Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 4

Quen é Xesucristo?

Quen é Xesucristo?

1, 2. a) Dirías que coñeces a un famoso só por saber o seu nome? Explica a túa resposta. b) Que pensan moitos sobre Xesús?

NO MUNDO hai moitas persoas famosas. Poida que saibas o nome dalgunhas, pero significa iso que as coñeces? Non. O máis seguro é que non saibas como son en realidade, nin coñezas cada detalle da súa vida.

2 Moita xente oíu falar de Xesucristo, inda que viviu na Terra hai uns dous mil anos. Pero a maioría das persoas non sabe quen foi en realidade. Hai quen di que foi un bo home, outros din que foi un profeta e mesmo algúns pensan que é Deus. Ti que dirías? (Ver a nota 12).

3. Por que é importante para ti coñeceres a verdade sobre Xehová e Xesucristo?

3 Coñecer a verdade sobre Xesús é importante. Por que? A Biblia explica: “Nisto consiste a vida eterna: que te coñezan a ti, o único Deus verdadeiro, e a quen mandaches, Xesús Cristo” (Xoán 17:3). Se aprendes a verdade sobre Xehová e Xesús, poderás vivir para sempre no Paraíso que haberá na Terra (Xoán 14:6). Coñeceres a Xesús tamén te pode axudar agora. El púxonos o mellor exemplo de como vivir e tratar os demais (Xoán 13:34, 35). No capítulo 1, xa aprendemos a verdade sobre Deus. Agora veremos o que ensina a Biblia sobre Xesús.

“ENCONTRÁMO-LO MESÍAS”

4. Que significan as palabras “Mesías” e “Cristo”?

4 Moitos anos antes de nacer Xesús, Xehová prometera na Biblia que enviaría o Mesías, ou Cristo. A palabra “Mesías” vén do hebreo e a palabra “Cristo” vén do grego. Ámbolos dous títulos refírense á persoa que Deus escollería para encargarlle unha misión moi importante. O Mesías faría que se cumprisen tódalas promesas de Deus.

5. Crían os discípulos de Xesús que el era o Mesías?

5 Os discípulos de Xesús non tiñan ningunha dúbida de que el era o Mesías prometido (Xoán 1:41). Por exemplo, Simón Pedro díxolle: “Ti e-lo Mesías” (Mateo 16:16). Pero, como podemos estar seguros nós de que Xesús é o Mesías? Vexamos algunhas probas nos seguintes parágrafos.

6. Que fixo Xehová para axudarnos a recoñecer o Mesías?

6 Imaxina que estás nunha estación de autobuses chea de xente. Pedíronche que foses buscar unha persoa que nunca viches. Como a recoñecerás? Serás quen de atopala se alguén che deu unha boa descrición dela. Do mesmo xeito, moito antes de nacer Xesús, Xehová usou os seus profetas para axudar á xente a identificar o Mesías. Estes profetas deron moitos detalles sobre o que faría e o que lle acontecería. O cumprimento de todas estas profecías axúdalles ás persoas que de verdade queren agradarlle a Deus a recoñeceren que Xesús é o Mesías.

7. Que dúas profecías proban que Xesús é o Mesías?

7 Vexamos agora dúas destas profecías. Unha escribiuna Miqueas uns setecentos anos antes do nacemento de Xesús. En Miqueas 5:1 (5:2, NM) profetizou que o Mesías nacería nunha pequena vila chamada Belén. Xusto onde naceu Xesús! (Mateo 2:1, 3-9) A outra escribiuna Daniel. Esta profecía indicaba que o Mesías sería identificado claramente no ano 29 (Daniel 9:25; ver a nota 13). Estas son só dúas das moitas profecías que demostran que Xesús é o Mesías prometido.

Cando se bautizou, Xesús converteuse no Mesías, ou Cristo

8, 9. Que pasou durante o bautismo de Xesús que demostra que el é o Mesías?

8 Xehová deixou moi claro que Xesús é o Mesías. Deus prometeulle a Xoán o Bautista un sinal que lle permitiría identificalo. Xoán viu ese sinal no ano 29, cando Xesús foi xunta del para se bautizar no río Xordán. A Biblia explica: “E Xoán seguiu testemuñando: ‘Eu vin o Espírito baixar do ceo coma unha pomba e pousar enriba del. Eu non o coñecía, pero o que me mandou bautizar con auga, díxome: “Cando véxa-lo Espírito baixar e pousar sobre un, ese é o que bautiza co Espírito Santo”. E eu vino e dou testemuño de que este é o Fillo de Deus’” (Xoán 1:32-34; Mateo 3:16, 17). Cando Xoán viu e escoitou este sinal soubo que Xesús era o Mesías, o escollido por Deus para ser Líder e Rei (Salmo 2:6; Isaías 55:4).

