Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 13

O punto de vista de Deus sobre a vida

O punto de vista de Deus sobre a vida
  • Como ve Deus a vida?

  • Que pensa Deus sobre o aborto?

  • Como podemos demostrar respecto pola vida?

1. Quen creou tódolos seres vivos?

TAL e como dixo o profeta Xeremías, Xehová “é o Deus da vida eterna” (Xeremías 10:10). Ademais, é o Creador de tódolos seres vivos. Os seres espirituais do ceo dixeron del: “Ti es quen o creaches todo: pola túa vontade existe e foi creado” (Apocalipse 4:11). E nunha canción de loanza a Deus, o rei David dixo: “Pois está en ti a fonte da vida” (Salmo 36:10 [36:9NM]). Polo tanto, a vida é un regalo de Deus.

2. Que proveu Deus para sustentar a nosa vida?

2 Xehová tamén sustenta a nosa vida (Feitos 17:25). Dános o alimento que comemos, a auga que bebemos, o aire que respiramos, e mesmo a terra na que vivimos (le Feitos 14:15-17). Xehová fixo o necesario para que poidamos desfrutar da vida. Pero, para vivila plenamente, temos que aprender cales son as leis de Deus e obedecelas (Isaías 48:17, 18).

DEMOSTREMOS RESPECTO POLA VIDA

3. Como viu Deus o asasinato de Abel?

3 Deus quere que respectemos a nosa vida e a dos demais. Por exemplo, no tempo de Adam e Eva, Caín anoxouse co seu irmán pequeno, Abel. Xehová avisouno de que se seguía así podería acabar cometendo un pecado grave, pero Caín non lle fixo caso. Así que se botou contra Abel e o matou (Xénese 4:3-8). Xehová castigou a Caín polo asasinato do seu irmán (Xénese 4:9-11).

4. Como destacou Deus na Lei mosaica que debemos valorar a vida?

4 Miles de anos despois, Xehová deulles ós israelitas unha serie de leis para que o servisen como el quería. A este conxunto de leis tamén se lle chama Lei mosaica, xa que foi entregado por medio do profeta Moisés. Unha destas leis di: “Non mates” (Deuteronomio 5:17). Así Deus ensinoulles ós israelitas que valoraba a vida dos humanos, e que eles tamén deberían valorar a vida dos demais.

5. Cal debería ser a nosa opinión sobre o aborto?

5 E que pensa Deus sobre a vida dos nenos que aínda non naceron? Segundo a Lei mosaica, estaba mal provocar a morte dun bebé que estivese na matriz da súa nai. Ata esa vida é moi valiosa para Xehová (le Éxodo 21:22, 23; Salmo 127:3). Isto significa que o aborto está mal.

6. Por que non debemos sentir odio cara ós demais?

6 Respectar a vida inclúe ter unha boa actitude cara a outras persoas. A Biblia afirma: “Quen odia a seu irmán é un asasino e xa sabedes que ningún asasino leva en si a vida eterna” (1Xoán 3:15). Se queremos desfrutar da vida eterna, temos que erradicar do noso corazón calquera sentimento de odio que poidamos ter cara ós demais, xa que o odio é a raíz de moitos actos violentos (1Xoán 3:11, 12). É importantísimo que aprendamos a amarnos uns ós outros.

7. Cales son algunhas prácticas que amosan falta de respecto pola vida?

7 Como podemos demostrar respecto pola nosa vida? Non é habitual que alguén queira morrer, pero algúns arriscan a súa vida só por pracer. Por exemplo, fuman tabaco ou consumen drogas, como a marihuana, en busca de diversión. Tales substancias danan o corpo e poden causar a morte. Quen ten o costume de consumilas non considera sagrada a vida. Estas prácticas son impuras ós ollos de Deus (le Romanos 6:19; 12:1; 2Corintios 7:1). Para servir a Deus dun xeito que lle agrade, hai que deixar estes vicios. Aínda que poida ser moi difícil, Xehová daranos a axuda que necesitemos, e valora moito os nosos esforzos por tratar a vida como un valioso regalo da Súa parte.

