Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 13

Agradece o agasallo da vida

Agradece o agasallo da vida

1. Quen nos deu a vida?

XEHOVÁ “é o Deus vivo” (Xeremías 10:10, SBG). El é o noso Creador e deunos a vida. A Biblia explica: “Ti es quen o creaches todo: pola túa vontade existe e foi creado” (Apocalipse 4:11). Así que a vida é un fermoso agasallo de Xehová (le Salmo 36:10 [36:9, NM]).

2. Que debemos facer para que nos vaia ben na vida?

2 Xehová dános auga, comida e todo o que precisamos para vivir (Feitos 17:25). Ademais, quere que sexamos felices e desfrutemos da vida (Feitos 14:15-17). Pero para que nos vaia ben, temos que obedecer a Deus (Isaías 48:17, 18).

COMO VE DEUS A VIDA

3. Que fixo Xehová cando Caín matou a Abel?

3 A Biblia ensínanos que a vida de tódalas persoas ten moito valor para Xehová. Por exemplo, pensa no que lle pasou a Caín, o fillo de Adam e Eva. Estaba moi enfadado co seu irmán Abel. Xehová avisouno de que tiña que controlar a súa carraxe, pero Caín non lle fixo caso. Enfadouse tanto co seu irmán que “cando saíron fóra, botouse contra el e matouno” (Xénese 4:3-8). Xehová castigou a Caín por matar a Abel (Xénese 4:9-13). Así que o odio e a carraxe son perigosos porque poden volvernos violentos e crueis. As persoas que son así non poderán ter vida eterna (le 1 Xoán 3:15). Para agradarlle a Xehová debemos aprender a amar a tódalas persoas (1 Xoán 3:11, 12).

4. Que nos ensina un dos Dez Mandamentos sobre como ve Xehová a vida?

4 Miles de anos despois, Xehová deulle a Moisés os Dez Mandamentos. Un deles di: “Non mates” (Deuteronomio 5:17). Se alguén mataba outra persoa a propósito tiña que pagalo coa súa vida. Disto aprendemos que a vida ten moito valor para Xehová.

5. Que pensa Xehová do aborto?

5 Que pensa Xehová do aborto? Para el, mesmo a vida dun bebé que inda non naceu ten moito valor. A Lei que lles deu ós israelitas dicía: “Se uns homes que están pelexando mancan unha muller embarazada e ela dá a luz antes de tempo pero ninguén morre, o culpable debe pagar o que o home da muller lle esixa polos danos causados. Ten que pagar de acordo co que decidan os xuíces. Pero se alguén morre, tes que dar vida por vida” (Éxodo 21:22, 23NM; Salmo 127:3). Se alguén mancaba unha muller embarazada e o bebé morría, esa persoa tiña que pagalo coa súa vida. Isto ensínanos que o aborto está mal (ver a nota 28).

6, 7. Como lle demostramos a Xehová que valoramos a vida?

6 Como lle demostramos a Xehová que valoramos a vida? Non facendo nada que poña en perigo a nosa vida nin a dos demais. Así que non debemos fumar nin consumir drogas. Estas cousas prexudican a nosa saúde e mesmo poden matarnos.

7 A vida e o noso corpo son un agasallo de Xehová. Debemos coidalos ben e usalos como el quere. Se non o facemos, deixaremos de estar limpos ós seus ollos e el non aceptará a nosa adoración (Romanos 6:19; 12:1; 2 Corintios 7:1). É certo que pode ser moi difícil deixar os malos hábitos, pero se valoramos a vida e nos esforzamos por deixalos, Xehová vainos axudar.

8. Que faremos para non poñer en perigo a nosa vida nin a dos demais?

8 Xa vimos que a vida é un agasallo moi valioso de Xehová. El confía en que imos facer todo o posible para non poñer en perigo a nosa vida nin a dos demais. Por iso non practicamos deportes de risco ou violentos (Salmo 11:5). Ademais, conducimos con coidado o coche, a moto ou calquera outro vehículo. Tamén facemos todo o posible para que a nosa casa sexa segura. Xehová mandoulles ós israelitas: “Se constrúes unha casa nova, farás unha varanda na azotea, dese xeito non cargarás co sangue vertido na túa casa, se morre o que caia dela” (Deuteronomio 22:8).

9. Como debemos tratar os animais?

9 A Xehová tamén lle importa como tratamos os animais. Permítenos matalos se a nosa vida está en perigo, e tamén para comer e para vestirnos (Xénese 3:21; 9:3; Éxodo 21:28). Pero non debemos ser crueis cos animais nin matalos por diversión ou deporte (Proverbios 12:10).

A VIDA É SAGRADA

10. Por que sabemos que o sangue representa a vida?

10 O sangue é sagrado para Xehová porque representa a vida. Despois de Caín matar a Abel, Xehová díxolle: “O sangue de teu irmán chama por min desde a terra” (Xénese 4:10). O sangue de Abel representaba a súa vida, e Xehová castigou a Caín por matalo. Despois do Diluvio, díxolles a Noé e maila súa familia: “Todo o que vive e se move serviravos para mantenza. Dóuvolo todo, como vos dei os vexetais”. Inda que Xehová lles permitiu comer animais, engadiu: “Mais non comeredes carne coa súa vida, quere dicir, co seu sangue” (Xénese 1:29; 9:3, 4). Deste xeito, Xehová volveu deixar claro que o sangue representa a vida.

