Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 14

“Decidimos de maneira unánime”

“Decidimos de maneira unánime”

O consello reitor toma unha decisión importante que contribúe á unidade da congregación.

Baseado en Feitos 15:13-35

1, 2. a) Que preguntas importantes tiña que responder o consello reitor do primeiro século? b) Con que axuda contaban para tomar a decisión correcta?

 A EXPECTACIÓN enche o cuarto onde están reunidos os apóstolos e os anciáns de Xerusalén. Conscientes de que están a punto de tomar unha decisión histórica, míranse uns ós outros. O asunto da circuncisión fai xurdir preguntas importantes: Deben obedecer os cristiáns a Lei mosaica? Fai Xehová distinción entre cristiáns xudeus e xentís?

2 Estes homes analizaron tódalas probas. Repasaron as profecías bíblicas e o testemuño dos que viran en primeira persoa como Xehová está bendicindo os cristiáns xentís. Despois de expresar todo o que sabían sobre o asunto, tiñan a información que necesitaban para tomar unha decisión. O espírito de Xehová indicoulles claramente cal era o camiño. Seguirían estes homes a súa dirección?

3. Que podemos aprender ó analizar o relato do capítulo 15 de Feitos?

3 Facía falta moita fe e valor para aceptar a guía que o espírito santo lles estaba dando. A decisión que tomasen podía facer que os líderes relixiosos xudeus os odiasen aínda máis. E algúns irmáns da congregación que querían que os cristiáns seguisen obedecendo a Lei mosaica poderían rechazar esa decisión. Entón, que faría o consello reitor? Neste capítulo responderemos esta pregunta e veremos como estes homes puxeron o modelo que segue o Consello Reitor das Testemuñas de Xehová na actualidade. Por outro lado, tamén veremos como podemos seguir este modelo cada un de nós cando temos que tomar decisións ou nos enfrontamos a algún problema.

“De acordo co que escribiron os Profetas” (Feitos 15:13-21)

4, 5. De que profecía citou Santiago?

4 O discípulo Santiago, o medio irmán de Xesús, empeza a falar. a Polo visto nesta ocasión é el quen preside a reunión. O que di a continuación parece recoller o sentir de todo o grupo: “Simeón contounos con todo detalle como foi a primeira vez que Deus se fixou nas nacións para sacar de entre elas un pobo para o seu nome. Isto está de acordo co que escribiron os Profetas” (Feit. 15:14, 15).

5 O discurso de Simeón —é dicir, Simón Pedro— e as probas que deron Bernabé e Paulo probablemente lle fan recordar a Santiago algúns textos importantes que aclaran o tema que están tratando (Xoán 14:26). Despois de dicir que “isto está de acordo co que escribiron os Profetas”, Santiago cita as palabras de Amós 9:11, 12. Este libro formaba parte das Escrituras Hebreas, comunmente chamadas “os Profetas” (Mat. 22:40; Feit. 15:16-18). Fíxate en que as palabras citadas por Santiago son un pouco diferentes das que encontramos na actualidade no libro de Amós. É probable que Santiago estea citando da Septuaxinta, unha tradución ó grego das Escrituras Hebreas.

6. Como lles axudaron as Escrituras ós irmáns a saber cal era a vontade de Deus?

6 Por medio do profeta Amós, Xehová predixo que chegaría o tempo no que restauraría “a tenda derrubada de David”, é dicir, a liñaxe real que conduciría ó Reino Mesiánico (Ezeq. 21:31, 32 [21:26, 27, TNM]). Volvería Xehová outra vez a tratar exclusivamente coa nación de Israel? Non. A profecía engade que se reuniría a xente de tódalas nacións” e que se lles chamaría polo nome de Xehová. Pedro acaba de explicar que Deus “non fixo ningunha diferenza entre eles [os xentís] e nós [os cristiáns xudeus]. En vez diso, purificou os seus corazóns pola fe que tiñan” (Feit. 15:9). Polo tanto, a vontade de Deus é que tanto xudeus coma xentís cheguen a ser herdeiros do Reino (Rom. 8:17; Ef. 2:17-19). Ningunha destas profecías inspiradas dá a entender que os xentís teñan que circuncidarse ou chegar a ser prosélitos.

