Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 12

O sobriño de Paulo foi valente

O sobriño de Paulo foi valente

Imos coñecer un rapaz que lle salvou a vida ó seu tío. Este rapaz era sobriño do apóstolo Paulo. Non sabemos como se chamaba, pero si sabemos que fixo algo moi valente. Gustaríache saber que foi o que fixo?—

Paulo estaba no cárcere en Xerusalén. Arrestárano porque andaba predicando, falando coa xente sobre Xesús. Había algúns homes malos que odiaban a Paulo, e por iso argallaron un plan malvado. Dixeron: “Primeiro, imos pedirlle ó comandante do exército que os seus soldados leven a Paulo ó tribunal. Entón, escondémonos no camiño e, cando Paulo pase, matámolo!”.

O sobriño de Paulo contoulles o plan malvado a Paulo e mais ó comandante do exército

O sobriño de Paulo soubo do plan. Que faría? Foi onda Paulo á prisión e contoullo todiño. Ó momento, Paulo díxolle que fose onda o comandante para contarllo a el tamén. Pensas que lle foi fácil ó sobriño de Paulo falar co comandante?— Claro que non, o comandante érache un home moi importante. Pero o sobriño de Paulo foi valente e falou con el.

O comandante soubo exactamente que facer. Xuntou un grupo duns cincocentos soldados para protexer a Paulo! Mandoulles levar a Paulo ata Cesarea aquela mesma noite. Salvaría Paulo a súa vida nesta ocasión?— Pois si! Os homes malos non puideron facerlle dano; o seu malvado plan non funcionou.

Que podes aprender desta historia?— Ti podes ser tan valente coma o sobriño de Paulo. Todos precisamos valor cando falamos de Xehová a outras persoas. E ti? Serás valente e non deixarás nunca de falar de Xehová?— Se o fas, poida que ti tamén lle salves a vida a alguén.

MÍRAO NA TÚA BIBLIA