Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 5

O rescate, o mellor agasallo de Deus

O rescate, o mellor agasallo de Deus

1, 2. a) Que fai que un agasallo sexa valioso para ti? b) Por que é o rescate o mellor agasallo de Deus?

CAL é o mellor agasallo que che fixeron? O certo é que un agasallo non ten por que ser caro para que sexa valioso para ti. Cando é algo que precisas ou que te fai feliz, sénteste moi agradecido.

2 Deus deunos un agasallo que precisabamos máis que ningunha outra cousa. Cal foi? Neste capítulo veremos que Xehová mandou o seu Fillo, Xesucristo, para dar a súa vida en rescate por nós (le Mateo 20:28). De tódolos agasallos que nos fixo Deus, ese foi o mellor porque nos dá a oportunidade de vivir para sempre. Dese xeito, Xehová demostrou canto amor nos ten.

QUE É O RESCATE?

3. Por que morremos?

3 O rescate é o medio que Xehová usa para liberar os humanos do pecado e da morte (Efesios 1:7). Para entender por que precisabamos un rescate, primeiro temos que entender o que pasou hai miles de anos no xardín de Edén. Os nosos primeiros pais, Adam e Eva, pecaron e como consecuencia morreron. Tódolos humanos herdamos o pecado de Adam e Eva e por iso tamén morremos (ver a nota 9).

4. Quen foi Adam, e que recibiu de Deus?

4 Cando Xehová creou o primeiro home, Adam, deulle algo de moito valor: vida humana perfecta. Adam tiña unha mente e un corpo perfectos. Iso significa que nunca enfermaría, nunca se faría vello e nunca morrería. Xehová era coma un pai para el (Lucas 3:38). Falaba con el acotío e díxolle claramente o que esperaba del. Tamén lle deu un traballo do que desfrutar (Xénese 1:28-30; 2:16, 17).

5. Que quere dicir a Biblia cando di que Deus creou a Adam “á súa imaxe”?

5 Deus creou a Adam “á súa imaxe” (Xénese 1:27). Isto quere dicir que o fixo con calidades semellantes ás Súas, como o amor, a sabedoría, a xustiza e o poder. Tamén lle deu libre albedrío. Iso significa que non o creou coma un robot, máis ben, deulle a capacidade de escoller entre facer o que está ben e o que está mal. Se escollía obedecer a Deus, podería vivir para sempre no Paraíso.

6. a) Que prezo pagou Adam por desobedecer a Deus? b) Como nos afecta a nós que Adam desobedecese a Deus?

6 Adam pagou moi cara a súa desobediencia a Deus. Foi condenado a morte e perdeu a amizade tan especial que tiña con Xehová. Ademais, deixou de ser perfecto e foi expulsado do Paraíso (Xénese 3:17-19). Cando Adam pecou, tanto el coma nós chegamos a ser escravos do pecado e da morte (Romanos 7:14). A Biblia explica: “O pecado entrou no mundo por un home só, pero como polo pecado entrou a morte, a morte pasou a tódolos homes e, en consecuencia, todos quedaron incursos no pecado” (Romanos 5:12). Para Adam e Eva xa non había ningunha esperanza porque escolleran desobedecer a Deus. Pero, haberá algunha esperanza para nós? Si, Xehová preparou un rescate.

7, 8. Que é un rescate?

7 Que é un rescate? Un rescate é o prezo que se paga por liberar a alguén ou para recomprar algo. Na Biblia un rescate tamén é o prezo que se paga para compensar un dano, e ten que ter o mesmo valor que o dano causado.

8 Ningún humano imperfecto podía pagar o enorme dano que Adam causou cando pecou e nos condenou a morte. Pero Xehová fixo o necesario para liberarnos do pecado e da morte. A continuación, imos aprender máis acerca do rescate e dos beneficios que obtemos grazas a el.

QUE FIXO XEHOVÁ PARA PROVER O RESCATE?

9. Que clase de rescate se precisaba?

9 O rescate tiña que ter o mesmo valor que a vida que Adam perdera. Por iso se precisaba outra vida humana perfecta (1 Timoteo 2:6). Pero ningún de nós podía pagar ese prezo. Por que non? Porque todos somos imperfectos (Salmo 49:8, 9 [49:7, 8, NM]).

10. Que fixo Xehová para prover o rescate?

10 Que fixo Xehová para prover o rescate? Enviou á Terra o seu Fillo máis querido, Xesús, a súa primeira creación (1 Xoán 4:9, 10). Xesús estivo disposto a deixar a seu Pai e o seu fogar no ceo (Filipenses 2:7). Xehová transferiu a vida do seu Fillo do ceo á Terra. Deste xeito, Xesús naceu coma un humano perfecto, sen pecado (Lucas 1:35).

Xehová entregou a vida do seu benquerido Fillo para rescatarnos

11. Como pode ser que un só home rescatase tódolos humanos?

11 Cando o primeiro home, Adam, desobedeceu a Xehová, fixo que tódolos seus descendentes perdésemos a vida perfecta. Podería un só home rescatar tódolos humanos? Si (le Romanos 5:19). Xesús nunca pecou, e por iso podía dar a súa vida humana perfecta como rescate, e así liberarnos a todos da morte (1 Corintios 15:21, 22, 45).

