Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 3

Cal é o propósito de Deus para a Terra?

Cal é o propósito de Deus para a Terra?
  • Cal é o propósito de Deus para a humanidade?

  • Que desafío se lanzou contra Deus?

  • Como será a vida na Terra no futuro?

1. Cal é o propósito de Deus para a Terra?

O PROPÓSITO de Deus para a Terra é realmente marabilloso. Xehová desexa que toda a xente que viva no noso planeta sexa feliz e teña boa saúde. A Biblia describe como Deus “plantou un xardín en Edén”, e “fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer”. Despois de crear o primeiro home e a primeira muller, Adam e Eva, Deus deulles ese fermoso xardín que plantara para que vivisen nel. Entón díxolles: “Reproducídevos, crecede, enchede a terra e sometédea” (Xénese 1:28; 2:8, 9, 15). Así que o propósito de Deus era que os humanos tivesen fillos, estendesen ese xardín por toda a Terra, e coidasen dos animais.

2. a) Como sabemos que se cumprirá o propósito de Deus? b) Segundo a Biblia, que persoas vivirán para sempre?

2 Pensas que se realizará o propósito de Deus para a Terra, e viviremos algunha vez nun paraíso? Deus garantízanolo cando afirma: “Si, díxeno, e farei que suceda” (Isaías 46:9-11; 55:11). O propósito de Deus cumprirase sen falta! Xehová formou a Terra “para ser habitada” (Isaías 45:18). Que clase de persoas quere Deus que vivan na Terra? E por canto tempo? A Biblia responde: “Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29; Apocalipse 21:3, 4).

3. Que tristes condicións hai hoxe en día na Terra, e que preguntas podemos facernos?

3 De máis está dicir que estas palabras aínda non se cumpriron. O feito é que seguimos a enfermar e morrer, e tamén hai guerras nas que a xente perde a vida. Algo foi mal no pasado. Non obstante, podemos estar seguros de que Deus non tiña pensado que a Terra fose como a coñecemos agora. Que pasou? Por que aínda non se cumpriu o propósito de Deus? Ningún libro de historia escrito polo home pode contestar esta pregunta, xa que o problema comezou no ceo.

A ORIXE DUN INIMIGO

4, 5. a) En realidade, quen falou con Eva por medio dunha serpe? b) Como podería unha persoa honrada e respectable converterse nun ladrón?

4 O primeiro libro da Biblia, a Xénese, conta como un inimigo de Deus apareceu no xardín de Edén. Aínda que o relato o describe como unha “serpe”, en realidade non era un simple animal. O último libro da Biblia identifícao como “Satán e Satanás, o que fai extraviar a tódolos homes”. Tamén se lle chama a “serpe antiga” (Xénese 3:1; Apocalipse 12:9). Este anxo era unha criatura espiritual invisible moi poderosa. Este ser maligno utilizou unha serpe para falar con Eva, tal como un ventrílocuo pode facer que pareza que é o boneco quen fala, cando en realidade non é así. Sen dúbida, este ser espiritual presenciou o momento no que Deus preparou a Terra para que vivisen os humanos (Xob 38:4, 7).

5 Pero, se tódalas creacións de Xehová son perfectas, quen fixo a este “Satán” ou “Satanás”? En poucas palabras, un dos poderosos fillos de Deus converteuse a si mesmo en Satán. Como foi posible isto? Da mesma forma en que alguén honrado pode converterse nun ladrón. Pero, como pode chegar a pasar algo así? Porque a persoa permite que un mal desexo bote raíces no seu corazón. Se segue pensando niso, esa cobiza pode seguir medrando. Entón, en canto se presente a oportunidade, actuará segundo o mal desexo no que estivo a pensar (le Santiago 1:13-15).

6. Como se converteu un dos poderosos fillos de Deus no Demo, ou Satán?

6 Isto foi o que pasou no caso de Satán, tamén chamado Demo. O máis seguro é que escoitase a Deus dicirlles a Adam e Eva que tivesen fillos e enchesen a Terra coa súa descendencia (Xénese 1:27, 28). É obvio que Satán pensou: “Mira ti... todos estes humanos poderían adorarme a min en lugar de a Deus”. Naquel intre, un desexo malo empezou a medrar no seu corazón. Entón, chegado o momento, enganou a Eva contándolle mentiras sobre Deus (le Xénese 3:1-5). Así foi como se converteu no Demo, que en grego significa “calumniador”. Ó mesmo tempo converteuse en “Satán”, que en hebreo significa “opositor”.

7. a) Por que morreron Adam e Eva? b) Por que tódolos descendentes de Adam nos facemos vellos e morremos?

7 Usando mentiras e trampulladas, Satán fixo que Adam e Eva desobedecesen a Deus (Xénese 2:17; 3:6). Como resultado, chegou o momento no que morreron, tal e como Deus dixera que pasaría se desobedecían (Xénese 3:17-19). Ademais, Adam tornouse imperfecto cando pecou e, como consecuencia, a súa descendencia herdou ese pecado (le Romanos 5:12). Podémolo comparar co que pasa cun molde para facer biscoitos. Que ocorrería se o molde tivese un golpe? Que tódolos biscoitos sairían coa marca do golpe, é dicir, non sairían perfectos. Do mesmo xeito, cada un de nós herdamos o “golpe”, ou imperfección, de Adam. Esta é a razón pola que tódolos humanos nos facemos vellos e morremos (Romanos 3:23).