7, 8. a) Que propuxo Santiago? b) Estaba Santiago intentando impoñer o seu punto de vista?

7 As probas proféticas e os testemuños de Pedro, Bernabé e Paulo son tan claros que Santiago di: “Por iso, eu opino que non hai que poñerlle obstáculos á xente das nacións que quere servir a Deus. En vez diso, hai que escribirlles que se absteñan de cousas contaminadas polos ídolos, de inmoralidade sexual, de animais estrangulados e de sangue. Porque desde tempos antigos houbo persoas que predicaron sobre Moisés en cada cidade. De feito, as cousas que el escribiu lense tódolos sábados en voz alta nas sinagogas” (Feit. 15:19-21).

8 Estaba Santiago abusando da autoridade que tiña, quizais como presidente da reunión, e decidindo por el mesmo o que se debía facer? Para nada! Ó dicir “eu opino” Santiago non estaba intentando impoñer o seu punto de vista sobre todo o grupo. El simplemente estaba dando unha suxestión baseándose nas probas que escoitaran ese día e no que dicían as Escrituras sobre ese tema.

9. Por que era boa a proposta de Santiago?

9 Era boa a proposta de Santiago? Está claro que si pois os apóstolos e os anciáns aprobárona. Por un lado, a súa recomendación non era un obstáculo para os cristiáns xentís porque non tiñan que obedecer os mandamentos da Lei mosaica (Feit. 15:19). Por outra parte, mostraba respecto pola conciencia dos cristiáns xudeus que levaban moitos anos escoitando tódolos sábados nas sinagogas as cousas que Moisés escribira (Feit. 15:21). b Aquela decisión tamén axudaría a que xudeus e xentís estivesen máis unidos. Pero o máis importante de todo era que lle agradaba a Xehová porque estaba de acordo co seu propósito. Que boa forma de solucionar un problema que ameazaba a paz e a unidade de toda a congregación! E que bo exemplo para a congregación cristiá da actualidade!

Albert Schroeder discursando en 1998 nun congreso internacional.

10. Como segue o Consello Reitor da actualidade o exemplo do consello reitor do primeiro século?

10 Como se mencionou no capítulo anterior, o Consello Reitor das Testemuñas de Xehová da actualidade busca a guía de Xehová —o Soberano Universal— e de Xesucristo —Cabeza da congregación— antes de decidir sobre calquera tema, igual que fixeron os apóstolos e os anciáns do primeiro século (1 Cor. 11:3). c Como o fan? Albert Schroeder, que serviu no Consello Reitor dende 1974 ata que terminou a súa vida na Terra en marzo do 2006, explicou: “O Consello Reitor reúnese os mércores. Estas reunións comezan cunha oración na que se lle pide a Xehová a guía do seu espírito. Faise un esforzo moi grande para que tódolos asuntos que se tratan e tódalas decisións que se toman estean en harmonía coa Palabra de Deus, a Biblia”. Do mesmo xeito, Milton Henschel, un irmán que serviu moitos anos no Consello Reitor e que finalizou a súa vida na Terra en marzo do 2003, fíxolles unha pregunta moi importante ós estudantes da clase 101 do Curso Bíblico de Galaad da Watchtower durante a súa graduación: “Hai algunha outra organización na Terra que teña un consello reitor que consulte a Palabra de Deus, a Biblia, antes de tomar decisións importantes?”. A resposta é obvia.

