Ir ó contido

Ir ó índice

Rebelión na rexión dos espíritos

Rebelión na rexión dos espíritos

Satanás utilizou unha serpe para enganar a Eva e, como resultado, ela tamén se rebelou contra Deus

Tódolos espíritos que Xehová creou eran bos. Pero, co tempo, un anxo fíxose malo. Ese anxo é Satanás, o Demo. Satanás quería que a xente da Terra o adorase a el en vez de a Xehová. Imos ver o que pasou.

No xardín de Edén había moitas árbores que daban froitos moi ricos. Xehová díxolles a Adam e Eva que podían comer libremente daqueles froitos. Pero tamén lles dixo que había unha árbore da que non debían comer. Se comían dela morrerían (Xénese 2:9, 16, 17).

Certo día no que Eva estaba soa, faloulle unha serpe. Claro, en realidade non foi a serpe a que falou. Foi Satanás o Demo, pero fíxoo de forma que parecese que era a serpe a que estaba a falar. Satanás díxolle a Eva que se comía do froito prohibido sería tan sabia coma Deus. Tamén lle dixo que non morrería. Estas dúas afirmacións eran mentira. Con todo, Eva creu o que Satanás lle dixo e comeu do froito. Despois, deulle deste a Adam e el tamén comeu (Xénese 3:1-6).

Desta historia real aprendemos que Satanás é un rebelde e un mentireiro. Díxolle a Eva que se desobedecía a Deus non morrería, pero iso era mentira. Ela morreu, e o mesmo lle pasou a Adam. Satanás non morreu daquela, pero como se rebelou contra Deus morrerá no futuro. Mentres tanto, segue vivo e segue enganando a xente. Aínda é un mentireiro e trata de facer que as persoas desobedezan as leis de Deus (Xoán 8:44).

Rebélanse outros anxos

Máis tarde, outros anxos tamén se fixeron malos. Estes anxos quedaron mirando para as fermosas mulleres que vivían na Terra e quixeron ter relacións sexuais con elas. Para conseguilo, viñeron á Terra e materializáronse en corpos de homes. Pero isto ía en contra do propósito de Deus (Xénese 6:1, 2; Xudas 6).

Anxos malos viñeron á Terra para cometer inmoralidade con mulleres

Isto tamén lle causou moitos problemas á humanidade. As mulleres destes anxos tiveron fillos, pero non foron fillos normais. Medraron ata converterse en xigantes violentos e crueis. Co tempo, a Terra chegou a estar tan chea de violencia que Xehová decidiu destruír os malos mediante un gran diluvio. Os únicos humanos que sobreviviron a ese Diluvio foron Noé e a súa familia (Xénese 6:4, 11; 7:23).

Pero os anxos malos non morreron, senón que volveron á rexión dos espíritos. Aínda así foron castigados. Dende ese momento xa non se lles permitiría volver a formar parte da familia de anxos xustos de Deus nin volver a materializarse. E finalmente morrerán no “día do gran xuízo” (Xudas 6).

Bótase a Satanás do ceo

Satanás e os seus anxos malos foron botados do ceo

No ano 1914 empezou unha guerra no ceo. O libro bíblico de Apocalipse describe o que sucedeu: “E produciuse unha guerra no ceo; Miguel [é dicir, Xesucristo resucitado] e os seus anxos combateron contra o dragón [é dicir, Satanás]. O dragón combatía cos seus anxos, pero non lles puido; e para eles xa non houbo lugar no ceo. Deus botou do ceo ó gran dragón, serpe antiga, chamado Satán e Satanás, o que fai extraviar a tódolos homes: botouno á terra; e ós seus anxos con el”.

Cal foi o resultado? O relato explica: “Por iso ¡alegrádevos, ceos, e os que vivides neles!”. Os anxos bos podían alegrarse porque Satanás e os anxos malos xa non estaban no ceo. Pero que lle pasaría á xente na Terra? A Biblia di: “¡Pobre terra e pobre mar! Porque baixou Satán onda vós. Baixou adoecido porque sabe que ten pouco tempo” (Apocalipse 12:7-9, 12).

Si, Satanás e os seus compañeiros enganan a xente e causan moitos problemas na Terra. A estes anxos malos chámaselles demos. Son inimigos de Deus e todos eles son moi malvados.