11. Que mandato lles deu Xehová ós israelitas sobre o sangue?

11 Uns oitocentos anos despois de dicirlle a Noé que non debía comer sangue, Xehová deulle esta lei ó seu pobo: “Calquera israelita ou estranxeiro residente no medio de vós que cace algún animal ou ave dos que se poden comer, e verte o seu sangue, deberao tapar con terra”. E engadiu: “Non comeréde-lo sangue de ningunha carne” (Levítico 17:13, 14). Xehová quería que o sangue seguise sendo sagrado para o seu pobo. Os israelitas podían comer carne, pero non sangue. Por iso, cando mataban un animal para comer, debían verter o sangue no chan.

12. Que pensamos do sangue os cristiáns?

12 Algúns anos despois da morte de Xesús, os apóstolos e os anciáns da congregación cristiá de Xerusalén xuntáronse para decidir que partes da Lei debían seguir obedecendo os cristiáns (le Feitos 15:28, 29; 21:25). Xehová axudoulles a entender que o sangue seguía sendo moi valioso e que para eles tamén debía ser sagrado. Os primeiros cristiáns non debían comer sangue nin bebelo. Tampouco debían comer carne de animais que non estivesen debidamente desangrados. Non cumprir con este mandato sería tan malo como adorar ídolos ou cometer inmoralidade sexual. Dende aquela, os cristiáns verdadeiros rexeitamos comer ou beber sangue. Xehová quere que sigamos vendo o sangue como algo sagrado.

13. Por que os cristiáns non aceptamos transfusións de sangue?

13 Quere dicir isto que os cristiáns deberiamos rexeitar as transfusións de sangue? Si. Xehová mandounos non comer nin beber sangue. Pensa nisto. Se o médico che dixese que non podes beber alcohol, inxectaríalo pola vea? Claro que non! Do mesmo xeito, o mandato de Deus de non comer nin beber sangue tamén inclúe as transfusións de sangue (ver a nota 29).

14, 15. Inda que os cristiáns respectamos a vida, por que non desobedecemos a Xehová para intentar alongala?

14 E se un médico che di que vas morrer se non aceptas unha transfusión de sangue? Cada persoa debe decidir se vai obedecer ou non a lei de Deus sobre o sangue. Os cristiáns respectamos moito o agasallo da vida, e por iso buscamos outros tratamentos médicos que non impliquen o uso de sangue.

15 Ninguén de nós quere morrer. Por iso nos esforzamos moito por ter boa saúde. Pero para nós é máis importante obedecermos a Xehová que intentar alongar a nosa vida desobedecendo as súas normas. Por iso non aceptamos transfusións de sangue. Xesús dixo: “Quen queira poñer a salvo a súa vida, perderaa; pero quen a perda pola miña causa, poñeraa a salvo” (Mateo 16:25). Queremos obedecer a Xehová porque o amamos. Ademais, el sabe o que máis nos convén. Igual ca el, consideramos que a vida é sagrada e ten moito valor (Hebreos 11:6).

16. Por que os cristiáns obedecemos a Deus?

16 Os cristiáns verdadeiros estamos decididos a obedecer a lei de Deus sobre o sangue. Por iso non comemos nin bebemos sangue, e tampouco aceptamos sangue por motivos médicos. * Con todo, si que aceptamos outros tratamentos médicos para salvar a nosa vida. Estamos convencidos de que o Creador da vida e do sangue sabe o que é mellor para nós. E ti que pensas? Cres que Deus tamén sabe o que é mellor para ti?

O ÚNICO USO DO SANGUE QUE XEHOVÁ PERMITIU

17. Cal era o único uso do sangue que Xehová permitiu no antigo Israel?

17 Na Lei de Moisés, Xehová díxolles ós israelitas: “A vida do corpo está no sangue, e eu dóuvolo para expiar con el sobre o altar polas vosas vidas. Porque é o sangue o que purifica a persoa” (Levítico 17:11). Cando os israelitas pecaban, podían recibir o perdón de Xehová levando un animal ó templo para que o sacerdote o sacrificase e vertese parte do sangue sobre o altar. No antigo Israel, este era o único uso do sangue que Xehová permitía.

18. Que foi posible grazas ó sacrificio de Xesús?

18 Cando Xesús veu á Terra, deu a súa vida, ou sangue, para que os nosos pecados fosen perdoados. A partir de entón, non fixo falta seguir sacrificando animais. Xa non había que cumprir esa lei (Mateo 20:28; Hebreos 10:1). A vida de Xesús era tan valiosa que, grazas ó seu sacrificio, Xehová puido darnos a tódolos humanos a oportunidade de vivir para sempre (Xoán 3:16; Hebreos 9:11, 12; 1 Pedro 1:18, 19).

Como podes demostrar que respectas a vida e o sangue?

19. Que debemos facer para estarmos limpos “do sangue de todos”?

19 Canto lle agradecemos a Xehová o fermoso agasallo da vida! Por iso queremos dicirlle á xente que poderán vivir para sempre se teñen fe en Xesús. O amor que lles temos ás persoas motívanos a facer todo o posible por ensinarlles como conseguir a vida eterna (Ezequiel 3:17-21). Así poderemos dicir o mesmo que o apóstolo Paulo: “Asegúrovos hoxe que estou limpo do sangue de todos, porque non me gardei de anunciarvos todo o plan de Deus” (Feitos 20:26, 27, nota). Ó falarmos sobre Xehová e o importante que é a vida para el, demostramos o moito que respectamos a vida e o sangue.

^ par.16 Se desexas máis información sobre o uso médico do sangue, podes consultar o libro Continúa no amor de Deus, páxinas 92-94, publicado polas Testemuñas de Xehová.