8. Por que temos que estar pendentes da seguridade?

8 Se respectamos a vida, estaremos moi pendentes da seguridade. Non seremos neglixentes ou correremos riscos tan só por desfrutar un momento emocionante. Evitaremos conducir de xeito temerario e tampouco practicaremos deportes violentos ou perigosos (Salmo 11:5). Deus deulles ós israelitas a seguinte lei: “Se constrúes unha casa nova, farás unha varanda na azotea, dese xeito non cargarás co sangue vertido na túa casa, se morre o que caia dela” (Deuteronomio 22:8). Segundo o principio que extraemos desta lei, temos que manter en boas condicións a nosa casa; por exemplo, as escaleiras, para que ninguén tropece e se manque. Tamén manteremos en bo estado o noso coche. Nin o noso coche nin a nosa casa deben ser un perigo para os demais.

9. Se respectamos a vida, como trataremos os animais?

9 A vida dos animais tamén é sagrada para o Creador. Deus permite matalos para obter alimento e roupa ou para defendernos se nos atacan (Xénese 3:21; 9:3; Éxodo 21:28). Non obstante, ser crueis con eles ou matalos por deporte ou sen razón ningunha, amosa unha total falta de respecto pola vida, que é sagrada (Proverbios 12:10).

DEMOSTREMOS RESPECTO POLO SANGUE

10. Como amosou Deus a relación entre a vida e o sangue?

10 Cando Caín matou a Abel, Xehová díxolle: “O sangue de teu irmán chama por min desde a terra” (Xénese 4:10). Con “sangue”, Deus referiuse á vida de Abel. Caín quitáralle a vida ó seu irmán, e tería que ser castigado. Era coma se o sangue, ou vida, de Abel clamase a Xehová por xustiza. Despois do diluvio dos días de Noé, quedou clara a relación entre o sangue e a vida. Antes do Diluvio, os humanos comían froita, verduras, cereais e froitos secos. Pero despois do Diluvio, Xehová díxolles a Noé e mailos seus fillos: “Todo o que vive e se move serviravos para mantenza. Dóuvolo todo, como vos dei os vexetais”. Ora ben, púxolles unha restrición: “Non comeredes carne coa súa vida, quere dicir, co seu sangue” (Xénese 1:29; 9:3, 4). Queda claro que Xehová relaciona a vida co sangue.

11. Que uso do sangue prohibiu Deus dende os días de Noé?

11 Demostramos respecto polo sangue cando non o inxerimos. Xehová deulles esta lei ós israelitas: “Calquera israelita [...] que cace algún animal ou ave dos que se poden comer, e verte o seu sangue, deberao tapar con terra. [...] Díxenlles ós fillos de Israel: Non comeréde-lo sangue de ningunha carne” (Levítico 17:13, 14). O mandato divino que Xehová lle dera a Noé había 800 anos de non comer o sangue dos animais aínda estaba en vigor. O criterio de Xehová estaba claro: os seus servos podían comer a carne dos animais pero non o sangue. Deberían verter o sangue na terra, como devolvendo a vida do animal a Deus.

12. Que mandamento, que aínda segue en vigor, recibiron por espírito santo os cristiáns do primeiro século?

12 Un mandato similar aplica a tódolos cristiáns. No primeiro século, os apóstolos e outros homes elixidos para guiar os seguidores de Xesús, reuníronse para decidir que mandamentos obedecerían os cristiáns. Finalmente chegaron á seguinte conclusión: “Porque decidimos, o Espírito Santo e mais nós, non impoñervos máis cargas cás precisas: absterse de carnes ofrecidas ós ídolos, do sangue, de animais afogados e da unión deshonesta” (Feitos 15:28, 29; 21:25). Así que debemos absternos do sangue. Para Deus, que o fagamos é tan importante coma que evitemos a idolatría ou a inmoralidade sexual.

Se o teu médico che di que te absteñas do alcohol, inxectaríalo nas veas?

13. Con que exemplo explicarías que o mandato de absterse do sangue inclúe as transfusións sanguíneas?

13 Están incluídas as transfusións sanguíneas no mandamento de absterse de sangue? Si. Poderiamos ilustralo así: pensa que un día vas ó médico e che di que te absteñas do alcohol. Deixarías de bebelo e inxectaríalo directo nas veas? Claro que non! Do mesmo xeito, absterse do sangue significa que non podemos introducilo no corpo de ningunha maneira. Polo tanto, se queremos absternos do sangue non permitiremos que ninguén nola transfunda.