8, 9. a) Que desafío lanzou Satán? b) Por que Xehová non eliminou os rebeldes inmediatamente?

8 Cando Satán conseguiu que Adam e Eva pecasen contra Deus, en realidade o que fixo foi iniciar unha rebelión. Desafiou a maneira de gobernar de Xehová. De feito, é como se Satán estivese a dicir: “Deus non sabe gobernar. Di mentiras e impídelles desfrutar de cousas boas ós seus súbditos. Os humanos non necesitan a Deus para gobernarse. Poden decidir por eles mesmos o que é bo e o que é malo. Ademais, iríalles moito mellor se os gobernase eu”. Como faría Deus para resolver este insultante desafío? Hai quen pensa que Deus simplemente tiña que eliminar os rebeldes. Pero, se así o fixese, contestaría iso o desafío de Satán? Demostraría que o modo de gobernar de Deus é o mellor?

9 O perfecto sentido da xustiza de Xehová non lle permitiu eliminar nese momento os rebeldes. Chegou á conclusión de que se necesitaba tempo para resolver o desafío de Satán dunha maneira que non deixase dúbidas, e que demostrase que o Demo é un mentireiro. Por iso, Deus decidiu que permitiría ós humanos gobernarse a si mesmos por algún tempo baixo a influencia de Satán. Por que fixo iso Xehová? E por que deixou que pasase tanto tempo para que se solucionase esta cuestión? Este asunto analízase no capítulo 11 deste libro. Pero, de momento, pensa nisto: fixeron ben Adam e Eva ó crer a Satán, quen nunca fixera nada bo por eles? Foilles ben ó crer que Xehová, quen lles dera todo canto tiñan, era un cruel mentireiro? E ti, que terías feito no seu lugar?

10. Como podes poñerte do lado de Xehová e así responder ó desafío de Satán?

10 É bo que pensemos nestas preguntas, xa que cada un de nós afronta cuestións parecidas hoxe en día. O certo é que tes a oportunidade de poñerte do lado de Xehová e así responder ó desafío de Satán. Como? Aceptando a Xehová como o teu gobernante. Deste xeito demostrarás que Satán é un mentireiro (Salmo 73:28; le Proverbios 27:11). Tristemente, só uns poucos entre os miles de millóns de persoas deste mundo elixen este camiño. Pero este feito lévanos a pensar noutra importante cuestión: ensina realmente a Biblia que Satán goberna o mundo?

QUEN GOBERNA O MUNDO?

Como puido Satán ofrecerlle a Xesús tódolos reinos do mundo se non eran seus?

11, 12. a) Como demostra unha das tentacións de Xesús que Satán é o gobernante deste mundo? b) Que outras probas temos de que Satán é o gobernante do mundo?

11 Xesús nunca dubidou que o Demo fose o gobernante do mundo. Dalgunha maneira milagrosa, nunha ocasión Satán mostroulle a Xesús “os reinos todos do mundo enteiro, cheos de esplendor”. Entón, fíxolle unha promesa: “Heiche dar todo isto se te postras e me adoras” (Mateo 4:8, 9; Lucas 4:5, 6). Pensa nisto: podería ser esa proposta unha tentación para Xesús se Satán non fose o gobernante deses reinos? Ademais, Xesús non negou que todos eses gobernos fosen do Demo, aínda que seguro que o tería feito se non fose así.

12 Non hai dúbida de que Xehová é o Deus Todopoderoso, o Creador do marabilloso Universo (Apocalipse 4:11). Non obstante, en ningunha parte da Biblia se di que Xehová ou Xesucristo gobernen o mundo. Pola contra, Xesús referiuse de maneira específica a Satán cando lle chamou o “príncipe deste mundo” (Xoán 12:31; 14:30; 16:11). A Biblia tamén lle chama ó Demo o “deus deste mundo” (2Corintios 4:3, 4). Mesmo o apóstolo Xoán se referiu a este opositor, ou Satán, cando escribiu: “O mundo enteiro está nas mans do Maligno” (1Xoán 5:19).

COMO SERÁ ELIMINADO O MUNDO DE SATÁN

13. Por que necesitamos un mundo novo?

13 Cada ano que pasa, o mundo vólvese máis e máis perigoso. Está cheo de guerras, políticos corruptos, guías relixiosos hipócritas, e criminais crueis. Como conxunto, este mundo non ten remedio. Pero a Biblia revela que falta pouco para que Deus elimine a maldade da Terra na guerra de Harmaguedón. Este malvado mundo será substituído por un totalmente novo e xusto (Apocalipse 16:14-16).