9 As profecías da Biblia e as cousas que Xehová fixo e dixo durante o bautismo de Xesús proban que Xesús é o Mesías. Pero, de onde veu Xesús? Que clase de persoa foi? Imos ver o que di a Biblia.

DE ONDE VEU XESÚS?

10. Que ensina a Biblia sobre a vida de Xesús antes de vir á Terra?

10 A Biblia ensina que Xesús xa vivía no ceo moito antes de vir á Terra. De feito, Miqueas dixo do Mesías: “A súa orixe é desde antigo” (Miqueas 5:1 [5:2, NM]). O propio Xesús explicou moitas veces que vivira no ceo antes de nacer como humano (le Xoán 3:13; 6:38, 62; 17:4, 5). Alí, Xesús xa tiña unha relación moi especial con Xehová.

11. Por que se sente Xehová especialmente unido a Xesús?

11 Xehová séntese especialmente unido a Xesús. Por que? En primeiro lugar, porque Xesús é o “primoxénito de toda a creación”. Isto significa que foi a primeira creación de Deus (Colosenses 1:15, AGL). * En segundo lugar, porque Xesús é o seu “Fillo Unixénito”. Isto quere dicir que foi o único creado directamente por Xehová (Xoán 3:16). Ademais, Xesús é o único a quen Xehová utilizou para crear tódalas demais cousas (Colosenses 1:16). Tamén é o único a quen se lle chama “a Palabra”, porque Xehová o usou para darlles mensaxes e instrucións ós anxos e ós humanos (Xoán 1:14).

12. Por que sabemos que Xesús e Deus non son a mesma persoa?

12 Algúns pensan que Xesús é Deus, que son a mesma persoa. Pero iso non é o que ensina a Biblia. A Biblia di que Xesús foi creado, o que significa que tivo un principio. Pero Xehová non tivo principio, el creou tódalas cousas (Salmo 90:2). A Biblia tamén deixa claro que o Pai é máis có Fillo. E Xesús, inda que é o Fillo de Deus, nunca pensou en ser igual a Deus (le Xoán 14:28; 1 Corintios 11:3). Só Xehová é “o Deus todopoderoso” (Xénese 35:11). El é a persoa máis importante e poderosa do Universo (ver a nota 14).

13. Por que di a Biblia que Xesús é “a imaxe do Deus invisible”?

13 Xehová e mailo seu Fillo, Xesús, traballaron xuntos durante miles de millóns de anos antes de crear o ceo e a Terra. Despois de pasaren tanto tempo xuntos, seguro que se tiñan un cariño moi especial (Xoán 3:35; 14:31). Xesús imitou tan ben as calidades do seu Pai que a Biblia lle chama “a imaxe do Deus invisible” (Colosenses 1:15).

14. Como foi posible que Xesús nacese como humano?

14 O benquerido Fillo de Xehová estivo disposto a deixar o ceo para vir á Terra e nacer como humano. Pero, como foi posible iso? Xehová fixo un milagre. El transferiu a vida do seu Fillo ó ventre dunha virxe chamada María. Deste xeito, Xesús non precisou un pai humano para nacer. María deu a luz un fillo perfecto e chamoulle Xesús (Lucas 1:30-35).

COMO ERA XESÚS?

15. Como podes coñecer mellor a Xehová?

15 Podes aprender moito sobre Xesús, a súa vida e as súas calidades lendo na Biblia os libros de Mateo, Marcos, Lucas e Xoán. A estes libros tamén se lles coñece como os Evanxeos. Ademais, cando aprendes de Xesús tamén estás a aprender sobre seu Pai. Xesús imitou tan ben a Xehová que dixo: “Quen me viu a min, viu o Pai” (Xoán 14:9).

16. a) Que ensinou Xesús? b) De quen viña o que ensinou Xesús?

16 Moita xente chamáballe “Mestre” a Xesús (Xoán 1:38; 13:13). Pero todo canto ensinou viña de Xehová. Por iso dixo: “A miña doutrina non é miña, senón daquel que me mandou” (Xoán 7:16). Unha das cousas máis importantes que ensinou foi a “Boa Nova do Reino”. Que é ese Reino? É o goberno de Deus que gobernará dende o ceo sobre toda a Terra. Este goberno traerá bendicións para tódalas persoas que obedezan a Deus (Mateo 4:23). Xehová quere que a xente coñeza estas boas noticias, e Xesús sabíao.

