Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

Quen é o arcanxo Miguel?

Quen é o arcanxo Miguel?

HAI moi poucas pasaxes na Biblia que falen do arcanxo Miguel. Pero sempre que aparece está a levar a cabo algunha acción. No libro de Daniel está pelexando con anxos malvados, na carta de Xudas está rifando co Demo, e no libro de Apocalipse encabeza unha guerra contra Satanás e os seus demos. Como sempre defende a autoridade de Xehová e loita contra os Seus inimigos, Miguel faille honor ó seu nome, que significa “Quen é coma Deus?”. E logo, quen será o arcanxo Miguel?

Ás veces unha mesma persoa é coñecida por máis dun nome. Por exemplo, ó patriarca Xacob tamén lle chamaban Israel, e ó apóstolo Pedro tamén o coñecían como Simón (Xénese 49:1, 2; Mateo 10:2). Do mesmo xeito, a Biblia indica que Miguel é outro nome que recibe Xesucristo, tanto antes de vir á Terra coma despois de volver ó ceo. Vexamos as razóns que atopamos nas Escrituras para chegar a esta conclusión.

Arcanxo. A Palabra de Deus refírese a Miguel como o “arcanxo” (Xudas 9). Este termo significa “xefe dos anxos”. Fíxate en que Miguel é o arcanxo, o cal suxire que é o único anxo deste tipo. De feito, a Biblia usa o termo arcanxo sempre en singular, e nunca en plural. Ademais Xesús sempre aparece relacionado coas tarefas propias de arcanxo. Vexamos un exemplo en 1Tesalonicenses 4:16, onde se relata o que fará o resucitado Señor Xesús: “Pois a un sinal de mando, á voz do arcanxo e ó son da trompeta de Deus, o Señor en persoa baixará do ceo”. Esta pasaxe bíblica suxire que o arcanxo Miguel e Xesús son a mesma persoa.

Comandante. A Biblia afirma: “Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos” (Apocalipse 12:7). Así que Miguel é o comandante dun exército de anxos fieis. Apocalipse tamén describe a Xesús como o comandante dun exército de anxos fieis (Apocalipse 19:14-16). E o apóstolo Paulo menciona especificamente o “Señor Xesús” e os seus anxos poderosos (2Tesalonicenses 1:7). Polo tanto, a Biblia fala de Miguel e os “seus anxos” e de Xesús e os “seus anxos” (Mateo 13:41; 16:27; 24:31; 1Pedro 3:22). Non hai pasaxe ningunha na Biblia que mencione a existencia de dous exércitos de anxos fieis no ceo, un liderado por Miguel e outro liderado por Xesús. Así que podemos concluír que o arcanxo Miguel é Xesús desempeñando as súas funcións no ceo. *

^ par.1 Atoparás máis probas de que o nome Miguel se refire ó Fillo de Deus na obra Perspicacia para comprender las Escrituras, volume 2, páxinas 386 e 387, publicada polas Testemuñas de Xehová.