Ir ó contido

Ir ó índice

Podes loitar contra o pesimismo

Podes loitar contra o pesimismo

Podes loitar contra o pesimismo

COMO ves ti os reveses da vida? Moitos expertos cren que a resposta a esa pregunta di moito de se somos optimistas ou pesimistas. Todos temos dificultades na vida, uns máis que outros. Pero, por que algunhas persoas parece que superan os reveses con ánimo, listas para seguir adiante, mentres que outras se renden ante o mínimo obstáculo?

Por exemplo, imaxina que estás buscando traballo. Vas a unha entrevista, e non te contratan. Como te sentes? Podes tomalo como algo persoal e velo como un problema permanente e pensar: “Ninguén contrataría alguén coma min. Nunca vou conseguir traballo”. Ou, peor aínda, poderías permitir que este único revés influíse en todo aspecto da túa vida e te levase a pensar: “Son un completo fracaso. Non sirvo para nada”. Ámbalas dúas reaccións denotan un patente pesimismo.

Como loitar contra o pesimismo

Como podes loitar contra o pesimismo? En primeiro lugar, é moi importante que aprendas a recoñecer eses pensamentos negativos. O seguinte paso é loitar contra eles. Busca outras explicacións razoables. Por exemplo, será certo que non te aceptaron porque ninguén contrataría alguén coma ti, ou pode que simplemente se debese a que a empresa buscaba unha persoa con outro tipo de preparación?

Pensa en feitos concretos e identifica os pensamentos pesimistas que puidesen cualificarse de reaccións exaxeradas. Significa que nos rexeitasen nunha ocasión que somos un completo fracaso, ou podemos pensar noutros ámbitos da vida, como as actividades espirituais, as relacións familiares ou as amizades, nos que nos desenvolvemos bastante ben? Aprende a evitar o catastrofismo, non prognostiques finais desastrosos para tódalas situacións. Ó fin e ó cabo, podemos ter a certeza de que nunca imos atopar traballo? Tamén existen outras vías para rexeitar os pensamentos negativos.

Actitude positiva sobre as metas

Nos últimos anos, os investigadores optaron por definir a esperanza dunha maneira interesante, pero algo restrinxida: din que consiste en crer que poderemos alcanzar as nosas metas. Como se mostrará no seguinte artigo, a esperanza é moito máis que iso, pero esta definición axúdanos de varias maneiras. Por exemplo, se nos centramos neste aspecto da esperanza, poderemos cultivar unha actitude máis positiva sobre as metas.

Para crer que poderemos alcanzar as nosas metas futuras, necesitamos ter o costume de poñernos metas e alcanzalas. Se nos damos conta de que non temos ese costume, pagaría a pena que pensásemos seriamente na clase de obxectivos que nos fixamos. En primeiro lugar, temos algún obxectivo? É moi fácil que quedemos atrapados na rutina e nas nosas ocupacións sen deternos a pensar no que realmente queremos da vida, no que ten máis importancia para nós. Sobre este principio práctico de establecer prioridades específicas, a Biblia xa aconsellou hai moito tempo que nos aseguremos de que cousas son as máis importantes (Filipenses 1:10).

Unha vez establecidas as nosas prioridades, resulta máis fácil escoller algúns obxectivos clave en diversos campos, sexa nas nosas actividades relixiosas, familiares ou no resto da nosa vida. Pero é esencial que ó principio non nos poñamos demasiados obxectivos e que escollamos aqueles que poidamos alcanzar facilmente. De non ser así, poderiamos desanimarnos e darnos por vencidos. Polo tanto, adoita ser mellor dividir os obxectivos complexos e a longo prazo noutros máis sinxelos e a curto prazo.

Segundo un antigo dito, “querer é poder”. E ten bastante razón. Cando escollemos os nosos obxectivos principais, necesitamos forza de vontade, o desexo e a determinación, para loitar a fin de alcanzalos. Podemos fortalecer dita determinación reflexionando no valor das nosas metas e nos beneficios que obteremos ó alcanzalas. E inda que loxicamente xurdirán obstáculos, debemos velos como retos en lugar de como impedimentos.

Agora ben, tamén temos que pensar en maneiras prácticas de lograr os nosos obxectivos. O autor C. R. Snyder, que efectuou un extenso estudo sobre o valor da esperanza, propón que se pense en diversas maneiras de alcanzar un obxectivo. Dese xeito, se unha maneira non produce os resultados desexados, poderemos recorrer a outra e a outra ata alcanzar o noso obxectivo.

Snyder tamén recomenda que saibamos determinar cando cambiar unha meta por outra. Se non logramos alcanzar o noso obxectivo por ningún medio, darlle voltas ó asunto só nos desanimará. Pola contra, se o cambiamos por outro máis realista, teremos algo máis no que cifrar a nosa esperanza.

Na Biblia atopamos un exemplo do que podemos aprender moito. O rei David anhelaba construír un templo para o seu Deus, Xehová, pero El díxolle que sería o seu fillo Salomón quen tería ese privilexio. Ante aquela decepción, David non se molestou nin tratou de persistir no seu desexo, senón que cambiou os seus obxectivos. Centrou as súas enerxías en recoller os fondos e os materiais que o seu fillo necesitaría para construír o templo (1 Reis 8:17-19; 1 Crónicas 29:3-7).

Agora ben, inda se conseguimos aumentar a esperanza loitando contra o pesimismo e cultivando unha actitude positiva sobre as metas, pode que aínda esteamos moi faltos de esperanza. Por que? Porque moita da desesperanza que nos afecta procede de factores sobre os que non temos ningún control. Cando pensamos nos angustiosos problemas que aflixen a humanidade: a pobreza, as guerras, as inxustizas, a constante ameaza da enfermidade e a morte, como podemos manter o optimismo?

[Imaxe]

Se non che dan o posto de traballo que desexas, chegas á conclusión de que nunca conseguirás traballo?

[Imaxe]

O rei David foi flexible coas súas metas