Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 9

Estamos preto da fin do mundo?

Estamos preto da fin do mundo?

1. Onde podemos aprender o que vai pasar no futuro?

POIDA que ó veres as noticias digas: “As cousas van de mal en peor!”. Hai tantas desgrazas e tanta crueldade que algunhas persoas pensan que a este mundo non lle queda nada. É certo iso? Hai algunha forma de saber o que vai pasar no futuro? Si. Inda que os seres humanos non podemos predicilo, Xehová si que pode. Na Biblia Deus fálanos sobre o noso futuro e o da Terra (Isaías 46:10; Santiago 4:14).

2, 3. a) Que querían saber os discípulos de Xesús? b) Que lles respondeu Xesús?

2 Cando a Biblia fala da fin do mundo, non se refire á fin do planeta, senón á fin da maldade. De feito, Xesús ensinou que o Reino de Deus gobernaría a Terra (Lucas 4:43). Os seus discípulos querían saber cando viría o Reino, así que lle preguntaron: “Dinos cando van pasar estas cousas, e cal será o sinal da túa chegada e da fin do mundo” (Mateo 24:3). Xesús non lles deu unha data exacta, pero díxolles o que pasaría xusto antes da fin deste mundo malo. E o que Xesús profetizou está a pasar xusto agora.

3 Neste capítulo imos ver probas de que estamos vivindo xusto antes da fin do mundo. Pero, para entender por que o mundo está tan mal, primeiro imos falar dunha guerra que houbo no ceo.

UNHA GUERRA NO CEO

4, 5. a) Que pasou no ceo pouco despois de que Xesús comezase a gobernar? b) Segundo Apocalipse 12:12, que ía pasar na Terra despois de que se botase a Satanás do ceo?

4 No capítulo 8 aprendemos que Xesús comezou a gobernar no ceo en 1914 (Daniel 7:13, 14). O libro da Apocalipse di o que pasou pouco despois: “E produciuse unha guerra no ceo; Miguel e os seus anxos combateron contra o dragón. O dragón combatía cos seus anxos”. Miguel é Xesús, * e o dragón é Satanás. Satán e mailos seus demos perderon a guerra e foron botados á Terra. Imaxina o contentos que se deberon sentir os anxos! Pero, que pasaría coas persoas que vivisen na Terra? A Biblia di que ían sufrir moito. Por que? Porque o Demo “baixou adoecido porque sabe que ten pouco tempo” (Apocalipse 12:7, 9, 12).

5 O Demo está a facer todo o que pode para causar problemas na Terra. Está cheo de carraxe porque dentro de moi pouco Xehová o vai quitar do medio. Imos ver o que Xesús dixo que pasaría durante o que a Biblia chama os “días derradeiros” (ver a nota 24).

OS DÍAS DERRADEIROS

6, 7. a) Como se cumpriu o que Xesús profetizou sobre as guerras? b) Como se cumpriu o que Xesús profetizou sobre a fame?

6 Guerras. Xesús dixo: “Erguerase pobo contra pobo, reino contra reino” (Mateo 24:7). Nunca antes na historia morreu tanta xente por culpa das guerras. Segundo un informe de Worldwatch Institute, unha importante organización que estuda os sucesos mundiais, levan morto máis de cen millóns de persoas nas guerras dende 1914. Entre os anos 1900 e 2000, morreron tres veces máis persoas por culpa das guerras que nos mil novecentos anos anteriores. Canta dor e sufrimento causaron as guerras!

7 Fame. Xesús dixo: “Haberá fame” (Mateo 24:7). Inda que nunca houbo tanto alimento como agora, moitas persoas pasan fame tódolos días. Por que? Porque non teñen cartos para comprar comida nin tampouco un terreo onde cultivala. No mundo, aproximadamente unha de cada dez persoas sofre pobreza extrema. A Organización Mundial da Saúde di que cada ano morren millóns de nenos, principalmente por non teren comida dabondo para estaren sans.

8, 9. a) Como se cumpriu o que Xesús profetizou sobre os terremotos? b) Como se cumpriu o que Xesús profetizou sobre as enfermidades?

8 Terremotos. Xesús profetizou: “Haberá grandes terremotos” (Lucas 21:11). Dende o ano 1900, máis de dous millóns de persoas morreron por culpa dos terremotos. E na actualidade, espérase que haxa terremotos moi fortes tódolos anos. Inda que a tecnoloxía avanzou moito, os terremotos seguen acabando coa vida de moita xente.

9 Enfermidades. Xesús predixo que habería “pestes”, é dicir, graves enfermidades que se espallarían moi rápido e que matarían moitas persoas (Lucas 21:11). Inda que os médicos saben tratar moitas enfermidades, inda non teñen a cura para todas. De feito, un informe explica que cada ano morren millóns de persoas de enfermidades como a tuberculose, o cólera, a malaria, o cancro e as enfermidades do corazón. Ademais, nos últimos corenta anos descubríronse máis de trinta novas enfermidades, e algunhas delas non teñen cura.

COMO SERÍA A XENTE NOS DÍAS DERRADEIROS

10. Como se están a cumprir hoxe as palabras de 2 Timoteo 3:1-5?

10 A Biblia di: “Nos días derradeiros haberá intres difíciles” (2 Timoteo 3:1-5). O apóstolo Paulo explicou como serían as persoas durante os días derradeiros.

  • Serían egoístas.

  • Amarían os cartos.

  • Non serían obedientes a seus pais.

  • Non serían leais.

  • Non sentirían cariño pola familia.

  • Serían orgullosas.