“Decidiron escoller algúns homes” (Feitos 15:22-29)

11. Como se comunicou a decisión do consello reitor ás congregacións?

11 O consello reitor en Xerusalén chegou a unha conclusión unánime sobre o tema da circuncisión. Agora, esa decisión tiña que comunicarse de forma clara, positiva e animadora para que os irmáns das congregacións se mantivesen unidos. Cal era a mellor maneira de facelo? O relato explica: “Os apóstolos e os anciáns, xunto con toda a congregación, decidiron escoller algúns homes de entre eles e mandalos a Antioquía con Paulo e Bernabé. Enviaron a Xudas, a quen tamén lle chamaban Barsabás, e a Silas, que eran homes con grandes responsabilidades entre os irmáns”. Ademais, prepararon unha carta e enviárona a través destes homes para que se lese en tódalas congregacións de Antioquía, Siria e Cilicia (Feit. 15:22-26).

12, 13. a) Por que foi bo que o consello reitor enviase a Xudas e a Silas? b) Por que foi bo que o consello reitor enviase tamén unha carta?

12 Xudas e Silas eran “homes con grandes responsabilidades” que estaban cualificados para actuar como representantes do consello reitor. Xunto con Paulo e Bernabé, deixarían claro que a mensaxe que levaban non era só a resposta ó tema da circuncisión, tamén incluía instrucións novas do consello reitor. A presenza destes homes escollidos axudaría a que os cristiáns xentís estivesen máis unidos ós cristiáns xudeus de Xerusalén. Enviar estes homes foi unha decisión sabia e amorosa que, sen dúbida, promoveu a paz e a unidade entre o pobo de Deus.

13 A carta contiña instrucións claras para os cristiáns xentís. Ademais de falar do tema da circuncisión, tamén explicaba o que debían facer para recibir a bendición e o favor de Xehová. A parte máis importante da carta dicía: “Mediante o espírito santo chegamos á conclusión de non impoñervos máis cargas, excepto estas cousas necesarias: que vos absteñades de cousas sacrificadas a ídolos, de sangue, de animais estrangulados e de inmoralidade sexual. Se evitades por completo estas cousas, iravos ben. Recibide os nosos saúdos!” (Feit. 15:28, 29).

14. Como é posible que o pobo de Deus estea tan unido nun mundo tan dividido?

14 Na actualidade, as Testemuñas de Xehová desfrutamos de verdadeira unidade. Aínda que somos máis de oito millóns e servimos en máis de cen mil congregacións por todo o mundo, temos as mesmas crenzas e participamos na mesma obra. Por que é posible manter esta unidade nun mundo tan axitado e dividido? Principalmente, porque contamos coa clara dirección que dá Xesús como Cabeza da congregación a través do “escravo fiel e prudente”, é dicir, o Consello Reitor (Mat. 24:45-47). Ademais, esta unidade tamén é resultado de que a irmandade mundial apoie de boa gana a dirección que dá o Consello Reitor.

“Puxéronse moi contentos polo ánimo que recibiron” (Feitos 15:30-35)

15, 16. Como reaccionaron as congregacións á dirección do consello reitor, e por que?

15 O relato de Feitos continúa explicando que, cando aquel grupo de irmáns chegou a Antioquía, “xuntaron a tódolos discípulos e entregáronlles a carta”. Como reaccionaron os irmáns á dirección do consello reitor? Cando leron a carta “puxéronse moi contentos polo ánimo que recibiron” (Feit. 15:30, 31). Ademais, Xudas e Silas “animaron e fortaleceron os irmáns con moitos discursos”. Como estes dous homes daban a coñecer a vontade de Deus, eran coñecidos como “profetas”, igual que Bernabé, Paulo e outros (Feit. 13:1; 15:32; Éx. 7:1, 2).

16 Está claro que Xehová bendiciu a decisión do consello reitor pois tódalas congregacións saíron fortalecidas. Por que se conseguiron tan bos resultados? Sen dúbida, foi grazas a que o consello reitor deu instrucións claras e xusto no momento oportuno. Ademais, estaban baseadas na Palabra de Deus e na guía que dera o espírito santo. A forma tan amorosa e persoal de comunicarlles a súa decisión ás congregacións tamén contribuíu a eses bos resultados.

