Ir ó contido

Ir ó índice

CAPÍTULO 14

Como ter unha familia feliz?

Como ter unha familia feliz?

1, 2. Que quere Xehová para as familias?

XEHOVÁ fixo o primeiro matrimonio. A Biblia explica que, despois de crear a muller, “presentoulla ó home”. Adam alegrouse tanto que dixo: “Agora esta é coma min, o mesmo óso, a mesma carne” (Xénese 2:22, 23). Isto axúdanos a entender que Xehová quere que as persoas casadas sexan felices.

2 Pero o certo é que moitas persoas nunca souberon o que é ter unha familia feliz. Mais a Biblia contén moitos principios que poden axudar as familias (Lucas 11:28). Nela tamén aprendemos das boas calidades que teñen Xehová e Xesús. Se tódolos membros da familia seguimos o seu exemplo, estaremos máis unidos e seremos máis felices (Efesios 5:1, 2).

O QUE ESPERA DEUS DO HOME

3, 4. a) Como debería o marido tratar a súa muller? b) Por que é importante que o marido e a muller se perdoen un ó outro?

3 A Biblia di que un bo marido ten que tratar a súa muller con amor e respecto (le Efesios 5:25-29). Así que o home debe tratala sempre con agarimo. Ten que protexela e mirar por ela. E nunca lle fará dano de ningunha maneira.

4 E, que debe facer o home se a muller se equivoca? Ten que seguir obedecendo o mandato bíblico: “Homes, amade as vosas mulleres” (Colosenses 3:19). Se estás casado, lembra que ti tamén te equivocas. Se queres que Deus te perdoe, ti tamén tes que perdoar a túa muller (Mateo 6:12, 14, 15). Se os dous estades dispostos a perdoarvos, será máis fácil que teñades un matrimonio feliz.

5. Por que debe o marido honrar e respectar a súa muller?

5 Xehová espera que o marido respecte e honre a súa muller. Ten que ter moi en conta as necesidades físicas e emocionais dela. Este é un asunto moi serio. Se un marido non trata ben a súa muller, é posible que Xehová non escoite as súas oracións (1 Pedro 3:7). Xehová non pensa que os homes sexan máis importantes que as mulleres. Para el, tódalas persoas que o aman teñen moito valor.

6. Que significa que o home e a muller sexan “unha soa carne”?

6 Xesús explicou que o home e a muller “xa non son dous, senón unha soa carne” (Mateo 19:6). Iso quere dicir que deben ser leais un ó outro. Nunca deben enganar a súa parella con outra persoa (Proverbios 5:15-21; Hebreos 13:4). Cada un debe satisfacer as necesidades sexuais do outro e non ser egoísta (1 Corintios 7:3-5). O home debe lembrar que “ninguén odiou endexamais a súa propia carne senón que a mantén e aquece”. Así que debe amar a súa muller e coidala. O que máis valora unha muller é que o seu home sexa amable e agarimoso con ela (Efesios 5:29).

O QUE ESPERA DEUS DA MULLER

7. Por que as familias necesitan un cabeza de familia?

7 Para que a familia funcione ben, precisa alguén que a guíe, é dicir, un cabeza de familia. A Biblia di: “Quero que saibades que a cabeza de todo home é Cristo, que a cabeza da muller é o home, e que a cabeza de Cristo é Deus” (1 Corintios 11:3).

8. Como pode unha muller demostrar que respecta o seu marido?

8 O certo é que tódolos homes cometen erros. Pero cando a muller apoia as súas decisións e coopera con el de boa gana, toda a familia se beneficia (1 Pedro 3:1-6). A Biblia dille á muller que “respecte ó seu marido” (Efesios 5:33). Que pasa cando o home non comparte as súas crenzas? A Biblia explica: “Vós, mulleres, estai sometidas ós vosos homes, pra que se algús non creen na palabra, sexan gañados sin palabra polo comportamento das mulleres, albiscando o voso comportamento casto, cheo de respeito” (1 Pedro 3:1, 2, AGL). O bo exemplo da muller pode axudarlle ó home a entender e respectar as súas crenzas.

9. a) Que pode facer a muller se non está de acordo co seu home? b) Que consello se lles dá ás mulleres en Tito 2:4, 5?

9 Que pode facer a muller se non está de acordo co seu home? Pode dicirlle a súa opinión de xeito respectuoso. Por exemplo, cando Sara dixo algo que ó seu home non lle gustou, Xehová díxolle a Abraham: “Fai o que Sara che di” (Xénese 21:9-12). Pero, se a decisión do home non vai en contra do que di a Biblia, a muller debe apoialo (Feitos 5:29; Efesios 5:24). Ademais, tamén debe coidar da súa familia (le Tito 2:4, 5). Ó veren todo o que fai por eles, o seu marido e os seus fillos quererana e respectarana inda máis (Proverbios 31:10, 28).

Por que é Sara un bo exemplo para as mulleres casadas?

