Ir ó contido

Ir ó índice

APÉNDICE

Naceu Xesús en decembro?

Naceu Xesús en decembro?

A BIBLIA non menciona a data de nacemento de Xesús. Aínda así, aporta razóns sólidas que nos levan a concluír que non naceu en decembro.

Empecemos considerando que condicións climáticas se daban durante esa época do ano en Belén, a vila onde Xesús naceu. O calendario xudeu ten un mes chamado kisleu, que cae entre novembro e decembro; durante este mes o tempo é frío e chove. O mes seguinte, tebet, entre decembro e xaneiro, é o máis frío do ano e mesmo caen algunhas nevadas nas zonas altas. Vexamos como describe a Biblia o clima daquela rexión.

Esdras, un dos escritores da Biblia, mostra que kisleu era un mes frío e chuvioso. El conta que en Xerusalén “o vinte do noveno mes [kisleu]” todo o pobo “ficaba na praza do templo, tremendo [...] pola moita chuvia”. Entón engade que os que alí se xuntaran comentaron as condicións climáticas propias desa época do ano: “Estamos na estación das chuvias. Non se pode seguir fóra” (Esdras 10:9, 13; Xeremías 36:22). Desde logo, ningún pastor daquela parte do mundo había estar fóra co gando pola noite cando chegase decembro.

Pola contra, a Biblia di que a noite que Xesús naceu había pastores nos campos coidando das ovellas. De feito, un dos escritores dos evanxeos, Lucas, conta que preto de Belén había “uns pastores que pasaban a noite ó descuberto vixiando o seu rabaño” (Lucas 2:8-12). Como vemos, os pastores pasaban a noite ó aire libre, e non simplemente botaban o gando a pacer polo día e logo marchaban. Sendo que en Belén o mes de decembro era tan frío e chuvioso, verdade que non cadra que botasen a noite durmindo ó descuberto? Polo tanto, as circunstancias que se deron no momento do nacemento de Xesús indican claramente que non naceu en decembro. *

A Palabra de Deus indica con precisión cando morreu Xesús; en cambio non dá moitos detalles sobre a data do seu nacemento. Isto fainos lembrar as palabras do rei Salomón: “‘Máis vale unha boa sona do que un perfume caro’ e ‘o día da morte có día de nacer’” (Eclesiastés 7:1). Polo tanto, entendemos por que a Biblia prové tantos detalles sobre as labores de predicación de Xesús e sobre a súa morte, pero tan poucos sobre a data do seu nacemento.

Cando Xesús naceu, os pastores e mailos seus rabaños pasaban a noite ó descuberto nos campos

^ par.1 Se desexas máis información, podes consultar as páxinas 111 a 114 do libro Razonamiento a partir de las Escrituras, publicado polas Testemuñas de Xehová.