempo completo. Así que, en xullo de 1977, fíxenme pioneiro.

Defendo o punto de vista de Deus sobre o sangue

En novembro de 1979, Másuko mais eu mudámonos a unha congregación na prefectura de Chiba, onde se necesitaban moitos predicadores. Encontrei un traballo a tempo parcial nun hospital. O primeiro día veu onda min un grupo de cirurxiáns. Puxéronse todos arredor de min e preguntáronme con insistencia: “Como testemuña de Xehová, que farías se chega un paciente que necesita unha transfusión de sangue?”.

De maneira respectuosa, respondinlles que obedecería o que Deus di sobre o sangue. Expliqueilles que había outras alternativas ás transfusións e que faría todo o que puidese para axudar os meus pacientes. Despois da conversa, que durou unha hora, o xefe de cirurxía dixo: “Entendo. Pero se chega un paciente con perda masiva de sangue, farémonos cargo nós da situación”. Aínda que el tiña fama de ser unha persoa difícil, despois daquela conversa chegamos a ter boa relación e sempre respectou as miñas crenzas.

Ponse a proba o meu respecto polo sangue

Mentres serviamos en Chiba, estábase construíndo unha nova sucursal das testemuñas de Xehová na cidade de Ebina. A miña muller mais eu iamos ata alí unha vez á semana para coidar da saúde dos voluntarios que colaboraban na construción deste grupo de edificios, chamados Betel. Meses máis tarde recibimos a invitación para servir a tempo completo no Betel de Ebina. En marzo de 1981 mudámonos ós edificios provisionais, onde se aloxaban máis de 500 voluntarios. Pola mañá limpaba os baños da obra e pola tarde pasaba consulta.

Un dos meus pacientes foi Ilma Iszlaub, unha misioneira australiana que veu ó Xapón en 1949. Tiña leucemia e os médicos dixéranlle que só lle quedaban uns meses de vida. Ilma negouse a prolongar a súa vida con transfusións de sangue e decidiu pasar os seus últimos días en Betel. Naquel tempo non existían medicamentos para estimular a produción de glóbulos vermellos, como a eritropoetina, e a hemoglobina baixáballe ás veces a tres ou catro gramos cando o normal é ter entre doce e quince gramos. A pesar diso, atendina o mellor que puiden. Ela continuou demostrando a súa fe inquebrantable na Palabra de Deus ata o día da súa morte en xaneiro de 1988, sete anos despois.

Cos anos, varios voluntarios da sucursal das testemuñas de Xehová no Xapón tiveron que ser operados. Agradecemos moito que os cirurxiáns dos hospitais máis próximos estivesen dispostos a realizar as intervencións sen utilizar sangue. Con frecuencia, invitábanme ás operacións como observador, e ata colaborei nalgunha ocasión. Estoulles moi agradecido ós doutores que respectan a nosa postura sobre o sangue. Traballar con eles deume moitas oportunidades para falarlles das miñas crenzas. De feito, un deles bautizouse como testemuña de Xehová hai pouco.

Os esforzos dos cirurxiáns por non utilizar sangue ó tratar as testemuñas de Xehová resultaron en importantes beneficios para a medicina. A cirurxía sen sangue demostrou que evitar as transfusións ten vantaxes pois, segundo os estudos, os pacientes recupéranse máis pronto e sofren menos complicacións despois da operación.

Sigo aprendendo do mellor Médico

Procuro manterme ó día cos avances no campo da medicina, pero ó mesmo tempo sigo aprendendo de Xehová, o mellor Médico. El non só ve a nosa aparencia, senón que nos ve na nosa totalidade, como a persoa que somos (1 Samuel 16:7). Como médico, intento ver os pacientes desta maneira, e non concentrarme só na súa enfermidade. Así podo darlles mellor asistencia médica.

Na actualidade continúo servindo en Betel. Unha das miñas maiores alegrías é poder axudar a outros a coñecer a Xehová e o seu punto de vista sobre o sangue. Nas miñas oracións pídolle a Xehová, o Gran Médico, que traia pronto o fin de tódalas enfermidades e da morte (narrado por Iásuxi Aizauá).

[Notas]

a De acordo co libro Modern Blood Banking and Transfusion Practices, da doutora Denise M. Harmening, pode presentarse “unha reacción transfusional hemolítica tardía [...] nos pacientes sensibilizados previamente por transfusión, embarazo ou transplante”. Nestes casos, os anticorpos causantes da reacción adversa á transfusión “non son detectables mediante métodos estándar de pretransfusión”. Segundo a obra Dailey’s Notes on Blood, “é posible que [a hemólise] se produza incluso se só se administrou unha pequena cantidade de sangue [...] incompatible. Cando se interrompe a función renal, o organismo envelénase pouco a pouco porque os riles non son capaces de eliminar as impurezas do sangue”.

b A publicación Journal of Clinical Oncology, de agosto de 1988, informou: “Para os pacientes oncolóxicos intervidos que reciben transfusións perioperatorias, o prognóstico é moito peor que para os que non as reciben”.

c Se queres máis información do que ensina a Biblia sobre o sangue, consulta o folleto ¿Como puede salvarle la vida la sangre?, publicado polas testemuñas de Xehová.

[Frase destacada]

“Expliqueilles que había outras alternativas ás transfusións e que faría todo o que puidese para axudar os meus pacientes.”

[Frase destacada]

“A cirurxía sen sangue demostrou que evitar as transfusións ten vantaxes.”

[Imaxes]

Arriba: Dando un discurso bíblico.

Dereita: Actualmente, coa miña muller, Másuko.