Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

Que é “a gran Babilonia”?

Que é “a gran Babilonia”?

O LIBRO bíblico de Apocalipse contén expresións que non se deben tomar ó pé da letra (Apocalipse 1:1). Por exemplo, menciona unha muller que leva escrito na fronte o nome “a gran Babilonia”. Tamén di que está sentada enriba de “pobos e multitudes, nacións e linguas” (Apocalipse 17:1, 5, 15). Como unha muller de carne e óso non podería facelo, Babilonia a Grande ten que ser un símbolo. Que representará esta prostituta simbólica?

Apocalipse 17:18 describe a esta muller simbólica como “a gran cidade, a que reina sobre os reis da terra”. A palabra “cidade” fai referencia a un grupo organizado de xente. Como esta “gran cidade” controla “os reis da terra”, Babilonia a Grande ten que ser unha organización que exerce a súa influencia a nivel internacional. Ben poderiamos dicir que é un imperio mundial, pero de que tipo? Un imperio relixioso. Vexamos algunhas pasaxes do libro de Apocalipse que levan a esta conclusión.

Un imperio pode ser político, económico ou relixioso. Sabemos que Babilonia a Grande non pode ser unha organización de tipo político porque a propia Palabra de Deus di que “foi a prostituta dos reis da terra”, é dicir, dos poderes políticos deste mundo. Neste contexto, a expresión “foi a prostituta dos reis da terra” refírese ás alianzas que ela fai cos gobernos da Terra, de aí que tamén se lle chame “gran prostituta” (Apocalipse 17:1, 2; Santiago 4:4).

Tampouco pode ser unha organización de tipo económico ou comercial porque Apocalipse di que os “traficantes destas cousas”, expresión que neste contexto representa o sistema comercial, estarán chorando e laiando mentres miran como é destruída esta muller simbólica. De feito, estas pasaxes bíblicas indican que tanto os poderes políticos coma o sistema comercial quedarán de pé mirándoa dende lonxe (Apocalipse 18:3, 9, 10, 15-17). Así que podemos concluír que Babilonia a Grande non é nin un imperio político, nin un imperio económico ou comercial, senón relixioso.

O carácter relixioso de Babilonia a Grande queda definitivamente confirmado cando lemos na Biblia que engana a xente de tódalas nacións coas súas “bruxerías”, ou prácticas espiritistas (Apocalipse 18:23). Como tódalas formas de espiritismo teñen a súa orixe na relixión falsa e nos demos, é lóxico que a Biblia diga que “Babilonia, a grande, volveuse morada de demos” (Apocalipse 18:2; Deuteronomio 18:10-12). Deste imperio tamén se di que se opón á relixión verdadeira perseguindo os “profetas” e o “pobo santo” (Apocalipse 18:24). De feito, tenlles tanta rabia que persegue con violencia a estes fieis seguidores de Xesús (Apocalipse 17:6). Sen dúbida ningunha, esta muller simbólica, que a Biblia chama “a gran Babilonia”, representa o conxunto de relixións falsas deste mundo, o que inclúe tódalas que se opoñen a Xehová.