17. En que se parecen os superintendentes de circuíto a Paulo, Bernabé, Xudas e Silas?

17 O Consello Reitor das Testemuñas de Xehová da actualidade segue este mesmo modelo e dá instrucións a tódalas congregacións xusto no momento oportuno. Cando se toma unha decisión, comunícase de forma clara e directa. Ás veces o Consello Reitor utiliza os superintendentes de circuíto para comunicar estas decisións. Estes irmáns abnegados viaxan dunha congregación a outra transmitindo as instrucións de forma clara e animando con cariño os irmáns. Igual que Paulo e Bernabé, dedican moito tempo ó ministerio “ensinando e predicando con moitos outros as boas noticias da palabra de Xehová” (Feit. 15:35). E, como Xudas e Silas, animan e fortalecen “os irmáns con moitos discursos”.

18. Que debe facer o pobo de Deus para seguir contando coa súa bendición?

18 Que fai posible que tódalas congregacións sigan desfrutando de paz e unidade nun mundo tan dividido? Recorda o que escribiu máis tarde o discípulo Santiago: “A sabedoría de arriba é en primeiro lugar pura, logo é pacífica e razoable, está lista para obedecer […]. Ademais, o froito da xustiza seméntase en condicións pacíficas para os que fomentan a paz” (Sant. 3:17, 18TNM). Non sabemos se Santiago estaba pensando na reunión de Xerusalén cando escribiu estas palabras. Pero, despois de analizar os acontecementos que se rexistran no capítulo 15 de Feitos, queda claro que só podemos contar coa bendición de Xehová se estamos unidos e cooperamos cos que nos dirixen.

19, 20. a) Como sabemos que a congregación de Antioquía recuperou a paz e a unidade? b) En que puideron centrarse Paulo e Bernabé despois de solucionarse o tema da circuncisión?

19 Despois de recibir as instrucións do consello reitor, a congregación de Antioquía recuperou a paz e a unidade. En vez de discutir cos irmáns de Xerusalén, agradeceron moito a visita de Xudas e Silas. O relato di: “Despois de pasar un tempo alí, os irmáns desexáronlles que tivesen boa viaxe e eles volveron a Xerusalén” (Feit. 15:33). d Podemos estar seguros de que os irmáns de Xerusalén tamén se alegraron moito cando Xudas e Silas lles contaron todo o que pasara na súa viaxe. Grazas á bondade inmerecida de Xehová todo saíu moi ben.

20 Despois de solucionarse o tema da circuncisión, Paulo e Bernabé quedaron en Antioquía. Así podían centrar tódolos seus esforzos en dirixir a obra de predicar, igual que fan os superintendentes de circuíto na actualidade cando visitan as congregacións (Feit. 13:2, 3). Sen dúbida, estes irmáns son unha bendición para o pobo Deus! No seguinte capítulo veremos como seguiu usando e bendicindo Xehová estes dous evanxelizadores tan entusiastas.

Os cristiáns da actualidade beneficiámonos moito da instrución que nos dan o Consello Reitor e os seus representantes.

a Mira o recadro “ Santiago, o irmán do Señor”.

b Santiago fixo moi ben ó referirse ós escritos de Moisés. Estes non só incluían a Lei mosaica senón tamén relatos que mostraban cal era a vontade de Deus para a humanidade, incluso antes de que esta lei existise. Por exemplo, na Xénese explícase o punto de vista de Deus sobre o sangue, o adulterio e a idolatría (Xén. 9:3, 4; 20:2-9; 35:2, 4). Polo tanto, Xehová deu estes principios para que todos os obedecesen, fosen xudeus ou xentís.

d Algunhas traducións da Biblia din en Feitos 15:34 que Silas decidiu quedar en Antioquía. Este é o caso de O Novo Testamento de Avelino Gómez Ledo. Pero parece que estas palabras non aparecían no texto orixinal e engadíronse despois nalgúns manuscritos antigos.