  • Serían violentas e agresivas.

  • Amarían os praceres da vida máis que a Deus.

  • Dirían que aman a Deus, pero non quererían obedecelo.

11. Segundo Salmo 92:8 (92:7, NM), que pasará coa xente mala?

11 Compórtase así a xente da túa zona? O certo é que no mundo hai moitas persoas así. Pero Deus pronto fará algo para solucionalo. El promete: “Se medran os malfeitores coma a herba, se os malvados florecen, serán destruídos para sempre” (Salmo 92:8 [92:7, NM]).

COUSAS BOAS NOS DÍAS DERRADEIROS

12, 13. Que cousas nos ensinou Xehová durante os días derradeiros?

12 A Biblia predixo que nos días derradeiros habería moita dor e sufrimento no mundo. Pero tamén dixo que pasarían cousas boas.

“Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes” (Mateo 24:14)

13 A Biblia entenderíase mellor. Cando o profeta Daniel escribiu sobre os días derradeiros, dixo: “Aumentarán o seu saber” (Daniel 12:4). Isto significa que Deus lle axudaría ó seu pobo a entender a Biblia mellor que nunca. Isto cumpriuse sobre todo dende 1914. Por exemplo, Deus ensinounos a importancia do seu nome e o que quere para a Terra. Tamén nos ensinou a verdade sobre o rescate, o que pasa cando morremos e a esperanza da resurrección (ver as notas 2125). Aprendemos que só o Reino pode solucionar tódolos nosos problemas. Tamén aprendemos a ser felices e a vivir do xeito que a Deus lle agrada. E que fan os servos de Deus co que aprenden? Imos ver a resposta noutra profecía.

14. Onde se están a predicar as boas noticias do Reino, e quen o está a facer?

14 Predicaríase por todo o mundo. Ó falar dos días derradeiros, Xesús dixo: “Proclamarase esta Boa Nova do Reino en todas partes” (Mateo 24:3, 14). As boas noticias do Reino de Deus estanse a predicar nuns 240 países e territorios, e en máis de 1000 idiomas. Por toda a Terra, testemuñas de Xehová “de tódalas nacións, tribos, pobos e linguas” axudámoslles ás persoas a entender que é o Reino e que fará pola humanidade (Apocalipse 7:9). Facemos isto de maneira voluntaria, sen cobrar nada. Como Xesús profetizou, moita xente ódianos e perséguenos (Lucas 21:17). Pero nada pode deter a predicación.

E TI QUE FARÁS?

15. a) Pensas que estamos a vivir nos días derradeiros, e por que pensas así? b) Que lles pasará ós que obedezan a Deus, e que lles pasará ós que non o fagan?

15 Cres que vivimos nos días derradeiros? O certo é que se están a cumprir moitas profecías da Biblia que falan deste tempo. Dentro de pouco, Xehová decidirá que deixemos de predicar, e “entón será a fin” (Mateo 24:14). Que é esa fin? É a guerra de Harmaguedón, na que Deus acabará con toda a maldade. Nesa guerra, Xehová valerase de Xesús e dos seus poderosos anxos para destruír a tódolos que non o obedecen a el nin o seu Fillo (2 Tesalonicenses 1:6-9). Despois do Harmaguedón, Satán e os seus demos non poderán seguir enganando a xente. Tódolos que obedezan a Deus e decidan ser leais ó seu Reino verán como Xehová cumpre tódalas súas promesas (Apocalipse 20:1-3; 21:3-5).

16. Tendo en conta que a fin está tan cerca, que debes facer?

16 A fin deste mundo gobernado por Satán está moi cerca. Por iso é moi importante que te preguntes: “Que teño que facer eu?”. Primeiro, tómate en serio o teu estudo da Biblia. Xehová quere que aprendas todo o que poidas dela (Xoán 17:3). Segundo, intenta ir sempre ás reunións que organizan as Testemuñas de Xehová. Estas reunións celébranse cada semana e axudan ás persoas a entender a Biblia (le Hebreos 10:24, 25). Terceiro, se descobres que tes que facer algún cambio na túa vida, non dubides en facelo. Deste xeito, irase fortalecendo a túa amizade con Xehová (Santiago 4:8).

17. Por que a maioría das persoas se sorprenderá cando chegue a fin?

17 O apóstolo Paulo explicou que a destrución das persoas malas chegará cando a maioría non o espere, “coma o ladrón pola noite” (1 Tesalonicenses 5:2). Xesús predixo que moitos non farían caso das probas que demostran que estamos a vivir nos días derradeiros. Falando deste tempo dixo: “Coma nos tempos de Noé, así pasará cando veña o Fillo do Home. Antes do diluvio comían, bebían e casaban ata o día que Noé entrou na arca; e de nada se decataron ata que veu o diluvio, e os enguliu a todos. O mesmo pasará cando veña o Fillo do Home” (Mateo 24:37-39).

18. Que advertencia nos deu Xesús?

18 Xesús advertiunos que comer e beber en exceso e as “preocupacións da vida” poderían distraernos. Dixo que a fin viría “de súpeto” e que collería a xente por sorpresa, “coma un lazo”. Despois engadiu: “Vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home” (Lucas 21:34-36). Por que é importante que tomemos a peito esta advertencia? Porque moi pronto o mundo malo de Satanás vai ser destruído. Só as persoas que teñan a aprobación de Xehová e de Xesús sobrevivirán á fin e vivirán para sempre no novo mundo (Xoán 3:16; 2 Pedro 3:13).

^ par.4 Se desexas máis información sobre Miguel, podes ver a nota 23.