Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

A verdade acerca do Pai, do Fillo e do espírito santo

A verdade acerca do Pai, do Fillo e do espírito santo

A XENTE que cre na ensinanza da Trindade asegura que Deus está formado por tres persoas: o Pai, o Fillo e o espírito santo. Din que cada unha destas tres persoas son iguais ás outras dúas, que son todopoderosas, e que non tiveron principio. Así que, segundo a doutrina da Trindade, o Pai é Deus, o Fillo é Deus, e tamén o espírito santo é Deus, aínda que soamente hai un único Deus.

Moitos dos que cren nesta doutrina admiten que non son capaces de explicala. Aínda así, poida que pensen que é unha ensinanza bíblica. Non obstante, é interesante comprobar que a palabra Trindade non aparece por ningures na Biblia. Entón, poderíase dicir que esta doutrina está baseada na Biblia? Para responder a esta pregunta, analicemos unha das citas da Biblia na que se apoian os defensores desta ensinanza.

“A PALABRA ERA DEUS”

Xoán 1:1 afirma: “No principio existía a Palabra, e a Palabra estaba onda Deus, e a Palabra era Deus”. Un pouco máis adiante no mesmo capítulo, o apóstolo Xoán explicou que “a Palabra” refírese a Xesús (Xoán 1:14). Ora ben, como á Palabra se lle chama “Deus”, algunhas persoas chegan á conclusión de que o Fillo e o Pai deben ser parte do mesmo deus.

Teñamos presente que esta parte da Biblia foi escrita orixinalmente en grego. Despois, este texto foi traducido a outros idiomas. Non obstante, algúns tradutores decidiron non utilizar a expresión “a Palabra era Deus”. Por que? Baseándose no seu coñecemento do grego bíblico, concluíron que a expresión “a Palabra era Deus” deberíase traducir doutro xeito. Estes son algúns exemplos: “un ser divino era o Proxecto [ou a Palabra]”, “a Palabra era divina”, e “deus era a Palabra” (Juan. Texto y Comentario, de J. Mateos y J. Barreto, lectura alternativa; Los escritos originales de la comunidad del discípulo “amigo” de Jesús, de Senén Vidal; Cuarto Evangelio. Cartas de Juan, de J. J. Bartolomé). Segundo estas traducións, a Palabra non é Deus mesmo. * Máis ben, refírese á Palabra como un deus porque ocupa unha posición máis elevada que outras criaturas. Nesta ocasión, o termo deus quere dicir “poderoso”.

ANALICEMOS OUTROS FEITOS

Moitas persoas non coñecen o grego bíblico. Así que, como podes comprobar o que realmente quixo dicir o apóstolo Xoán? Imaxina que un mestre da escola explica algún tema ós seus alumnos. Despois, parece que os estudantes entenderon cousas diferentes do que explicou o mestre. Como poderían resolver as súas dúbidas? Poderían pedirlle ó profesor que lles dese máis información. Non hai dúbida de que coñecer máis datos acerca dun asunto permite comprendelo mellor. De xeito similar, para comprender o significado de Xoán 1:1, podemos examinar o Evanxeo de Xoán para obter máis información acerca da posición de Xesús. Aprender feitos e datos adicionais sobre este asunto, axudaranos a chegar a unha conclusión axeitada.

Por exemplo, analiza o que máis tarde escribiu Xoán no versículo 18 do capítulo 1 do seu Evanxeo: “A Deus ninguén o viu”. En cambio a Xesús, o Fillo, si que houbo algúns humanos que o viron, e por iso Xoán escribiu: “E a Palabra fíxose carne, e plantou entre nós a súa tenda, e nós vímo-la súa gloria” (Xoán 1:14). Entón, como podería ser o Fillo parte do Deus Todopoderoso? Xoán tamén asegurou que a Palabra estaba “onda Deus”. Pero, como pode un individuo estar onda unha persoa e ó mesmo tempo ser esa persoa? Ademais, como se pode ver en Xoán 17:3, o mesmo Xesús fixo unha clara distinción entre el e o seu Pai celestial. De feito, chamou ó seu Pai “o único Deus verdadeiro”. E cara ó final do seu Evanxeo, Xoán resumiu este asunto cando afirmou: “Estes [signos ou sinais] escribíronse para que creades que Xesús é o Mesías, o Fillo de Deus e, crendo, teñades vida nel” (Xoán 20:31). Repara en que a Xesús se lle chama Fillo de Deus, non Deus. Esta información adicional extraída do Evanxeo de Xoán mostra como debe entenderse Xoán 1:1. Xesús, a Palabra, é un deus no sentido de que ten unha posición elevada, pero non é o mesmo que o Deus Todopoderoso.

COMPROBEMOS OS FEITOS

Sigamos a considerar o exemplo do mestre de escola e os alumnos. Imaxina que, despois de escoitar a explicación adicional que lles deu o mestre, algúns dos estudantes aínda quedan dubidosos. Que poderían facer? Poderían acudir a outro mestre para recibir máis información. Se o segundo mestre confirma a explicación do primeiro, entón xa non debería haber dúbidas. De xeito similar, se non estás seguro do que quixo dicir o apóstolo Xoán acerca da relación entre Xesús e o Deus Todopoderoso, podes acudir a outro escritor bíblico para obter máis información. Pensa, por exemplo, no que escribiu Mateo. Con respecto ó fin do mundo tal e como o coñecemos hoxe, citou a Xesús cando dixo: “E en canto ó día aquel e á hora, ninguén sabe nada, nin os anxos do ceo, nin o Fillo; só o Pai” (Mateo 24:36). Como confirman estas palabras a idea de que Xesús non é o Deus Todopoderoso?

Xesús dixo que o Pai sabe máis có Fillo. O caso é que se Xesús fose parte do Deus Todopoderoso debería saber o mesmo que o seu Pai. Por iso chegamos á conclusión de que o Fillo e o Pai non poden ser iguais. Pero alguén podería dicir: “É que Xesús ten dúas naturezas, e aquí esta falando como humano”. Aínda que fose certo, que diriamos do espírito santo? Se tamén formase parte do mesmo Deus que o Pai, por que non dixo Xesús que o espírito sabe o mesmo que o Pai?

Segundo sigas a estudar a Biblia, verás que hai moitas máis pasaxes que apoian esta conclusión. Todas confirman a verdade acerca do Pai, do Fillo e do espírito santo (Salmo 90:2; Feitos 7:55; Colosenses 1:15).

^ par.3 Se desexas máis información respecto a Xoán 1:1, podes consultar o artigo “¿La Palabra era ‘Dios’, o ‘un dios’?” do número do 1 de novembro de 2008 da revista La Atalaya, publicada polas testemuñas de Xehová.