10. Que di a Biblia sobre a separación e o divorcio?

10 Algunhas parellas deciden separarse ou divorciarse por cousas de pouca importancia. Pero a Biblia di: “Que a muller non se separe do seu home [...]. E que o home non repudie á súa muller” (1 Corintios 7:10, 11). É certo que hai situacións extremas nas que un matrimonio podería separarse, pero esta é unha decisión moi seria. * E que di a Biblia sobre o divorcio? Explica que a única razón válida para divorciarse é que un dos dous teña relacións sexuais con alguén que non sexa o seu cónxuxe. Xesús dixo: “Mais Eu dígovos que quen deixa á sua muller, non sendo no caso de fornicación, espóna ao adulterio; e quen se casa coa repudiada, adultera” (Mateo 5:32, EME).

O QUE ESPERA DEUS DOS PAIS

Xesús é un bo exemplo para toda a familia

11. Que é o que máis necesitan os fillos?

11 Se tes fillos, pasa todo o tempo que poidas con eles. Os teus fillos necesítante, pero sobre todo necesitan que lles ensines acerca de Xehová (Deuteronomio 6:4-9).

12. Que deben facer os pais para protexer os seus fillos?

12 Este mundo controlado polo Demo está cheo de maldade e cada vez vai a peor. Hai persoas que queren facerlles dano ós teus fillos, mesmo abusar sexualmente deles. A algúns pais cústalles falar deste tema cos seus fillos. Pero é moi importante que os advirtas sobre estas persoas e lles ensines a protexerse. Os pais teñen que protexer os seus fillos (1 Pedro 5:8). *

13. Como deben os pais educar os seus fillos?

13 Os pais tamén teñen a responsabilidade de ensinarlles ós seus fillos a portarse ben. Como podes conseguilo? Os fillos precisan que os eduques, pero nunca o fagas de xeito duro ou cruel (Xeremías 30:11). Así que nunca os corrixas cando esteas enfadado. Seguro que non queres falar “a estocadas” e facerlles dano coas túas palabras (Proverbios 12:18). Axúdalles a entender por que teñen que ser obedientes (Efesios 6:4; Hebreos 12:9-11; ver a nota 30).

O QUE ESPERA DEUS DOS FILLOS

14, 15. Por que deben os fillos obedecer a seus pais?

14 Xesús sempre obedeceu a seu Pai, mesmo cando non lle foi fácil (Lucas 22:42; Xoán 8:28, 29). Xehová tamén espera que os fillos obedezan a seus pais (Efesios 6:1-3).

15 É certo que non sempre é fácil obedecer, pero lembra que cando o fas estás alegrando a Xehová e a teus pais (Proverbios 1:8; 6:20; 23:22-25). *

Que lles pode axudar ós rapaces a ser fieis a Deus mesmo cando están baixo presión?

16. a) Que método usa Satán para intentar que os mozos fagan cousas que están mal? b) Por que é importante que os teus amigos sexan persoas que amen a Xehová?

16 O Demo pode usar os teus amigos e outros rapaces e rapazas para intentar que fagas cousas que están mal. El sabe que pode ser moi difícil soportar este tipo de presión. Por exemplo, Dinah, a filla de Xacob, tiña amigos que non amaban a Xehová. Isto causoulles moitos problemas a ela e maila súa familia (Xénese 34:1, 2). Se os teus amigos non aman a Xehová, poden levarte a facer cousas que Xehová odia. Isto causaríache moito dano a ti, á túa familia e a Deus (Proverbios 17:21, 25). Por iso é moi importante que escollas amigos que amen a Xehová (1 Corintios 15:33).

A TÚA FAMILIA PODE SER FELIZ

17. Que responsabilidades ten cada un na familia?

17 Na Biblia atopamos consellos de Xehová para cada membro da familia. Se es o marido, quérelle moito á túa muller e trátaa con agarimo. Se es a muller, respecta o teu home, apoia as súas decisións e segue o exemplo da muller que se menciona en Proverbios 31:10-31. Se tes fillos, ensínalles a amar a Deus (Proverbios 22:6). Se es o cabeza de familia, guía ben a túa familia (1 Timoteo 3:4, 5; 5:8). E se es fillo, obedece a teus pais (Colosenses 3:20). Lembra que todos cometemos erros, así que sé humilde e pide perdón. Cando todos na familia poñen en práctica os consellos de Deus, evítanse moitos problemas.

^ par.10 Se desexas máis información sobre o divorcio e a separación, podes consultar a nota 26 do libro Continúa no amor de Deus, publicado polas Testemuñas de Xehová.

^ par.12 Atoparás máis información sobre como protexer os teus fillos no vídeo Faite amigo de Xehová. Como protexer os nenos e no capítulo 32 do libro Aprendamos del Gran Maestro, publicados polas Testemuñas de Xehová.

^ par.15 Os fillos non teñen que obedecer a seus pais cando lles mandan facer algo que está en contra das normas de Deus (Feitos 5:29).