Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 8

Que é o Reino de Deus?

Que é o Reino de Deus?
  • Que explica a Biblia sobre o Reino de Deus?

  • Que fará o Reino de Deus?

  • Cando conseguirá o Reino que se faga a vontade de Deus na Terra?

1. Que coñecida oración imos analizar?

MILLÓNS de persoas por todo o mundo coñecen a oración chamada o nosopai, e que Xesucristo deu como modelo. Os pensamentos incluídos nela merecen ser considerados polo miúdo. Analizar as tres primeiras peticións desta oración axudarache a aprender máis sobre o que ensina realmente a Biblia.

2. Cales foron tres das cousas que lles ensinou Xesús ós seus discípulos a pedir en oración?

2 Ó comezo da oración modelo, Xesús díxolle ós seus oíntes: “Vós, rezade así: Noso Pai que estás no ceo, santificado sexa o teu nome; veña o teu Reino, fágase a túa vontade así na terra coma no ceo” (Mateo 6:9-13). Que significan estas tres peticións?

3. Que necesitamos saber sobre o Reino de Deus?

3 Levamos aprendido moito sobre o nome de Deus, Xehová. Tamén falamos da Súa vontade, do que xa fixo e do que fará pola humanidade. Pero, a que se refería Xesús cando nos ensinou a orar “veña o teu Reino”? Que é o Reino de Deus? Cando este veña, como santificará, ou fará santo, o nome de Deus? E, como está relacionado este vindeiro Reino co cumprimento da vontade de Deus?

QUE É O REINO DE DEUS?

4. Que é o Reino de Deus, e quen é o seu Rei?

4 O Reino de Deus é un goberno establecido por Xehová cun rei que El mesmo escolleu. Quen é o Rei do Reino de Deus? Xesucristo. É mellor rei que tódolos gobernantes humanos, e por iso se lle chama “Señor de señores e Rei de reis” (Apocalipse 17:14). Ten o poder para facer moitas máis cousas boas que calquera goberno humano, incluso que o mellor deles.

5. Dende onde goberna o Reino de Deus, e sobre que o fará no futuro?

5 Dende onde gobernará o Reino de Deus? Recordas onde está o seu Rei, Xesús? Como xa vimos, foi cravado nun madeiro e máis tarde foi resucitado. Pouco despois, ascendeu ó ceo (Feitos 2:33). Polo tanto, aí é onde está o Reino de Deus, no ceo. Por iso, a Biblia chámalle “Reino celestial” (2Timoteo 4:18). Pero aínda que o Reino de Deus está no ceo, gobernará sobre a Terra (le Apocalipse 11:15).

6, 7. Por que é Xesús un rei tan marabilloso?

6 Que fai de Xesús un rei tan marabilloso? Para empezar, non morrerá xamais. A diferenza dos gobernantes humanos, Xesús é inmortal (Hebreos 7:16). Por iso sabemos que tódalas cousas boas que fará serán duradeiras; e serán moitas e moi boas.

7 Analicemos unha profecía bíblica sobre Xesús: “Descansará sobre el o Espírito do Señor, espírito de sabedoría e discernimento, espírito de consello e fortaleza, espírito de ciencia e temor do Señor. Sentirá a súa compracencia no temor do Señor. Non xulgará conforme a aparencia dos seus ollos, nin sentenciará conforme as faladurías dos seus oídos. Xulgará ó pobre conforme a xustiza, e sentenciará con rectitude ós oprimidos da nación” (Isaías 11:2-4). Estas palabras mostran que Xesús é un rei que tratará con xustiza e compaixón os seres humanos. Non che gustaría ter un gobernante como este?

8. Quen gobernará con Xesús?

8 Examinemos outra ensinanza sobre o Reino de Deus: Xesús non vai gobernar só, haberá quen goberne con el. O apóstolo Paulo, por exemplo, díxolle a Timoteo: “Se padecemos con el, tamén reinaremos con el” (2Timoteo 2:12). Deus seleccionou a Paulo, a Timoteo, e a outros servos fieis para gobernar con Xesús no Reino celestial. Cantos terán este privilexio?

9. Cantos gobernarán con Xesús, e cando comezou Deus a escollelos?

9 Como xa analizamos no capítulo 7, o apóstolo Xoán tivo a seguinte visión: “O Año [Xesucristo] estaba de pé no monte de Sión [a súa posición como rei no ceo] e con el cento corenta e catro mil, que tiñan escrito nas súas frontes o nome do Año e mailo nome do seu Pai”. Quen son estes 144.000? Xoán aclarouno da seguinte maneira: “Estes son os que acompañan o Año a onde el vaia. Estes foron mercados entre os homes, coma ofrenda de primicias para Deus e para o Año” (Apocalipse 14:1, 4). Así é, son seguidores fieis de Xesucristo especialmente elixidos para gobernar no ceo con el. Tras ser resucitados á vida no ceo, gobernarán con Xesús como reis sobre a Terra (Apocalipse 20:4, 6). Dende os días dos apóstolos, Deus foi seleccionando a cristiáns fieis ata chegar á cantidade de 144.000.

