Ir ó contido

Ir ó índice

Un falso amigo

Un falso amigo

Un falso amigo

Tes un “amigo” que coñeciches na túa xuventude. Fíxote sentir que eras máis maduro e parecía que che axudaba a encaixar cos teus compañeiros. Cando estabas estresado, sempre podías acudir a el en busca de “alivio”, polo que chegaches a depender del en moitas situacións.

Pero, co tempo, descubriches que ten un lado escuro. Esíxeche estar contigo en todo momento, aínda que iso signifique que non sexas ben recibido nalgúns lugares. Poida que te faga sentir máis maduro, pero é á custa da túa saúde. E, para colmo, róubache gran parte dos teus cartos.

Ultimamente levas un tempo tratando de cortar esa relación, pero el non cho permite. En certo sentido, converteuse no teu dono. E agora estás arrepentido de facerte amigo del.

ESTA é a relación que moitos fumadores teñen co tabaco. Earline, unha muller que fumou durante 50 anos, recorda: “Cando fumaba, sentíame mellor que estando con outra persoa. Era máis ca un vello amigo, ás veces era o meu único amigo”. Pero, ó final, Earline deuse conta de que o tabaco non só é un falso amigo, tamén é perigoso. De feito, a introdución deste artigo describe moi ben o que lle pasaba a ela, excepto por unha cousa: cando aprendeu que a Deus non lle gusta que fumemos porque é un hábito que contamina o corpo que El nos deu, deixou o tabaco (2 Corintios 7:1).

Un home chamado Frank tamén decidiu deixar de fumar para compracer a Deus. Pero, un par de días despois de fumar o seu último cigarro, encontrouse arrastrándose por debaixo da casa, buscando desesperadamente cabichas vellas que puidesen ter caído entre as madeiras do piso. El conta: “Aquilo fíxome reaccionar. Verme alí axeonllado, escarvando na terra coas mans para encontrar cabichas que a saber canto tempo levaban alí, deume noxo. Non volvín fumar nunca máis”.

Por que é tan difícil deixar de fumar? Os investigadores descubriron varias razóns: 1) O tabaco pode crear tanta adicción coma as drogas. 2) A nicotina que se inhala tarda só sete segundos en chegar ó cerebro. 3) O tabaco forma parte da vida da persoa porque o asocia a case todo: a comer, a beber, a conversar, a aliviar o estrés etc.

Aínda así, como vimos no caso de Earline e de Frank, é posible liberarse desta adicción tan prexudicial. Se ti tamén queres deixar de fumar, a seguinte serie de artigos pode ser a axuda que necesitas.