12. Por que tivo que sufrir tanto Xesús?

12 A Biblia describe o moito que sufriu Xesús antes de morrer. Foi cruelmente azoutado e cravado nun madeiro, onde aguantou unha morte lenta e dolorosa (Xoán 19:1, 16-18, 30; ver a nota 15). Por que tivo que sufrir tanto? Porque Satán afirmou que ningún humano sería leal a Xehová ó afrontar unha proba difícil. Pero Xesús demostrou que un humano perfecto pode ser leal a Deus mesmo nunha situación extrema. Imaxinas o orgulloso que se debeu sentir Xehová do seu Fillo? (Proverbios 27:11).

13. Como se pagou o rescate?

13 Como se pagou o rescate? O día 14 do mes xudeu de nisán do ano 33, Xehová permitiu que os inimigos de Xesús o matasen (Hebreos 10:10). Tres días despois, Xehová devolveulle a vida, pero non coma un humano, senón coma un espírito. Como último paso para pagar o rescate, Xesús regresou ó ceo e presentoulle a seu Pai o valor da súa vida humana perfecta (Hebreos 9:24). Grazas a iso, temos a oportunidade de liberarnos do pecado e da morte (le Romanos 3:23, 24).

OS BENEFICIOS DO RESCATE

14, 15. Que temos que facer para que Xehová perdoe os nosos pecados?

14 Sen dúbida o rescate é o mellor agasallo que Deus nos deu. Pode axudarnos tanto agora coma no futuro. Como? Imos ver.

15 Podemos ser perdoados. Non sempre é fácil facer o que está ben. Todos cometemos erros, e ás veces dicimos e facemos cousas que están mal. Entón, que temos que facer para que Xehová nos perdoe? Temos que arrepentirnos sinceramente e pedirlle perdón a Xehová con humildade. Se o facemos, podemos ter a seguridade de que Xehová nos vai perdoar (Colosenses 1:13, 14; 1 Xoán 1:8, 9).

16. Que temos que facer para ter unha conciencia limpa?

16 Podemos ter unha conciencia limpa. Se a nosa conciencia nos di que fixemos algo mal sentímonos culpables. Mesmo poida que sintamos que non temos remedio e que non valemos nada. Pero non debemos rendernos. Se lle rogamos a Xehová que nos perdoe, podemos estar seguros de que nos vai escoitar e perdoar (Hebreos 9:13, 14). Xehová quere que lle contemos os nosos problemas e debilidades (Hebreos 4:14-16). Deste xeito poderemos estar en paz con Deus.

17. Que bendicións poderemos recibir grazas a que Xesús morreu por nós?

17 Poderemos vivir para sempre. A Biblia explica: “O xornal do pecado é a morte, pero o regalo de Deus é a vida eterna en Cristo Xesús noso Señor” (Romanos 6:23). Grazas a que Xesús morreu por nós, poderemos vivir para sempre con saúde perfecta (Apocalipse 21:3, 4). Pero, que debemos facer para recibir estas bendicións?

COMO PODES DEMOSTRAR QUE AGRADECES O RESCATE?

18. Como sabemos que Xehová nos quere moito?

18 Pensa no feliz que te sentes cando alguén che dá un agasallo que che gusta moito. O rescate é o regalo máis valioso de todos e deberiamos agradecerllo moito a Xehová. A Biblia di: “De tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito” (Xoán 3:16). Xehová quérenos tanto que nos deu o seu benquerido Fillo. E sabemos que Xesús tamén nos quere porque estivo disposto a morrer por nós (Xoán 15:13). O agasallo do rescate debería convencerte do grande amor que Xehová e Xesús senten por ti (Gálatas 2:20).

Segundo vaias aprendendo de Xehová, chegarás a ser o seu amigo e a querelo cada vez máis

19, 20. a) Como podes chegar a ser amigo de Xehová? b) Como podes demostrar que tes fe no rescate?

19 Agora que sabes canto te quere Deus, como podes chegar a ser o seu amigo? Non é fácil querer a alguén se non o coñeces. Pero Xoán 17:3 explica que podes chegar a coñecer a Xehová. Canto mellor o coñezas máis amor sentirás por el. Entón, quererás agradarlle e chegarás a ser o seu amigo. Así que segue estudando a Biblia para aprender máis sobre Xehová (1 Xoán 5:3).

20 Demostra ter fe no rescate. A Biblia di: “Quen demostra fe no Fillo ten vida eterna” (Xoán 3:36NM). Como demostramos que temos fe? Facendo o que Xesús nos ensinou (Xoán 13:15). Non abonda con dicir que cremos en Xesús. Temos que demostrar a nosa fe no rescate con accións. Como explica Santiago 2:26: “A fe sen feitos morta está”.

21, 22. a) Por que deberiamos asistir á Conmemoración da morte de Cristo cada ano? b) Que veremos nos capítulos 6 e 7?

21 Asiste á Conmemoración da morte de Cristo. Xesús quere que lembremos que deu a súa vida perfecta para rescatarnos. A noite antes de morrer, dixo: “Facede isto en memoria de min” (le Lucas 22:19). Cada ano obedecemos este mandato ó asistirmos á Conmemoración, ou “Cea do Señor” (1 Corintios 11:20; Mateo 26:26-28). Cando asistes á Conmemoración, demostras que lembras o rescate e que agradeces moito o grande amor que Xehová e Xesús nos teñen (ver a nota 16).

22 Non hai ningún agasallo que se poida comparar co rescate (2 Corintios 9:14, 15). Nos capítulos 6 e 7 veremos como o rescate beneficiará incluso a millóns de persoas que xa morreron.