10. Por que é unha mostra do amor de Xehová que Xesús e os 144.000 gobernen a humanidade?

10 Este goberno formado por Xesús e os 144.000 é unha grande mostra do amor de Xehová. Por que? Para empezar, Xesús foi humano e sabe o que é sufrir como tal. De feito, Pablo dixo de Xesús que podía compadecerse das nosas debilidades porque superara tódalas probas ás que fora sometido, e sen pecar (Hebreos 4:15; 5:8). Os que gobernarán con el tamén aguantaron os sufrimentos propios dos seres humanos. Ademais, loitaron coa imperfección e padeceron todo tipo de enfermidades. De seguro entenderán os problemas que afrontamos.

QUE FARÁ O REINO DE DEUS?

11. Por que lles ensinou Xesús ós seus discípulos a orar para que a vontade de Deus se fixese no ceo?

11 Cando Xesús lles ensinou ós seus discípulos que debían orar para que o Reino de Deus viñese, tamén lles indicou que orasen para que se fixese a vontade de Deus “así na terra coma no ceo”. O certo é que nos ceos, onde está Deus, sempre houbo anxos fieis cumprindo a Súa vontade. Pero, como aprendemos no capítulo 3, un anxo malvado deixou de facer a vontade de Deus e incitou a Adam e Eva a pecar. No capítulo 10 aprenderemos máis do que ensina a Biblia respecto a este anxo malvado, coñecido como Satán. Xehová permitiu que Satán e os seus demos, aqueles anxos que decidiron seguilo, quedasen no ceo durante algún tempo. Polo tanto, nese intervalo de tempo, non tódolos que estaban no ceo facían a vontade de Deus. A escena cambiou radicalmente cando o Reino de Deus comezou a rexer. Xesús, que acababa de ser entronizado, entrou en guerra con Satán (le Apocalipse 12:7-9).

12. Que dous importantes sucesos se describen en Apocalipse 12:10?

12 A seguinte profecía describe o que ía acontecer: “E oín un gran berro no ceo, que dicía: ‘Arestora chegou a victoria, o poder, e o reino do noso Deus, así coma a soberanía do seu Mesías. Porque expulsaron o acusador dos nosos irmáns, o que os acusaba diante do noso Deus, día e noite’” (Apocalipse 12:10). Fixácheste nos dous importantes sucesos dos que se fala neste versículo? Primeiro, que o Reino de Deus comeza a gobernar baixo o mando de Xesucristo. E segundo, que se bota a Satán do ceo á Terra.

13. Cal foi o resultado de que se botase a Satán do ceo?

13 Como veremos máis adiante, estes dous sucesos xa ocorreron. Cales foron os resultados? Respecto ó que aconteceu no ceo, lemos: “Por iso ¡alegrádevos, ceos, e os que vivides neles!” (Apocalipse 12:12). No ceo, os anxos fieis alegráronse moito de que Satán e os seus demos marchasen. A partir de entón, tódolos que viven no ceo son fieis a Xehová, e hai paz e harmonía absolutas. De modo que no ceo xa se está a facer a vontade de Deus.

Que se botase a Satán e os seus demos do ceo trouxo moita dor á Terra. Estes problemas pronto terminarán

14. Que consecuencias tivo que Satán fose botado do ceo á Terra?

14 E que ocorre coa Terra? A Biblia indica: “¡Pobre terra e pobre mar! Porque baixou Satán onda vós. Baixou adoecido porque sabe que ten pouco tempo” (Apocalipse 12:12). Satán está moi enfadado porque o botaron do ceo e porque lle queda pouco tempo. Sente tanta ira que está a aflixir a toda a Terra. Aprenderemos máis dos sufrimentos que está a causar no seguinte capítulo. Pensando nisto, poderiamos preguntarnos: “Como conseguirá o Reino que a vontade de Deus tamén se faga na Terra?”.

15. Cal é a vontade de Deus para a Terra?

15 No capítulo 3 aprendiches cal é a vontade de Deus para a Terra, lémbraste? Deus amosou en Edén que o seu propósito é converter a Terra nun paraíso, e que sexa habitada por humanos xustos que nunca morran. Satán conseguiu que Adam e Eva pecasen; isto afectou ó cumprimento do propósito de Deus para a Terra, pero non o cambiou. Xehová aínda quere que se cumpran as seguintes palabras: “Os xustos herdarán a terra e habitarán nela para sempre” (Salmo 37:29). O Reino de Deus fará realidade esta promesa. De que xeito?

16, 17. Que explica Daniel 2:44 acerca do Reino de Deus?

16 Examinemos a profecía que atopamos en Daniel 2:44: “No tempo deses reis, o Deus do ceo suscitará un reino que endexamais non será derrubado nin cederá o poder a outro pobo; máis aínda: destruirá e acabará con todos estes reinos, e el subsistirá para sempre”. Que nos ensina esta pasaxe sobre o Reino de Deus?

