Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 6

Onde están os mortos?

Onde están os mortos?
  • Que ocorre cando morremos?

  • Por que morremos?

  • Podería consolarnos coñecer a verdade sobre os mortos?

1-3. Que preguntas se fai a xente sobre a morte, e que respostas atopan segundo a relixión á que acudan?

ESTAS son preguntas que a xente leva facéndose dende hai miles de anos. O feito é que son preguntas moi importantes. As respostas aféctannos a todos, sen importar quen sexamos ou onde vivamos.

2 No capítulo anterior, analizamos de que xeito o sacrificio de Xesús fixo posible que teñamos a esperanza de vivir para sempre. Tamén aprendemos que a Biblia predí que chegará un tempo no que “a morte non existirá máis” (Apocalipse 21:4). Mentres tanto, todos morremos. O rei Salomón expresouno así: “Os vivos saben que han morrer” (Eclesiastés 9:5). Aínda que intentamos vivir todo o posible, seguímonos a preguntar que vai ser de nós cando morramos.

3 Cando un dos nosos morre, sentimos unha pena moi profunda. Mesmo poida que nos preguntemos: “Que lle estará a pasar? Estará a sufrir? Estará a mirar por min? Poderei axudalo dalgún xeito? Volverei velo algún día?”. Atopamos respostas diferentes a estas preguntas nas relixións do mundo. Algunhas ensinan que os bos van ir ó ceo, pero que os malos arderán nun lugar de tormento. Outras relixións afirman que os mortos van á rexión dos espíritos para se xuntar cos seus antepasados. E aínda outras ensinan que irán ó mundo dos mortos onde serán xulgados, para despois reencarnarse noutro corpo.

4. Que idea básica sobre a morte comparten moitas relixións?

4 Todas estas ensinanzas teñen algo en común: a idea de que unha parte de nós segue a vivir trala morte. Segundo a maioría das relixións que existiron ó longo da historia, mesmo de mortos seguimos a ver, oír e pensar. Pero, como pode ser? Tanto os nosos sentidos coma os nosos pensamentos están relacionados co cerebro e, cando morremos, o cerebro deixa de funcionar. Polo tanto, nin os nosos sentidos funcionan, nin temos sentimentos nin recordos, xa que desaparecen cando o noso cerebro morre.

QUE OCORRE REALMENTE CANDO MORREMOS?

5, 6. Que ensina a Biblia acerca do estado dos mortos?

5 Para Xehová, o Creador do cerebro, non é un misterio o que ocorre cando morremos. El sabe a verdade, e a súa Palabra, a Biblia, explica en que estado están os mortos. De forma moi clara afirma que cando unha persoa morre, deixa de existir. A morte é o contrario da vida. Os mortos nin ven, nin oen, nin pensan. E ningunha parte de nós segue a vivir unha vez que o corpo morre. Non posuímos unha alma ou espírito inmortal. *

Onde foi a chama?

6 Despois de afirmar que os vivos saben que han morrer, Salomón escribiu que “os mortos non saben xa máis nada”. Entón ampliou esta verdade básica cando dixo que os mortos nin odian nin aman, e que na sepultura “non hai actividade, nin cálculo, nin coñecer, nin Sabedoría” (le Eclesiastés 9:5, 6, 10). De xeito parecido, o Salmo 146:4 di que cando un home morre “esvaecen os seus proxectos”. Como somos mortais, non sobrevivimos á morte do noso corpo. A nosa vida é como a chama dunha candea. Cando a chama se extingue, non marcha a ningures; simplemente deixa de existir.

QUE DIXO XESÚS ACERCA DA MORTE?

7. Con que comparou Xesús a morte?

7 Xesucristo tamén falou do estado no que están os mortos. En canto ó seu amigo Lázaro, que morrera había pouco, Xesús díxolle ós seus discípulos: “Lázaro, o noso amigo, dorme”. Eles entenderon que estaba durmindo, descansando para recuperarse da súa enfermidade. Pero estaban equivocados, polo que Xesús lles aclarou: “Lázaro morreu” (le Xoán 11:11-14). Fíxate en que Xesús comparou a morte con estar durmido. Lázaro nin estaba no ceo nin nun inferno ardente. Tampouco estaba cos anxos ou cos seus antepasados; nin sequera renacera como outra persoa. Só descansaba na morte, coma se durmise profundamente, pero sen soñar. Noutras pasaxes da Biblia tamén se compara a morte con durmir. Por exemplo, cando apedraron ata matar o discípulo Esteban, a Biblia di que “adormeceu para sempre” (Feitos 7:60). De xeito similar, Xesús falou dunha nena que estaba a durmir na morte (Lucas 8:52, 53).