14. A quen escolleu Deus para ser o Rei do Seu Reino, e como se predixo isto?

14 Xehová escolleu a Xesucristo para que sexa o Rei do Seu Reino, ou goberno, celestial. Hai moito tempo, a Biblia xa predixera o seguinte: “Pois velaí que nos naceu un meniño, déusenos un fillo: a soberanía estará sobre o seu ombreiro, e será invocado con estes seus nomes: Marabilla de conselleiro, Heroe divino, Pai eterno, Soberano da Paz. Oh, ¡que grande a súa Soberanía! A paz non terá fin no trono de David e no seu reino” (Isaías 9:5, 6 [9:6, 7, NM]). Facendo referencia a este goberno, Xesús ensinoulles ós seus seguidores a orar: “Veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (Mateo 6:10). Como veremos máis adiante neste libro, o Reino de Deus moi pronto eliminará e substituirá tódolos gobernos deste mundo (le Daniel 2:44). Nese momento, este Reino celestial comezará a transformar a Terra nun paraíso.

ACHÉGASE UN NOVO MUNDO!

15. Que é a “terra nova”?

15 A Biblia asegúranos que haberá “un ceo novo e unha terra nova, onde exista a xustiza” (2Pedro 3:13; Isaías 65:17). Nalgunhas ocasións, cando a Biblia fala de “a terra” estase a referir á xente que vive na Terra (Xénese 11:1). Por iso, a expresión “terra nova” refírese a unha sociedade, ou conxunto de persoas, que son aprobadas por Deus.

16. Que regalo fai Deus a quen el aproba, e que deberiamos facer para recibilo?

16 Xesús prometeu que, no novo mundo, aqueles que Deus aprobase recibirían un marabilloso regalo: a “vida eterna” (Marcos 10:30). Por favor, abre a túa Biblia por Xoán 3:16 e 17:3, e le o que Xesús dixo que deberiamos facer para obter vida eterna. Agora, vexamos na Biblia as bendicións que desfrutarán aqueles que Deus aprobe para vivir no vindeiro Paraíso na Terra.

17, 18. Por que podemos estar convencidos de que haberá paz e seguridade en toda a Terra?

17 A maldade, as guerras, o crime e a violencia desaparecerán. Falando do futuro, a Biblia asegura: “Xa os impíos non existen [...]; os humildes, en cambio, herdan a terra” (Salmo 37:10, 11). Tamén afirma que Xehová eliminará as guerras de toda a Terra (Salmo 46:10 [46:9, NM]; Isaías 2:4). Entón, “florecerá a xustiza nos seus días, unha prosperidade duradeira como a lúa”, é dicir, haberá paz e xustiza para sempre (Salmo 72:7).

18 Os adoradores de Xehová desfrutarán de seguridade. Mentres os israelitas de tempos bíblicos obedeceron a Deus, viviron tranquilos e seguros (Levítico 25:18, 19). Verdade que será marabilloso desfrutar da mesma seguridade no Paraíso? (Le Isaías 32:18; Miqueas 4:4).

19. Por que sabemos que haberá comida dabondo para todos no novo mundo de Deus?

19 Non haberá fame no mundo. O salmista cantou: “Abundará o trigo nos campos, nos montes ondularán coma no Líbano os froitos” (Salmo 72:16). Xehová bendicirá os xustos, e a Terra dará “os seus froitos” (Salmo 67:7 [67:6, NM]).

20. Por que podemos estar seguros de que toda a Terra se converterá nun paraíso?

20 Toda a Terra converterase nun paraíso. O que nun tempo fora terra estragada, ocuparase con casas novas e bonitos xardíns (le Isaías 65:21-24; Apocalipse 11:18). Segundo pase o tempo, toda a Terra converterase nun xardín tan fermoso e produtivo coma o paraíso de Edén. Entón, Deus cumprirá a súa promesa: “Abres ti a túa man e dáslle fartura a todo ser vivo” (Salmo 145:16).

21. Como sabemos que existirá paz entre os humanos e os animais?

21 Haberá paz entre os humanos e os animais. Os animais salvaxes e os domésticos comerán xuntos. Incluso os nenos pequenos non terán medo dos animais que noutro tempo foran perigosos (le Isaías 11:6-9; 65:25).

22. Que ocorrerá coas enfermidades?

22 Non existirán as enfermidades. Como Rei do Reino celestial de Deus, Xesús fará curacións a gran escala, moitas máis das que fixo cando estivo na Terra (Mateo 9:35; Marcos 1:40-42; Xoán 5:5-9). Non haberá ninguén en toda a Terra que poida dicir: “Estou impedido” (Isaías 33:24; 35:5, 6).

23. Por que será a resurrección un acontecemento moi emocionante?

23 As persoas queridas que perdemos na morte serán resucitadas coa posibilidade de non morrer xamais. Tódolos que están a durmir na morte, pero que están na memoria de Deus, volverán vivir. De feito, a Biblia di que “haberá resurrección de xustos e inxustos” (Feitos 24:15; le Xoán 5:28, 29).

24. Que sentes cando imaxinas como será a túa vida no Paraíso?

24 Que futuro tan marabilloso lles agarda a tódolos que escollan aprender acerca do noso Creador, Xehová, e decidan servilo! Por iso, é vital que aprendamos máis acerca de Xesucristo, xa que todas estas bendicións se realizarán mediante el.