17 En primeiro lugar, afirma que o Reino de Deus se establecería “no tempo deses reis”, é dicir, mentres outros reinos existisen. En segundo lugar, explica que o Reino vai durar para sempre, así que ningún outro goberno o vai conquistar ou substituír. En terceiro lugar, indica que haberá unha guerra entre o Reino de Deus e os reinos do mundo. O Reino de Deus vencerá, e a partir de entón será o único goberno que exista na Terra. Os humanos desfrutarán do mellor goberno que xamais coñeceron.

18. Como se chama a guerra entre o Reino de Deus e os gobernos deste mundo?

18 A Biblia prové moita información sobre a guerra final entre o Reino de Deus e os gobernos deste mundo. Por exemplo, ensínanos que, segundo se acerque esta guerra, haberá espíritos malvados que espallarán mentiras para enganar os “reis de toda a terra”. Para que? “Para xuntalos [os reis] para a guerra do día grande do Deus que todo o sostén”. Os reis de toda a Terra hanse reunir “no lugar que en hebreo se chama Harmaguedón” (Apocalipse 16:14, 16). Segundo estes versículos, a guerra final entre os gobernos humanos e o Reino de Deus chámase Harmaguedón.

19, 20. Que impide que se estea a facer agora a vontade de Deus na Terra?

19 Que conseguirá o Reino de Deus mediante a guerra do Harmaguedón? Pensa de novo en cal é a vontade de Deus para a Terra. Xehová propúxose que unha sociedade humana perfecta e xusta lle servise no Paraíso. Que impide que vivamos agora nesas condicións? Un obstáculo é que somos pecadores, enfermamos e morremos. Non obstante, Xesús morreu por nós para que poidamos vivir para sempre, como xa aprendemos no capítulo 5. Probablemente recordas as seguintes palabras do Evanxeo de Xoán: “Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna” (Xoán 3:16).

20 Outro problema é que hai moita xente que fai o mal. Menten, enganan e son inmorais. Demostran que non queren facer a vontade de Deus. Os que practican o que está mal serán destruídos na guerra divina de Harmaguedón (le Salmo 37:10). Unha razón máis pola que aínda non se leva a cabo a vontade de Deus na Terra é que os gobernos non animan á xente a facela. Moitos deles son débiles, crueis ou corruptos. A Biblia di claramente: “Un home domina sobre outro para mal” (Eclesiastés 8:9).

21. Como conseguirá o Reino que se faga a vontade de Deus na Terra?

21 Tralo Harmaguedón, haberá un só goberno sobre a humanidade, o Reino de Deus. Este Reino levará a cabo a vontade de Deus e traerá marabillosas bendicións. Por exemplo, botará nun abismo a Satán e os seus demos por mil anos (Apocalipse 20:1-3). Aplicarase o poder do sacrificio de Xesús e ningunha persoa fiel volverá enfermar e morrer. De feito, baixo o Reino de Deus, poderán vivir para sempre (le Apocalipse 22:1-3). A Terra converterase nun fermoso paraíso. Deste xeito, o Reino conseguirá que se santifique o nome de Deus. Que quere dicir isto? Que chegará o momento en que, baixo o Reino de Deus, tódalas persoas honrarán o nome de Xehová.

CANDO ACTUARÁ O REINO DE DEUS?

22. Por que sabemos que o Reino de Deus non veu cando Xesús estaba na Terra ou xusto despois de resucitar?

22 Cando Xesús lles ensinou ós seus seguidores a orar “veña o teu Reino”, estaba claro que este Reino aínda non viñera. Veu cando Xesús ascendeu ó ceo? Sabemos que non, porque tanto Paulo coma Pedro aclararon que, trala resurrección de Xesús, cumpriuse nel a profecía do Salmo 110:1. Alí afírmase que Xehová lle dixo a Xesús: “Senta á miña dereita mentres poño os teus inimigos por estrado dos teus pés” (Feitos 2:32-35; Hebreos 10:12, 13). Así que habería un período de espera.

Baixo o Reino, farase a vontade de Deus na Terra como xa se fai no ceo

23. a) Cando comezou a gobernar o Reino de Deus? b) Que se analizará no próximo capítulo?

23 Canto tempo habería que agardar? Nos séculos XIX XX, algúns estudantes sinceros da Biblia foron comprendendo que este período de tempo remataría en 1914. (Se desexas máis información sobre esta data, podes consultar o apéndice titulado “O ano 1914: clave nas profecías bíblicas”.) Os sucesos que aconteceron no mundo en 1914 confirman o que estes estudantes da Biblia entenderan. O cumprimento da profecía bíblica mostra que en 1914 Cristo chegou a ser Rei, e que o Reino celestial de Deus comezou a gobernar. Polo tanto, agora estamos vivindo no “pouco tempo” que lle queda a Satán (Apocalipse 12:12; Salmo 110:2). Tamén podemos afirmar con certeza que o Reino pronto actuará para que na Terra se faga a vontade de Deus. Non pensas que esta é unha boa noticia? Cres que será así? No próximo capítulo veremos que a Biblia realmente ensina estas verdades.