Xehová fixo os humanos para vivir para sempre na Terra

8. Por que sabemos que non formaba parte do propósito de Deus que a xente morrese?

8 Formaba parte do propósito orixinal de Deus que a xente morrese? Para nada! Xehová creou ós humanos para que vivisen para sempre na Terra. De feito, como aprendemos nun capítulo anterior, Deus puxo a primeira parella humana nun marabilloso paraíso, e bendíxoos con saúde perfecta. Xehová só quería o mellor para eles. Pensas que un bo pai pode querer que os seus fillos sufran, se fagan vellos e morran? Por suposto que non! Xehová amaba os seus fillos e quería que vivisen felices para sempre. Respecto dos humanos, a Biblia di que teñen “o senso do inconmensurable”, é dicir, o desexo de vivir para sempre (Eclesiastés 3:11, nota). Así é, Deus creounos con este desexo e fixo posible un medio para que o poidamos satisfacer.

POR QUE MORREMOS?

9. Que condición lle puxo Xehová a Adam, e por que non era un mandato difícil de obedecer?

9 Entón, por que morremos? Para atopar a resposta, temos que analizar o que ocorreu cando só había na Terra un home e unha muller. A Biblia explica que Deus “fixo xermolar da terra árbores fermosas para a vista e boas para comer” (Xénese 2:9). Ora ben, púxolles unha condición cando lle dixo a Adam: “Podes comer do froito das árbores todas do xardín pero da árbore do coñecemento do ben e do mal non comerás, pois en canto comas dela de certo morrerás” (Xénese 2:16, 17). Non era un mandato moi complicado de obedecer. Había moitas outras árbores das que Adam e Eva podían comer. Tiñan unha oportunidade extraordinaria para demostrar o seu agradecemento a quen lles dera todo, incluso unha vida perfecta. Coa súa obediencia, tamén mostrarían que respectaban a autoridade do seu Pai celestial e que querían obedecelo.

10, 11. a) Como chegou a primeira parella humana a desobedecer a Deus? b) Por que foi tan grave a desobediencia de Adam e Eva?

10 Tristemente, a primeira parella humana elixiu desobedecer a Xehová. Por medio dunha serpe, Satán preguntoulle a Eva: “Conque Deus vos prohibiu comer do froito das árbores do xardín?”. Eva respondeulle: “Podemos comer do froito das árbores todas do xardín. Soamente da árbore de alá no fondo nos mandou Deus: Non comades dela nin a toquedes, non sexa que morrades” (Xénese 3:1-3).

11 Satán díxolle: “De ningunha maneira morreredes. É que Deus sabe ben que o día en que comades dela, se vos abrirán os ollos e seredes coma Deus, sabedores do ben e do mal” (Xénese 3:4, 5). Satán quixo enganar a Eva para que crese que lle conviña comer do froito prohibido. Segundo el, deste xeito Eva podería decidir por ela mesma o que estaba ben e o que estaba mal, e facer o que quixese. Satán tamén afirmou que Xehová mentira respecto do que lles pasaría se comían dese froito. Eva creu a Satán, colleu do froito e comeu nel. Entón, deullo ó seu marido e este tamén comeu. Non actuaron por ignorancia; sabían moi ben o que estaban a facer, xusto o que Deus lles dixera que non fixesen. Ó comer do froito, desobedeceron voluntariamente un mandato sinxelo e razoable. Deste xeito, desprezaron tanto o seu Pai celestial coma a súa autoridade. Semellante falta de respecto era imperdoable!

12. Que exemplo pode axudarnos a entender como se sentiu Xehová cando Adam e Eva se puxeron na súa contra?

12 Imaxina que tes un fillo; críalo e cóidalo ata que se fai maior. Como te sentirías se te desobedecese dun xeito que mostrase que nin te quere nin te respecta? Daríache moitísima pena, verdade? Pois imaxina a dor que tivo que sentir Xehová cando Adam e Eva decidiron poñerse na súa contra.