17. a) Onde ensinaba Xesús? b) Por que se esforzou tanto por ensinar a outros?

17 Onde ensinaba Xesús? En calquera sitio onde atopase xente: no campo, nas cidades, nas vilas, nos mercados, no templo, nas sinagogas e nos fogares das persoas. Non esperaba que a xente viñese onda el, máis ben era el quen adoitaba tomar a iniciativa (Marcos 6:56; Lucas 19:5, 6). Xesús traballou duro e dedicou moito tempo e enerxías a ensinarlles ás persoas. Por que o fixo? Porque sabía que iso era o que Deus quería, e el sempre obedecía a seu Pai (Xoán 8:28, 29). Tamén o facía porque sentía compaixón pola xente (le Mateo 9:35, 36). Decatábase de que os líderes relixiosos non estaban a ensinar a verdade sobre Deus e o seu Reino. Por iso quixo axudar ó maior número de persoas posible a escoitar as boas noticias.

18. Que calidades de Xesús che gustan máis?

18 Xesús quería moito as persoas e preocupábase por elas. Era amable e á xente gustáballe falar con el. Mesmo os nenos se sentían a gusto na súa compañía (Marcos 10:13-16). Xesús tamén era imparcial. Odiaba a corrupción e as inxustizas (Mateo 21:12, 13). Inda que viviu nunha época na que as mulleres non tiñan moitos dereitos nin se lles trataba con respecto, Xesús sempre as tratou con respecto e dignidade (Xoán 4:9, 27). Ademais, Xesús era moi humilde. Por exemplo, un día lavoulles os pés ós seus apóstolos, algo que adoitaban facer os criados (Xoán 13:2-5, 12-17).

Xesús predicaba en calquera sitio onde houbese xente

19. Que exemplo demostra que Xesús sabía o que precisaban as persoas e quería axudalas?

19 Xesús sabía o que precisaban as persoas e quería axudalas. Deixouno moi claro cando usou o poder de Deus para curar os enfermos (Mateo 14:14). Por exemplo, un home enfermo de lepra achegouse a el e díxolle: “Ti, se queres, pódesme limpar”. Conmovido pola dor e o sufrimento deste home, Xesús sentiu mágoa por el e quixo axudalo. Así que alongou a man, tocouno e díxolle: “Pois quero, queda limpo”. E curouno! (Marcos 1:40-42) Imaxinas como se debeu sentir aquel home?

XESÚS SEMPRE FOI LEAL A SEU PAI

20, 21. Por que é Xesús o mellor exemplo de obediencia a Deus?

20 Xesús é o mellor exemplo de obediencia a Deus. Sen importar as circunstancias ou o que lle fixesen os seus inimigos, el sempre foi leal a seu Pai. Por exemplo, cando Satán tratou de tentalo, Xesús non pecou (Mateo 4:1-11). Mesmo cando algúns familiares non creron que fose o Mesías, el seguiu co labor que Deus lle encargara (Xoán 7:5). E cando os seus inimigos foron crueis con el, Xesús seguiu sendo leal a Deus e nunca tratou de mancalos (1 Pedro 2:21-23).

21 Xesús incluso se mantivo leal a Xehová cando sufriu unha morte cruel e dolorosa (le Hebreos 2:9). Imaxina por cantas tivo que pasar o día que morreu: arrestárono, falsas testemuñas acusárono de blasfemar, xuíces corruptos condenárono, a xente burlouse del e uns soldados torturárono e cravárono nun madeiro. Cando estaba a piques de morrer, Xesús dixo: “Está cumprido” (Xoán 19:30). Tres días despois da súa morte, Xehová resucitouno e deulle un corpo espiritual (1 Pedro 3:18). Unhas semanas máis tarde, Xesús volveu ó ceo, “sentou para sempre á dereita de Deus” e esperou a que seu Pai o fixese Rei (Hebreos 10:12, 13).

22. Que oportunidade temos grazas a que Xesús foi leal a seu Pai?

22 Grazas a que Xesús foi leal a seu Pai, agora temos a oportunidade de vivir para sempre nun paraíso na Terra, tal como Xehová quería dende o principio. No seguinte capítulo veremos como a morte de Xesús fai posible este marabilloso futuro.

^ par.11 A Xehová chámaselle Pai porque é o Creador (Isaías 64:7 [64:8, NM]). A Xesús chámaselle Fillo de Deus porque o creou Xehová. Tamén se lles chama fillos de Deus ós anxos e ós humanos (Xénese 6:2; Romanos 8:14).