14, 15. Se os médicos lle din a un cristián que necesita unha transfusión de sangue, que debería facer e por que?

14 Que sucede se un cristián está gravemente ferido ou necesita someterse a cirurxía maior? Supoñamos que os médicos lle din que, se non recibe unha transfusión de sangue, vai morrer. Ningún cristián quere morrer. Para conservar o regalo da vida, o cristián aceptaría outros tipos de tratamentos que non implicasen un mal uso do sangue. Así que buscaría tal atención médica e admitiría outros tratamentos alternativos ó sangue.

15 Violaría un cristián a lei de Deus para vivir un pouco máis neste mundo? Xesús dixo: “Quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo” (Mateo 16:25). Non queremos morrer. Pero se intentamos salvar a nosa vida violando a lei de Deus, poderiamos perder a vida eterna. Polo tanto, somos sensatos e confiamos en que a lei de Deus é a máis apropiada, tendo a seguridade de que, se morremos, El pode lembrarse de nós e devolvernos a vida na resurrección (Xoán 5:28, 29; Hebreos 11:6).

16. Que están decididos a facer os servos de Deus respecto ó sangue?

16 Hoxe en día, os servos de Deus están decididos a seguir o mandato de Deus respecto ó uso do sangue. Nin o inxiren de xeito algún, nin o aceptan por razóns médicas. * Están seguros de que o Creador do sangue sabe que é o mellor para eles. Ti tamén pensas así?

O ÚNICO USO APROPIADO DO SANGUE

17. No antigo Israel, cal era o único uso do sangue que Deus aceptaba?

17 A Lei mosaica destacou o único uso apropiado do sangue. Respecto á adoración do antigo Israel, Xehová estipulou: “Pois a vida do corpo está no sangue, e eu dóuvolo para expiar con el sobre o altar polas vosas vidas. Porque é o sangue o que purifica a persoa” (Levítico 17:11). Cando un israelita pecaba, podía obter o perdón ofrecendo un animal e levando algo do sangue ó altar que había no tabernáculo e, máis tarde, no templo de Deus. O único uso do sangue que Deus aceptaba era nestes sacrificios.

18. Grazas a que Xesús verteu o seu sangue por nós, que bendicións podemos obter?

18 Os cristiáns verdadeiros non están obrigados a cumprir a Lei mosaica e, polo tanto, non ofrecen sacrificios de animais, nin levan o sangue a ningún altar (Hebreos 10:1). Non obstante, o uso que se facía do sangue no antigo Israel representaba o futuro sacrificio do Fillo de Deus, Xesucristo. Tal e como aprendemos no capítulo 5, Xesús deu a súa vida humana por nós derramando o seu sangue como sacrificio. Entón foi ó ceo, onde presentou o valor do seu sangue ante Deus unha vez para sempre (Hebreos 9:11, 12). Deste xeito fixo posible o perdón dos nosos pecados, e que teñamos a oportunidade de vivir para sempre (Mateo 20:28; Xoán 3:16). Que importante forma de usar o sangue, verdade? (1Pedro 1:18, 19) Só tendo fe no valor do sangue de Xesús podemos obter a salvación.

Como podes demostrar respecto pola vida e o sangue?

19. Que temos que facer para non ser responsables da perdición de ninguén?

19 Que agradecidos podemos estar polo regalo divino da vida! Non debería motivarnos a falar con outros sobre a oportunidade de vivir para sempre grazas a ter fe no sacrificio de Xesús? Farémolo con entusiasmo porque, ó igual que Xehová, vemos as vidas dos demais como algo de moito valor (le Ezequiel 3:17-21). Se somos dilixentes ó cumprir esta responsabilidade, poderemos dicir o mesmo que o apóstolo Paulo: “Non me sinto responsable da perdición de ninguén, porque non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus” (Feitos 20:26, 27). Falar ós demais sobre Deus e os seus propósitos é unha boa maneira de demostrar que apreciamos moitísimo a vida e o sangue.

^ par.16 Se desexas máis información sobre alternativas médicas ás transfusións de sangue, podes consultar consultar o artigo “Opciones de calidad a la transfusión” do folleto ¿Cómo puede salvarle la vida la sangre?, publicado polas testemuñas de Xehová.