Adam veu do po e volveu ó po

13. Que dixo Xehová que lle ocorrería a Adam cando morrese, e que quixo dicir?

13 Xehová non tiña por que permitir que Adam e Eva vivisen para sempre. Así que morreron, tal e como Deus lles advertira. Non é que fosen a unha rexión de espíritos, senón que deixaron de existir. O sabemos polo que Xehová lle dixo a Adam cando lle desobedeceu: “Ti es po e ó po tes que volver” (Xénese 3:19). Xehová formou a Adam do po da terra (Xénese 2:7). Antes diso, non existía. Así que, cando Xehová dixo que Adam tornaría en po, quixo dicir que volvería ó mesmo estado de inexistencia no que estaba antes de ser creado. Adam non tería vida, igual que o po do que fora formado.

14. Por que morremos?

14 Adam e Eva poderían seguir vivos hoxe, pero morreron porque elixiron desobedecer a Deus, é dicir, pecaron. A razón pola que morremos é que somos descendentes de Adam, e herdamos tanto o pecado como a morte (le Romanos 5:12). O pecado é coma unha terrible enfermidade hereditaria da que non nos podemos librar. A súa consecuencia, a morte, é unha maldición ou un inimigo (1Corintios 15:26). Que agradecidos podemos estar de que Xehová provese o rescate para liberarnos deste terrible inimigo!

COMO NOS BENEFICIA COÑECER A VERDADE SOBRE A MORTE?

15. Por que nos consola saber a verdade acerca dos mortos?

15 Verdade que nos consola aprender o que a Biblia ensina sobre o estado dos mortos? Como xa vimos, nin sofren nin están aflixidos. Non hai motivo para terlles medo, non nos poden facer mal ningún. Tampouco necesitan a nosa axuda, nin poden axudarnos. Non podemos falar con eles, nin eles con nós. Moitos guías relixiosos menten cando din que poden axudar ós que morreron, e algunhas persoas cren nestas mentiras e danlles cartos. Pero coñecer a verdade protéxenos dos enganos daqueles que ensinan estas mentiras.

16. Quen influíu nas ensinanzas de moitas relixións, e de que xeito?

16 Pensas que a túa relixión ensina o mesmo que a Biblia sobre os mortos? Moitas non o fan. Por que? Porque Satán influíu nas súas ensinanzas. El utiliza as relixións falsas para que as persoas crean que, cando o seu corpo morre, seguirán vivindo na rexión dos espíritos. Satán usa esta mentira xunto con outras para afastar a xente de Xehová. Como o fai?

17. Por que deshonra a Xehová a ensinanza do tormento eterno?

17 Como xa analizamos, algunhas relixións ensinan que se unha persoa é mala, cando morre vai a un lugar de tormento onde sufrirá pola eternidade. Esta ensinanza deshonra a Deus. Xehová é un Deus de amor que xamais faría que a xente sufrise deste modo (le 1Xoán 4:8). Que pensarías dun home que castigase o seu fillo meténdolle as mans no lume por ser desobediente? Respectarías a ese home? Gustaríache coñecelo? Seguro que non! De feito, pensarías que é moi cruel. De xeito semellante, Satán quere facernos crer que Xehová tortura eternamente a xente con lume, durante millóns e millóns de anos.

18. En que mentira relixiosa está baseada a adoración ós mortos?

18 Satán tamén utiliza algunhas relixións para ensinar que, trala morte, a xente convértese en espíritos, e que os vivos teñen que honralos. Segundo esta ensinanza, estes espíritos poden ser os nosos amigos, ou terribles inimigos. Moita xente vive enganada por esta mentira. Teñen medo dos mortos, hónranos e adóranos. Pero a Biblia ensina que os mortos están como durmidos, e que só debemos adorar ó único Deus verdadeiro, Xehová, que nos creou e nos deu todo canto temos (Apocalipse 4:11).

19. Que ensinanza bíblica podemos entender mellor cando coñecemos a verdade sobre os mortos?

19 Coñecer a verdade sobre os mortos protéxenos das mentiras relixiosas. Tamén nos axuda a comprender outras ensinanzas bíblicas. Por exemplo, entender que a xente non vai á rexión dos espíritos cando morre, fai moito máis real para nós a promesa de vivir para sempre nun paraíso na Terra.

20. Que analizaremos no seguinte capítulo?

20 Hai moito tempo, un home xusto chamado Xob fixo a seguinte pregunta: “Se morre o home, ¿volverá a vivir?” (Xob 14:14). É dicir, pode volver a vivir quen está durmido na morte? Como veremos no seguinte capítulo, a resposta que dá a Biblia é moi consoladora.

^ par.5 Para unha análise detallada dos termos alma espírito podes consultar o apéndice titulado “Que significan os termos alma e espírito?”.